DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 8 de maio de 2026 Páx. 27213

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D).

BDNS (Identif.): 903576.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/903576

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos que teñan unha poboación total inferior a 20.000 habitantes e as entidades locais menores, e que sexan responsables de sistemas de saneamento.

No caso concreto das entidades locais menores, poderán ter a condición de entidades beneficiarias sempre que sexan titulares da rede de saneamento sobre a que se pretenda actuar ou teñan delegadas as competencias municipais en materia de saneamento.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións que permitan reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar estas subvencións para o ano 2026 con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento AU300D).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (código de procedemento AU300D).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por un importe de dous millóns cincocentos trinta e un mil douscentos oitenta e seis euros con sesenta e seis céntimos (2.531.286,66 €) e serán cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

O importe da subvención será do 100 % do gasto subvencionable, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), co límite máximo de corenta e cinco mil euros (45.000,00 €) por solicitude, ata o esgotamento do crédito.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 20 de maio de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 22 de xuño de 2026.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia