En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 24 de febreiro de 2026, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias, director territorial, coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes, Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia, Paula Nieto Grande, letrada da Xunta de Galicia e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández, funcionario adscrito ao Servizo Xurídico Administrativo, adoptou a seguinte resolución:
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 20.10.2021, a empresa Selga, en representación da CMVMC de Fornelos da Ribeira (Salvaterra de Miño), presenta solicitude de clasificación como monte veciñal en man común da parcela denominada «A Pedra Piñeira» de 620 m2.
Achega como documentación copia da acta da asemblea xeral da Comunidade en que se aprobou a solicitude de clasificación e un informe técnico con planimetría, informe de validación gráfica e documentación histórica.
O Servizo de Montes indica que os datos achegados pola Comunidade solicitante permiten identificar plenamente o monte A Pedra Piñeira. Figura como titular catastral a Comunidade de Montes de Fornelos da Ribeira. Segundo o esbozo da carpeta ficha, esta parcela non está clasificada.
Segundo. Na sesión do 18.5.2025, o Xurado acordou incoar procedemento de clasificación da antedita parcela a prol da CMVMC de Fornelos da Ribeira (Salvaterra de Miño).
O 4.6.2025 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do RMVMC.
O 27.6.2025 recíbese o informe do Servizo de Montes que recolle que o monte A Pedra Piñeira ten uso forestal, con vexetación de carballos e algúns cerquiños, varios piñeiros de 25 anos e tamén eucaliptos de 10 anos.
Terceiro. O 10.7.2025, o Rexistro de Propiedade de Ponteareas comunica a inscrición preventiva da citada parcela.
O 19.6.2025 notifícase a apertura do trámite de audiencia á CMVMC de Fornelos da Ribeira e ao Concello de Salvaterra de Miño, neste último caso coa solicitude de publicación do correspondente edicto. O Concello de Salvaterra remite o 4.8.2025 certificación da exposición pública do edicto na Casa do Concello.
O 7.7.2025 publícase no DOG o anuncio do acordo de iniciación do expediente de clasificación e ábrese o período dun mes para que as persoas interesadas puidesen examinar o expediente e efectuar as alegacións oportunas, de conformidade co disposto no artigo 23 do RMVMC.
Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto deste expediente responde á seguinte descrición:
Concello: Salvaterra de Miño.
Parroquia: Fornelos.
Nome do monte: A Pedra Piñeira.
Cabida: 621 m2.
Referencia catastral: 36050A01400196.
Estremeiros:
|
Titular/es |
|
|
Norte |
Luís Estévez Merino Camiño Fernando dos Santos Araújo |
|
Sur |
Enriqueta Domínguez Bugarín José Durán Campos |
|
Leste |
Camiño Enriqueta Domínguez Bugarín |
|
Oeste |
Ángela Rodríguez Groba Dolores Ojea Vilas |
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é competente para coñecer os expedientes de clasificación (artigo 9 da LMVMC).
Segundo. De conformidade co artigo 1 desa norma, son montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».
Terceiro. Do informe do Servizo de Montes dedúcese unha situación da parcela compatible co aproveitamento comunal de tipo forestal, con carballos, cerquiños, piñeiros e eucaliptos.
A consignación como titular catastral e a presentación de diversa documentación técnica e histórica son tamén indicios da administración da Comunidade de Montes de Fornelos da Ribeira.
Cuarto. O Concello de Salvaterra de Miño non presentou alegacións contrarias á clasificación e soamente certificou a exposición do anuncio no taboleiro municipal. Durante a tramitación do expediente non constan alegacións de terceiros que acreditasen un uso privativo destas parcelas. Polo tanto, pode aceptarse que existe un aproveitamento en común público, pacífico e continuado por parte dos veciños da parroquia de Fornelos.
Polo exposto, o Xurado acorda:
Clasificar como veciñal en man común o monte denominado «A Pedra Piñeira» a prol dos veciños da CM de Fornelos da Ribeira (Salvaterra de Miño), de acordo coa descrición reflectida nesta resolución e conforme a planimetría elaborada polo Servizo de Montes.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses consonte o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 27 de marzo de 2026
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
