DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 21 de abril de 2026 Páx. 24146

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Lugo

ANUNCIO de aprobación inicial da modificación non substancial da normativa e ordenanzas do Plan xeral de ordenación municipal (modificación puntual número 5).

O Pleno da Corporación, en sesión que tivo lugar o día 26.3.2026, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación non substancial da normativa e ordenanzas do Plan xeral de ordenación municipal de Lugo (Modificación puntual número 05), redactada polos servizos técnicos municipais en novembro de 2025, coa inclusión da modificación aprobada no Pleno do 26 de marzo de 2026, respecto do artigo 150.2, que deberá quedar redactado como segue:

150.2 Plan de mobilidade.

O Plan de mobilidade urbana sostible do Concello de Lugo deberá someterse a avaliación ambiental estratéxica.

De existiren incongruencias esenciais entre o Plan de mobilidade urbana sostible do Concello de Lugo e o Plan xeral de ordenación municipal, non procederá a prevalencia automática do primeiro sobre o segundo, debendo promoverse, se é o caso, a correspondente modificación ou revisión formal do instrumento que resulte procedente para restablecer a coherencia do ordenamento municipal.

En ningún caso as determinacións do Plan de mobilidade do Concello de Lugo poderán alterar por si soas as previsións do PXOM en materia de usos, reservas, estándares de aparcadoiro, dotacións, condicións de edificación ou ordenación urbanística, sen a correspondente modificación formal do planeamento urbanístico.

Segundo. Someter o documento a información pública durante o prazo dun (1) mes, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia, de acordo co disposto no artigo 18.1 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

A documentación poderá consultarse na sede electrónica do Concello de Lugo e, de xeito presencial, no Servizo de Urbanismo do concello, durante os días hábiles das 9.00 ás 14.00 horas.

Durante o período de información pública poderán presentarse as alegacións, suxestións ou documentos que se consideren oportunos en relación coa modificación ou expediente sometido a información pública.

Terceiro. Solicitar das administracións públicas competentes, ao mesmo tempo que se realiza o trámite de información pública, os informes sectoriais e consultas que resulten preceptivos, de acordo coa normativa vixente.

Cuarto. Dar traslado da documentación ao órgano autonómico competente en materia de urbanismo, para os efectos de obter os informes sectoriais autonómicos preceptivos».

O contido íntegro do documento aprobado poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/pxom-plan-xeral-de-ordenacion-municipal

Lugo, 9 de abril de 2026

O alcalde
P.D. (Decreto 10280/2025)
Jorge Bustos Atanasio
Tenente de alcalde delegado da Área de Urbanismo, Deportes e Xuventude