En sesión que tivo lugar o 16 de abril de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 28 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 23, do 4 de febreiro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de pesca marítima, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 18 de xullo de 2025 (DOG núm. 162, do 26 de agosto),
ACORDOU:
Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.2.7 da convocatoria, á vista das reclamacións presentadas, anular as preguntas 107, 132 e 142, pasando a ocupar o seu lugar, respectivamente, as preguntas de reserva 173, 174 e 175.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, na quenda de acceso libre superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de 25 puntos, fixándose en 68 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Feita a corrección dos exames, en sesión do día 16 de abril de 2026, e consonte os anteriores criterios, na quenda de acceso libre acadou a puntuación mínima de 25 puntos un total dunha (1) persoa aspirante.
Terceiro. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes no primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de pesca marítima.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o aspirante que superou o primeiro exercicio deberá entregar a programación didáctica correspondente ao segundo exercicio o día 20 de maio de 2026 na sala D, situada na planta baixa do Edificio Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, entre as 16.00 e as 17.00 horas. A dita programación será recollida polo tribunal e defenderase perante este no momento en que sexa convocado para tal efecto, empregando unha copia da programación que se entregou. A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha materia ou módulo relacionado coa especialidade na que se participa (pesca marítima) e axustarase ao modelo establecido no anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, e deberá conter un mínimo de 4 unidades didácticas.
Resultará excluído do proceso selectivo o persoal cuxa programación non se axuste ao establecido no parágrafo anterior. En ningún caso poderán excluírse as persoas aspirantes por deficiencias no contido da programación.
Sexto. De acordo coa base III.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
Alberto José Otero Peña
Presidente do tribunal
