DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 4 de maio de 2026 Páx. 26279

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 20 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o exercicio 2026 (código de procedemento IF403A).

BDNS (Identif.): 902512.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/902512

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, sempre que reúnan os requisitos seguintes na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

a) Estar legalmente constituídas, como mínimo, con dous anos de antelación á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social nas áreas de discapacidade, ou no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego, segundo corresponda.

b) Carecer de ánimo de lucro, é dicir, que non reparte beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destinará a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto e de conformidade co disposto nos seus estatutos e nos puntos 2º, 5º, 6º e 10º do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Que o domicilio social radique en Galicia.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades e asociacións de ámbito local ou provincial, así como as federacións, confederacións, agrupacións, entidades e asociacións de ámbito autonómico.

3. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía das entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións dependentes deles, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e sindicais e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

4. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF403A).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000,00 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).

De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000,00 € durante calquera período de tres anos.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026, que será a data límite de execución das actuacións subvencionables.

Terceiro. Importe

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 500.000,00 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, con cargo á aplicación orzamentaria 05.08.512A.781.0, proxecto 2026/00005. Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se puideren producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta orde de convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 no momento da resolución.

2. A intensidade da axuda será do 100 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 50.000,00 €. Para cada persoa solicitante será subvencionable, como máximo, un único vehículo.

3. A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo total do investimento subvencionable.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes. Comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 20.00 horas do mesmo día do mes seguinte. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Quinto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF403A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Este modelo irá acompañado, ademais, da documentación relacionada no artigo 6, que necesariamente deberá anexarse en formato electrónico.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes