DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 8 de maio de 2026 Páx. 27167

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D).

missing image file

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 unha serie de materias sobre as que os municipios exercerán competencias propias, entre as cales se atopa a evacuación e tratamento de augas residuais. Así mesmo, no artigo 26 recóllense os servizos que, como mínimo, deben prestar os concellos, en función da súa poboación, entre os cales se inclúen a evacuación e tratamento de augas residuais como servizos básicos de obrigado cumprimento para todos os municipios.

O artigo 80.2.l) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladoras da Administración local de Galicia, establece como competencia propia e exclusiva das entidades locais o tratamento de augas residuais. Pola súa banda, a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, sinala a repartición competencial neste eido, resultando competencias das entidades locais en materia de execución de obras as que teñan por obxecto a rede de sumidoiros, redes de distribución, a execución de calquera obra no eido do saneamento e/ou depuración que non teña sido declarada de interese público por algún dos medios a que se refire o artigo 28 da citada Lei 9/2010, do 4 de novembro.

A actuación da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais en materia de saneamento de depuración de augas residuais terá por finalidade contribuír á execución do bo estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas asociados mediante o cumprimento dos obxectivos establecidos na lexislación aplicable, fomentándose a reutilización das augas depuradas cando sexa viable.

Para a consecución destes e dos restantes fins e obxectivos establecidos neste eido, o artigo 30 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, configura a colaboración entre as entidades locais e a Comunidade Autónoma de Galicia como un principio esencial para acadar os obxectivos comúns nas políticas de saneamento e depuración de Galicia.

Grazas a este marco de cooperación, nos últimos anos, a Comunidade Autónoma de Galicia experimentou un salto cualitativo na extensión territorial, entre outros, dos servizos de saneamento e depuración, ao cal contribuíu, en gran medida, a mobilización de investimentos públicos para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias. Estas intervencións e investimentos incidiron, sen dúbida, na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias na materia.

Non obstante, constatouse e comprobouse durante todo este tempo que as singularidades e peculiaridades demográficas e xeográficas de Galicia dificultan non soamente a execución das infraestruturas hidráulicas senón tamén a súa xestión para a prestación destes servizos de forma axeitada. Para alcanzar a máxima calidade das nosas augas e que estes servizos básicos de auga se presten con eficiencia e eficacia, as instalacións executadas deben ir acompañadas dunha adecuada xestión, explotación e mantemento.

No caso concreto dos servizos de saneamento e depuración, os traballos desenvolvidos por Augas de Galicia a través dos denominados plans locais de saneamento, os plans directores e os labores de apoio técnico aos concellos na explotación dos seus sistemas de saneamento indican que o funcionamento das redes de colectores son un aspecto clave para que estes servizos se poidan prestar dun xeito adecuado. A elevada pluviometría de Galicia, a proximidade de moitos sistemas de saneamento aos ríos ou ao mar ou a falta de control nas conexións ás redes existentes determinan a existencia de problemas de infiltracións nestes sistemas, que redundan nunha depuración pouco eficaz, consumos enerxéticos elevados e afectacións ambientais sobre os ecosistemas acuáticos.

As auditorías municipais demostraron ser un instrumento eficaz para a identificación dos problemas asociados á xestión das redes de saneamento. Identificar as principais entradas de augas brancas ou os puntos de alivio é o primeiro paso para mellorar o funcionamento dos sistemas de saneamento e poder programar actuacións que, sendo en moitos casos de pouca entidade, permitirán mellorar significativamente a prestación dos servizos e contribuír ao cumprimento dos obxectivos ambientais nun complexo escenario de cambio climático.

Por estes motivos, considerouse necesario cooperar coas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia a través de convocatorias de subvencións destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais complementarias ás actuacións consistentes na realización de auditorías municipais das redes de saneamento.

O elevado número de solicitudes presentadas ao abeiro das anteriores convocatorias de subvencións puxo de manifesto o grande interese das entidades locais galegas por dotarse de instrumentos que lles permitan reducir as infiltracións nas súas redes de saneamento, dando cumprimento así as obrigas establecidas no Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia.

Esta nova convocatoria de subvencións dá continuidade á liña de colaboración iniciada entre Augas de Galicia e as entidades responsables de sistemas de saneamento en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de saneamento e depuración.

A principal novidade desta nova convocatoria de subvencións é a posibilidade de que poidan participar, ademais dos concellos que teñan unha poboación inferior a 20.000 habitantes, as entidades locais menores.

Esta convocatoria será cofinanciada con cargo ao programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 70 % do gasto subvencionable, co seguinte encadre:

– Obxectivo político 2: unha Europa máis verde, baixa en carbono en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

– Prioridade: P2F. Recursos hídricos.

– Obxectivo específico RSO2.5 orientado a garantir o acceso seguro á auga, a súa xestión sustentable e o reforzo da resiliencia hídrica.

– Actuación 2.5.04 Mellora da eficiencia e resiliencia hídrica nos sistemas municipais de abastecemento e saneamento.

– A operación contribuirá directamente ao cumprimento dos seguintes indicadores de realización: RCO31 Lonxitude das tubaxes novas ou melloradas para a rede pública de recollida de augas residuais; RCO32 Capacidade nova ou mellorada para o tratamento de augas residuais; RCR42 Poboación conectada a polo menos unha planta de tratamento de augas residuais secundaria reforzando o impacto do programa en termos de mellora do servizo, protección ambiental e resiliencia hídrica.

– Finalmente, o ámbito de intervención afectado por esta actuación é o 065-Recollida e tratamento de augas residuais.

Esta actuación está dirixida á mellora da eficiencia e resiliencia dos sistemas municipais de saneamento, así como ao cumprimento da normativa europea en materia de depuración de augas residuais.

A proposta contribúe á redución de fugas e infiltracións, á modernización de infraestruturas hidráulicas e á incorporación de solucións tecnolóxicas avanzadas, en coherencia coas prioridades de dixitalización, eficiencia e adaptación ao cambio climático recollidas no programa.

Así mesmo, a actuación responde a necesidades específicas do territorio galego, caracterizado por unha elevada dispersión poboacional, reforzando o acceso equitativo á auga en zoas rurais e contribuído ao reto demográfico.

Por outra banda, esta operación enmárcase na Estratexia de resiliencia hídrica da Unión Europea, contribuíndo de forma directa ao fortalecemento dunha economía hídrica intelixente, sustentable e resiliente, así como á garantía do acceso equitativo á auga no territorio.

En particular, a operación contribúe ao obxectivo de mellorar a eficiencia no uso da auga, reducir as perdas nas redes e reforzar a adaptación ao cambio climático, especialmente en áreas rurais e de poboación dispersa, en liña co principio de water efficiency first promovido pola Comisión Europea.

Así mesmo, a proposta apoia a modernización e dixitalización das infraestruturas municipais de abastecemento e saneamento, reforzando a capacidade dos concellos para unha xestión máis eficiente, segura e sustentable dos recursos hídricos.

As actuacións previstas, orientadas á redución de fugas e infiltracións, así como á incorporación de solucións tecnolóxicas avanzadas, contribúen á protección do ciclo da auga, a mellora da calidade das masas de auga e o cumprimento dos obxectivos ambientais establecidos pola Unión Europea, en coherencia coa Directiva marco da auga e a Estratexia de resiliencia hídrica.

En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, a estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar dano significativo ao ambiente» (principio do no significant harm-DNSH), isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide de maneira negativa en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación ao cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións que permitan reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar estas subvencións para o ano 2026 con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento AU300D).

2. A finalidade das subvencións é axudar aos concellos e ás entidades locais menores responsables de sistemas de saneamento a executar actuacións para reducir infiltracións nos seus sistemas de saneamento, contribuíndo ao cumprimento dos obxectivos ambientais nun complexo escenario de cambio climático.

3. Estas subvencións tramitaranse de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con suxeición aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Réxime de concesión

1. A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas subvencións tramitaranse mediante o procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes presentadas tramitaranse por orde de entrada no rexistro ata o esgotamento do crédito, sempre que se presenten de maneira correcta e completa.

Enténdese que a solicitude está correcta e completamente presentada cando non deba ser obxecto de requirimento ou cando, sendo obxecto de requirimento, este sexa contestado no prazo establecido no artigo 17.2 desta resolución de convocatoria.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos que teñan unha poboación total inferior a 20.000 habitantes e as entidades locais menores, e que sexan responsables de sistemas de saneamento.

Para os efectos do cómputo do número de habitantes, observarase o previsto na disposición adicional primeira desta resolución.

No caso concreto das entidades locais menores poderán ter a condición de entidades beneficiarias sempre que sexan titulares da rede de saneamento sobre a que se pretenda actuar ou teñan delegadas as competencias municipais en materia de saneamento.

2. Non poderán concorrer nesta convocatoria os concellos e as entidades locais menores cando a actuación subvencionable se refira ao mesmo ámbito territorial e obxecto. Neste caso, só poderá presentar a solicitude a entidade que teña as competencias en materia de saneamento por atribución legal ou por delegación formal.

3. Para poder obter a condición de beneficiarios, todos os concellos e entidades locais menores solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter realizada e aprobada unha auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións con anterioridade á data de publicación desta resolución.

b) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e non ter pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

d) Ter remitido a conta xeral do concello ou entidade local menor solicitante correspondente ao exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas antes da data de presentación da solicitude da subvención que regula esta resolución.

4. Ningunha entidade local poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar a inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 destinados á execución das actuacións incluídas na auditoría municipal das redes de saneamento que teña aprobada a entidade local, sempre que a auditoría municipal da rede de saneamento aprobada polo concello ou entidade local menor conte cun plan de actuacións para reducir as infiltracións na rede de saneamento municipal no cal se recolla toda a información xerada, a análise e interpretación dos resultados obtidos, o inventario das deficiencias detectadas e as propostas de medidas correctoras para a súa emenda, priorizadas e valoradas técnica e economicamente. En todo caso, o beneficiario non poderá ter executado na súa totalidade o proxecto e pagado o investimento subvencionable antes da solicitude da subvención.

2. Subvencionaranse tanto os investimentos realizados na execución de obras como os gastos asociados a estas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos, podendo ser o total dos honorarios ata un máximo do 10 % da subvención.

3. En ningún caso se considerará gasto subvencionable, ademais dos gastos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os recollidos no artigo 64 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, coas especificacións recollidas. En particular, non se considerará gasto subvencionable o imposto sobre o valor engadido.

Tampouco será subvencionable a mesma actuación cando fose solicitada de maneira simultánea polo concello e a entidade local menor en que se sitúe esta.

Así mesmo, non serán subvencionables aqueles proxectos que xa fosen executados ao abeiro da Resolución do 28 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D) (DOG núm. 71, do 11 de abril de 2025).

4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, que non poden vincularse directamente á actividade subvencionada pero resultan necesarios par a súa execución (tales como gastos administrativo ou subministracións) e que se determinan con base no método de custos indirectos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, sobre disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro a la xestión de fronteiras e a política de visados.

5. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.a) do citado Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos no punto 2 deste artigo.

Artigo 5. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe de dous millóns cincocentos trinta e un mil douscentos oitenta e seis euros con sesenta e seis céntimos (2.531.286,66 €) e serán cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, co seguinte encadre:

– Obxectivo político 2: unha Europa máis verde, baixa en carbono en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

– Prioridade: P2F. Recursos hídricos.

– Obxectivo específico RSO2.5 orientado a garantir o acceso seguro á auga, a súa xestión sustentable e o reforzo da resiliencia hídrica.

– Actuación 2.5.04 Mellora da eficiencia e resiliencia hídrica nos sistemas municipais de abastecemento e saneamento.

– A operación contribuirá directamente ao cumprimento dos seguintes indicadores de realización: RCO31 Lonxitude das tubaxes novas ou melloradas para a rede pública de recollida de augas residuais; RCO32 Capacidade nova ou mellorada para o tratamento de augas residuais; RCR42 Poboación conectada a polo menos unha planta de tratamento de augas residuais secundaria reforzando o impacto do programa en termos de mellora do servizo, protección ambiental e resiliencia hídrica.

– O ámbito de intervención afectado por esta actuación é o 065-Recollida e tratamento de augas residuais.

2. Estas subvencións faranse efectivas con cargo a aplicación orzamentaria 06.82.542B.760.00 (código de proxecto 2024 00010) ata unha contía máxima de 2.531.286,66 € coa seguinte distribución por anualidades:

Ano

Feder (70 %) (€)

Fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia (30 %) (€)

Total (€)

2026

885.950,33 €

379.693,00 €

1.265.643,33 €

2027

885.950,33 €

379.693,00 €

1.265.643,33 €

Total

1.771.900,66 €

759.386,00 €

2.531.286,66 €

3. O esgotamento do crédito con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Augas de Galicia.

Artigo 6. Ampliación de crédito

1. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Neste suposto, atenderanse as solicitudes que, cumprindo os requisitos previstos nesta convocatoria inicialmente non obtivesen a subvención por falta de crédito dispoñible e quedasen nunha listaxe de espera, ordenadas pola súa data de presentación e ata o esgotamento do crédito ampliado.

Artigo 7. Importe máximo das subvencións

O importe da subvención será do 100 % do gasto subvencionable, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata o esgotamento do crédito.

Artigo 8. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións non serán compatibles con outras axudas ou subvencións públicas que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. Os concellos e entidades locais menores beneficiarios están obrigados a comunicar ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 20 de maio de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 22 de xuño de 2026.

Artigo 10. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en quen estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. Os concellos e entidades locais menores solicitantes deberán marcar no recadro correspondente do dito anexo se solicitan ou non a concesión dun anticipo do 50 % do importe da subvención no caso de resultar beneficiarios, segundo o previsto no artigo 23 desta resolución.

3. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, a persoa representante da entidade local declara o seguinte:

a) Que o concello ou entidade local menor solicitante acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de inmediato cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, con indicación do importe e da súa procedencia, se é o caso.

d) Que a conta xeral do concello ou entidade local menor solicitante correspondente ao exercicio orzamentario 2024 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que o concello ou entidade local menor solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

f) Que o concello ou a entidade local menor solicitante cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Que o concello ou a entidade local menor cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda, así como a normativa ambiental autonómica e a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

h) No suposto de que o proxecto subvencionado se defina segundo o establecido no artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou inclúa actuacións que se leven a cabo en superficie da Rede Natura 2000 ou outros espazos naturais protexidos, o concello ou a entidade local menor cumprirá coa normativa vixente neste eido e facilitará, de ser o caso, a documentación xustificativa que así o acredite.

Neste suposto, Augas de Galicia poderá facer as comprobacións precisas para acreditar o seu cumprimento e a entidade local beneficiaria deberá estar en posesión da documentacións xustificativa pertinente.

i) Que o concello ou a entidade local menor disporá de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a subvención.

j) Que o concello ou a entidade local menor conservará os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo mínimo de cinco anos contados a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á entidade beneficiaria, segundo se exixe no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

k) Que o concello ou a entidade local menor manterá un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

l) Que o concello ou a entidade local menor está en disposición de executar as obras e que conta cos permisos, licenzas, autorizacións e demais requisitos legais necesarios para a execución das actuacións subvencionables. No caso de non contar con estes permisos no momento da solicitude, o concello ou entidade local menor solicitante comprométese a xestionalos e a obtelos antes do inicio das actuacións, sendo responsable de calquera incumprimento ou sanción derivada da falta destes.

m) Que o concello ou entidade local menor asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión e a obriga de comunicar ao órgano xestor calquera caso de sospeita de fraude.

n) Que o concello ou entidade local menor se compromete a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e nos termos previstos no artigo 21.6 desta resolución.

Para garantir o cumprimento deste principio na execución das actuacións, cando proceda segundo a natureza desta, os concellos e entidades locais menores beneficiarios deben cumprir as seguintes condicións específicas na execución do proxecto:

1) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do contrato prepararase para a súa reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2) Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006.

ñ) Que o concello ou entidade local menor solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

o) Que o concello ou entidade local menor solicitante facilitará toda a información hidrolóxica xerada e, en especial, a relativa ás condicións das verteduras de augas residuais, así como calquera outra información que lle poida solicitar o organismo outorgante da subvención, en particular, aqueles datos que se consideren relevantes en relación co logro dos indicadores de realización e resultados tidos en conta nesta resolución para a execución dos proxectos.

p) Que o concello ou entidade local menor solicitante ten as competencias en materia de saneamento por atribución legal ou por delegación formal vixente.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. Os concellos e entidades locais menores interesados deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Un documento técnico no cal se describirá con suficiente grao de detalle a actuación para a que se solicita a subvención. No suposto de que a actuación solicitada teña por obxecto a execución dunha obra, o dito documento, que estará asinado por un técnico competente, terá o seguinte contido mínimo:

1º. Unha portada onde se indique expresamente o título da actuación, a entidade solicitante, a súa poboación referida ao 1 de xaneiro de 2025, o prazo de execución das obras, o orzamento para coñecemento da Administración, o nome do técnico competente que asina o documento, a súa titulación e a data de redacción.

2º. Unha memoria descritiva onde se explique con claridade, e en apartados independentes, polo menos as seguintes cuestións: a problemática existente e a solución técnica adoptada, unha descrición das obras e as súas principais características, a adscrición das obras na auditoría municipal de saneamento aprobada polo concello, o orzamento das obras e o prazo de execución.

3º. Unha memoria xustificativa con, polo menos, os seguintes anexos: estudo de seguridade e saúde ou estudo básico de seguridade e saúde; estudo de xestión dos residuos de construción e demolición; coordinación con outros organismos e servizos; estudo fotográfico; plan de obra; xustificación de prezos e anexos de cálculos hidráulicos ou estruturais.

No caso de que non se consideren necesarios, xustificarase este aspecto no anexo correspondente.

4º. Planos (de conxunto e de detalle) que definan perfectamente a obra, coa precisión e o detalle suficiente para que se poida executar na súa totalidade. Deberán incluír polo menos os seguintes tipos: planos de situación xeral suficientemente descritivos para que permitan localizar as obras no territorio; plantas xerais que representen os principais elementos que forman parte da actuación; planos de detalle cun grao de desenvolvemento e escala suficiente para a súa compresión e execución.

5º. Prego de prescricións técnicas. Terase en conta o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, sobre regras para o establecemento de prescricións técnicas xerais e particulares.

6º. Orzamento, incluíndo medicións, os cadros de prezos, os orzamentos parciais de cada capítulo, o orzamento de execución material como suma dos diferentes orzamentos parciais, o orzamento base de licitación de acordo coa normativa vixente e o orzamento para coñecemento da Administración.

b) Un documento económico da subvención que se solicita. Indicará xustificadamente:

1º. O importe total do investimento, incluíndo, cando proceda, o orzamento das obras e/ou instalación de equipamentos e, de ser o caso, os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos.

2º. O importe subvencionable, entendido como a parte do orzamento total do investimento que se solicita con cargo á subvención.

c) Copia da auditoría municipal das redes de saneamento para a redución de infiltracións aprobada pola entidade local con anterioridade á publicación desta resolución.

d) Resolución do órgano competente da entidade local pola que se aprobou a auditoría municipal de saneamento.

e) No caso de que a entidade solicitante sexa unha entidade local menor, certificación da Secretaría da entidade en que se faga constar que a entidade local menor é titular da rede de saneamento sobre a que se pretende actuar ou de que ten delegadas as competencias municipais en materia de saneamento.

f) Informe sobre a realización do análise do climate proofing conforme as orientacións técnicas da Comisión Europea e a Guía de Galicia para a súa aplicación e de acordo coa obriga recollida no artigo 21.7 desta resolución.

A falta de presentación da documentación indicada no apartado 1 poderá ser obxecto de requirimento de emenda, aplicándose o previsto no artigo 17.2 desta resolución para o suposto de que non se atenda ao requirimento.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. En todo caso, non se admitirá a presentación da documentación mediante ningún tipo de enlace.

Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2 GB por presentación.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento a seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón
https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, unha vez presentada a solicitude de subvención, poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación sobre o cumprimento de obrigas derivadas da xestión dos tributos en materia de augas que deba emitir Augas de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente do formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades locais interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas da conta xeral das entidades locais correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web de Augas de Galicia de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o esgotamento do crédito previsto na convocatoria, a ampliación do crédito, de ser o caso, e a relación de subvencións que se concedan.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán efectuarse de maneira electrónica accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Publicidade dos datos

1. Darase traslado á Base de datos nacional de subvencións do texto desta convocatoria e demais información requirida por esta, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. A cesión de datos de carácter persoal que, de ser o caso, se deba efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.

3. A aceptación da subvención implica tamén a inclusión nunha lista de operacións a que fai referencia o artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que deberá facer pública a autoridade de xestión no seu sitio web e que incluirá, entre outros, os datos das entidades beneficiarias destas subvencións cofinanciadas con fondos Feder.

4. Os datos, incluídos os datos de carácter persoal, serán comunicados á Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do programa Galicia Feder 2021-2027, na súa condición de organismo intermedio, e en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión, segundo o disposto nos artigos 72.1.e), 73, 74 e 82 e nos anexos XIV e XVII do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 17. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Revisadas as solicitudes e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá ao solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou á consellería competente en materia de facenda ou a Augas de Galicia, así como da verificación do DNI/NIE.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta resolución e no resto de normativa aplicable para poder ser entidade beneficiaria da subvencións.

Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que, da información que ten no seu poder, se desprende que os concellos e entidades locais menores propostos como beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

A proposta de resolución proporá a inadmisión das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará, segundo proceda, ben o outorgamento da subvención ben a desestimación e a non concesión, por inadmisión, desistencia, renuncia ao dereito, esgotamento do crédito ou imposibilidade material sobrevida.

O representante legal da entidade beneficiaria da subvención deberá remitir a Augas de Galicia o documento anexo á resolución de concesión da subvención denominado Aceptación do documento que establece as condicións de apoio (en diante, DECA) asinado, no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte á notificación da resolución de concesión. Esta obriga faise extensiva a calquera modificación do DECA que lle sexa comunicada.

3. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a denominación do proxecto subvencionado e o seu orzamento total, a contía da subvención concedida, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter, en todo caso, o documento polo que se establecen as condicións do apoio (DECA).

A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda do dereito ao cobramento da subvención.

O beneficiario deberá notificar ao organismo concedente calquera cambio nas circunstancias tidas en conta para conceder a subvención, coa finalidade de que se poidan modificar en consecuencia as condicións establecidas no DECA. Do mesmo xeito, calquera alteración das circunstancias que fagan necesaria unha ampliación do prazo de execución da operación deberá ser comunicada á Subdirección Xeral de Xestión do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Xunta de Galicia. Esta ampliación non poderá, en ningún caso, superar a data de finalización establecida nas directrices de peche do programa Galicia Feder 2021-2027.

4. O prazo para resolver o procedemento e notificar a resolución será de tres meses, contados a partir do día seguinte á presentación da solicitude.

5. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

6. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación das características do proxecto ou actividade subvencionada, cunha antelación mínima de tres meses á data de finalización do prazo de xustificación.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións autorizadas na resolución de concesión, non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da subvención concedida.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

6. Calquera modificación do contido do DECA deberá ser expresamente aceptada pola entidade beneficiaria da subvención.

Artigo 20. Desistencia da solicitude, aceptación do DECA e renuncia á subvención concedida

1. As entidades interesadas poderán desistir da súa solicitude a través do modelo que se achega como anexo II.

2. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para remitir a Augas de Galicia a aceptación expresa do documento que establece as condicións de apoio (DECA) asinada. A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda do dereito ao cobramento da subvención.

3. As entidades beneficiarias poderán renunciar á subvención concedida de maneira expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo II.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir co obxectivo da subvención nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución e iniciar a execución das actuacións para reducir as infiltracións na rede de saneamento municipal no ano 2026 e finalizalas con anterioridade ao prazo de xustificación da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Realizar o proceso de tramitación, adxudicación e execución da contratación conforme ás prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos e entidades locais menores contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivan dos incumprimentos nesta materia.

5. Destinar os bens á finalidade concreta para a que se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos posteriores ao último pagamento ao beneficiario, previsión recollida no artigo 65 do Regulamento (UE) nº2021/1060, e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento de esta obriga.

6. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Para garantir o cumprimento deste principio na execución das actuacións, cando proceda segundo a natureza desta, os concellos e entidades locais menores beneficiarios deben cumprir as seguintes condicións específicas na execución do proxecto:

1) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do contrato prepararase para a súa reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

Para estes efectos, deberán achegarse como xustificante da entrega, os xustificantes de xestión de residuos de construción e demolición destinados á reutilización, reciclaxe e recuperación, emitidos polas empresas receptoras de xestión de residuos, incluíndo os códigos do Catálogo europeo de residuos (CER) e a porcentaxe de recuperación acadada.

2) Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006.

Para estes efectos, deberá achegarse un certificado emitido pola empresa contratista que confirme que non se utilizaron amianto nin substancias moi preocupantes, tal e como se identifican na lista de substancias suxeitas a autorización do anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, na execución dos contratos.

7. Nos proxectos de infraestruturas que teñan unha vida útil de cinco anos como mínimo, acreditarase a realización da análise da defensa contra o cambio climático exixida no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, de acordo coa Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia (dispoñible no enderezo
https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-
comunitario-2021-2027/proteccion-de-infraestruturas-fronte-ao-cambio-climatico). Nos proxectos en que resulte preceptiva, pode integrarse na avaliación de impacto ambiental.

A realización da proba climática realizarase con anterioridade á implementación da actuación obxecto das subvencións recollidas nesta convocatoria coa finalidade de implementar aquelas medidas que, en virtude da citada proba, se aconsellen necesarias.

A citada Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia, así como un pequeno resumo desta, estarán dispoñibles na páxina web de Augas de Galicia no apartado «Fondos Europeos» (actualmente, a ligazón a este documento é a seguinte:

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Lei_transparencia?content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/feder-2021-2027/seccion.html&std=introducion.html)

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade.

9. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, de ser o caso, xunto cos xuros de mora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo desta resolución referido á perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro.

10. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse con anterioridade ou simultaneamente á presentación da xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos e, en todo caso, tan axiña como se coñeza.

11. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

12. Facer constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, no caso de accións de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial, e o emblema da Unión Europea, xunto cunha declaración de «Cofinanciado pola Unión Europea», de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

13. Cumprir as obrigas de visibilidade da axuda do fondo establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060, en particular as seguintes:

– As entidades beneficiarias recoñecerán a axuda da Unión Europea á operación e para iso, no sitio web oficial e nos medios sociais, de ser o caso, farán unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada en relación co nivel da axuda, cos seus obxectivos e resultados e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.

– Proporcionarán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible en documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, como por exemplo nos peches ou valos de obra que se coloquen durante a execución das actuacións.

– Exhibirán placas publicitarias resistentes nun lugar ben visible para o público, de tamaño mínimo A3 e colocadas ao comezo da execución das actuacións, en que figure o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

– Durante o período de obriga de conservar a documentación deberá manter, perfectamente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea se así o solicitan.

– Respectaranse en todo caso as directrices contidas no documento sobre o uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do RDC.

14. Facilitar toda a información hidrolóxica xerada e, en especial, a relativa as condicións das verteduras de augas residuais, así como calquera outra información que lle poida solicitar o organismo outorgante da subvención, en particular, aqueles datos que se consideren relevantes en relación co logro dos indicadores de realización e resultados tidos en conta nesta resolución para a execución dos proxectos.

15. O beneficiario deberá someterse aos procedementos de comprobación, verificación e control financeiro que poidan levar a cabo as unidades con competencia en fondos europeos a nivel rexional, nacional ou da Unión Europea, en particular, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a autoridade de xestión, a DG REGIO, a OLAF, a Fiscalía Europea ou o Tribunal de Contas Europeo, proporcionando toda a información que se lle solicite no exercicio dos procedementos antes mencionados, así como ás verificacións previstas nos artigos 74 e 77 do RDC.

Para tal fin, o beneficiario deberá conservar os libros contables, os rexistros debidamente formalizados e demais documentos que conforman o expediente da operación de acordo coa normativa aplicable, así como a documentación xustificativa da execución e o pagamento dos gastos subvencionables, durante un período de polo menos cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se realice o último pagamento, segundo o establecido no artigo 82 do RDC.

O beneficiario deberá someterse aos procedementos de control e análise de riscos que poida levar a cabo a autoridade de xestión do programa e, se é o caso, os organismos competentes, mediante aplicacións informáticas específicas como a ferramenta Arachne. Para estes efectos, a autoridade de xestión poderá utilizar a información facilitada polo beneficiario, de acordo coa normativa da UE e nacional aplicable ao Feder, para levar a cabo a análise de riscos antes mencionada.

O beneficiario aplicará medidas antifraude eficaces e proporcionadas dentro do seu ámbito de xestión, tendo en conta os riscos identificados, de acordo co artigo 74.c) do RDC, proporcionando información para a detección de posibles «bandeiras vermellas» e cumprindo a normativa da UE, nacional e autonómica aplicable, en particular a relativa á contratación pública. A detección de feitos que poidan constituír fraude ou irregularidade deberá ser comunicada á DXCFE e ao Servizo Nacional de Coordinación Loita contra a Fraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos, a través da canle habilitada para estes efectos:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, sen prexuízo da posibilidade de utilizar outras canles de denuncia.

Para tal fin, deberanse adoptar as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, comunicándolle, de ser o caso, ás autoridades que proceda os incumprimentos observados.

16. No caso de resultar beneficiarias da subvención, asinar o documento anexo á resolución de concesión da subvención denominado Aceptación do documento que establece as condicións de apoio (DECA) e remitilo asinado a Augas de Galicia no prazo de 10 días hábiles contado desde o día seguinte á notificación da resolución de concesión. A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda do dereito ao cobramento da subvención. Esta obriga de aceptar expresamente farase extensiva a calquera modificación do DECA que lle sexa comunicada.

17. Informar sobre o nivel de consecución dos indicadores ao mesmo tempo que xustifica os gastos, en cumprimento do disposto nos artigos 22.3.d).ii) e 42.2.b) do RDC.

Artigo 22. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros provedores non vinculados a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. Cando proceda, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

4. Dado que as entidades beneficiarias teñen a condición de Administración pública e de acordo co disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberán cumprir coa disciplina de contratación pública para adquirir os bens ou servizos subvencionables e deberán presentar a certificación emitida pola persoa responsable do control de legalidade da entidade beneficiaria, en que conste que se respectou o procedemento de contratación pública de acordo coa Lei 9/2017, de contratos do sector público.

Artigo 23. Pagamento anticipado

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Os pagamentos anticipados supoñen entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas e o seu importe será do 50 % do importe da subvención concedida.

2. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución do órgano competente para ditar a resolución do procedemento e no momento de ditarse esta, naqueles supostos en que o dito pagamento anticipado se tivese solicitado no anexo I.

3. O pagamento do anticipo farase efectivo no prazo máximo de dous meses desde a concesión da subvención.

4. Conforme o disposto no artigo 65.4.c) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. O prazo máximo para a presentación da documentación xustificativa da subvención concedida será o 2 de abril de 2027, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

2. As entidades locais beneficiarias deberán achegar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia o anexo III desta resolución en que expresamente se declarará:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta subvención, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que se cumpriu a finalidade da subvención.

3. Xunto co anexo III deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos e, en concreto, os beneficios obtidos na redución de infiltracións. Estará asinado por un técnico competente e reflectirase graficamente a situación previa á execución das obras e o estado con posterioridade á execución destas, a través de planos e fotografías, os principais fitos no avance delas, e acreditarase que as actuacións subvencionadas foron executadas conforme a documentación técnica presentada na solicitude.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, asinada polo interventor da entidade local, que conterá:

1º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor, o número de factura ou documento equivalente, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención fose concedida con base nun orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

2º. As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no apartado anterior e a documentación acreditativa do pagamento, consonte o disposto no artigo 51 da Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

3º. Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba solicitar o beneficiario.

c) Conta xustificativa asinada pola persoa responsable do control de legalidade que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Documento acreditativo do inicio das actuacións no ano 2026.

e) Xustificantes de xestión de residuos de construción e demolición destinados á reutilización, reciclaxe e recuperación, emitidos polas empresas receptoras de xestión de residuos, incluíndo os códigos do Catálogo europeo de residuos (CER) e a porcentaxe de recuperación acadada.

f) Certificado emitido pola empresa contratista que confirme que non se utilizaron amianto nin substancias moi preocupantes, tal e como se identifican na lista de substancias suxeitas a autorización do anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, na execución dos contratos.

g) Documentación acreditativa de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través da páxina web, exemplares da documentación escrita etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, de acordo coas obrigas de visibilidade da axuda do fondo establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060, segundo o disposto no artigo 21.13 desta resolución.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable a esta subvención, constitúen causa de perda do dereito ao cobramento da subvención ou, de ser o caso, de reintegro das cantidades percibidas, as seguintes:

a) Non achegar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos nestas bases reguladoras. A falta ou insuficiente xustificación implicará que non se teñan por realizados o proxecto subvencionado nin o gasto, polo que a perda de dereito será total.

Compréndese neste suposto a inclusión de gastos que non corresponden ao proxecto subvencionado ou aqueles xustificados con documentos que non reflicten a realidade das operacións.

b) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, tanto nestas bases reguladoras como na normativa xeral de subvencións. En particular, e sen prexuízo doutros supostos aplicables, consideraranse incumprimentos das condicións establecidas os seguintes:

1) Non executar, como mínimo, o 50 % do proxecto subvencionable nos termos en que se propuxo para recibir a subvención dentro dos prazos establecidos nesta resolución. A acreditación deste aspecto realizarase mediante a correspondente certificación ou certificacións de obra e coa memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas. O seu incumprimento implica unha vulneración da obriga material principal da entidade beneficiaria, polo que suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

2) O incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta resolución.

A vulneración das obrigas sobre publicidade durante a execución do proxecto suporá a perda do dereito ao cobramento da subvención.

No período de mantemento do investimento, o incumprimento das obrigas relativas a publicidade suporá o reintegro do 3 % da axuda concedida.

3) O incumprimento das normas e condicións relativas á contratación, contidas nestas bases e na demais normativa de aplicación, suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

4) A falta de aceptación expresa establecida no artigo 18 dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención.

5) O incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor. Neste suposto, o importe da perda do dereito ou, de ser o caso, do reintegro calcularase de forma proporcional ao período de incumprimento.

6) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder, suporá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.

7) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

8) O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da dita Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de calquera outro que resulte da normativa aplicable.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Normativa de aplicación

En todo o non previsto nestas bases aplicarase a regulamentación contida na normativa seguinte:

– Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

– Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión e fronteiras e a política de visados.

– Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

– Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

– Normativa ambiental europea, particularmente o establecido no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que regula o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio do no significan harm-DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución.

– Regulamento (CE) nº 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

– A restante normativa que resulte de aplicación.

Artigo 28. Medidas antifraude, corrupción e conflito de interese

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que poden consultarse nas seguintes ligazóns:

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pdf

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade, en relación con actuacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco deste procedemento, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado en SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.

3. A investigación e tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Número de habitantes

Para o cómputo do número de habitantes dos concellos solicitantes desta subvención terase en conta o disposto no Real decreto 1117/2025, do 3 decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2025.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, para ampliar o crédito da convocatoria, ampliar o prazo de xustificación ou para calquera outra modificación da resolución, para resolver os recursos que se presenten contras as resolucións que se diten e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional terceira. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Visibilidade da sinatura electrónica

Co fin de facilitar a tramitación do expediente e verificar de forma axeitada a validez e data de emisión da documentación presentada, recoméndase que todos os documentos asinados de maneira electrónica inclúan a sinatura visible, de xeito que se poida comprobar de forma clara a identidade da persoa asinante e a data de sinatura.

Disposición adicional quinta. Contido mínimo das auditorías municipais das redes de saneamento

Na seguinte ligazón á páxina web de Augas de Galicia ponse á disposición das entidades interesadas un modelo de auditoría de saneamento e protocolo de inspección de redes de saneamento para a detección de infiltracións, así como algunhas recomendacións para a súa elaboración.

https://augasdegalicia.xunta.gal/seccion-tema/c/Mellora_redes_saneamento?content=/Portal-Web/Contidos_Augas_Galicia/Seccions/reducion-infiltracions-saneamento/seccion.html&std=reducion-infiltracions-saneamento.html

As auditorías municipais das redes de saneamento aprobadas con anterioridade á publicación desta resolución que se presenten xunto coa solicitude de subvención deberán ter o contido mínimo que figura no dito modelo de auditoría.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file