DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 15 de maio de 2026 Páx. 28079

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 39/2026, do 27 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Lobios do treito antigo da estrada OU-312, situado entre o punto quilométrico 2+120 e o punto quilométrico 2+155, marxe esquerda.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

O Concello de Lobios solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas a titularidade do treito antigo da estrada OU-312 situado entre o p.q. 2+100 e o p.q. 2+165, marxe esquerda, denominado variante V-4.

O citado treito carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia. A súa función principal é dar servizo aos predios lindeiros, permitindo o acceso a estes sen necesidade de facelo directamente desde a estrada OU-312, así como permitir a conexión entre a vía municipal de acceso ao lugar da Fábrica e a propia estrada OU-312.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de abril de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Lobios do seguinte treito antigo da estrada OU-312 da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario:

Transferencia

Inicio na conexión co

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N)

Final na

conexión co

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N)

Lonx.(m)

Superficie

DPV (m²)

1

Treito antigo da OU-312 (variante V-4)

p.q. 2+120 ME da OU-312

X = 575.904

y = 4.638.439

p.q. 2+155 ME

da OU-312

X = 575.857

y = 4.638.422

71

1.074

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello de Lobios, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito antigo transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de abril de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas