De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución do 15 de abril de 2026 pola que se encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.
1. Actividades: posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a realización das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de 2.476 prazas:
– 128 prazas para a categoría de enfermaría familiar e comunitaria, 69 prazas para enfermaría obstétrico-xinecolóxica, 60 de enfermaría pediátrica e 3 prazas para enfermaría do traballo, convocadas todas elas na Resolución do 2 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 128, do 7 de xullo).
– 236 prazas na categoría de persoal de servizos xerais, 10 delas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocadas pola Resolución do 21 de agosto de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 170, do 4 de setembro).
– 1.980 prazas na categoría de enfermaría, convocadas pola Resolución do 2 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 132, do 11 de xullo).
O total de aspirantes admitidos/as nestas probas ascende a 17.405.
A actividade encomendada inclúe a posta á disposición dos espazos para a realización das probas co mobiliario e equipamento necesarios (megafonía, 3 pantallas LED de 5x3, 8 pantallas de TV 55’ complementarias, cadeiras e mesas individuais de madeira, material de imprenta, lonas indicadoras, adhesivos, carteis de sinalización e paneis de indicación de portas e corte de apelido, e sinalización da zona de aparcadoiros), servizo de vixilancia, seguridade e custodia, persoal de servizos múltiples, sistema de seguridade anti-móbil, detector de metais, calefacción (en función da situación climatolóxica), regulación de aparcadoiros, servizo de limpeza, conexión á internet por cable, servizo de imprenta, dúas fotocopiadoras e servizo de restauración para o persoal da organización.
2. Natureza e alcance da xestión encomendada: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.
O artigo 10 desta lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os cales se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
O artigo 10 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, prevé a posibilidade de encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúna a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico, de acordo co artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia.
De acordo co artigo 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.
3. Prazo de vixencia: o encargo terá unha duración comprendida entre a data da súa sinatura e o 16 de maio do 2026, tendo en conta as datas de realización das probas (días 25 e 26 de abril e 9 de maio) e o período de sete días previos e posteriores a elas, para o depósito e retirada de materiais.
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
