Na sesión que tivo lugar o 23 de abril de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 28 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 23, do 4 de febreiro), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de bioloxía pesqueira, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 18 de xullo de 2025 (DOG núm. 162, do 26 de agosto),
ACORDOU:
Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.2.7 da convocatoria, á vista das reclamacións presentadas, anular as preguntas 80 e 139; pasan a ocupar o seu lugar, respectivamente, as preguntas de reserva 173 e 174. Desestímase o resto de reclamacións.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, na quenda de acceso libre superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 25 puntos. Fíxase en 87 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Feita a corrección dos exames na sesión do día 23 de abril de 2026, e consonte os anteriores criterios, na quenda de acceso libre acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de catro (4) persoas aspirantes.
Terceiro. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes no primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de bioloxía pesqueira.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o aspirante que superase o primeiro exercicio deberá entregar a programación didáctica correspondente ao segundo exercicio o día 27 de maio de 2026, na sala D, situada na planta baixa do edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, entre as 16.00 e as 17.00 horas. Esta programación será recollida polo tribunal e defenderase ante este no momento en que sexa convocado para tal efecto, empregando unha copia da programación que se entregou. A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha materia ou módulo relacionado coa especialidade en que se participa (bioloxía pesqueira) e axustarase ao modelo establecido no anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, e deberá conter un mínimo de 4 unidades didácticas.
Resultará excluído do proceso selectivo o persoal cuxa programación non se axuste ao establecido no parágrafo anterior. En ningún caso poderán excluírse as persoas aspirantes por deficiencias no contido da programación.
Sexto. De acordo coa base III.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
Mª Carmen Morales de la Fuente
Presidenta do tribunal
