DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 30 de abril de 2026 Páx. 26144

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2023/002-4).

Expediente: IN407A 2023/002-4.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: Recuamento LAT 66 kV SC Vilagarcía de Arousa-PE Xiabre por blindaxe de SET Vilagarcía de Arousa.

Concello: Vilagarcía de Arousa.

Feitos:

Primeiro. O 4.1.2023 UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou, ante o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra (antes da súa competencia), a autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica denominada Recuamento LAT 66 kV SC Vilagarcía de Arousa-PE Xiabre por blindaxe de SET Vilagarcía de Arousa.

Tras requirimento, Engasa Eólica, S.A., titular da LAT 66 kV de evacuación da enerxía PE Xiabre presenta autorización para que UFD tramite o proxecto de referencia na súa representación.

Segundo. O 12.3.2026 o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria en Pontevedra da traslado a este departamento territorial do expediente por traspaso de competencias en materia de enerxías renovables.

Terceiro. A entidade UFD ten previsto a blindaxe e execución dun novo edificio de celas de 66 kV na devandita subestación de Vilagarcía de Arousa. Este blindaxe implica a necesidade de modificar o trazado das liñas que teñen entrada actualmente na SET para a súa conexión coas novas celas de 66 kV. Entre estas liñas atópase a LAT 66 kV de evacuación de enerxía procedente do parque eólico Xiabre cuxa titularidade ostenta Engasa Eólica, S.A.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Departamento Territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, modificado polo Decreto 192/2024, do 9 de decembro, e polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro.

Segunda. Lexislación de aplicación:

1. No expediente instruído para os efectos cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 5 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A respecto da tramitación do referido expediente, compre salientar que o proxecto non se someteu ao trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.

3. En canto á avaliación de impacto ambiental do proxecto, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria o simplificada. A este respecto, no proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, na epígrafe 1.10 da súa memoria, recóllese que, segundo a lexislación vixente, o presente proxecto non se atopa sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental.

Terceira. Características técnicas:

1. A lonxitude do circuíto existente Vilagarcía-Xiabre consiste nunha lonxitude de 43 m en cable Al630. O proxectado prevé a entrada na nova SET de Vilagarcía en trazado soterrado cun percorrido total de 29 m ata as celas tipo GIS.

2. Desmontarase o trazado para pasar da posición a intemperie ás posición blindada nas novas celas GIS, reutilizando o cable Al630 xa existente. Unha vez que estea executada a obra de canalización, a modificación consistirá en 22 m soterrados máis 7 m ata a posición blindada interior das novas celas.

3. No proxecto tamén se inclúe o tendido do cable unipolar para a posta a terra e a montaxe dunha caixa tripolar para a conexión dos cables de terra á instalación de posta a terra da subestación.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste Departamento Territorial.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Recuamento LAT 66 kV SC Vilagarcía de Arousa-PE Xiabre por blindaxe de SET Vilagarcía de Arousa expediente IN407A 2023/002-4 e cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución do mesmo nome asinado polo enxeñeiro/a Miguel A. Alba Benito en decembro de 2022. Tamén se axustarán ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto se establece no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica.

Cuarto. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da documentación requirida na lexislación vixente de aplicación.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancia dos orzamentos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, previa audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 9 de abril de 2026

Nicolás Lorenzo Montes
Director territorial de Pontevedra