DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 12 de maio de 2026 Páx. 27586

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 28 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións do Programa de dinamización comercial dirixido a federacións ou asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CO300B).

BDNS (Identif.): 904242.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/904242

Primeiro. Persoas beneficiarias

a) As asociacións de comerciantes sen fins de lucro que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación supere o municipal e se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde, entenderase que teñen un ámbito de actuación superior ao municipal cando, polo menos, o vinte por cento dos comercios polo miúdo asociados se atopen en dous ou máis concellos diferentes a aquel onde radique a sede da asociación.

b) As federacións de asociacións de comerciantes que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos desta orde, as federacións de asociacións de comerciantes deberán ter un mínimo de tres asociacións asociadas.

No caso de que o ámbito territorial da federación non supere o municipio, este deberá contar con máis de 68.000 habitantes.

Segundo. Obxecto

A incentivación da demanda comercial e o incremento das vendas do comercio retallista.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente na convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destínanse 200.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.481.01 e código de proxecto 2026 00055, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde as 9.00 horas do 5º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 horas. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración