DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 4 de maio de 2026 Páx. 26246

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 20 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o exercicio 2026 (código de procedemento IF403A).

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.5ª da Constitución española, segundo o establecido no artigo 27.8 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de ferrocarrís e estradas cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma e, nos mesmos termos, o transporte desenvolvido por estes medios ou por cable.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pretende, mediante esta orde de axudas, favorecer o cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, así como o cumprimento das exixencias establecidas a este respecto no resto da normativa sectorial de aplicación. Trátase así de contribuír a garantir a mobilidade de toda a cidadanía, facendo especial énfase na atención das persoas con discapacidade e das persoas dependentes, así como as relativas ao desenvolvemento de accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal e deseño para toda a cidadanía.

Nesta orde establécense as bases reguladoras e convócanse as subvencións destinadas á adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos por parte das entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro a persoas dependentes ou persoas con discapacidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes vehículos deben satisfacer os requisitos recollidos no Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade.

Así mesmo, para poderen acceder ás axudas, os vehículos serán novos, de emisións cero, tipo eco ou etiqueta C verde, clasificados como tales pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

Esta orde de convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición de vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C verde, adaptados a persoas con mobilidade reducida, que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF403A).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2026.

2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 500.000,00 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, con cargo á aplicación orzamentaria 05.08.512A.781.0, proxecto 2026/00005.

4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) Dunha transferencia de crédito.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

1. Para unha persoa poder ser beneficiaria da subvención, deberá presentarse unha única solicitude, dirixida á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

No caso de presentar máis dunha solicitude, terase en conta a última solicitude presentada, agás no caso de que na primeira estivese xa emitida a proposta de resolución.

2. As solicitudes presentaranse no prazo establecido e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos de determinar a prelación temporal de concesión das axudas e en aplicación dos principios de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, a data e a hora que se terán en conta serán a data e a hora de presentación da solicitude. Non obstante, no caso de que a solicitude requira emenda, teranse en conta a data e a hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. Así mesmo, no caso de que se presente unha mellora ou achega voluntaria da solicitude, a data que se terá en conta será a da mellora ou achega.

3. No caso de que máis dunha solicitude, emenda, achega ou mellora voluntaria, presentadas por distintas entidades solicitantes, teña a mesma data de presentación, prevalecerá aquela cuxa data e hora de presentación sexa anterior segundo conste no rexistro electrónico xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicional das bases reguladoras desta subvención.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable, a cal se atopa no cadro de declaracións no anexo de solicitude, referente aos seguintes aspectos:

a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

b) Axudas de minimis recibidas durante o período dos tres anos previos suxeitas ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

c) Que todos os datos contidos na solicitude son certos, que os documentos anexados coa solicitude coinciden cos orixinais e que poñerá á disposición da Administración os ditos orixinais, no caso de que se lle requiran.

d) Que cumpre os requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases e que asume as obrigas e compromisos que nelas se establecen.

e) Que se compromete a facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como a permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e que realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

f) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes. Comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 20.00 horas do mesmo día do mes seguinte.

6. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de resolución

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e resolveranse nun prazo máximo de 3 meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código de procedemento IF403A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Nos teléfonos 881 99 50 76 e 981 54 45 65 da Dirección Xeral de Mobilidade.

3. No enderezo electrónico axudas.mobilidade@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

4. De acordo co establecido no artigo 14.1, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 9. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) nos termos requiridos no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, para resolver a concesión, a denegación, a inadmisión, a modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de perda de dereito ao cobramento e de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.

Estas competencias que se delegan mediante esta orde serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia e convocatoria para o exercicio 2026 (código de procedemento IF403A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000,00 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000,00 € durante calquera período de tres anos.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, que será a data límite de execución das actuacións subvencionables.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destinaranse créditos da Dirección Xeral de Mobilidade, na contía que se consigne en cada convocatoria de axudas.

2. As axudas establecidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda coa mesma finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou de entes públicos ou privados, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar o custo da actividade subvencionada, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, sempre que reúnan os seguintes requisitos na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

a) Estar legalmente constituídas, como mínimo, con dous anos de antelación á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social nas áreas de discapacidade ou no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego, segundo corresponda.

b) Carecer de ánimo de lucro, é dicir, que non reparte beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destinará a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto e de conformidade co disposto nos seus estatutos e nos puntos 2º, 5º, 6º e 10º do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Que o domicilio social radique en Galicia.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades e asociacións de ámbito local ou provincial, así como as federacións, confederacións, agrupacións, entidades e asociacións de ámbito autonómico.

3. Para os efectos desta orde, non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía das entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións dependentes deles, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e sindicais e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

4. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 4. Actuacións subvencionables e intensidade da axuda

1. A intensidade da axuda será do 100 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 50.000,00 €. Para cada persoa solicitante será subvencionable, como máximo, un único vehículo.

2. Considerarase subvencionable a adquisición de novos vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, que reúnan as seguintes condicións:

a) Os vehículos deberán estar clasificados de emisións cero, de tipo eco ou etiqueta C verde pola Dirección Xeral de Tráfico, de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

b) Os vehículos deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

c) Os vehículos poderán ser adquiridos desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, data límite para xustificar a axuda.

3. Só se considera subvencionable a adquisición de vehículos novos. En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man ou os quilómetro 0, pois a persoa solicitante terá que ser a titular na súa primeira matriculación. Tampouco se admitirán como subvencionables os adquiridos a través dun contrato de renting.

Artigo 5. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos derivados dalgún tipo de taxa, tributo ou imposto, excepto o imposto sobre o valor engadido non recuperable.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) Tres orzamentos ou facturas pro forma de diferentes provedores, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención, caso en que presentará a factura de compra. As facturas pro forma, orzamentos ou facturas deberán incluír os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Identificación do provedor: razón social, NIF, enderezo.

– Identificación do comprador: razón social, NIF, enderezo.

– Descrición do vehículo: marca, modelo e demais características.

– Base impoñible.

– IVE.

– Importe total.

– Tipo de adaptacións que se van realizar no vehículo.

– Número de bastidor do vehículo, soamente no caso de que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Para os efectos de acreditar a correspondente categoría de clasificación do vehículo, presentarase algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo:

– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

– Certificación expedida por un concesionario oficial acreditativa da clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT para a solicitude de axudas e subvencións.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións.

g) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Órganos competentes

1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír os procedementos e ditar as propostas de resolución das subvencións. Como tal, correspóndelle o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá designar unha persoa que substitúa a anterior no caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditar as resolución que correspondan, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente para tramitar o procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitude.

A subvención concederase en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirirlle á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que lle será elevada á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. A persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se for o caso, as causas da desestimación ou inadmisión.

Na resolución indicarase o importe previsto da axuda e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo de adquisición do vehículo adaptado.

3. Os incrementos de crédito que se tramiten, así como o crédito liberado polas renuncias, minoracións ou perdas do dereito ao cobramento das subvencións outorgadas, se for o caso, destinaranse á concesión de subvencións daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención por orde de prelación, sempre que se trate de expedientes completos, conforme o artigo 2 da convocatoria.

4. A resolución notificaráselles individualmente ás persoas beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante poderá interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se non for expresa, desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para conceder a subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se fundamente en circunstancias sobrevidas con posterioridade á resolución de concesión e que se cumpran, en todo caso, os seguintes requisitos:

1º. Que a actividade, a conduta ou a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiro.

3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación con carácter inmediato no momento en que se produzan as circunstancias sobrevidas, mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución ditarao o órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás persoas interesadas.

Artigo 13. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención e o seu custo real.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Destinar ao cumprimento dos fins propios de cada entidade os vehículos subvencionados durante un prazo que non poderá ser inferior a cinco anos, agás no suposto de que, logo de autorización, se substitúa por outro de condicións análogas, tal e como se recolle no artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento do anterior dará lugar á revogación da resolución de concesión, ao reintegro das cantidades percibidas e á exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

e) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación en formato electrónico durante un prazo mínimo de tres anos a partir da recepción do último pagamento.

f) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a adquisición subvencionada. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Mobilidade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

h) Os/as beneficiarios/as teñen a obriga de destinar o novo vehículo a prestar o servizo de transporte escolar, asistencia a centros de día, a procedementos de rehabilitación ou servizos similares para as persoas dependentes ou con discapacidade.

i) Obriga de conservar en bo estado o vehículo adquirido.

j) Calquera outra obriga imposta ás persoas beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

Artigo 15. Obrigas específicas de publicidade

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, deberán incorporar ao vehículo adquirido unha referencia expresa a que a adquisición do vehículo foi subvencionada pola Xunta de Galicia. Para o cumprimento desta obriga deben incorporar nun lugar visible do vehículo o adhesivo ou cartel informativo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia e na páxina web https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/transporte-de-viaxeiros/axudas-e-subvencions, coas seguintes dimensións: 10,3 cm de ancho por 18 cm de longo.

Artigo 16. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte do/da beneficiario/a. O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente cunha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 17. Aceptación e xustificación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a persoa proposta como beneficiaria disporá dun prazo de 10 días hábiles para aceptala. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique, de xeito formal e expreso, a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola persoa interesada.

2. A solicitude de pagamento deberá presentarse conforme o establecido no anexo III, que se presentará obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). A data límite para presentala será o 30 de setembro de 2026 e os pagamentos realizaranse seguindo a orde temporal dos expedientes que presenten a documentación xustificativa completa.

3. Xunto coa solicitude de pagamento (anexo III), asinada dixitalmente, deberase achegar a seguinte documentación xustificativa:

a) Facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto detallado, número de bastidor do vehículo, importe e data de pagamento. Deben cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

As facturas deberán estar emitidas por provedores que presten os referidos servizos como actividade principal. Non serán admisibles as facturas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

b) Documento/s xustificativo/s de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto: xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, o xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación en sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o importe da factura e a súa data de pagamento. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo da entidade provedora, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

c) Documentación gráfica acreditativa do cumprimento da obriga específica de publicidade do financiamento establecida no artigo 15 destas bases reguladoras, na cal se visualice o contido do cartel publicitario e o lugar onde está colocado, de xeito visible desde o exterior do vehículo.

d) Informe completo do vehículo emitido pola Dirección Xeral de Tráfico. Este informe poderase obter na sede electrónica do organismo.

e) Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o disposto nela e no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, e advírteselle que, de non facelo, se revogará, logo de resolución, a subvención.

5. Os órganos competentes da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 18. Pagamento

1. Tras ser recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, antes de efectuar o seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O libramento da subvención aboarase, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao investimento que serviu de base para resolver a concesión.

No caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 19. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Non someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas, o que poderá orixinar o reintegro do importe da subvención recibida que supere o custo da actividade subvencionable máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puideren corresponder.

5. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

6. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionable.

7. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tiña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de mora.

b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para os mesmos gastos.

c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados.

Artigo 20. Control

1. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade

Publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá solicitar a non publicación dos seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Remisión normativa

1. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

f) Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

g) Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).

h) Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

i) Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

j) Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social.

k) Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

l) Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

m) Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file