DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 5 de maio de 2026 Páx. 26526

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 20 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT221D).

BDNS (Identif.): 902765.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/902765

Primeiro. Entidades ou persoas beneficiarias e excluídas

1. Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2026 na epígrafe 476.1, edición de libros, do imposto de actividades económicas.

2. Excluídas.

– As editoras que se atopen nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Aquelas persoas físicas ou xurídicas que estean sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran nalgunha prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produciron por discriminación de sexo de conformidade co disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

– As editoras que presenten contratos de tradución con persoas xurídicas.

– A autoedición que non teña distribución comercial, é dicir, que estea fóra das liñas de comercialización e distribución de plataformas físicas ou dixitais dos libros, así como aquelas obras comercializadas unicamente polo sistema de edición a demanda.

– As obras traducidas mediante técnicas de intelixencia artificial xenerativa. O órgano instrutor poderá verificar se a tradución foi elaborada por medio de intelixencia artificial xenerativa mediante as ferramentas que sexan necesarias.

– As traducións de obras que recibiron esta mesma subvención en convocatorias anteriores.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido nesta orde (código de procedemento CT221D).

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas e comercializadas orixinariamente en galego.

Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT221D).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, por un importe máximo de 50.000,00 €, dos cales 22.500,00 € corresponden á anualidade 2026 e 27.500,00 € á anualidade 2027.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a computarse ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do último día de presentación de solicitudes.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude