DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 13 de maio de 2026 Páx. 27759

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 36/2026, do 4 de maio, polo que se modifica o Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto.

A Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, autorizou no seu artigo 10 o Consello da Xunta de Galicia para crear a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga, en diante), adscrita á consellería competente en materia de facenda, como instrumento para a realización das funcións administrativas de aplicación dos tributos e demais funcións e competencias atribuídas na citada lei, e para a realización das que se lle poidan atribuír ou encomendar mediante unha lei ou convenio.

O Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto, crea a Atriga e configúraa como unha axencia pública autonómica, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, con patrimonio e tesouraría propios e autonomía funcional, financeira e de xestión para o cumprimento dos seus fins, conforme o previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Atriga comezou a súa actividade o 1 de xaneiro de 2013. Ao longo do tempo foron producíndose algunhas modificacións no seu estatuto motivadas por diferentes circunstancias. Así, o Estatuto da Atriga foi modificado en dúas ocasións: a primeira no ano 2017, mediante o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, con entrada en vigor o 1 de abril de 2017, no que se procedeu a redistribuír e concretar funcións no ámbito dalgúns dos seus centros directivos para reforzar e garantir un idóneo desenvolvemento e execución das actuacións que lle eran propias; e a segunda, no ano 2022, mediante a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, con entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2023, motivada pola supresión das zonas de recadación e pola asunción da aplicación de novos impostos.

Cómpre, nestes intres, acometer unha nova modificación na estrutura da Atriga para concretar as funcións dunha das áreas da Atriga con actuacións transversais e completar a súa estrutura para permitir o desenvolvemento de funcións que exixen unha especialización no tratamento da información mediante todas as ferramentas dispoñibles, dirixida a acadar o mapa da actividade desenvolvida e a organización de toda a información asociada a ela, de xeito que permita, por unha banda, un coñecemento claro e preciso da actividade realizada en cada momento, unha análise certeira dela co obxecto de guiar, facilitar, mellorar e axilizar a toma de decisións e unha organización adecuada de cara á súa difusión pública; ao mesmo tempo, unha boa análise e unha boa xestión dos datos permite, primeiro, unha maior e mellor detección dos riscos, o que vai permitir unha planificación das actuacións dun xeito estratificado segundo o risco de fraude, acometendo as diferentes actuacións polas diferentes unidades de control e comprobación tributaria e, segundo, unha boa análise e control da eficiencia das actuacións; e, por último, desenvolver unha boa estratexia de análise, estudo e difusión estatística da información tributaria, na busca dunha maior transparencia.

A modificación da estrutura orgánica que aproba este decreto está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1.1ª da Constitución española e 27.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma galega para organizar as súas institucións de autogoberno e atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación que, de conformidade co disposto no artigo 103.1 da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de maio de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia

Modifícase o Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, como segue:

Un. Modifícase a letra e) do número 1 do artigo 21, que queda redactada como segue:

«e) Área de Coordinación de Procesos Tributarios e Asuntos Xerais».

Dous. Modifícase o artigo 26, que queda redactado como segue:

«Artigo 26. Área de Coordinación de Procesos Tributarios e Asuntos Xerais

1. Baixo a dependencia da persoa titular da Dirección e sen prexuízo das funcións que, de conformidade co disposto no presente estatuto, deban entenderse atribuídas a outros órganos ou unidades, correspóndenlle á Área de Coordinación de Procesos Tributarios e Asuntos Xerais as seguintes funcións:

a) A realización de estudos funcionais e organizativos conducentes ao mellor funcionamento da Axencia.

b) A programación da dotación de medios persoais e materiais para o exercicio das funcións da Axencia.

c) A planificación, a supervisión e o seguimento do desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos no ámbito de actuacións da Atriga e dos sistemas de análises da información relativa ao exercicio das súas funcións en coordinación coa Amtega.

d) As que lle correspondan como órgano estatístico sectorial en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

e) A coordinación entre os distintos ámbitos funcionais da Axencia que non se refiran a materias específicas das outras áreas e que correspondan á realización de actuacións transversais a todas elas.

f) A avaliación da actuación da Atriga e o desenvolvemento da calidade do seu funcionamento.

g) A xestión xeral dos asuntos de recursos humanos e réxime interior.

h) As de xestión da execución económica e orzamentaria.

i) As de servizos xerais e administrativos da Atriga.

j) As que lle encomende a Dirección ou lle delegue, así como aqueloutras non atribuídas expresamente que sexan inherentes á súa actividade.

2. Contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. O Departamento de Recursos Humanos e Réxime Interior, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A xestión, o control e a coordinación dos asuntos relativos ao persoal adscrito á Axencia Tributaria de Galicia.

b) A elaboración, o seguimento e a coordinación do Plan anual de formación e perfeccionamento do persoal e, de ser o caso, a proposta de subscrición de acordos e convenios con outras entidades en materia formativa.

c) A relación e a coordinación coas organizacións sindicais no ámbito da Axencia, sen prexuízo das competencias doutros órganos.

d) As actuacións preparatorias necesarias para a elaboración do anteproxecto de orzamento da Axencia, en canto afecta as súas funcións.

e) A xestión, o control e a coordinación dos asuntos relativos ao réxime interior, aos servizos xerais, á seguridade e ao mantemento das instalacións e á prevención de riscos laborais.

f) O rexistro, a xestión documental, o arquivo e a custodia de documentos e a súa eliminación.

g) O estudo, o deseño e a proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

h) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

i) Calquera outra función que se lle delegue ou encomende no ámbito da súa competencia, así como aqueloutras non atribuídas expresamente que sexan inherentes á súa actividade.

2.2. O Departamento de Xestión Económico-Financeira, Orzamentaria e Contable que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A xestión, o control e a coordinación dos asuntos relativos á xestión orzamentaria, a contabilidade, a tesouraría e a xestión de pagamentos.

b) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa, así como dos convenios e encomendas de xestión con contraprestación económica.

c) As actuacións preparatorias necesarias para a elaboración do anteproxecto de orzamentos, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos ou unidades no presente decreto.

d) A xestión do inventario dos bens inmobles ou mobles propiedade da Axencia Tributaria de Galicia ou adscritos a ela, incluídos os ingresos e rendementos derivados deles, a adquisición de bens mobles, inmobles e de material non inventariable. A tramitación dos expedientes en materia patrimonial realizarase en coordinación co órgano directivo competente en materia de patrimonio da Comunidade Autónoma.

e) O estudo, o deseño e a proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

f) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

g) Calquera outra función que se lle delegue ou encomende no ámbito da súa competencia, así como aqueloutras non atribuídas expresamente que sexan inherentes á súa actividade.

2.3. O Departamento de Auditoría e Calidade que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A coordinación na elaboración da proposta de contrato plurianual de acción e do informe xeral anual de actividade da Axencia Tributaria de Galicia.

b) O control da eficacia e eficiencia mediante a análise do grao de obtención dos obxectivos fixados no Plan de acción anual, en coordinación coa Comisión de Control, así como a formulación de propostas para a súa adaptación e cumprimento.

c) A supervisión do funcionamento interno da Atriga, mediante a inspección das actuacións das unidades centrais, das delegacións e de calquera outra organización que preste servizos propios da Axencia, formulando as propostas ou recomendacións que deriven da devandita función.

d) A promoción da implantación de programas de calidade e avaliación dos resultados obtidos.

e) A elaboración da proposta de informe sobre as queixas e suxestións sobre o funcionamento dos servizos prestados pola Atriga.

f) O deseño e a definición da proposta do Plan de integridade da Axencia e das actuacións conducentes a previr e detectar condutas irregulares, a coordinación da execución do Plan de integridade aprobado, a investigación, de ser o caso, das condutas presuntamente irregulares e o deseño, a implementación, análise e avaliación e adaptación continua dos sistemas de seguridade e de control interno da Axencia.

g) O control da política de seguridade da información e o cumprimento da normativa en materia de protección de datos, así como os accesos ás bases de datos informáticas propias e externas mediante a realización de auditorías periódicas.

h) O estudo, o deseño e a proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

i) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

j) Calquera outra función que se lle delegue ou encomende no ámbito da súa competencia, así como aqueloutras non atribuídas expresamente que sexan inherentes á súa actividade.

2.4. O Departamento de Desenvolvementos Funcionais e Estatísticos, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) O deseño, a implementación e o seguimento dos sistemas de análises da información relativa ao exercicio das funcións da axencia, en coordinación coa Amtega.

b) A configuración da información para a planificación das actuacións tributarias, o seu seguimento e análise para axudar á toma de decisións conducentes á mellora na consecución dos obxectivos e fins da Axencia.

c) A análise e estruturación da información para o seu tratamento co obxecto de configurar diferentes áreas de risco que potencien as funcións de detección da fraude fiscal en colaboración co Departamento de Planificación do Control Tributario.

d) A análise das necesidades estatísticas da Atriga.

e) A definición dos estudos estatísticos tributarios, en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

f) A difusión e publicación da información estatística da Atriga, en especial o mantemento actualizado desta na páxina web da Atriga.

g) A colaboración co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan galego de estatística e dos proxectos dos seus programas, así como a súa avaliación e seguimento.

h) O impulso e a coordinación das publicacións da Atriga.

i) Calquera outra función que se lle delegue ou encomende no ámbito da súa competencia, así como aqueloutras non atribuídas expresamente que sexan inherentes á súa actividade».

Tres. Engádese unha disposición derradeira ao estatuto coa seguinte redacción:

«Disposición derradeira única. Modificación ou supresión de áreas ou departamentos existentes

Autorízase a persoa titular da Presidencia da Axencia Tributaria de Galicia para readscribir, por proposta da súa dirección, o persoal funcionario que ocupe un posto na estrutura existente ao posto equivalente cando, como consecuencia da modificación do Estatuto da Atriga, cambie a denominación ou o contido funcional das áreas ou departamentos da súa estrutura».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de maio de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública