DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 18 de maio de 2026 Páx. 28500

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF310G).

Esta convocatoria de axudas vén dar resposta a unha queixa recorrente do sector das empresas de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada, no cal se presenta unha problemática derivada da carencia de persoal que cumpra cos requisitos legais exixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos de transporte por estrada, a de dispor do certificado de aptitude profesional (CAP) e obter o/os permiso/s de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 ou D1+E.

Así, segundo varios estudos realizados sobre a situación do emprego no noso país, a porcentaxe de empresas do sector que están experimentando dificultades para cubrir os seus postos vacantes situaríase en máis do 20 %, e estímase en máis de 10.000 as ofertas de emprego que quedarían vacantes pola falta de candidatos dispoñibles.

A escaseza de condutores vén motivada por diversos factores, como o elevado custo económico que supón acceder á dita profesión.

Neste ámbito enmárcase esta orde, dirixida a fomentar a incorporación de novos profesionais ao sector, ao implementar dúas liñas de axudas para facilitar a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ampliación ou promoción, o que vai contribuír a mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación, na medida en que se conceden axudas para o financiamento dos cursos de formación, ampliando así as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización e intenta, así mesmo, paliar a escaseza de condutores, problema xeneralizado nas empresas de loxística da Unión Europea.

Ademais, subvenciónase tamén a obtención dos permisos de condución das distintas clases C e/ou D, para o que se articulan dúas liñas de axuda, de xeito tal que as persoas interesadas poderán solicitar as dúas liñas ou só unha delas.

Estas axudas pretenden abarcar a maior porcentaxe de poboación posible, polo que as poderá solicitar calquera persoa que sexa maior de idade no momento de presentar a solicitude, estea empadroada na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (31 de outubro de 2025) e que se matricule nun centro de formación CAP para a realización dun curso para a obtención do certificado de aptitude profesional e/ou nunha autoescola para a obtención do permiso de condución das clases C e/ou D, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O período subvencionable comprende do 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026. Neste período deberán superar os cursos de formación CAP e/ou obter os permisos de condución correspondentes, para ter dereito a percibir a axuda. O seu pagamento tamén se deberá realizar dentro do período subvencionable e non se admitirán pagamentos realizados en efectivo.

As contías máximas que se subvencionarán por alumno establécense tomando como referencia o custo medio dos cursos e da obtención dos ditos permisos de condución.

Na liña 1 fíxase unha contía máxima subvencionable por alumno para o curso de cualificación inicial, de mercadorías ou de viaxeiros, tanto na modalidade ordinaria como acelerada, de 1.200 €, e para o curso de ampliación ou promoción, para os que xa teñen a cualificación inicial nunha das dúas categorías e desexan obter a outra, nun importe de 300 €.

Na liña 2 fíxase a contía máxima subvencionable por alumno para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D de 1.200 €, por permiso de condución obtido. No suposto de obter varios permisos de condución, da mesma ou de distinta clase, o importe máximo subvencionable será de 2.400 €.

No suposto de solicitar varias liñas (curso CAP inicial, promoción e varios permisos de condución, con independencia da clase), o importe máximo subvencionable será de 3.900 € por alumno.

Para seren persoas beneficiarias da liña 1 terán que ter realizado e superado o curso para a obtención do certificado de aptitude profesional. Non se exixe a superación do exame CAP para poder ser beneficiario/a das axudas, pero deberán intentar superar o dito exame presentándose polo menos a catro convocatorias, salvo que superen o exame en convocatorias previas, no prazo dun ano desde o remate do curso.

No suposto de que a persoa beneficiaria non se presente ás ditas convocatorias, deberá reintegrar o 20 % do importe percibido.

Para seren persoas beneficiarias da liña 2 deberán obter un ou varios dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 E D1+E, durante o período subvencionable.

O certificado de cualificación profesional debe obterse con independencia do permiso de condución, conforme o establecido na Directiva (UE) 2022/2561 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de decembro de 2022, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, e no Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada (BOE núm. 98, do 24 de abril).

O devandito real decreto require, para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, a asistencia aos preceptivos cursos de formación e a superación dunha proba no prazo dun (1) ano desde o remate dos cursos.

Así, mediante a Resolución do 6 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, convocáronse as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2026, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, publicada no DOG núm. 224, do 19 de novembro de 2025. Para o ano 2026 convócanse nove probas, ampliando en tres convocatorias o número mínimo de seis convocatorias anuais que establece o Real decreto 284/2021, coa finalidade de dar máis oportunidades aos aspirantes para a superación das probas.

Para fomentar a obtención do devandito certificado, subvencionarase a realización dos cursos, así como a obtención dos permisos de condución, o que permitirá o exercicio da actividade profesional, cos obxectivos de promover a formación, o emprego e a actividade do transporte por estrada, ao tratarse de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia.

Estes obxectivos están plenamente aliñados cos do resto de departamentos desta administración en cada un dos seus ámbitos competenciais, co fin de impulsar a recuperación económica, e están incluídos nos obxectivos estratéxicos definidos no Plan estratéxico para Galicia.

As persoas beneficiarias serán os propios alumnos e só serán subvencionables os cursos impartidos na modalidade presencial, ben sexa ordinaria, acelerada ou de ampliación.

A modalidade ordinaria consistirá na asistencia a un curso de 280 horas de duración, que na modalidade acelerada será de 140 horas.

Para seguir os cursos e concorrer aos exames non será precisa a titularidade previa do permiso de condución (categoría ou clase C ou D, segundo corresponda).

A presentación da solicitude e a tramitación do procedemento será electrónica, posto que as axudas van dirixidas a persoas que pretenden incorporarse ao mercado laboral como condutores profesionais. O exercicio desta profesión require hoxe en día o manexo habitual de ferramentas dixitais (tacógrafos dixitais, xestión de rutas e aplicacións de loxística, entre outras).

Ademais, para obter o CAP e os permisos de condución, as persoas interesadas deben interactuar de xeito telemático coa DXT e co Ministerio de Transportes.

Neste senso, o acceso á propia aplicación de xestión do CAP require o uso do certificado dixital ou DNI electrónico.

As propias autoescolas e centros de formación xa operan integramente en contornas dixitais e poden prestar o apoio técnico necesario ás persoas solicitantes.

Por outra parte, estes cursos obxecto da subvención son organizados e impartidos por centros profesionais do sector do ensino, os cales constitúen persoal cualificado que, de acordo coa lexislación vixente, están obrigados a relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Este papel vén reforzado polo feito de que estamos ante centros autorizados polas diferentes administracións públicas; esta autorización, no relativo aos centros de formación CAP, recae na propia Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

Consonte o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que ten por obxecto regular o modelo de administración dixital no sector público autonómico, establécese a posibilidade de que, nos procedementos para a concesión de axudas e subvencións, as correspondentes bases reguladoras poderán establecer a obrigatoriedade de empregar medios electrónicos.

O orzamento inicialmente asignado ascende a un millón de euros (1.000.000 €), con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, e poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Así mesmo, tendo en conta o obxecto e a finalidade das actuacións subvencionables, neste caso concorren razóns de interese social e económico que xustifican recorrer á excepción prevista no artigo 19.2 en relación co artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con base neles, esta convocatoria tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva e exceptúase do criterio xeral de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos mediante a súa comparación, e regúlase un procedemento de concesión abreviado en que a proposta de concesión a formulará ao órgano concedente directamente o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos nas bases reguladoras para conceder a subvención.

As ditas razóns de interese social e económico responden á escaseza de condutores profesionais, por unha banda, e aos elevados custos económicos que supoñen os cursos de formación e a obtención dos permisos de condución para poder acceder á profesión, por outra.

Consecuentemente, esta orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e fin

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de dúas liñas de axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF310G) e aprobar a convocatoria para o ano 2026:

a) Liña 1: subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e/ou de ampliación ou promoción dos condutores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

b) Liña 2: subvencionar a obtención dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 E D1+E.

2. O período subvencionable para ambas as liñas será do 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026.

3. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2026, que figuran como anexos a esta orde:

a) Anexo I: solicitude de axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, curso de ampliación e permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 E D1+E, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional.

b) Anexo II: relación de facturas e pagamentos asociados.

4. As axudas establecidas nesta convocatoria teñen como fin de utilidade pública fomentar o emprego no sector do transporte, promovendo a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial de condutor/a de vehículos de mercadorías ou de viaxeiros ou de ampliación ou promoción no caso daqueles alumnos que, dispondo do CAP de mercadorías ou de viaxeiros, pretendan obter o correspondente á outra actividade, segundo o establecido no Real decreto 284/2021, e os correspondentes permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 E D1+E para acceder á profesión, compensando parcialmente o custo da súa realización.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargos aos orzamentos da Dirección Xeral de Mobilidade para o exercicio 2026 e imputaranse a aplicación orzamentaria 05.08.512A.481.1.

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a un millón de euros (1.000.000 €), destinados a subvencionar as persoas beneficiarias, sen repartición ou distribución por liñas.

2. O importe dos fondos previstos poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa data de presentación das solicitudes e que cumpran os requisitos fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade), sen que tal publicidade implique a apertura dun prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes convoca estas axudas para o ano 2026. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, xa que se lles concederán a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 7. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación das solicitudes, ou a da súa emenda, se é o caso.

2. No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes publicarao na web: https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade

3. Os cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou do certificado de aptitude profesional na modalidade ampliación ou promoción e a obtención dos permisos de conducir das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E deberán realizarse na Comunidade Autónoma de Galicia, a través das empresas autorizadas, como centros de formación CAP ou autoescolas.

4. Para a liña 1 non se exixirá que o alumno aprobe o exame CAP, só deberá ter superado o curso. Porén, deberá intentar aprobar o dito exame, para o que terá que presentarse a un mínimo de catro convocatorias, salvo que o aprobase nas convocatorias anteriores, durante o prazo dun ano desde o remate do curso. En caso contrario, deberá reintegrar o 20 % da axuda.

Entenderase superado o curso como apto cando sexa validado polo órgano competente na aplicación CAP do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable. A data que se terá en conta como data de superación será a data de finalización do curso que figura na dita aplicación CAP.

Para a verificación de que o alumno se presentou a un mínimo de 4 probas de exame desde o remate do curso empregarase tamén a aplicación CAP do Ministerio.

De non cumprir este último requisito, a persoa beneficiaria deberá reintegrar o 20 % do importe da axuda percibida.

5. A concorrencia ás probas para a obtención do certificado de aptitude profesional poderá realizarse tanto na propia Comunidade Autónoma de Galicia como en calquera outra comunidade autónoma.

Artigo 4. Contía máxima da axuda

1. Para a liña 1, o importe máximo que percibirá cada alumno será de 1.200 €, para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP) e de 300 € para obtención do CAP na modalidade de ampliación ou promoción, para aqueles alumnos que xa tivesen o certificado nunha categoría e que lles sirva para obtelo noutra.

2. Para a liña 2, a contía máxima para os custos de matrícula e clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E, será de 1.200 € por permiso de condución. No suposto de obter varios permisos de condución, da mesma ou de distinta clase, o importe máximo subvencionable será de 2.400 €.

Estas contías non poderá superar, en ningún caso, a cantidade total aboada pola persoa beneficiaria para a realización do/dos curso/s ou para obter o/os permiso/s de condución correspondentes.

No suposto de solicitar varias liñas, o importe máximo subvencionable será de 3.900 € por alumno/a.

3. Para o cálculo do importe da axuda por liña solicitada, no caso de que a/as factura/s que presenten as persoas solicitantes, de acordo co disposto no artigo 11 da presente orde, engloben nun mesmo concepto varias actuacións subvencionables, sen especificar a desagregación de custos, o importe total da factura distribuirase de forma proporcional entre as actuacións indicadas na dita factura.

Artigo 5. Compatibilidade da axuda

A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo das actividades para as cales se solicita a axuda.

Artigo 6. Medios para a tramitación do procedemento

O procedemento administrativo previsto nesta orde tramitaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal)

CAPÍTULO II

Concesión de axudas

Artigo 7. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Ter feitos os 18 anos.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (31 de outubro de 2025) e continuar empadroadas ininterrompidamente ata a data da resolución.

c) Para a liña 1, ter realizado e superado o/s curso/os para a obtención do certificado de aptitude profesional durante o período subvencionable (do 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026). De conformidade co artigo 3.4 desta orde, a data que se terá en conta como de superación do curso CAP será a data de finalización do curso que figure na aplicación CAP do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, sempre que a formación figure como superada.

Para a liña 2, ter obtido o/os permiso/s de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E, durante o período subvencionable.

d) Ter pagado as facturas dentro do período subvencionable. Este pagamento debe estar debidamente documentado, tal e como se establece no artigo 11 desta orde.

e) Cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante a declaración responsable recollida no formulario de solicitude.

2. Para a liña 1, cada persoa beneficiaria só poderá obter unha vez a axuda, agás no suposto de que, tendo obtido o CAP para transporte de mercadorías ou de viaxeiros, pretenda optar á obtención do CAP para a outra actividade, respectivamente, mediante a superación da formación de ampliación ou promoción, suposto no cal tamén poderá obter esta segunda axuda por unha única vez.

Para a liña 2, cada persoa beneficiaria poderá obter a axuda por cada un dos permisos de condución que obteña durante o período subvencionable co límite máximo que sinala o artigo 4.2 desta orde.

As persoas beneficiarias poderán obter as axudas das liñas 1 e 2 de xeito acumulativo co límite máximo de 3.900 €, de conformidade co disposto no artigo 4.2 desta orde.

Artigo 8. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante a Dirección Xeral de Mobilidade, cando sexa preciso, que cumpre cos requisitos ou coas condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Acreditar, cando se opoñan á consulta ou non presten o consentimento expreso, de conformidade co disposto no artigo 12 da presente orde, de comprobación de datos, ante a Dirección Xeral de Mobilidade, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Reintegrar o 20 % do importe da axuda percibida no suposto de que a persoa beneficiaria non se presente a un mínimo de catro (4) convocatorias ás probas para a obtención do certificado de aptitude profesional no prazo dun (1) ano desde o remate do curso, sempre e cando non superen as ditas probas nas anteriores convocatorias ás que se presenten.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20.00 horas do día 30 de setembro de 2026.

Artigo 10. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF310G) realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario, que figura como anexo I desta orde, a persoa solicitante declarará o seguinte:

a) Se solicitou ou obtivo outras axudas para o mesmo proxecto ou para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

c) Que está empadroada na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao 31 de outubro de 2025, inicio do período subvencionable.

d) Que coñece as bases da presente convocatoria de axudas.

e) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2 g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Lei de subvencións de Galicia.

h) Que se compromete a facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como a permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios coma mediante a colaboración de servizos externos.

i) Que a documentación anexada con esta solicitude é auténtica e coincide cos orixinais e que pon á disposición da Administración os citados orixinais en caso de que se lle requira.

j) Que pagou as facturas dentro do período subvencionable.

k) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

4. Cada persoa solicitante só poderá presentar unha única solicitude. No caso de constar máis de unha solicitude dunha mesma persoa solicitante, será tramitada a que tivese entrada na data máis recente e as restantes solicitudes serán desestimadas.

5. De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles as seguintes solicitudes presentadas, incluiranse nunha listaxe de espera.

6. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos, que poderán ser reasignados para os expedientes que estean na listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

Artigo 11. Documentación complementaria e documentación xustificativa

1. As persoas solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude a documentación acreditativa da representación, no caso de actuaren por medio dun representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. Así mesmo, as persoas solicitantes deberán achegar tamén coa solicitude a seguinte documentación xustificativa:

a) Para a liña 1, factura/s e xustificante/s de pagamento do curso CAP inicial e/ou ampliación ou promoción.

b) Para a liña 2, documentación xustificativa relativa á obtención do/dos permiso/s de condución da/das clase/s C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E e a/as factura/s e xustificante/s do pagamento da matrícula e das clases correspondentes.

Para os efectos desta orde, a documentación xustificativa relativa á obtención dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E poderá ser:

i. Copia do permiso de condución por ambas as caras. A copia deberá ter a suficiente calidade de xeito que permita comprobar correctamente a/as data/s de obtención do/dos permiso/s.

ii. Unha autorización provisional para conducir, expedida pola DXT, en que figuren a clase de permiso e a data de exame.

iii. Un informe dos datos actuais do condutor, dispoñible na sede electrónica da DXT (https://sede.dgt.gob.es/es/permisos-de-conducir/informe-de-conductor/).

c) Para ambas as liñas, o anexo II (Relación de facturas e pagamentos asociados).

3. Na factura indicarase claramente: número da factura, data de emisión, nome e NIF da persoa beneficiaria, base impoñible (importe do curso ou permiso), data de matrícula no curso, duración do curso, modalidade ordinaria ou ampliación ou promoción, data da matrícula para a obtención dos permisos de condución e a sinatura do representante do centro de formación ou autoescola.

A expedición da factura e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigacións de facturación.

Non se admitirán os supostos de autofacturación.

4. As persoas solicitantes terán que xustificar o pagamento das facturas de acordo coas seguintes regras:

a) Non son subvencionables os pagamentos en efectivo, polo que non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico.

b) Consideraranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/debido ou o método de pagamento electrónico empregado (Paypal, Google Pay, Apple Pay…), nos cales deberán estar claramente identificados:

i. Identidade do/da pagador/a: debe quedar acreditado que o pagamento das facturas foi realizado pola persoa solicitante da axuda.

Porén, serán aceptados os pagamentos realizados por un familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade ou polo cónxuxe ou parella de feito. A persoa solicitante deberá achegar a documentación acreditativa da circunstancia que corresponda.

ii. Receptor do pagamento: o centro CAP ou autoescola emisor/a da factura.

iii. O concepto do pagamento ou número de factura.

O xustificante que hai que presentar deberá ser o orixinal ou copia compulsada perfectamente lexible, sen emendas nin riscaduras, do xustificante bancario do pagamento realizado polo/a beneficiario/a. No caso da banca electrónica, deberá vir selado pola entidade financeira.

A persoa instrutora do procedemento valorará se a documentación xustificativa do pagamento achegada cumpre os requisitos sinalados neste punto, e poderalle requirir á persoa solicitante outra documentación no caso de considerar que a presentada non cumpre os ditos requisitos.

5. Todos os pagamentos que realicen os/as alumnos/as deberán efectuarse durante a vixencia desta convocatoria de axudas (período subvencionable).

6. Tanto a documentación xustificativa como a documentación complementaria deberán presentarse por medios electrónicos.

Se algún solicitante presenta a dita documentación presencialmente, será requirirádo para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. Os órganos competentes da Dirección Xeral de Mobilidade poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación da actividade subvencionada que consideren convenientes.

Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que os presentase, poderase entender que a persoa solicitante da axuda desiste da súa solicitude de subvención.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante (o documento deberá estar vixente tanto na data de presentación da solicitude como na data da resolución).

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado sobre o cumprimento das obrigas tributarias coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Consulta de datos históricos de municipios.

h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. En caso de oposición á consulta, as persoas interesadas deberán indicalo no recadro habilitado no formulario e achegar a documentación correspondente.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A tramitación das solicitudes efectuarase respectando a súa rigorosa orde de presentación, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nestas bases. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser persoa beneficiaria das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou na citada normativa, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

A remisión de documentación complementaria que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude inicialmente formulada realizarase exclusivamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras, ao tratarse dunha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva e en aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Resolución de concesión e pagamento

1. Unha vez avaliada a solicitude inicial e a documentación presentada, a proposta de resolución elevarase ao órgano competente para resolver. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de tres (3) meses contados desde a data de presentación da solicitude e, se é o caso, da súa emenda, e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao contido da resolución.

2. A resolución de concesión e pagamento comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e a contía da subvención. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes por orde de entrada da solicitude.

4. Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As resolucións ditadas neste procedemento poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá aos solicitantes avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as persoas interesadas obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado unicamente a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Pagamento das axudas

Unha vez ditada a resolución de concesión e pagamento, a Dirección Xeral de Mobilidade aboará á persoa solicitante da subvención o importe correspondente na conta bancaria facilitada para ese efecto no anexo I (Solicitude de axuda/s).

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a facilitar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condición tidas en conta para a resolución de concesión e pagamento da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

No caso de que a persoa beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Mobilidade. De se comunicar a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará de conformidade co procedemento establecido no artigo 16 destas bases reguladoras.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso no número de conta da Xunta de Galicia ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. A Dirección Xeral de Mobilidade reservará para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control considere oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice a Dirección Xeral de Mobilidade para o seguimento das axudas concedidas, así como ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias das subvencións incumpriron algunha das condición establecidas nestas bases reguladoras, isto implicará a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias das subvencións estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

4. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

Artigo 23. Normativa de aplicación

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

8. Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

9. Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

10. Real decreto 1619/2012, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na epígrafe de Formación https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/es/transporte-de-viaxeiros/axudas-e-subvencions

b) Teléfonos 981 54 43 77 e 881 99 50 76 da devandita dirección xeral.

c) Enderezo electrónico: axudas.mobilidade@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das facultades para resolver as solicitudes de concesión e pagamento das subvencións previstas nesta orde.

Igualmente, deléganse as facultades para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolución de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír os procedementos e de concesión das subvencións. Como tal correspóndelle o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade poderá designar unha persoa que substitúa a anterior en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional terceira. Impugnación da convocatoria

Contra esta orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file