A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa Comunidade Autónoma segundo o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración determina que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins.
Neste marco de referencia, o 31 de marzo de 2025 o Consello da Xunta aproba o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 coa finalidade de incrementar a competitividade do comercio galego apoiándose entre outras medidas no impulso e na dinamización dos contornos comerciais urbanos mediante distintas accións para desenvolver proxectos de dinamización e promoción comercial de valor engadido.
Na actualidade, o comercio tradicional está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades.
Por isto, e co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de obxectivos entre os que cabe subliñar a incentivación da demanda comercial e a mellora da loxística do comercio, así como a consecución dunha imaxe máis competitiva e dinámica do comercio galego polo miúdo.
Polo tanto, esta orde diríxese a aquelas federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal, que desenvolvan actuacións para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación da demanda comercial, a través de fórmulas conxuntas e integrais que superen a capacidade de actuación das asociacións de comerciantes de ámbito municipal.
Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases (anexo I) polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinadas á revitalización do comercio de proximidade e á incentivación do consumo a través do Programa de dinamización comercial dirixido a federacións ou asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CO300B).
Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2026.
2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión será formulada polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención. Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que contribúan a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, incentivando a demanda comercial e a mellora da loxística do comercio, así como a consecución dunha imaxe máis competitiva e dinámica do comercio galego polo miúdo.
4. Para a concesión destas subvencións destínanse 200.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.06.751A.481.01 e código de proxecto 2026 00055, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
5. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
c) Dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 2. Solicitudes
1. Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha única solicitude dirixida á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.
2. As solicitudes presentaranse no prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria, e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.
3. No caso de presentar máis dunha solicitude, terase en conta a última solicitude presentada, agás no caso de que a primeira estivese xa tramitada.
4. No caso de que máis dunha solicitude ou emenda teña a mesma data de presentación, prevalecerá aquela cuxa hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela a que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
5. Para os efectos da determinación da prelación temporal de concesión das axudas e, en aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. Non obstante, no caso de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e a hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. Así mesmo, no caso de que se presente unha mellora ou achega voluntaria da solicitude, a data para ter en conta será a da mellora.
6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das bases reguladoras da subvención, así como a aceptación da axuda.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde as 9.00 horas do 5º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
O último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 horas. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión
Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a catro meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuadas electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300B, poderase obter información a través dos seguintes medios:
1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal
2. Nos teléfonos 981 54 55 57, 981 54 45 30 e 981 99 55 29 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 9. Recursos
Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) nos termos requiridos no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, para resolver a concesión ou denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos perda de dereito ao cobro e de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión das subvencións do Programa de dinamización comercial dirixido a federacións ou asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal (código de procedemento CO300B)
Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a incentivación da demanda comercial e o incremento das vendas do comercio retallista a través as bases reguladoras para a concesión das subvencións do Programa de dinamización comercial dirixido a federacións ou asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ata o esgotamento de crédito e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000,00 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 € durante calquera período de tres anos. O concepto de única empresa inclúe todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:
a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.
b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.
c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha disposición contida nos seus estatutos ou na súa escritura de constitución.
d) Una empresa, accionista ou socia doutra, controla en solitario, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda, a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios desta.
As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas alíneas a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de única empresa.
Artigo 2. Financiamento e concorrencia
1. Para a concesión destas subvencións destinaranse créditos da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, na contía que se consigne en cada convocatoria de axudas.
2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.
3. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería, para os mesmos conceptos subvencionables e mesma persoa/entidade beneficiaria.
4. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:
a) As asociacións de comerciantes sen fins de lucro que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación supere o municipal e se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos desta orde, entenderase que teñen un ámbito de actuación superior ao municipal cando, polo menos, o vinte por cento dos comercios polo miúdo asociados se atopen en dous ou máis concellos diferentes a aquel onde radique a sede da asociación.
b) As federacións de asociacións de comerciantes que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos desta orde, as federacións de asociacións de comerciantes deberán ter un mínimo de tres asociacións asociadas.
No caso de que o ámbito territorial da federación non supere o municipio, este deberá contar con máis de 68.000 habitantes.
2. En todo caso, as asociacións e federacións de comerciantes deberán:
a) Estar debidamente constituída no momento da publicación desta orde no DOG.
b) Estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a orde de convocatoria.
3. Para os efectos desta orde, consideraranse asociacións e federacións de comerciantes aquelas en que o número total dos comercios retallistas integrados nelas sexa igual ou superior ao 50 % do número total de membros da entidade. Para estes efectos teranse en conta os comercios asociados incluídos nos IAE establecidos no anexo VII.
4. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as federacións de carácter provincial integradas nunha federación de ámbito autonómico.
Artigo 4. Actuacións subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables as actuacións desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación da demanda comercial e do consumo en que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais, a través da posta en marcha das seguintes actividades:
– Campañas de promoción comercial en datas ou períodos comerciais.
– Campañas de dinamización comercial na rúa con participación directa dos comercios asociados e as persoas consumidoras.
– Organización de eventos de promoción comercial.
– Calquera outra campaña de dinamización, animación e promoción comercial.
En todo caso, cada actividade deberá amosar a participación directa das federacións ou asociacións de comerciantes integradas na entidade beneficiaria ou dos establecementos comerciais asociados, de ser o caso.
2. Para que os gastos sexan subvencionables, as federacións e asociacións de comerciantes deberán realizar, dentro do período subvencionable de cada convocatoria, un mínimo de catro actuacións de dinamización das establecidas no punto anterior.
3. Gastos subvencionables.
Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, consideraranse subvencionables os gastos por actuacións de dinamización que se correspondan coas categorías de gasto enumeradas a continuación, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de novembro de 2025 ata a data límite de xustificación (30 de outubro de 2026).
As categorías de gasto subvencionables por campaña ou actuación de dinamización son os seguintes:
a) Os servizos profesionais externos para o deseño e a posta en marcha da campaña.
b) O alugamento de medios técnicos (carpas e análogos, son e imaxe).
c) Os seguros de responsabilidade civil derivados da campaña promocional. Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.
d) A publicidade en medios de comunicación (prensa, radio e televisión) sempre que estea directamente vinculada coa campaña promocional. O material de promoción e difusión da campaña como carteis, folletos, vídeos e outro material promocional en liña e para as redes sociais.
e) Os regalos promocionais cun investimento máximo subvencionable de 5.000 €. En todo caso, os regalos promocionais deben estar asociados a unha actividade concreta de dinamización e vinculados a unha venda.
O investimento máximo subvencionable por cada unha das categorías de gasto contidas nas letras a), b), c) e d) será do 60 % do orzamento total subvencionado.
4. Gastos e actuacións non subvencionables.
Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables:
a) Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As actuacións ou, se é o caso, os gastos asociados a actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia de acordo co establecido nos artigos 15.i) e 16 destas bases reguladoras.
c) Aqueles investimentos de conceptos de gasto non incluídos na solicitude.
d) As actividades de dinamización desenvolvidas unicamente en ámbitos territoriais onde exista un centro comercial aberto subvencionado no ano 2026 pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
e) Os custos de persoal.
f) As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa das asociacións de comerciantes e, se é o caso, dos establecementos comerciais asociados.
g) Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.
h) A realización de cócteles e actos análogos.
i) As bolsas comerciais que non estean vinculadas a unha campaña de dinamización comercial.
j) A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.
k) Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia nos termos establecidos nos artigos 15.i) e 16 destas bases reguladoras.
l) A publicidade xenérica da federación ou, se é o caso, asociación, así como das campañas dirixidas á captación de asociados.
m) As actuacións promovidas polos centros comerciais abertos ou polas asociacións de praceiros das prazas de abastos.
Artigo 5. Investimentos máximos subvencionables
1. A porcentaxe da subvención acadará o 80 % dos seguintes investimentos máximos subvencionables, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado:
a) 48.000 € para as federacións de asociacións de comerciantes.
b) 13.000 € para as asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal.
No suposto de que o número de comercios integrados nas federacións ou nas asociacións de ámbito superior ao municipal sexa inferior a 100, a intensidade da axuda reducirase ao 50 % do investimento.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:
a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.
c) Anexo III. Declaración pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade solicitante que acredite:
– A composición actualizada da Xunta Directiva da entidade asociativa.
– O número total de membros asociados.
– O número de comercios retallistas asociados.
– Orzamento de exercicio corrente da entidade asociativa aprobado polo órgano competente.
d) Anexo IV. Certificado de ter aprobadas as contas anuais pola Xunta Directiva da entidade solicitante no exercicio inmediato anterior á convocatoria, e no caso de que aínda non estivesen aprobadas, no exercicio anterior a este.
e) Memoria asinada sobre o proxecto de dinamización e incentivación do consumo, segundo o modelo que consta na sede electrónica, que deberá incluír respecto de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención (mínimo 4):
– A denominación da actividade.
– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade con indicación dos seus obxectivos xerais e específicos.
– A localización e as datas previstas para a súa realización.
– O número e as características dos/das participantes e beneficiarios/as.
– O orzamento desagregado e detallado dos gastos con indicación das fontes de financiamento e, se é o caso, a porcentaxe e contías achegadas por cada unha das partes.
f) Copia da acta da sesión en que se informen as persoas comerciantes asociadas do proxecto para o cal se solicita a subvención.
g) De ser o caso, documentación que acredite que a entidade ten concedida a exención prevista no artigo 20.un.12º da Lei 37/1992, sobre o imposto de valor engadido.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Pagamento anticipado
1. A persoa/entidade solicitante poderá solicitar, marcando o cadro indicado para o efecto no anexo de solicitude (anexo II), o pagamento anticipado, que supoñerá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, equivalente:
– Ao 80 % da subvención concedida cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros.
– Cando a subvención supere os 18.000 € sumarase un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 €.
2. Para ter dereito ao cobramento do pagamento anticipado non será necesaria a constitución de garantía, de acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o cal exonera da constitución de garantía as institucións sen fins de lucro en subvencións con cargo a créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV.
3. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou sexan inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
4. Tampouco procederá o pagamento anticipado cando o importe da axuda que se vai conceder sexa inferior a 3.000 €.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, para os efectos de percibir subvencións.
e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, para os efectos de percibir subvencións.
f) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia, para os efectos de percibir subvencións.
g) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou a persoa representante para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Órganos competentes
A Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, correspondéndolle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 10. Instrución dos procedementos
1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitude.
A subvención concederase en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.
2. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a persoa interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.
En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.
Artigo 11. Resolución e notificación
1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución que será elevada á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, as causas da desestimación ou inadmisión.
Na resolución indicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto da subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L).
En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.
3. Toda vez que os requisitos para ser entidade beneficiaria desta axuda se deben cumprir con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas de preceptivo cumprimento se recollen nestas bases no artigo 15, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.
4. Os incrementos de crédito que se tramiten, así como o crédito liberado polas renuncias ou perdas do dereito ao cobro das subvencións outorgadas, se for o caso, destinaranse á concesión de subvencións daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención por orde de prelación conforme ao artigo 2 da convocatoria.
5. No caso de que unha solicitude de axuda comprenda varias actuacións subvencionables e non exista crédito suficiente para atendelas todas, poderase estimar parcialmente a solicitude e conceder a axuda para aquelas actuacións en que exista crédito, logo da aceptación da entidade solicitante.
De producírense perdas do dereito ao cobramento noutras solicitudes ou de levárense a cabo as ampliacións ou redistribucións de créditos, poderanse atender na súa totalidade as solicitudes concedidas segundo o exposto no punto anterior, por orde de prelación.
6. A resolución seralle notificada individualmente ás persoas beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.
7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de catro meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 12. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.
b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa.
Artigo 13. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se fundamente en circunstancias sobrevidas con posterioridade á resolución de concesión e que se cumpran, en todo caso, os seguintes requisitos:
1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.
3. A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación con carácter inmediato no momento en que se produzan as circunstancias sobrevidas, mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás persoas interesadas.
Artigo 14. Renuncia
A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.
Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias
Son obrigas das entidades beneficiarias:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando as axudas de minimis obtidas para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicarase a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) No caso de non consentir a súa consulta na solicitude, acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación aplicable á entidade beneficiaria.
g) Manter un sistema de contabilidade separada, de orixe e aplicación de fondos ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas co proxecto ou actividade subvencionada.
h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
i) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta, e no artigo 16 destas bases reguladoras.
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
k) Comunicar con antelación suficiente á Dirección Xeral de Comercio e Consumo os actos de presentación das campañas promocionais para os efectos da asistencia, se é o caso, dunha persoa representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
l) Cumprir coas obrigas de información contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
m) Conservar un exemplar de cada material promocional que forme parte do proxecto financiado coa imaxe corporativa institucional da Xunta de Galicia durante un período de 2 anos.
n) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo a contraer o compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo, que estean vinculadas entre si ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, errores idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
ñ) Evitar en todas as actuacións subvencionadas calquera imaxe discriminatoria da muller, fomentando a igualdade, así como evitar o uso dunha linguaxe sexista.
Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade
As entidades beneficiarias deberán dar a publicidade adecuada do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia, en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia (de conformidade co establecido do Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia) e da marca Comercio Galego.
Por outra banda, deberá usarse a marca Comercio Galego, acorde coas indicacións que constan na sede electrónica da Xunta de Galicia, na publicidade e nos materiais que se empreguen nas campañas de dinamización comercial, nas actuacións de fidelización ou nos cursos de formación e mesmo na páxina web e nas redes sociais (publicacións, etiquetas, hastag, co uso obrigatorio de @comerciogalego e #xuntadegalicia).
Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración. No caso de comunicacións ou notas informativas en medios de comunicación, deberá incluírse a referencia de que a actuación foi subvencionada pola Xunta de Galicia.
Artigo 17. Subcontratación
Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.
Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, salvo que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se solicite e se conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).
Artigo 18. Xustificación da subvención
1. O pagamento final da subvención quedará condicionado á presentación da seguinte documentación xustificativa, que deberá achegarse como máximo o 31 de outubro de 2026, a través da sede electrónica conforme o procedemento sinalado no artigo 7 da convocatoria:
a) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.
b) Memoria asinada de actuacións xustificativas do cumprimento do proxecto de dinamización e incentivación do consumo, segundo o modelo que consta na sede electrónica, que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actuacións realizadas:
– A denominación da actuación.
– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actuación realizada con indicación da valoración dos resultados obtidos segundo os obxectivos xerais e específicos sinalados na memoria da solicitude.
– A localización e as datas da súa realización.
– O número e as características dos/das participantes e beneficiarios/as.
– O orzamento imputado á actividade realizada con detalle das fontes de financiamento e, se é o caso, a porcentaxe e as contías achegadas por cada unha das partes.
c) Anexo V. Gastos xustificados coa relación nominativa de facturas, agrupadas e ordenadas por categorías de gasto subvencionables, facendo constar para cada documento o número de orde (que coincidirá coa numeración dos xustificantes achegados), número de factura, a data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento.
d) Xustificantes dos gastos: acreditaranse mediante a presentación das facturas dos provedores, que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.
Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.
As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación da axuda.
e) Xustificantes dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o concepto. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.
f) Material fotográfico que evidencie a realización de cada unha das actividades segundo a descrición da memoria e que amose, de forma clara e inequívoca, o cumprimento das obrigas de publicidade do financiamento do proxecto de acordo co establecido nos artigos 15.i) e 16 destas bases reguladoras.
g) Anexo VI coa declaración de contabilidade separada.
h) No caso de publicidade en medios de comunicación, achegarase un cartafol coa dita publicidade nos medios escritos e un certificado das emisións nos medios radiofónicos e audiovisuais asociadas a cada campaña.
i) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 19. Pagamento
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
2. O libramento da subvención aboarase, mediante transferencia bancaria, á entidade financeira, ao número de conta designado pola persoa beneficiaria.
3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao investimento concedido que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.
4. Cando o investimento xustificado no acade o 60 % do investimento subvencionado, declararase a perda total do dereito ao cobramento, tal e como se establece no artigo 20.4.
5. No caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.
Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións
1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance e declarar a perda parcial do dereito ao cobramento e, se é o caso, establecerá a obriga de reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo.
O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.
4. Declararase a perda total do dereito ao cobramento cando o cumprimento do conxunto das actuacións establecidas no artigo 4 destas bases reguladoras non acade o 60 % do investimento subvencionado. De ser o caso, iniciarase o procedemento de reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo.
5. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Control
1. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artigo 22. Publicidade
Publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.
Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Así mesmo, a solicitude levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Artigo 23. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L), e no resto de normativa que resulte de aplicación.
Artigo 24. Medidas antifraude, corrupción e conflito de intereses
1. Son de aplicación a este procedemento o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, o Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que poden consultarse nas seguintes ligazóns:
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pd
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/emprego-comercio-emigracion/plan-antifraude-conselleria-ece-2024.pdf
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/emprego-comercio-emigracion/plan-especifico-antifraude-dxcc.pdf
2. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía, onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.
A canle, ademais de pola cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.
No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado en https://siaci-publico.xunta.gal/siaci_publico, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimamente mediante tecnoloxías da información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.
A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.
3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.
4. Así mesmo, en relación co reforzo de mecanismos para a prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, as unidades tramitadoras e os órganos competentes para instruír e resolver estas axudas deberán asinar electronicamente unha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) da que quedará constancia no expediente. Esta formulación realizarase unha vez coñecidas as persoas/entidades solicitantes.
