DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 28 de abril de 2026 Páx. 25602

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de abril de 2026 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Dr. Vidal Ríos e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Dr. Vidal Ríos, adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, dítase esta orde, baseada nos feitos e consideracións legais que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 20 de xaneiro de 2026 presentouse ante este protectorado a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Dr. Vidal Ríos, adoptado polo padroado o 2 de outubro de 2025.

Segundo. A Fundación Dr. Vidal Ríos constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 26 de xuño de 1998 ante o notario Federico Maciñeira Teijeiro, co número de protocolo 1.606, e foi emendada por outra posterior con data do 26 de abril de 1999, outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo 931. Foi clasificada de interese sanitario pola Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 4 de maio de 1999 (DOG núm. 89, do 11 de maio) e declarada de interese galego mediante a Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG núm. 124, do 30 de xuño). Está adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1998/25.

Terceiro. A Fundación ten como fin principal, segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos, o afondamento no coñecemento e tratamento da diabetes e outras patoloxías endócrino-metabólicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Xunto coa solicitude e, logo dos requirimentos deste protectorado, a Fundación presentou a seguinte documentación:

1. Certificación do 24 de febreiro de 2026, acreditativa do acordo de extinción adoptado polo padroado o 2 de outubro de 2025 ante a imposibilidade de realización dos fins fundacionais.

2. Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción e da improcedencia ou imposibilidade de modificar os estatutos ou de levar á práctica un proceso de fusión.

3. Contas da Fundación na data de adopción do acordo de extinción.

4. O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación que, neste caso, é inexistente.

5. Informe-proposta do protectorado do 28 de marzo de 2026.

Consideracións legais:

Primeira. A Consellería de Sanidade resulta competente para resolver esta solicitude de conformidade co disposto no Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade (DOG núm. 101, do 27 de maio), en relación co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segunda. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, e é necesario, para tal efecto, o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O artigo 54 da Lei 12/2006 e o artigo 21 do Decreto 15/2009 establecen o acordo de extinción entre os actos suxeitos a inscrición no Rexistro de Fundacións.

Cuarta. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa de aplicación e foi aprobado pola unanimidade do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación prevista no artigo 44 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Dr. Vidal Ríos e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, previamente e con carácter potestativo, se poida interpoñer recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Orde do 22.4.2020; DOG núm. 82, do 29 de abril)
Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade