En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva parcial do Plan básico municipal de Porqueira (Ourense), mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 14 de abril de 2026, que figura como anexo.
Unha vez inscrito o Plan básico municipal de Porqueira no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra do documento, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Avaliacion_ambiental?content=SX_Calidade_Avaliacion_Ambiental/AAE/Avaliacion_ambiental_estratexica.html
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva parcial do Plan básico
municipal do Concello de Porqueira (Ourense)
De conformidade co previsto no artigo 63 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os plans básicos municipais son os instrumentos de planeamento urbanístico que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico de Galicia para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral.
Os plans básicos municipais constitúen unha ordenación básica, cuxa formulación, tramitación e aprobación lle corresponden á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal por parte do concello.
Mediante o Decreto 83/2018, do 26 de xullo, aprobouse o Plan básico autonómico de Galicia (DOG núm. 162, do 27 de agosto) que foi obxecto de nove actualizacións, a última delas aprobada mediante Resolución da directora xeral de Urbanismo do 15 de decembro de 2025 (DOG núm. 244, do 18 de decembro; coa corrección de erros do 13 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro).
O 20 de setembro de 2017, o Concello de Porqueira remitiu un escrito á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no cal solicitaba a redacción do Plan básico municipal (PBM) do seu termo municipal por parte da consellería competente en materia de urbanismo.
Analizado o documento redactado e tramitado regulamentariamente, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo o 23 de marzo de 2026, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello de Porqueira, de menos de 5.000 habitantes (806 habitantes no ano 2025 segundo a información do Instituto Nacional de Estatística), non conta con planeamento urbanístico xeral, senón unicamente coa delimitación de solo de núcleo rural de San Lourenzo, con aprobación definitiva do 1 de xuño de 2017 (DOG núm. 130, do 10 de xullo) e cun Plan especial de infraestruturas e dotacións no ámbito da Forxa, con aprobación definitiva do 7 de xullo de 2017 (DOG núm. 157, do 21 de agosto).
2. En atención ao exposto, o Concello de Porqueira cumpre cos requisitos que o artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, exixe para poder redactar un plan básico municipal no seu termo municipal.
II. Marco normativo.
Na redacción e tramitación do PBM tense en conta, ademais da normativa sectorial aplicable, a seguinte normativa urbanística autonómica:
– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).
– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).
– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia (en diante, PBA).
– Orde do 10 de outubro de 2019 pola que se aproban as Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (en diante, NNTTPP).
O artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, define os plans básicos municipais como «os instrumentos de planeamento urbanístico dun termo municipal completo, que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral...».
Os referidos plans teñen por obxecto «...a delimitación dos núcleos rurais existentes e dos terreos que reúnan os requisitos exixidos para seren clasificados como solo urbano consolidado. Os plans básicos municipais categorizarán o solo rústico, segundo as delimitacións das afectacións establecidas no Plan básico autonómico».
O procedemento para a aprobación do PBM regúlase no artigo 64 da LSG e no artigo 156 do RLSG.
III. Tramitación.
1. O 15 de xullo de 2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo solicitou iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada do PBM de Porqueira. Xunto coa solicitude, envía o borrador do plan e o documento ambiental estratéxico, que cumpre co contido regulado no artigo 29 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
2. O 22 de xullo de 2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático inicia o período de consultas previas á formulación do Informe ambiental estratéxico (IAE), polo prazo de trinta (30) días hábiles.
Constan nese trámite as seguintes consultas recibidas:
• Augas de Galicia.
• Instituto de Estudos do Territorio.
• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
• Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
• Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Servizo de Montes de Ourense).
• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (Servizo de Infraestruturas Agrarias de Ourense).
• Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
• Particular.
• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (recibida logo da emisión do IAE).
Segundo consta no IAE, tamén se realizaron consultas previas á Dirección Xeral de Defensa do Monte, á Deputación Provincial de Ourense e ao Concello de Porqueira, ben que estes organismos non responderon.
3. Tras este período de consultas previas, o 20 de outubro de 2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a resolución pola que se formula o IAE do PBM de Porqueira (DOG núm. 222, do 3 de novembro), no cal conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria este PBM.
4. Con independencia do trámite ambiental, e con carácter previo á aprobación inicial do PBM, o 13 de agosto de 2020 solicitouse informe á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), que foi recibido o 30 de setembro de 2020.
Ademais, o 17 de novembro de 2020 solicitouse un certificado do Catastro Mineiro relativo aos dereitos mineiros no concello de Porqueira, que foi recibido o 25 de novembro de 2020.
5. O PBM de Porqueira foi aprobado inicialmente por resolución da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de maio de 2021.
6. O documento foi sometido a información pública por un prazo de dous meses, contados a partir da publicación do anuncio da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 28 de maio de 2021 no DOG núm. 113, do 16 de xuño, así como en dous dos xornais de maior difusión na provincia (La Región e La Voz de Galicia) na mesma data.
O documento estivo dispoñible para a súa consulta no Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial de Ourense (hoxe Departamento Territorial de Ourense), no Concello de Porqueira e na web de documentos en Información pública da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (hoxe):
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica/urbanismo-territorio
7. O 28 de maio de 2021 solicitáronselles os informes sectoriais previos á aprobación definitiva ás administracións competentes afectadas, así como o informe determinante do Concello de Porqueira.
Na mesma data enviouse a comunicación preceptiva prevista no artigo 189 da Lei 3/2003, de patrimonio das administracións públicas, e a prevista no artigo 101 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
8. Foi recadado o pronunciamento favorable ou favorable condicionado dos seguintes organismos ou administracións (indícase unicamente a data de recepción do último informe de cada organismo):
|
Organismo/administración |
Data de recepción do informe |
|
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior |
1.6.2021 |
|
Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Subdirección Xeral de Planificación, Rede Transeuropea Loxística |
7.6.2021 |
|
Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense (enerxía) |
10.6.2021 |
|
Ministerio de Defensa |
14.6.2021 |
|
Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense (minas) |
25.6.2021 |
|
Instituto de Estudos do Territorio. Servizo de Planificación da Paisaxe |
13.7.2021 |
|
Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación |
21.7.2021 |
|
Delegación do Goberno |
2.8.2021 |
|
Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas |
2.8.2021 |
|
Delegación Provincial de Economía e Facenda en Ourense |
2.8.2021 |
|
Consellería de Facenda e Administración Pública. Subdirección Xeral do Patrimonio |
2.8.2021 |
|
Dirección Xeral de Patrimonio Natural |
7.9.2021 |
|
Concello de Porqueira |
12.11.2021 |
|
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural |
19.1.2022 |
|
Deputación Provincial de Ourense |
21.2.2022 |
|
Augas de Galicia |
25.3.2022 |
|
Axencia Galega de Infraestruturas |
10.6.2022 7.6.2024 (achegan unha actualización da normativa) |
|
Confederación Hidrográfica do Miño-Sil |
27.5.2025 6.3.2026 |
|
Secretaría Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual |
23.9.2025 |
|
Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense |
12.12.2025 |
Así mesmo, por indicación da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, o 3 de agosto de 2021, o 7 de novembro de 2021 e o 9 de marzo de 2021 consultouse a UFD Distribución Electricidad, S.A., como empresa que exerce as actividades de transporte e subministración de enerxía eléctrica no concello, e UFD respondeu o 1 de novembro de 2021 e o 24 de febreiro de 2022 aos dous primeiros escritos da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
En todo caso, o PBM de Porqueira integra as liñas eléctricas que constan identificadas no Plan básico autonómico de Galicia.
9. Respecto dos informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recibidos os días 27 de maio de 2025 e 6 de marzo de 2026, as conclusións 1 a 4 do segundo substitúen as conclusións 8 a 12 do primeiro. Á vista disto, e de cara á aprobación definitiva do documento, debe terse en conta o seguinte pronunciamento do organismo sectorial (transcrito en letra cursiva) no informe recibido o 27 de maio de 2025, que ten carácter favorable condicionado:
«2. O pronunciamento favorable en canto á dispoñibilidade xurídica de auga a teito de planeamento para o abastecemento do núcleo de 0604 Soutelo, que queda condicionado á obtención da modificación de características que se está tramitando da concesión A/32/18620, ampliando o seu caudal a máis de 1.007,40 m3/ano».
Á vista disto, non conta con pronunciamento favorable do organismo de bacía o núcleo rural 0604 Soutelo.
10. O 12 de novembro de 2021 recibiuse un certificado municipal no cal se indica que na sesión ordinaria do Pleno da Corporación do Concello de Porqueira, que tivo lugar o día 28 de setembro de 2021, se adoptou o acordo de aprobación de conformidade co PBM por unanimidade.
11. Durante o período de información pública recibíronse un total de 19 alegacións; 18 delas foron presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Porqueira e outra tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, formando parte do informe emitido polo organismo UFD Distribución de Electricidad, S.A.
Consta no expediente un informe no cal se listan as alegacións recibidas, asinado o 9 de marzo de 2026. Así mesmo, consta no documento do PBM un anexo xustificativo da súa integración (arquivo 32062_PBM_202603_AD_MX_03.5ANX_ALEGAC) que se avalía nun punto posterior deste informe.
Considerando o total de alegacións recibidas, foron estimadas total ou parcialmente arredor do 94 %, segundo os datos que constan no expediente:
|
Total |
19 |
100 % |
|
Estimadas |
8 |
42,10 % |
|
Estimadas parcialmente |
10 |
52,63 % |
|
Desestimadas |
1 |
5,27 % |
12. O 10 de marzo de 2026, a Subdirección Xeral de Apoio Xurídico e Xestión Económica e a Subdirección Xeral de Urbanismo propuxeron emitir informe favorable sobre o PBM de Porqueira para a súa aprobación definitiva parcial, deixando en suspenso o solo de núcleo rural 0604 Soutelo ata que se dea cumprimento ao indicado no informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recibido o 27 de maio de 2025.
13. O 17 de marzo de 2026, o Pleno da Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo acordou por unanimidade emitir informe favorable sobre o Plan básico municipal de Porqueira nos termos propostos.
IV. Informe.
1. O documento para aprobación definitiva do PBM de Porqueira, datado en marzo de 2026, componse de dúas carpetas comprimidas, unha para cada soporte dixital preceptivo (pdf e editable):
• 32062_PBM_202603_AD_01PDF
• 32062_PBM_202603_AD_02EDIT
Acredítase a coincidencia entre soportes mediante declaración responsable asinada electronicamente polo equipo redactor, segundo o modelo do anexo 9 das NNTTPP.
2. En cumprimento do artigo 63.3 da LSG e do artigo 150 e seguintes do RLSG, o PBM de Porqueira conta cos seguintes documentos:
a) Memoria xustificativa das súas determinacións (cartafol 01.MX).
b) Análise do modelo de asentamento da poboación (cartafol 02.AMAP).
c) Planos de información (cartafol 03.PINF).
d) Planos de ordenación urbanística (cartafol 04.PORD).
e) Catálogo de elementos que se deben protexer (cartafol 05.CAT).
f) Normativa urbanística (cartafol 06.NU).
Ademais, en relación con outra normativa aplicable:
• Incorpora a documentación do trámite ambiental estratéxico simplificado (cartafol 07.AAE):
– Documento ambiental estratéxico.
– Alternativas ambientais 0, 1 e 2.
– Informe ambiental estratéxico.
– Extracto ambiental e as medidas de seguimento.
• Inclúe a zonificación acústica do territorio, ao abeiro da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, e do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia (cartafol 04.PORD).
• Contén un estudo da paisaxe, ao abeiro do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).
• Incorpora unha ficha de vixencia de planeamento, segundo o modelo do anexo 7 das NNTTPP (cartafol 01.MX, como anexo á memoria xustificativa).
• No tocante á normativa en materia de accesibilidade, o PBM é un documento non propositivo, sen documento económico, cuxas atribucións están limitadas ao recoñecemento das realidades existentes, polo que non formula propostas alternativas a itinerarios peonís adaptados, nos termos indicados no artigo 16 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. No tocante á toma en consideración no PBM de Porqueira do resultado da súa tramitación urbanística, logo da súa aprobación inicial, constan dous anexos á memoria xustificativa (cartafol 01.MX) nos cales se acredita:
• A integración das consideracións e observacións emitidas nos informes sectoriais recibidos, así como no informe determinante do Concello de Porqueira (arquivo 32062_PBM_202603_AD_MX_03.4ANX_INFSEC).
• A integración das alegacións recibidas durante o período de información pública (arquivo 32062_PBM_202603_AD_MX_03.5ANX_ALEGAC), no cal se describe o solicitado e se argumenta e resolve sobre a súa estimación, estimación parcial ou desestimación.
No tocante a este anexo, nel contabilizáronse de xeito individualizado as distintas solicitudes feitas nunha mesma alegación, polo que constan 23 solicitudes xustificadas (8 estimadas (34,78 %), 10 estimadas parcialmente (43,48 %) e 5 desestimadas (21,74 %).
En cumprimento da lexislación aplicable en materia de protección de datos, as alegacións recibidas codificáronse no dito anexo mediante a expresión L7_001, L7_002... (lote 7 do contrato e numeración correlativa) e incorporáronse para a súa identificación o número de rexistro, o DNI/NIF anonimizado, o núcleo/lugar e a parroquia, de ser o caso.
• Así mesmo, no número 10 da memoria xustificativa (arquivo 32062_PBM_202603_AD_MX_02XUS) tamén se xustifica a integración dos informes sectoriais recibidos antes da aprobación inicial.
4. En relación coas determinacións reguladas no artigo 63.2 da LSG e no artigo 149 do RLSG, o PBM de Porqueira:
• Non clasifica ningún ámbito como solo urbano consolidado de acordo co artigo 63.2.b) da LSG e 149.b) do RLSG, dado que o marcado carácter rural dos seus asentamentos fai que estes encaixen mellor na definición de solo de núcleo rural.
• Delimita 31 núcleos rurais (artigo 63.2.a) da LSG e 149.a) do RLSG) nun total de 6 parroquias, dos cales, segundo as fichas da AMAP, 17 son tradicionais (3 de tipo polinuclear), 1 é común de tipo polinuclear e os 13 restantes combinan partes tradicionais e comúns (2 de tipo polinuclear).
O PBM de Porqueira non declara subsistente a delimitación de solo de núcleo rural de San Lourenzo, aprobada definitivamente o 1 de xuño de 2017 (DOG núm. 130, do 10 de xullo), dado que opta por actualizar a súa delimitación adaptándoa á realidade física e parcelaria existente.
• Delimita o solo rústico e as súas distintas categorías, tanto o solo rústico de protección ordinaria como os solos rústicos de especial protección resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Porqueira (artigo 63.2.c) da LSG e 149.c) do RLSG), tendo en conta as afectacións sectoriais delimitadas no PBA e as consideracións establecidas nos informes e consultas sectoriais recibidos.
• Declara subsistente (artigo 63.1 da LSG e 148.1 do RLSG) o Plan especial de infraestruturas e dotacións no ámbito da Forxa, con aprobación definitiva do 7 de xullo de 2017 (DOG núm. 157, do 21 de agosto).
• Fixa o trazado da rede viaria pública existente e precisa o largo das vías e a sinalización de aliñacións (artigo 63.2.d) da LSG e 149.d) do RLSG).
• Contén unha normativa urbanística que reproduce no seu anexo I as ordenanzas reguladoras do Plan básico autonómico que resultan de aplicación para o territorio municipal de Porqueira (artigo 63.2.e) da LSG e 149.e) do RLSG).
Sen prexuízo disto, o PBM incorpora o seu propio texto articulado, que regula condicións específicas para as infraestruturas de servizos co gallo de dar cumprimento á normativa vixente en materia de telecomunicacións (artigo 149.e) do RLSG).
• Segundo consta no Catálogo de patrimonio cultural do PBM, o documento cataloga tres (3) bens de interese cultural (dous deles son escudos) e 161 bens catalogados:
|
Clasificación |
Tipo |
Nº elementos PBM |
Afectacións** |
|
Bens de interese cultural |
Arqueolóxico |
1 |
Delimitación e contorno de protección |
|
Artístico* |
2 |
Delimitación e contorno de protección |
|
|
Clasificación |
Tipo |
Nº elementos PBM |
Afectacións |
|
Bens catalogados |
Arqueolóxico |
12 |
Delimitación e contorno de protección |
|
Arquitectónico |
48 |
Delimitación e contorno de protección |
|
|
Etnolóxico |
101 |
Delimitación e contorno de protección |
* Trátase de dous escudos con condición de ben de interese cultural de conformidade co artigo 83.3 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia. Un forma parte do elemento 2.3.005 e outro do elemento 2.3.006.
**A maiores, tamén identifica o contorno de protección de catro (4) bens catalogados en concellos limítrofes con afectación sobre o Concello de Porqueira.
5. O PBM xustifica a integración das determinacións do Informe ambiental estratéxico na documentación da avaliación ambiental estratéxica (cartafol 07.AAE, arquivo 32062_PBM_202603_AD_AAE_05IAE) que reproduce o contido do IAE e explica o xeito en que se lles deu cumprimento ás súas consideracións.
6. A tramitación do PBM de Porqueira seguiu o procedemento regulado no artigo 64 da LSG e no artigo 156 do RLSG. A súa documentación cumpre co contido mínimo regulado no artigo 63.3 da LSG e no artigo 150 e seguintes do RLSG, e coas determinacións establecidas nos artigos 63.2 da LSG e 149 do RLSG.
A este respecto, no artigo 64.4 da LSG posibilítase a aprobación parcial do Plan básico municipal cando existan deficiencias que afecten áreas ou determinacións tan concretas que, prescindindo delas, o planeamento se poida aplicar con coherencia. A parte obxecto de reparos quedará en suspenso ata a emenda das deficiencias e nela resultará aplicable o réxime transitorio establecido nesta lei para os municipios sen planeamento urbanístico xeral.
7. En conclusión, o PBM de Porqueira é un documento completo e axustado á lexislación vixente para os efectos de acadar a súa aprobación definitiva parcial.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans básicos municipais correspóndelle á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 156.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, en relación co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.
En consecuencia, e visto o que antecede,
DISPOÑO:
1. Outorgarlle a aprobación definitiva parcial ao Plan básico municipal de Porqueira, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 156.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, deixando en suspenso o solo de núcleo rural 0604 Soutelo ata que se dea cumprimento ao indicado no informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recibido o 27 de maio de 2025.
2. De conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo publicará o acordo de aprobación definitiva parcial no Diario Oficial de Galicia e a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia de Ourense.
3. De conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio o Plan básico municipal de Porqueira no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Notifíqueselle esta orde ao Concello de Porqueira.
Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
