DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 13 de maio de 2026 Páx. 27866

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 29 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases para a concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento EM926G).

BDNS (Identif.): 904349.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/904349

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha persoa emigrante galega.

b) Posuír a nacionalidade española.

c) Residir no exterior de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2016-2026).

d) Ter 65 anos a 7 de outubro de 2026.

e) Non ter participado nos últimos dez (10) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2017 en diante. Excepcionalmente, cando nalgún dos países ou áreas xeográficas indicadas no anexo I non haxa ningún solicitante que cumpra este requisito para cubrir as prazas ofertadas, o titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá reducir a cinco (5) o número de anos arriba indicado. Neste caso limitarase o número de prazas asignado ao 50 %.

f) Acreditar que se vale por si mesma para realizar as actividades básicas da vida diaria, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, estar en boas condicións físicas para realizar unha viaxe de longa duración e para realizar actividades lúdicas e saídas culturais en autocar pola contorna.

g) Os solicitantes de América que opten a unha das prazas financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración terán que acreditar que carecen de ingresos suficientes.

Para os solicitantes de América, considéranse suficientes os que superen a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe da base de cálculo da prestación por razón de necesidade que o Goberno español determine para o ano 2026 para cada país ou, no caso de que convivan con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

O resto das persoas solicitantes deben optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento consonte o especificado no anexo I desta convocatoria e aboar á empresa que resulte adxudicataria do servizo dos desprazamentos internacionais, a cantidade de 600 € ou 250 €, segundo residan en América ou Europa, no prazo de dez días contados a partir da publicación da resolución de concesión das axudas.

h) No suposto de que decidisen prolongar a súa estadía en Galicia durante quince días, presentar unha declaración responsable asinada por algún familiar maior de idade ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, segundo o modelo do anexo V (consentimento da familia en Galicia).

2. As persoas solicitantes que queiran vir acompañadas poderán facelo polo cónxuxe ou persoa a elas unida por unha relación de afectividade análoga coa que leve convivindo, polo menos, durante o último ano completo, ou por un/unha fillo/a ou irmán/á.

As persoas solicitantes con 85 anos feitos en 7 de outubro de 2026, salvo en supostos excepcionais que serán obxecto de valoración pola Secretaría Xeral da Emigración, deben vir acompañadas por outra persoa da súa familia que teña unha idade entre 30 e 70 anos o 7 de outubro de 2026. Neste caso, amplíase o grao de parentesco ata o cuarto grao de consanguinidade.

3. As persoas acompañantes que non formen parte da unidade familiar dos solicitantes deben asumir o compromiso de facerse cargo delas desde o inicio da viaxe ata o regreso ao seu país de residencia. A Secretaría Xeral da Emigración facilitaralles un modelo aos que resulten beneficiarios, para que formalicen ese compromiso por escrito.

Así mesmo, no suposto de que a persoa a que acompañan solicite unha axuda segundo o financiamento do 100 %, deben presentar os documentos que acrediten que os seus ingresos persoais se atopan por debaixo do límite establecido na alínea g) deste artigo. Se non os presentan ou os seus ingresos superan ese importe, corresponderalles a modalidade de axuda de copagamento (é dicir, achegarán a cantidade de 600 € ou 250 €, segundo residan en América ou Europa para os gastos do voo), que tamén se aplicará aos acompañantes de persoas solicitantes que optasen por esa modalidade.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento para a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2026, que ten por finalidade facilitar ás persoas maiores galegas residentes no exterior o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares mediante un período de estadía en Galicia, entre os días 7 e 17 de outubro, e o desenvolvemento dun programa de actividades socioculturais. Co fin de reforzar os lazos familiares, prevese a posibilidade de que os participantes poidan prorrogar a súa estadía, pola súa conta, durante un período aproximado de quince (15) días máis.

As axudas incluirán o financiamento, total ou parcial, do custo dos desprazamentos de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia, a prestación dos servizos de aloxamento en réxime de pensión completa e das actividades programadas.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2026 (código de procedemento EM926G).

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de abril de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases para a concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia, dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento EM926G).

Cuarto. Financiamento

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Se é preciso, poderase prolongar uns días o prazo de permanencia deste procedemento na sede electrónica da Xunta de Galicia, exclusivamente para os efectos de que as delegacións e demais entidades autorizadas, en exercicio da autorización outorgada polas persoas solicitantes para facelo, poidan introducir os datos das solicitudes recibidas en prazo.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración