I
Unha característica destacada das sociedades máis modernas e avanzadas na actualidade é a institucionalización do diálogo social entre as distintas entidades territoriais e os axentes económicos e sociais representados polas organizacións empresariais e sindicais máis representativas, segundo o establecido no preámbulo da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais más representativas de Galicia.
Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT), o diálogo social comprende todo tipo de negociacións e consultas entre as persoas representantes das administracións públicas, as entidades empregadoras e as persoas traballadoras sobre temas de interese común relativos ás políticas económicas e sociais.
Neste sentido, tanto a Constitución española, no seu artigo 9.2, como o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, indican que corresponde aos poderes públicos a promoción das condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integre sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.
Por outra banda, o artigo 7 da Constitución cualifica os sindicatos de traballadores e traballadoras e as asociacións empresariais como institucións de máxima relevancia que contribúen á defensa e promoción dos intereses que lles son propios, recoñecendo así mesmo no artigo 28.1 o dereito fundamental á liberdade sindical e o dereito de asociación no artigo 22.
Neste marco, o diálogo cos axentes económicos e sociais representados polas organizacións sindicais e empresariais máis representativas, de acordo coa regulación emanada dos artigos 6 e 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e a disposición adicional sexta do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, convértese nunha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento do progreso económico e a cohesión social.
Esta liña de recoñecemento que a Constitución outorga ás organizacións sociais presentes no ámbito laboral ten igualmente reflexo tanto na normativa internacional como na normativa estatal e autonómica.
No caso concreto da Comunidade Autónoma de Galicia, este recoñecemento atópase actualmente recollido na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, que regula o marco de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais galegas máis representativas en entidades públicas e organismos públicos integrados na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan atribuídas competencias en materias laborais, sociais e económicas que afecten os intereses económicos e sociais de traballadores e traballadoras e do empresariado.
Cómpre destacar que o impulso e a execución da participación institucional vén tendo un cumprimento constante pola Administración autonómica que, ao abeiro da competencia de execución que en materia laboral lle atribúe o artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, o ten articulado o mesmo a través de instrumentos tales como a Declaración Institucional do 5 de novembro de 2005 polo Diálogo Social de Galicia, ou os máis recentes «Acordos para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria e sostible» do 10 de decembro de 2019.
Neste contexto semella procedente institucionalizar o diálogo participativo a través da creación dun órgano concreto que o canalice e dea forma, facilitando o progreso económico e social que deben promover os poderes públicos e situando a concertación e o consenso como valores esenciais do diálogo entre a representación tripartita e paritaria das partes implicadas no diálogo.
Desta forma, este decreto ten por obxecto a creación da Mesa de Diálogo Social de Galicia como o superior órgano de participación institucional permanente da Comunidade Autónoma de Galicia.
II
A norma consta de quince artigos, distribuídos en tres capítulos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O capítulo I, denominado «Disposicións xerais», regula cuestións de carácter xeral, tales como o obxecto, a natureza xurídica e as funcións da Mesa de Diálogo Social de Galicia.
O capítulo II, denominado «Composición da Mesa de Diálogo Social de Galicia», regula a composición da Mesa.
E o capítulo III, denominado «Organización e funcionamento da Mesa de Diálogo Social de Galicia», regula nos seus artigos as funcións da Presidencia honorífica, a Presidencia, a Vicepresidencia e as vogalías, así como a duración do mandato dos membros da Mesa e o réxime de funcionamento da Mesa a través do Pleno, da Comisión Delegada e das mesas sectoriais e intersectoriais.
Completan o decreto dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras. As disposicións adicionais regulan os medios persoais e materiais da Mesa e a data máxima para a realización da súa sesión constitutiva. As disposicións derradeiras recollen a habilitación á persoa titular da consellería competente en materia de emprego para o desenvolvemento normativo do decreto, e a data de entrada en vigor da norma.
Este decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia recollidos no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
No que respecta aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para a regulación da Mesa de Diálogo Social de Galicia. Este decreto responde á finalidade de implantar un mecanismo concreto de participación, facilitando así a consecución do perseguido progreso económico e cohesión social, situando a concertación e o consenso como valores esenciais entre as partes.
De acordo cos principios de proporcionalidade e simplicidade, o decreto contén a regulación esencial da Mesa de Diálogo Social de Galicia, co obxectivo de atender a necesidade detectada e de institucionalizar o diálogo social a través dun órgano permanente de participación na nosa comunidade autónoma.
En consonancia cos principios de seguridade xurídica e eficiencia, a norma resulta coherente co ordenamento xurídico vixente e permite unha xestión eficiente dos recursos públicos.
Así mesmo, cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade, tendo en conta que se identifica claramente o seu propósito e, durante o procedemento de tramitación, facilitouse a participación mediante a publicación do proxecto normativo no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.
Na elaboración desta disposición seguíronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así, en cumprimento do principio de transparencia, a iniciativa normativa, como xa se indicou, publicouse no Portal de transparencia e Goberno aberto, e someteuse así mesmo ao trámite de audiencia das organizacións sindicais e empresariais máis representativas. Ademais, someteuse ao ditame do Consello Galego de Relacións Laborais, ao informe de sostibilidade financeira da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, ao de impacto de xénero da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, ao de impacto demográfico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, así como ao informe da Asesoría Xurídica.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
Este decreto ten por obxecto a creación, ao abeiro do disposto na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, da Mesa de Diálogo Social de Galicia, así como a regulación das súas funcións, composición, organización e réxime de funcionamento.
Artigo 2. Natureza, adscrición e finalidade
1. A Mesa de Diálogo Social de Galicia é o superior órgano de participación institucional permanente entre a Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia e as organizacións sindicais e empresarias intersectoriais máis representativas de Galicia.
A súa finalidade é servir e fomentar o diálogo social en canto factor de cohesión social e do progreso económico da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A Mesa de Diálogo Social estará adscrita á consellería competente en materia de emprego.
3. A Mesa ten natureza de órgano colexiado, que actuará no exercicio das súas funcións con plena independencia e sometemento ao ordenamento xurídico.
O seu réxime xurídico axustarase ao establecido neste decreto, no seu regulamento de réxime interno e, no non previsto neles, ao establecido para os órganos colexiados na sección terceira do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 3. Ámbito territorial e sede
1. A Mesa de Diálogo Social de Galicia terá como ámbito de actuación o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A sede da Mesa de Diálogo Social de Galicia estará situada en Santiago de Compostela.
Artigo 4. Funcións
As funcións da Mesa de Diálogo Social de Galicia son as seguintes:
a) Actuar como instrumento de diálogo e participación, impulsando e favorecendo a negociación e concertación das políticas públicas en materias de carácter social, laboral ou económico.
b) O coñecemento previo das disposicións normativas e daquelas actuacións da Administración autonómica que afecten as materias obxecto de diálogo social.
c) A realización de estudos e informes relativos as materias obxecto de Diálogo Social.
d) Cantas outras funcións contribúan ao desenvolvemento do diálogo social ou as que estean previstas nunha norma con rango de lei.
CAPÍTULO II
Composición da Mesa de Diálogo Social de Galicia
Artigo 5. Composición da Mesa de Diálogo Social de Galicia
A Mesa de Diálogo Social de Galicia estará composta pola Presidencia, a Vicepresidencia e as vogalías. Tamén contará cunha Presidencia honorífica.
Artigo 6. A Presidencia honorífica
1. A Presidencia honorífica da Mesa de Diálogo Social recaerá na persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.
2. A Presidencia honorífica poderá asistir ás reunións do Pleno da Mesa con voz pero sen voto.
Artigo 7. A Presidencia
1. A Presidencia da Mesa de Diálogo Social de Galicia correspóndelle á persoa titular da consellería coas competencias en materia de emprego.
2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Presidencia será substituída pola persoa titular da Vicepresidencia.
3. Son funcións da Presidencia:
a) Exercer a representación da Mesa.
b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno.
c) Presidir as sesións da Mesa, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.
d) Fixar a orde do día das sesións do Pleno, tendo en conta as propostas realizadas polas vogalías.
e) Visar as actas e as certificacións dos acordos da Mesa.
f) Cantas outras sexan inherentes á súa condición de presidente/a.
g) As demais funcións que lle encomenden o regulamento de funcionamento interno.
Artigo 8. A Vicepresidencia
1. A Vicepresidencia da Mesa de Diálogo Social de Galicia correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral coas competencias en materia de emprego.
2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Vicepresidencia será substituída pola persoa que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.
3. Correspóndenlle á Vicepresidencia as seguintes funcións:
a) Asistir a persoa titular da Presidencia nas sesións da Mesa.
b) Exercer as funcións atribuídas á persoa titular da Presidencia en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións.
c) Exercer aquelas funcións que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia da Mesa.
Artigo 9. As vogalías
1. Serán vogais da Mesa de Diálogo Social de Galicia:
a) Tres persoas en representación das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, que se corresponderán coas persoas designadas como secretarios/as xerais de cada un deles.
b) Tres persoas en representación da organización empresarial máis representativa da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo unha delas a persoa que presida esta organización.
2. Para cada vogal, os sindicatos máis representativos e a organización empresarial máis representativa designarán un vogal suplente, que substituirá a persoa titular nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada.
3. Correspóndenlles ás vogalías da Mesa os seguintes dereitos:
a) Participar nos debates e elevar recomendacións ao Pleno da Mesa nos asuntos relacionados.
b) Participar na elaboración dos estudos e informes nos termos que acorde o Pleno da Mesa e informar das actuacións desenvolvidas polas entidades e institucións que representan.
c) Efectuar propostas á Presidencia da Mesa para a súa inclusión na orde do día das reunións do Pleno e da Comisión Delegada.
d) Exercer o seu dereito a voto, e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.
e) Obter información precisa para cumprir as funcións asignadas.
f) Formular rogos e preguntas.
g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de membros da Mesa.
4. No exercicio do seu cometido as vogalías da Mesa estarán sometidas aos seguintes deberes:
a) Asistir ás reunións do Pleno, ás da Comisión Delegada, no caso de ser nomeados membros dela, e ás daquelas mesas sectoriais e intersectoriais ás cales sexan convocados.
b) Levar a cabo as súas tarefas de participación institucional de acordo cos principios de boa fe negociadora e confianza lexítima.
c) Custodiar os documentos aos cales teñan acceso con motivo do exercicio do dereito de participación institucional.
d) Gardar a confidencialidade debida sobre as deliberacións producidas nos órganos de participación e non empregar a información obtida nas reunións dos mesmos órganos, e que fose declarada reservada, para fins diferentes dos que se sometesen a consideración.
Artigo 10. A Secretaría
1. A Secretaría da Mesa de Diálogo Social de Galicia, con voz e sen voto, correspóndelle a unha persoa funcionaria que designe a persoa titular da Presidencia.
2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Secretaría será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.
3. A Secretaría poderá contar con persoal técnico de apoio, designado pola Presidencia.
4. Correspóndelle á Secretaría as seguintes funcións:
a) Realizar as convocatorias das reunións da Mesa, incluíndo a documentación correspondente.
b) Redactar as actas da reunións das mesas para a súa aprobación.
c) Elaborar a memoria anual da Mesa.
d) Participar na elaboración dos estudos e informes relativos ás materias obxecto de Diálogo Social, nos termos que acorde o Pleno da Mesa.
e) As funcións que se encomenden no regulamento de réxime interno.
f) As demais funcións inherentes a este órgano previstas no artigo 18.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
Artigo 11. Duración do mandato dos membros da Mesa para o Diálogo Social de Galicia
Os membros da Mesa que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.
CAPÍTULO III
Organización e funcionamento da Mesa de Diálogo Social de Galicia
Artigo 12. Réxime de funcionamento
1. A Mesa de Diálogo Social de Galicia funcionará en Pleno, en Comisión Delegada e en mesas sectoriais e mesas intersectoriais.
2. A Mesa de Diálogo Social de Galicia poderá establecer as súas propias normas de funcionamento a través dun regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado polo Pleno.
Artigo 13. O Pleno da Mesa de Diálogo Social
1. O Pleno é o órgano supremo de decisión e de formación da vontade da Mesa de Diálogo Social de Galicia, e estará integrado por todos os membros previstos no artigo 5.
2. Correspóndelle ao Pleno o exercicio das funcións sinaladas no artigo 4, a aprobación da memoria anual da Mesa, así como, se for o caso, a elaboración dun regulamento de réxime interno. Tamén é función do Pleno a creación de mesas sectoriais e intersectoriais.
3. O Pleno da Mesa reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, dúas veces ao ano. Así mesmo, poderase reunir en sesión extraordinaria cando sexa convocado pola Presidencia por iniciativa propia ou por petición de, polo menos, unha terceira parte dos seus membros.
4. As convocatorias do Pleno efectuaranse sempre que sexa posible a través de medios electrónicos, pola persoa que desempeña a Presidencia cunha antelación mínima de sete días. Non obstante, en caso de urxencia, o dito prazo poderá reducirse a corenta e oito horas.
A realización de sesións poderá realizarse tanto de forma presencial como a distancia nos termos do artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e do artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
A convocatoria conterá a data, a hora e o lugar da reunión e a orde do día xunto coa documentación necesaria para o seu estudo.
A orde do día incluirá, se for o caso, a lectura e a aprobación da acta da sesión anterior.
Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto non incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e se declare a urxencia por unanimidade.
5. O Pleno da Mesa entenderase validamente constituído, para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, cando concorran a persoa que exerza a Presidencia ou, se for o caso, a persoa que exerza a Vicepresidencia, a Secretaría e a metade dos seus membros, sempre que quede garantida a representación tripartita.
6. Ás reunións do Pleno poderán asistir en calidade de persoas invitadas, con voz pero sen voto, autoridades, persoal técnico ou representantes de entidades e asociacións que non formen parte da Mesa, cando os asuntos tratados así o requiran e o decida a Presidencia do Pleno.
7. Os acordos adoptaranse por consenso, salvo aqueles asuntos que o Pleno decida que deben adoptarse por votación. Nestes últimos supostos exixiríase a adopción, como mínimo, por acordo da maioría absoluta dos membros de cada parte.
8. A Secretaría levantará acta de cada sesión que se realice en que se especificarán os asistentes, a orde do día da reunión, o lugar e a data de realización, os puntos esenciais da deliberación e, se for o caso, o contido dos acordos, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
Artigo 14. A Comisión Delegada da Mesa de Diálogo Social de Galicia
1. A Mesa de Diálogo Social contará cunha Comisión Delegada, composta pola Vicepresidencia da Mesa, que a presidirá, a Secretaría da Mesa con voz e sen voto, dúas vogalías en representación da Administración autonómica, tres vogalías en representación das organizacións sindicais máis representativas e tres en representación da organización empresarial intersectorial máis representativa de Galicia.
As persoas que integren a Comisión Delegada serán nomeadas pola persoa titular da presidencia da Mesa, por proposta de cada un dos grupos de representación a que se refire o parágrafo anterior.
Ás reunións da Comisión Delegada poderán asistir en calidade de persoas invitadas, autoridades, persoal técnico ou representantes de entidades e asociacións que non formen parte da Mesa, cando os asuntos tratados así o requiran e o decida a súa presidencia.
2. A Presidencia, a Secretaría e as persoas vogais da Comisión Delegada terán as facultades, dereitos e obrigas previstos para a Presidencia, Secretaría e vogalías do Pleno.
3. Correspóndenlle á Comisión Delegada da Mesa de Diálogo Social as seguintes funcións:
a) Elevar ao Pleno a proposta de materias de obxecto de diálogo social e as propostas de acordos do diálogo social.
b) Elevar ao Pleno a proposta sobre realización de estudos e informes sobre asuntos de interese xeral para a Comunidade.
c) Elevar ao Pleno a proposta de memoria anual da Mesa de Diálogo Social.
d) Elevar ao Pleno a proposta de creación de mesas sectoriais e intersectoriais.
e) Propoñer asuntos para a súa inclusión na orde do día do Pleno da Mesa.
f) Os demais que expresamente lle atribúa o Pleno e aqueloutras que, de ser o caso, determine o regulamento de funcionamento interno da Mesa de Diálogo Social de Galicia.
4. O Pleno da Mesa poderá delegar na Comisión Delegada a realización de estudos e informes. A Comisión Delegada dará conta ao Pleno da Mesa, na primeira sesión que realice desde a delegación, do desenvolvemento dos traballos encomendados.
5. A Comisión Delegada reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez cada tres meses, e, con carácter extraordinario, cando sexa convocada polo/a seu/súa presidente/a, por iniciativa propia ou por petición dun terzo das persoas que a compoñen.
6. O réxime de funcionamento da Comisión Delegada responderá ás mesmas regras que se establecen para o Pleno da Mesa.
Artigo 15. As mesas sectoriais e intersectoriais
1. As mesas sectoriais e Intersectoriais serán creadas polo acordo do Pleno da Mesa de Diálogo Social, por proposta da Comisión Delegada.
O referido acordo de creación das mesas sectoriais e intersectoriais determinará o seu obxecto, composición e réxime de funcionamento, así como período de tempo en que deberán desenvolver o seu cometido. Nos aspectos non regulados no acordo de creación das mesas, resultará de aplicación o réxime de funcionamento da Comisión Delegada.
2. As mesas sectoriais estarán presididas pola persoa titular da consellería competente na materia ou pola persoa en que esta delegue. A súa composición deberá ser paritaria e asegurar a participación das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas dos diferentes axentes sociais con presenza na Mesa, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, de acordo co disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia.
3. As mesas intersectoriais estarán presididas por unha das persoas titulares das consellerías participantes ou persoa en quen delegue e súa composición responderá aos mesmos criterios que os establecidos para a composición das mesas sectoriais.
4. As mesas sectoriais e Intersectoriais remitirán as súas propostas de acordo de diálogo social á Comisión Delegada, para a súa consideración e elevación ao Pleno da Mesa de Diálogo Social.
5. Ás reunións das mesas sectoriais e intersectoriais poderán asistir en calidade de persoas invitadas, con voz pero sen voto, autoridades, persoal técnico ou representantes de entidades e asociacións que non formen parte da Mesa, cando os asuntos tratados así o requiran e o decida a Presidencia da Mesa.
Disposición adicional primeira. Medios persoais e materiais da Mesa
A consellería competente en materia de emprego porá á disposición da Mesa de Diálogo Social de Galicia os medios persoais e materiais precisos para garantir o correcto desenvolvemento das súas funcións.
Disposición adicional segunda. Constitución da Mesa de Diálogo Social de Galicia
A Mesa de Diálogo Social de Galicia constituirase dentro dos tres meses seguintes á entrada en vigor deste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de emprego para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento da Mesa de Diálogo Social de Galicia, así como para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
