DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 4 de maio de 2026 Páx. 26362

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2026, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo, mediante o sistema de oposición, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica de cociña, convocado mediante a Resolución do 24 de xuño de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño), pola que se lles dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 14 e o 16 de abril de 2026, o tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica de cociña, convocado mediante a Resolución do 24 de xuño de 2025 (DOG núm. 123, do 30 de xuño),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, e en relación co primeiro e o segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, realizados o día 21 de febreiro de 2026, unha vez revisadas as alegacións presentadas, desestimalas na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será preciso obter un mínimo de trinta (30) puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, aprobados polo tribunal na sesión do día 13 de febreiro de 2026, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que, no acceso pola quenda de promoción interna, superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que teñan un mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

No acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, cabe aterse ao previsto na base I.1 desta convocatoria, con independencia de que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumulen ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

Partindo do anterior, asignaráselles a valoración de 30 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas). Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Realizada a corrección, na quenda de promoción interna acadou a puntuación mínima de 30 puntos un total de 10 persoas aspirantes no seu conxunto e fixouse en 26 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Así mesmo, realizada a corrección, na quenda de acceso libre acadou a puntuación mínima de 30 puntos un total de 44 persoas aspirantes no seu conxunto e fixouse en 40,50 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o segundo exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e para superalo será preciso obter un mínimo de vinte (20) puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio, aprobados polo tribunal na sesión do día 13 de febreiro de 2026, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que, no acceso pola quenda de promoción interna, superarán o segundo exercicio as persoas aspirantes que teñan un mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Se o número de aspirantes que superan o exercicio resulta inferior ao número de prazas convocadas por esta quenda, o tribunal declarará, ademais, que superaron o exercicio aquelas persoas aspirantes que acaden unha mellor puntuación ata completar o número de prazas convocadas. Neste suposto, será imprescindible que os aspirantes acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

No acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Se o número de aspirantes que superan o exercicio resulta inferior ao número de prazas convocadas, o tribunal declarará, ademais, que superaron o exercicio aquelas persoas aspirantes que acaden unha mellor puntuación ata completar o número de prazas convocadas. Neste suposto, será imprescindible que os aspirantes acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, cabe aterse ao previsto na base I.1 desta convocatoria, con independencia de que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumulen ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

En calquera caso, lémbrase que soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.

A corrección deste segundo exercicio unicamente se realizará no caso de superaren as persoas aspirantes o primeiro exercicio. De non ser así, as persoas aspirantes serán consideradas non avaliables.

Partindo do anterior, asignaráselles a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas). Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Realizada a corrección, na quenda de promoción interna acadou a puntuación mínima de 20 puntos un total de 6 persoas aspirantes no seu conxunto e fixouse en 25 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.2 da convocatoria.

Así mesmo, e realizada a corrección, na quenda de acceso libre acadou a puntuación mínima de 20 puntos un total de 26 persoas aspirantes no seu conxunto e fixouse en 25 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.2 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 21 de febreiro de 2026, correspondente ao primeiro exercicio e ao segundo exercicio do proceso selectivo pola quenda de promoción interna e pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala técnica de cociña, convocado mediante a Resolución do 24 de xuño de 2025 (DOG núm. 123, do 30 de xuño), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten a posesión, no día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

O prazo de acreditación referido no parágrafo anterior será de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do segundo exercicio, e deberá tramitarse a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal) na epígrafe Expediente-e: Idiomas-Galego. Esta acreditación realizarase de conformidade co establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes que deben realizar a proba por falta de acreditación do coñecemento do idioma galego.

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante persoa titular da consellería competente en materia de Función Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026

Víctor Manuel Patiño Grela
Presidente do tribunal