DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 29 de abril de 2026 Páx. 25905

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2026 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 30 de marzo de 2026 polo que se aproba a Instrución para a remisión a este consello dos plans de prevención de riscos de xestión, incluídos os de corrupción, aprobados polas entidades do sector público autonómico.

En cumprimento do Acordo do 30 de marzo de 2026, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a Instrución para a remisión ao Consello de Contas dos plans de prevención de riscos de xestión, incluídos os de corrupción, aprobados polas entidades do sector público autonómico, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Instrución para a remisión ao Consello de Contas dos plans de prevención de riscos de xestión, incluídos os de corrupción, aprobados polas entidades do sector público autonómico

O Consello de Contas de Galicia asumiu, tras a modificación da súa lei reguladora pola Lei 8/2015, do 7 de agosto, a competencia en materia de prevención da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma.

A misión do Consello de Contas é colaborar no establecemento dun marco de integridade nas entidades públicas que contribúa a garantir unha correcta xestión das finanzas públicas.

Neste contexto, os plans de prevención de riscos (PPR) configúranse como un instrumento de enorme relevancia para a identificación dos elementos esenciais dun sistema de integridade que dea soporte á planificación, ao proceso de toma de decisións e á execución das actividades.

O Consello, como órgano de control externo da Comunidade Autónoma, debe dispoñer de mecanismos eficaces para verificar a existencia, contido e aplicación dos ditos plans por parte das entidades suxeitas ao seu control. A comunicación ordenada, sistemática e telemática da aprobación destes plans permite non só cumprir cos principios de rendición de contas, senón tamén facilitar a análise comparativa e a formulación de recomendacións de mellora.

Esta instrución ten por obxecto establecer un procedemento homoxéneo para a remisión ao Consello dos plans de prevención de riscos de xestión, incluídos os de corrupción, tanto na súa fase inicial como no seu seguimento anual, incorporando criterios de rastrexabilidade documental, interoperabilidade con plataformas públicas e simplificación administrativa.

Enmárcase, polo tanto, no compromiso da institución co control público e a promoción de boas prácticas en materia de integridade institucional.

De acordo co exposto, o Pleno do Consello de Contas, en sesión celebrada o día 30 de marzo do 2026, aproba a seguinte instrución que regula a forma, prazos e procedemento de rendición formal dos plans para o seu adecuado seguimento.

Obxecto.

Regular a remisión por parte das entidades do sector público autonómico de Galicia dos plans de prevención de riscos de xestión, incluídos os de corrupción, que exixe a avaliación sistemática que debe realizar o Consello de Contas, así como as súas modificacións de xeito que quede garantida a rastrexabilidade documental.

Ámbito de aplicación.

Esta instrución será de aplicación a todas as entidades incluídas no artigo 2.1.a) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia. A remisión dos plans de prevención das corporacións locais seguirá un procedemento propio integrado no ámbito da rendición destas entidades.

Remisión dos plans.

A Lei 8/2015, do 7 de agosto, atribúe ao Consello de Contas, ademais das funcións de impulso e colaboración na implantación de instrumentos preventivos, a de avaliación e supervisión das políticas de integridade das entidades públicas.

Os artigos 5.bis da lei e 55 do Regulamento de réxime interior regulan, como parte da función de prevención, a avaliación sistemática por parte do Consello de Contas dos plans que realicen as institucións e entes do sector público da Comunidade Autónoma. Esta avaliación require a remisión dos plans aprobados.

O Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia establece que unha vez aprobados os plans das vicepresidencias e consellerías serán remitidos á dirección xeral con competencias en materia de integridade para a súa publicación no Portal de transparencia e Goberno aberto e remisión ao Consello de Contas.

A remisión realizarase coa presentación dunha comunicación por parte da dirección xeral con competencias en materia de integridade a través da sede electrónica do Consello que determinará o cumprimento da obriga de deber de colaboración.

As entidades públicas están obrigadas a remitir a información solicitada polo Consello de Contas en cumprimento do deber de colaboración establecido polo artigo 23 da lei. O incumprimento inxustificado desta colaboración dará lugar á aplicación das medidas establecidas no artigo 29.3 do Regulamento de réxime interior.

Comunicación da publicación.

Comunicación inicial.

No prazo máximo de quince (15) días naturais desde a publicación do plan de prevención de riscos de xestión, incluídos os de corrupción, no portal de transparencia institucional a dirección xeral con competencias en materia de integridade deberá remitirlle ao Consello de Contas unha comunicación co enlace directo ao documento publicado e indicación da data de publicación.

No mesmo prazo as entidades do sector público que aproben un instrumento de compliance que non sexa remitido á dirección xeral con competencias en materia de integridade e transparencia, remitirá ao Consello de Contas unha comunicación co enlace directo ao documento publicado e a data de publicación.

Comunicación de modificacións.

Calquera modificación relevante do plan deberá ser publicada e comunicada nun prazo máximo de quince (15) días naturais, incluíndo:

1. Enlace actualizado ao documento modificado.

2. Data de modificación.

3. Natureza do cambio efectuado.

Rastrexabilidade documental.

Co fin de garantir a rastrexabilidade e o seguimento dos documentos o Consello de Contas poderá solicitar, de ser o caso, un histórico de versións dos plans publicados, así como documentación adicional sobre a implementación e seguimento dos plans.

Canles de comunicación.

A comunicación ao Consello de Contas realizarase exclusivamente por vía telemática e remitirase, asinada electronicamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a través do Sistema de intercambio de rexistros (SIR).

Disposición derradeira.

Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación aos plans aprobados a partir da devandita data.