DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 23 de abril de 2026 Páx. 24504

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2026 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito destinado á concesión das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025 (código de procedemento IG408O), e se modifica o prazo de presentación da solicitude de cobramento parcial correspondente á anualidade 2026.

Primeiro. A Resolución do 30 de xullo de 2025 (DOG núm. 155, do 14 de agosto) pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, establece que as axudas outorgaranse por orde de entrada de solicitudes completas ata o esgotamento do crédito, do que se dará a correspondente publicidade.

Así mesmo, no punto cuarto do «Resolvo» da citada resolución prevese que, para a anualidade 2026, poderá presentarse solicitude de cobramento parcial entre o 1 e o 30 de abril, e a solicitude final deberá presentarse, como máximo, ata o 30 de novembro.

Segundo. O crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 para concesión de axudas era de 1.500.000 euros.

Terceiro. As circunstancias organizativas concorrentes na execución do programa e as necesidades de preparación da documentación xustificativa aconsellan, por razóns de boa administración e de adecuada xestión do programa, ampliar o prazo de presentación das solicitudes de cobramento parcial da anualidade 2026. Esta ampliación permite facilitar a correcta preparación da documentación xustificativa polas empresas beneficiarias e polas entidades provedoras homologadas, nun contexto económico e organizativo especialmente complexo que está a provocar, en numerosos casos, axustes de planificación e reasignación de recursos por parte das empresas.

En virtude do anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 para a concesión de axudas ao abeiro da Resolución do 30 de xullo de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para mellorar a preparación dixital fronte a ameazas cibernéticas nas empresas galegas, programa Empresa Cibersegura 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. A derradeira solicitude de axuda completa concedida antes do esgotamento do crédito foi presentada o 10 de novembro de 2025 ás 19.54.27 horas, expediente IG408O-2025-000-000117.

Terceiro. Modificar o punto cuarto do «Resolvo» da Resolución do 30 de xullo de 2025, unicamente no relativo ao prazo de presentación da solicitude de cobramento parcial correspondente á anualidade 2026, que queda redactado como segue:

«Para a anualidade 2026 poderá presentarse solicitude de cobramento parcial entre o 1 de abril e o 15 de maio de 2026, e a solicitude final deberá presentarse, como máximo, ata o 30 de novembro de 2026».

Cuarto. Esta modificación non altera o resto das previsións contidas na Resolución do 30 de xullo de 2025 nin afecta os requisitos substantivos da xustificación, limitándose exclusivamente á ampliación do prazo de presentación da solicitude de cobramento parcial correspondente á anualidade 2026.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica