DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 7 de maio de 2026 Páx. 27009

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2026, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A).

BDNS (Identif.): 903270.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/903270

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das subvencións

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para o ano 2026, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP), as cales se tramitarán co código de procedemento PR780A.

Segundo. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo, do AFEDAP, só poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto no artigo 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, como nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de que as entidades non están incursas nas prohibicións ou circunstancias relacionadas nos ditos artigos realizarase mediante declaración responsable, a través dos anexos I, IV e VI, segundo corresponda.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2026, no marco do AFEDAP, están contidas na resolución de convocatoria.

Cuarto. Contías e crédito orzamentario

A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2026 establécese en 756.659,23 euros.

O importe distribúese do seguinte xeito:

Descrición

Aplicación orzamentaria

Importe

Entidades beneficiarias

Liña en concorrencia competitiva

10.81.122B.460.1

Fondo finalista do Estado

593.421,23 €

Entidades que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados

Liña en concorrencia non competitiva

10.81.122B.481.0

Fondo finalista do Estado

163.238,00 €

Entidades que presenten plans de formación interadministrativos

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, que comezará a computar transcorridos cinco (5) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte, ás 9.00 horas, e rematará ás 20.00 horas do día en que se cumpra o prazo dun mes.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública