O artigo 33 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materias de sanidade interior e seguridade social, salvo as normas que configuran o réxime económico desta última, así como a execución da lexislación do Estado sobre produtos farmacéuticos. Engade este precepto no seu punto cuarto que a Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas.
A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, estableceu a regulación xeral de todas as accións que permiten facer efectivo o dereito á protección da saúde recoñecido no artigo 43 e concordantes da Constitución española. No seu artigo 2 establécese que a dita lei terá a condición de norma básica no sentido previsto no artigo 149.1.16º da Constitución e será de aplicación a todo o territorio do Estado, excepto os artigos 31, punto 1°, letras b) e c), e 57 a 69, que constituirán dereito supletorio naquelas comunidades autónomas que teñan ditado normas aplicables na materia que nos ditos preceptos se regula. Engade o punto dous do artigo 2 que as comunidades autónomas poderán ditar normas de desenvolvemento e complementarias da indicada lei no exercicio das competencias que lles atribúen os correspondentes estatutos de autonomía.
A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, creou o Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo adscrito á Consellería de Sanidade, co obxectivo de satisfacer as necesidades de saúde da poboación e contribuír, mellorar e elevar o nivel de saúde da cidadanía.
Dentro do marco lexislativo antedito, é competencia da Comunidade Autónoma a ordenación da atención primaria da saúde no seu territorio. A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, dispón no seu artigo 50 que a atención primaria constitúe o primeiro nivel de acceso ordinario da poboación ao Sistema público de saúde de Galicia e caracterízase por un enfoque global e integrado da atención e da saúde e por asumir un papel orientador e de canalización da asistencia requirida polo ou pola paciente en calquera punto do sistema sanitario.
Neste sentido, o citado artigo dispón que a atención primaria incluirá entre o seu catálogo de servizos a atención ordinaria e continuada das urxencias. O número 3 do citado precepto especifica, ademais, que as actuacións de atención primaria se desenvolverán nos centros de saúde ou noutros periféricos que deles dependan, así como nos puntos de atención continuada, entre outros, sendo así que as ditas actividades poderán ser desenvolvidas (ademais de en réxime de consultas a demanda ou programadas nos centros sanitarios de atención primaria e en réxime de atención a domicilio), en réxime de atención de urxencias de atención primaria.
Polo tanto, a atención sanitaria urxente constitúe unha característica inherente á atención primaria, dado que é distintivo dela prestar asistencia sanitaria continuada e permanente ao longo da vida das persoas, en calquera circunstancia e baixo calquera condición.
Nesta liña, promulgouse no seu día o Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia. Na parte expositiva deste regulamento sinálase que a poboación ten dereito a ter na atención primaria unha oferta de atención continuada diferente e diferenciada da que poida ser proporcionada polo hospital; entendendo por atención continuada a prestación da asistencia médica a aquelas situacións sanitarias que non admiten demora, solicitadas por calquera persoa a calquera hora do día, que son susceptibles de ser atendidas no primeiro nivel asistencial, ben para a súa resolución nel ou ben para a súa derivación a outro nivel. Para isto, é necesario adecuar a atención de urxencias prestada á poboación desde o ámbito da atención primaria, dotándoa do equipamento e persoal suficiente, co obxecto de garantir unha prestación de servizos eficiente, homoxénea e de calidade, así como adecuada e adaptada ás necesidades e características da estrutura sanitaria específica de Galicia.
O Decreto 172/1995, do 18 de maio, dispón no seu artigo 4.1 que o horario de apertura e funcionamento dos puntos de atención continuada (PAC) abarcará desde as 15.00 horas ata as 08.00 horas do día seguinte, en días laborables, sen prexuízo da modalidade asistencial que na actualidade rexe para o sábado, e as 24 horas do día, os domingos e festivos.
Nos últimos anos produciuse unha novidade relevante que fai oportuno estender á mañá do sábado o horario de apertura e funcionamento dos PAC. Trátase da redución xeral e progresiva de xornada ordinaria adoptada mediante o Acordo do Consello da Xunta polo que se aproban melloras retributivas e de traballo do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, con base no Acordo da Mesa sectorial do 20 de abril de 2023 (publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 124, do 30 de xuño) e aplicable principalmente nos sábados pola mañá ao colectivo de persoal cunha quenda fixa de mañá ou tarde ou asimilable, como é o caso do persoal sanitario das unidades e servizos de atención primaria (centros de saúde). Polo demais, con esta reforma outórgaselle na normativa vixente a consideración de continuada a unha atención sanitaria dos sábados pola mañá que na práctica, e con carácter xeral, xa ten esa natureza e resulta singular respecto á actividade realizada ordinariamente nos centros de saúde.
Polo tanto, con este decreto trátase de modificar o vixente Decreto 172/1995, do 18 de maio, coa finalidade de adaptar á realidade o contido do Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, modificando o horario de apertura e funcionamento dos PAC para estendelo á mañá do sábado.
A tramitación desta norma adecuouse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sendo obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia para os efectos do previsto no artigo 9.c) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así mesmo, o proxecto foi sometido ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe de impacto demográfico, informe da dirección xeral competente en materia de emprego público e da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Este decreto dítase logo da preceptiva negociación na mesa sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
Por último, o texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Así, en aplicación dos principios de necesidade e eficacia, a norma obedece á necesidade de actualizar certos aspectos da atención de urxencias de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia ás necesidades presentes e futuras da asistencia neste nivel de atención sanitaria, sendo de interese xeral que a organización e funcionamento da atención primaria da saúde responda ás necesidades reais das persoas e dos/das seus/súas profesionais e ás características inherentes á nosa Comunidade Autónoma, e sendo esta disposición regulamentaria o instrumento idóneo para garantir a súa consecución, dada a necesidade de modificación dunha norma previa do mesmo rango normativo.
No tocante aos principios de proporcionalidade e eficiencia, a norma contén, dunha banda, a regulación imprescindible para acadar os obxectivos perseguidos, e non supón restricións de dereitos das persoas atinxidas no seu ámbito de aplicación. E doutra banda, persegue un interese xeral, que é garantir a prestación en condicións óptimas da atención sanitaria de urxencia no nivel de atención primaria, así como a salvagarda dos dereitos dos/das profesionais; en particular no que se refire ao réxime de xornada laboral. En virtude dos principios de seguridade xurídica e simplicidade, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico. En cumprimento dos principios de transparencia e accesibilidade, identifícanse con claridade nela os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación garantiuse a transparencia, singularmente mediante a publicación da iniciativa normativa no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia
Modifícase o punto 1 do artigo 4 do Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. O horario de apertura e funcionamento dos PAC abarcará desde as 15.00 horas ata as 08.00 horas do día seguinte, de luns a venres, e as 24 horas do día, os sábados, domingos e festivos».
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
