1. O 13 de xaneiro de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, con carácter plurianual, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento VI435E).
O punto terceiro do ordinal primeiro da citada Resolución do 22 de decembro establece o seguinte: A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O punto segundo do ordinal trixésimo segundo da dita resolución, baixo a rúbrica Prazo de presentación de solicitudes, dispón: O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de setembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. O ordinal trixésimo cuarto da Resolución do 22 de decembro, polo tanto, dentro do punto relativo á convocatoria para o ano 2026, baixo a rúbrica Crédito orzamentario, sinala o seguinte: As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 3.000.000,00 euros para a anualidade 2026 e por importe de 2.000.000,00 euros para a anualidade 2027.
4. Tramitadas as solicitudes presentadas ao abeiro da referida Resolución do 22 de decembro e resoltas conforme o criterio de prioridade establecido no punto segundo do seu ordinal vixésimo primeiro, constátase que se esgotou o orzamento dispoñible para a concesión das axudas.
5. De conformidade co punto dous do ordinal trixésimo segundo da Resolución do 22 de decembro de 2025, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Polo exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar o peche do prazo de presentación de solicitudes para as axudas convocadas ao abeiro da Resolución do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, con carácter plurianual, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento VI435E).
Segundo. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito dispoñible con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
