DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 4 de maio de 2026 Páx. 26393

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO do 16 de abril de 2026 da Resolución do 14 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Monte Chan, situado nos concellos de Camariñas, Laxe e Vimianzo (A Coruña), promovido por EDP Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2020/062).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da Resolución do 14 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico Monte Chan, situado nos concellos de Camariñas, Laxe e Vimianzo (A Coruña) e promovido por EDP Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2020/062).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A dita resolución dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción do parque eólico Monte Chan, tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.3.2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Monte Chan, situado nos concellos de Camariñas, Laxe e Vimianzo (A Coruña) e promovido por EDP Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2020/062).

3. Cancelar a garantía depositada na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia o 3.4.2020, por importe de 2.000.000,00 € e número de rexistro 2020/90/264, para garantir o cumprimento das obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Monte Chan.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución

1. O 3.4.2020, EDP Renovables, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 2.000.000,00 € e número de rexistro 2020/90/264, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Monte Chan.

2. O 24.4.2020, EDP Renovables, S.L.U. presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado Parque eólico Monte Chan, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. A devandita solicitude foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 29.12.2020.

3. O 9.9.2021, EDP Renovables, S.L.U. presentou a solicitude de autorización administrativa para unha modificación substancial do parque eólico Monte Chan, que foi inadmitida a trámite o 22.12.2021, por incluír infraestruturas que invaden a Rede Natura 2000.

4. O 18.3.2022, EDP Renovables, S.L.U. presentou a solicitude de autorización administrativa para unha nova modificación substancial do parque eólico Monte Chan, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 21.6.2022.

5. O 28.7.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

6. Polo Acordo do 2 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa e o estudo de impacto ambiental do proxecto de execución do parque eólico Monte Chan.

7. O 17.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Monte Chan, que se fixo pública mediante o Anuncio do 17 de marzo de 2023.

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Concello de Camariñas, Concello de Laxe, Concello de Vimianzo, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e do Instituto de Estudos do Territorio.

9. O 3.7.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o acordo polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Monte Chan, abrindo o trámite de audiencia previsto no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. O 12.7.2023, a promotora achegou un escrito en que solicita «copia do expediente administrativo IN408A/2020/062 ou, na súa falta, que se lle indique data e hora para a vista do expediente».

11. O 22.10.2025, EDP Renovables, S.L.U. solicitou a cancelación da garantía depositada co número de rexistro 2020/90/264.

12. O 23.1.2026, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a EDP Renovables, S.L.U. que o expediente podía ser consultado nas súas dependencias, na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, durante un prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación.

13. O 13.2.2026, a promotora presentou un escrito mediante o cal desiste da súa solicitude de acceso ao expediente e no cal reitera a solicitude de cancelación da garantía depositada. Aclara, non obstante, que todo iso non pode ser considerado como unha desistencia voluntaria da tramitación administrativa do parque eólico de referencia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático