De conformidade co disposto nos artigos 44 e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por ser descoñecidas as persoas interesadas no procedemento, notifícase a terminación do procedemento de retirada do viveiro de cultivos mariños localizado na posición 43º 23` 27,5`` N // 008º 17` 34,2`` W do distrito marítimo de Sada, polígono 1.
Antecedentes:
1. O 7 de novembro de 2025 os axentes da Subdirección Xeral de Gardacostas número 247 e 279 expediron a acta número 202327542, en que reflicten o seguinte: «Na posición 43º 23` 27,5`` N // 008º 17` 34,2`` W, na enseada de Lorbé, observamos un viveiro que carece de calquera elemento identificativo. Nel hai penduradas un gran número de cordas de produción, ademais conta cunha caseta para almacenaxe de cordas e demais utensilios propios da acuicultura do mexillón. Nela atopamos varias nasas de ferro e de madeira tipo nécora-camarón. Este viveiro é empregado habitualmente para o aviveiramento de especies (crustáceos) por profesionais do sector, aínda que hoxe non había ningunha especie».
Na dita acta consta que o inspeccionado é descoñecido.
2. Con data do 13 de novembro de 2025, ás 11.35 horas, os axentes da Subdirección Xeral de Gardacostas número 232, 233, 255 e 289 expediron a acta número 202327537 relativa ao mesmo viveiro, en que deixan constancia do seguinte: «(...) procedemos ao recoñecemento da batea en cuestión que achegamos nas fotografías. Comprobamos que na metade dela hai cordas de engorda de mexillón, noutro bordo ten unha caseta metálica con útiles para acuicultura e nasas tipo polbo (xunto con boias amarelas sen ningún tipo de identificación). Non dispón da preceptiva placa identificativa (co nome, distrito, polígono e cuadrícula). A batea máis próxima a ela e máis ao norte si que dispón de placa, onde figura:
Nome: Elvira 6.
Distrito: Sada.
Polígono: 1.
Cuadrícula: 88.
Tamén achegamos fotografías da batea legal próxima.
Un dos axentes baixa da lancha á batea inspeccionada e comproba que non hai especies aviveiradas (práctica habitual nesta plataforma)».
3. O 18 de novembro de 2025 os axentes da Subdirección Xeral de Gardacostas número 232, 233, 255 e 289 expediron nova acta número 202327637, en que reflicten: «(...) de acordo coa Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, facemos unha descrición e inventario da batea en cuestión:
– Batea de madeira (bastante deteriorada) con medidas 16,1×17,2 m (276,9 m2).
– 2 flotadores azuis cilíndricos de 17,2×1,3 m.
– 199 cordas de engorda de mexillón penduradas e 4 montóns de cordas amoreadas na superficie da batea (en seco).
– Unha caseta de 5,6 x 5,9 m de chapa galvanizada e armazón de madeira (cunha apertura lateral).
– Artes de pesca/marisqueo: 211 nasas metálicas con malla de plástico (tipo polbo), 31 nasas de madeira con malla de rede e 1 nasa de plástico, 1 volantín empillado e 1 trasmallo (recuberto cuns plásticos).
– Unhas 60 boias (amarelas) de sinalización de aparellos.
– 5 caixas de peixe plásticas, 60 caixas de bivalvos plásticas, uns 500 cestos plásticos de acuicultura (cilíndricos).
– 3 contedores de cabos e redes para a batea.
– 3 rizóns.
– Defensas (tipo rodas de camión): 5 no costado da batea e 3 no interior da caseta (de maior envergadura).
– 1 clasificadora de mexillón e 2 moegas.
– 2 trueiros.
– Unhas 14 pranchas no chan para reforzar o firme (pola deterioración).
Non dispoñemos de medios para determinar o sistema de fondeo do artefacto flotante».
Na dita acta déixase constancia de que a persoa propietaria é descoñecida.
4. Non consta no arquivo informático da Consellería do Mar o outorgamento de concesión de actividade para a explotación dun viveiro de cultivos mariños na localización reflectida nas referidas actas do distrito marítimo de Sada, no polígono 1.
5. Con data do 4 de decembro de 2025 a directora territorial da Consellería do Mar da Coruña ditou acordo polo que se inicia o procedemento para a retirada do viveiro de cultivos mariños localizado na posición 43º 23` 27,5`` N // 008º 17` 34,2`` W do distrito marítimo de Sada, polígono 1, por non contar con concesión de actividade. Así mesmo, adopta como medida provisional a retirada e destrución do mexillón das cordas de engorda penduradas no referido viveiro, por razóns de saúde pública, e outorga ás persoas interesadas o prazo de cinco (5) días para presentar alegacións.
De conformidade co disposto nos artigos 44 e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao seren descoñecidas as persoas interesadas, o dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 19 de decembro de 2025, e no Boletín Oficial del Estado número 308, do 23 de decembro de 2025.
6. Transcorrido o prazo de cinco (5) días desde a publicación do referido acordo de inicio no Boletín Oficial del Estado, non consta neste departamento territorial que se presentasen alegacións.
7. O 11 de marzo de 2026 a directora territorial do Departamento Territorial da Consellería do Mar da Coruña propón a retirada do viveiro de cultivos mariños localizado na posición 43º 23` 27,5`` N // 008º 17` 34,2`` W do distrito marítimo de Sada, polígono 1, por non contar con concesión de actividade, así como a destrución do mexillón das cordas de engorda penduradas no referido viveiro, por razóns de saúde pública.
Consideracións legais:
Primeira. A competencia para resolver este procedemento corresponde á persoa titular da Consellería do Mar de acordo co establecido no artigo 6 da Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais.
A dita competencia está delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica mediante a Orde do 21 de febreiro de 2022 sobre delegación de competencias en diversos órganos de dirección da Consellería do Mar e na Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia.
Segunda. Este procedemento tramitouse de acordo co disposto na Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Terceira. O artigo 47 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, dispón: «1. O exercicio por toda persoa física ou xurídica da actividade de cultivos mariños require un título administrativo habilitante previo outorgado pola consellería competente en materia de acuicultura, sen prexuízo dos permisos, licenzas e autorizacións que corresponda outorgar a outros organismos no exercicio das súas competencias. 2. Para os efectos desta lei, considéranse títulos administrativos habilitantes aqueles que se outorgan ás persoas físicas ou xurídicas para a instalación, posta en funcionamento e explotación dos establecementos de cultivos mariños. (...) 4. Os establecementos de cultivos mariños que precisen ocupar para a súa instalación, posta en funcionamento e explotación terreos de dominio público marítimo ou marítimo-terrestre precisarán da concesión de actividade que outorgará a consellería competente en materia de acuicultura, conforme o procedemento que regulamentariamente se estableza (...)».
Cuarta. Consultado o arquivo informático da Consellería do Mar en que se anotan os establecementos de acuicultura de Galicia, constátase que non figura o outorgamento de concesión de actividade para a explotación dun viveiro de cultivos mariños na posición reflectida nas actas 202327542, 202327537 e 202327637, polo que, de acordo co establecido no artigo 2 da Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, a directora territorial da Coruña ditou acordo polo que se inicia o procedemento para a retirada do viveiro de cultivos mariños localizado na posición 43º 23` 27,5`` N // 008º 17` 34,2`` W do distrito marítimo de Sada, polígono 1, por non contar con concesión de actividade, e ordena que se identifique coa correspondente placa.
De conformidade co disposto nos artigos 44 e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ao seren descoñecidas as persoas interesadas, o dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 245, do 19 de decembro de 2025, e no Boletín Oficial del Estado núm. 308, do 23 de decembro de 2025, e non consta neste departamento territorial a presentación de alegacións.
Quinta. De acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, no prazo de quince (15) días contados desde a notificación da resolución que poña fin ao procedemento, a persoa propietaria do viveiro ilegal retirarao e deberá notificalo previamente ao departamento territorial, facendo constar a data e o punto de varamento, así como o destino previsto do artefacto, para os efectos de comprobación e levantamento das correspondentes actas e informes polos funcionarios da Consellería do Mar.
Así mesmo, o artigo 8 da dita Orde do 3 de marzo de 1998 dispón: «Cando o propietario do viveiro non leve a cabo a súa retirada no prazo establecido no artigo anterior (15 días), a delegación territorial remitirá o expediente á Dirección Xeral de Recursos Mariños, quen realizará, polos seus propios medios ou a través das persoas que determine, a retirada do artefacto por conta do propietario (...), procederá posteriormente ao seu despezamento e levantará acta acreditativa deste (...). Neste caso o titular do viveiro deberá satisfacer os gastos custeados pola Administración e, tamén, os danos e perdas ocasionados pola non execución da retirada voluntariamente (...)».
Á vista do exposto, a conselleira, no exercicio das súas atribucións e competencias,
ACORDA:
Ordenar a retirada do viveiro de cultivos mariños localizado na posición 43º 23` 27,5`` N // 008º 17` 34,2`` W do distrito marítimo de Sada, polígono 1, así como a destrución do mexillón das cordas de engorda penduradas no referido viveiro, por razóns de saúde pública.
A persoa interesada dispón dun prazo de quince (15) días desde a notificación desta resolución para a súa retirada.
De non facelo así, retirarao a propia consellería de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 8 da Orde do 3 de marzo de 1998.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante a conselleira do Mar, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), e no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).
Mediante este documento notifícase esta resolución á persoa interesada, mediante publicación no Boletín Oficial del Estado, ao ser descoñecida.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 21.2.2022; DOG núm. 41, do 1 de marzo)
Isaac Miguel Rosón Sánchez-Brunete
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
