DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 17 de abril de 2026 Páx. 23754

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de marzo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación dos montes chamados Outeiro e outros, solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras (Mos).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o 24 de febreiro de 2026, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia, e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo, adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 14.7.2022, Jorge Lorenzo Alonso, en representación da CMVMC de Pereiras (Mos), presentou a solicitude de clasificación como monte veciñal en man común dos montes denominados Outeiro, Paraxes-Agro, Albán e Souto de Vilas.

Achegou coa solicitude planos, informe de validación gráfica, certificación catastral e listaxe dos emolumentos do común.

Na solicitude indicase o seguinte:

Sobre a parcela de Outeiro, que se corresponde coa parcela catastral 36033A06500205, que actualmente xa figura no Catastro a nome da Comunidade da parroquia de Pereiras aínda que cunha medida superior, polo que se citaron os estremeiros para que indicasen os límites das súas propiedades.

Sobre a parcela Paraxes- Agro, que en realidade é unha soa por seren estremeiras, corresponden coas parcelas catastrais 36033A07100240, 36033A07100263 e 36033A07100616, que xa figuran no Catastro a nome da Comunidade da parroquia de Pereiras.

Sobre a parcela Albán, ese predio corresponde coa parcela catastral 36033A06400330, e xa figura no Catastro a nome da Comunidade.

Sobre a parcela Souto de Vilas, foi doada por María Jesús Rodríguez Pérez e outros mediante a escritura de doazón que achegan. Corresponde co predio de referencia catastral 36033A07100890000SQ e xa figura no Catastro a nome da Comunidade.

Segundo. O 5.8.2022 solicitóuselle o informe previo ao Servizo de Montes sobre as seguintes cuestións:

– Suficiencia da planimetría achegada para a correcta identificación do monte do cal se insta a clasificación.

– Se a parcela solicitada está clasificada.

Terceiro. No informe da Sección de Topografía do Servizo de Montes do 6 de setembro de 2022, en resposta á petición formulada, indícase o seguinte:

«1. A planimetría permite identificar os terreos solicitados.

Monte Outeiro

Non ten correspondencia catastral única, abrangue parte das seguintes parcelas catastrais: 36033A065002040000SD (titular catastral en investigación), 36033A065002030000SR (titular catastral: Domínguez Giráldez, José) e 36033A065002050000SX (CMVMC de Pereiras).

Ten unha cabida de 598 m2.

No IVG catastral presentado corresponde co mesmo perímetro da solicitude.

Monte Souto de Vilas

Correspóndese coa parcela catastral 36033A071000890000SQ (titular catastral: CMVMC de Pereiras).

Ten 449 m2.

O IVG catastral non modifica a xeometría da parcela, sería un cambio de titular.

Monte Paraxes- Agro

Non ten correspondencia catastral única, abrangue parte das seguintes parcelas catastrais: 36033A071002310000SD (titular catastral: García Álvarez, Manuel Ángel), 36033A071006160000SJ (titular catastral: CMVMC de Pereiras), 36033A071002340000SJ (Míguez Rodríguez Carmen), 36033A071002350000SE (Ucha Míguez Rosina), 36033A071002360000SS (Míguez Sánchez, Ana María), 36033A071002370000SZ (González Alonso, Rosa Ana), 36033A071002380000SU (Costas Míguez, Manuel), 36033A071002390000SH (Míguez Rodríguez, Carmen), 36033A071002400000SZ (CMVMC de Pereiras), 36033A071090050000SS (Concello de Mos), 36033A071002650000SI (Leirós Rodríguez, Carmen e outros titulares), 36033A071090050000SS (Concello de Mos), 36033A071090040000SE (Concello de Mos), 36033A071002610000SK (Campos Pérez, Lino), 36033A071002620000SR (Domínguez Romero Pastora), 36033A071002630000SD (CMVMC de Pereiras), 36033A071002410000SU (Comunidade de Aguas de Ceiro), H06012200000000001EQ (Concello de Mos).

O IVG catastral inclúe o terreo mais a totalidade do dominio público.

Monte Albán

Correspóndese coa parcela catastral 36033A06400330. Titular catastral: CMVMC de Pereiras.

Cabida 1.038 m2.

O IVG catastral non modifica a xeometría e, ademais, xa está a nome da Comunidade.

2. Respecto da segunda pregunta.

A solicitude está fóra do monte veciñal rexistrado».

Cuarto. Na reunión que tivo lugar o 19 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra adoptou o acordo para incoar o expediente para a clasificación dos montes denominados Outeiro, Paraxes-Agro e Albán e non incoar o expediente no referente á parcela Souto de Vilas por ter a súa orixe nunha doazón.

Quinto. De conformidade co establecido no artigo 20 de Decreto 260/1992, o 5 de maio de 2023 solicitouse o informe preceptivo do Servizo de Montes.

O 8 de maio de 2023, de conformidade co artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, acordouse a suspensión do prazo máximo para resolver por un período de tres meses. Tamén se lembra que deberán achegar canta documentación histórica e recente poidan reunir referente aos montes, en que se fundamente a súa pretensión.

Sexto. No informe preceptivo de clasificación do Servizo de Montes do 10 de outubro de 2023 sinálase, nos aspectos máis relevantes, o seguinte:

1. Outeiro.

Parcela de monte residual cunha superficie de 597,54 m2. Presenta unha notable pendente dirección norte-sur e na súa maior parte non presenta vexetación arbórea, senón herbácea, salvo uns pés illados de eucalipto e acacia. Na cabeceira do predio, cara á pista asfaltada, figuran un cartel da Comunidade de Montes Pereiras-Mos: Monte Outeiro (uso exclusivo de comuneiros/as), un poste de formigón da liña eléctrica e outro de madeira de telefonía, así como dous espellos convexos de seguridade para a visibilidade do tráfico.

2. Paraxes-Agro.

Situada no centro da parroquia de Pereiras, esta parcela está dividida en dúas partes diferenciadas cunha superficie 6.263,39 m2, de forte pendente en dirección oeste-leste, e está dedicada a varios usos: como lugar de culto (capela Cristo do Agro), cultivo de árbores froiteiras e monte. Nalgúns tramos o límite do predio está marcado por uns postes de madeira e no seu interior, ademais da mencionada capela, aparecen dúas edificacións, varios postes de formigón e un de madeira da rede eléctrica.

A vexetación arbórea está composta por piñeiro, eucalipto e pequenas masas de carballo na zona de monte ao noroeste, e plantacións de arbores froiteiras como algúns castiñeiros noutras partes. O estrato arbustivo está maioritariamente ocupado por fentos e toxos.

Presenta uns carteis da Comunidade de Montes Pereiras-Mos: Monte Outeiro (uso exclusivo de comuneiros/as), e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento para o remate da rede de saneamento.

3. Albán.

Situada ao noroeste da parroquia, ten 1.038 m2. Está cruzada por un regato de oeste a leste e no seu interior hai dous muíños de auga nun deteriorado estado de conservación. O acceso ao predio realízase a través dunhas escaleiras de pedra e no seu interior, ademais de dous muíños, figuran dúas presas para o seu abastecemento, unha pequena ponte de madeira que cruza o regato, unha caseta de bloques, un contedor metálico e unha fonte.

A vexetación arbórea presente na zona son carballos, castiñeiros, loureiros, ameneiros, salgueiros e outras especies de ribeira.

Sétimo. O 13.2.2024 efectuóuselle un requirimento á CMVMC solicitante para que achegue a relación nominal dos estremeiros polos catro ventos das parcelas en cuestión, o cal é cumprido pola Comunidade.

Oitavo. O Rexistro da Propiedade de Redondela certifica, con data do 20 de xuño de 2024, que non constan predios que coincidan cos descritos. Tamén consta solicitada a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade.

Noveno. O Diario Oficial de Galicia publicou, o 18 de xuño de 2025, o anuncio do Xurado relativo ao acordo de iniciación do expediente de clasificación dos montes Outeiro e outros a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras, e abriu o prazo dun mes para efectuar alegacións. Non constan alegacións.

Décimo. Á vista da documentación achegada pola Comunidade e do informe do Servizo de Montes, as parcelas obxecto deste expediente teñen a seguinte descrición:

1. Outeiro.

Cabida: 597,54 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Estremeiros

Norte

José Dominguez Giráldez

Rosa Vázquez González

Sur

Camiño municipal Concello de Mos

Leste

Francisco Lago Aballe

Edelmiro González González

Oeste

Manuel Adrián Pérez Ucha

2. Paraxes-Agro

Cabida: 6.263,39 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Estremeiros

Norte

Rosa Rodríguez Barcelo

Manuel Ángel García Alvarez

Carmen Míguez Rodríguez

Rosina Ucha Míguez

Concello de Mos

José Represas Táboas

Ana María Míguez Sánchez

Nemesio Ucha Míguez

Manuel Rodríguez Oubiña

Manuel Costas Míguez

Rosa Ana González Alonso

Sur

Camiño municipal Concello de Mos

Carmen Leirós Rodríguez

Domingo Tellado González

Leste

Estrada municipal Concello de Mos

Placeres Rodríguez Rodríguez

Oeste

Adelina Freiría Carrera

Pastora Domínguez Romero

Vicente Romero Groba

Manuel Giráldez Ramilo

Concello de Mos

3. Albán

Cabida: 1.038 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Estremeiros

Norte

Camiño municipal Concello de Mos

Sur

Camiño municipal Concello de Mos

Leste

Juan Antonio Pérez Represas

Oeste

Camiño municipal Concello de Mos

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).

Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «...os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Polo tanto, a propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia indican que o feito determinante para a clasificación ou non como veciñal do monte é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceiro. Aplicando os requisitos legais exixibles a este caso, no referente aos montes de Outeiro, Paraxes-Agro e Albán, tomando en consideración o indicado polo Servizo de Montes e vista a documentación achegada pola CMVMC solicitante, podemos concluír que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario das parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

Coa solicitude inicial só se presenta un documento histórico consistente nun extracto do Catastro do Marqués da Ensenada, onde figuran os emolumentos do común da parroquia de Pereiras, pero non presentan ningunha outra documentación que sustente a súa pretensión de clasificación. Con base no criterio adoptado por este Xurado, exíxelle á Comunidade solicitante un maior esforzo probatorio do uso comunal, tanto histórico coma actual, pois neste caso é evidente a insuficiencia probatoria.

Examinado con detalle o expediente de referencia, bótanse en falta por exemplo, a título soamente exemplificativo, documentos sobre aproveitamentos madeireiros, facturas relativas a traballos de rozas e limpeza das parcelas, documentación sobre subvencións, comunicacións dalgunha Administración sobre obrigas de xestión da biomasa ou declaracións veciñais, entre outros. Tamén debemos indicar que a existencia de carteis nas parcelas a nome da Comunidade, aspecto sinalado no informe preceptivo do Servizo de Montes, aínda que pode facer referencia a un acto de posesión ou uso do monte en favor da comunidade, non resulta en ningún modo suficiente para sustentar a clasificación que se solicita.

Polo exposto, o Xurado acorda:

Non clasificar como veciñal en man común os montes denominados Outeiro, Paraxes-Agro e Albán a prol dos veciños da CMVMC de Pereiras (Mos), ao non reuniren os requisitos exixidos no artigo 1 da LMVMC.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o mesmo Xurado no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 27 de marzo de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra