Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Clínica Diego Pérez, con domicilio na avenida de Fisterra, número 119, A Laracha (A Coruña), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 2 de outubro de 2025, Diego Martín Pérez Vázquez, presidente do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Clínica Diego Pérez constituírona Diego Martín Pérez Vázquez, Inés Ramos Bertoa, María Josefa Fuentes Álvarez e Iria Seijo Pérez, mediante a escritura pública outorgada o 18 de setembro de 2024, ante a notaria de Arteixo (A Coruña) Marta Abelaira Fernández, co número de protocolo 1.071.
Tras os requirimentos deste Rexistro do 13 de novembro de 2024 e do 9 de abril de 2025, os fundadores achegaron outra escritura, outorgada o 12 de marzo de 2025, na mesma localidade e ante a mesma notaria que a indicada no anterior parágrafo, co número de protocolo 355, que emenda a de constitución, e outra documentación relativa á súa dotación.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «promover, incentivar e executar calquera tipo de iniciativa dirixida á promoción da saúde e o benestar da comunidade; a impulsar o acceso a atención sanitaria; a fomentar a investigación, a educación e a formación; a divulgación do apoio e a inclusión social dos grupos máis vulnerables».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por Diego Martín Pérez Vázquez, como presidente, Inés Ramos Bertoa, como vicepresidenta, María Josefa Fuentes Álvarez, como secretaria, e Iria Seijo Pérez, como vicesecretaria.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Clínica Diego Pérez, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 7 de abril de 2026,
DISPOÑO:
Clasificar de interese sanitario a Fundación Clínica Diego Pérez, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
