DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 15 de maio de 2026 Páx. 28077

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 38/2026, do 27 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Maside dun treito antigo da N-541, xunto co seu dominio público viario.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Maside solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión da titularidade dun tramo da rúa Ourense (antiga N-541a) entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+220 condicionado á execución por parte da Axencia Galega de Infraestrutura do proxecto técnico denominado Senda peonil e mellora de accesibilidade na rúa Ourense (antiga N-541a). A dita obra atópase executada.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1, xa que non cumpre as funcións de estrada que tivo inicialmente, tendo un funcionamento de vía urbana, polo que, desde o punto de vista da planificación, o dito treito carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG).

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de abril de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Maside do treito antigo da estrada N-541 de titularidade autonómica, xunto co seu dominio público viario:

Denominación

Pqi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Pqf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Lonx. (metros)

Superficie

DPV (m2)

Treito antigo da N-541

«Rúa Ourense»

0+000

(en N-541)

x = 577.018

y = 4.697.737

0+152

(Límite concello)

x = 576.878

y = 4.697.794

152

2.094

O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello de Maside, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de abril de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas