BDNS (Identif.): 904983.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/904983
Primeiro. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de dúas liñas de axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF310G) e aprobar a convocatoria para o ano 2026.
A orde conta con dúas liñas de axuda:
Liña 1: subvencionará os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, e/ou de ampliación ou promoción, dos condutores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.
Liña 2: subvencionará a obtención dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E.
2. O período subvencionable para ambas as liñas será do 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026.
3. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2026 que figuran como anexos a esta orde:
– Anexo I: solicitude de axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial, curso de ampliación e permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional.
– Anexo II: relación de facturas e pagamentos asociados.
4. As axudas establecidas nesta convocatoria teñen como fin de utilidade pública fomentar o emprego no sector do transporte, promovendo a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial de condutor/a de vehículos de mercadorías ou de viaxeiros ou de ampliación ou promoción no caso daqueles alumnos que, dispondo do CAP de mercadorías ou de viaxeiros, pretendan obter o correspondente a outra actividade, segundo o establecido no Real decreto 284/2021, e os correspondentes permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E para acceder á profesión, compensando parcialmente o custo da realización destes.
Segundo. Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:
a) Ter feitos os 18 anos.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (31 de outubro de 2025) e continuar empadroadas ininterrompidamente ata a data da resolución.
c) Para a liña 1, ter realizado e superado o/os curso/s para a obtención do certificado de aptitude profesional durante o período subvencionable (do 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026). A data que se terá en conta como de superación do curso CAP será a data de finalización do curso que figure na aplicación CAP do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, sempre que a formación figure como superada.
Para a liña 2, ter obtido o/os permiso/s de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E durante o período subvencionable.
d) Ter realizado o pagamento das facturas dentro do período subvencionable. Este pagamento debe estar debidamente documentado, tal e como se establece no artigo 11 da orde.
e) Cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante a declaración responsable recollida no formulario de solicitude.
2. Para a liña 1, cada persoa beneficiaria só poderá obter unha vez a axuda, agás no suposto de que, tendo obtido o CAP para transporte de mercadorías ou de viaxeiros, pretenda optar á obtención do CAP para a outra actividade, respectivamente, mediante a superación da formación de ampliación ou promoción, suposto en que tamén poderá obter esta segunda axuda por unha única vez.
Para a liña 2, cada persoa beneficiaria poderá obter a axuda por cada un dos permisos de condución que obteña durante o período subvencionable.
As persoas beneficiarias poderán obter as axudas das liñas 1 e 2 de xeito acumulativo.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 4 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF310G).
Cuarto. Financiamento e contía
1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Dirección Xeral de Mobilidade para o exercicio 2026 e imputaranse á aplicación orzamentaria 05.08.512A.481.1.
O importe total asignado a esta convocatoria ascende a un millón de euros (1.000.000 €), destinados a subvencionar as persoas beneficiarias, sen repartición ou distribución por liñas.
2. O importe dos fondos previstos poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa data de presentación das solicitudes e que cumpran os requisitos fixados nas bases que rexen a convocatoria.
De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/mobilidade), sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.
3. Para a liña 1, o importe máximo que percibirá cada alumno/a será de 1.200 € para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP), e de 300€ para a obtención do CAP na modalidade de ampliación ou promoción, para aqueles alumnos que xa tivesen o certificado nunha categoría e o obteñan na outra.
4. Para a liña 2, a contía máxima para os custos de matrícula e clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E será de 1.200 € por permiso de condución. No suposto de obter varios permisos de condución, da mesma ou de distinta clase, o importe máximo subvencionable será de 2.400 €.
5. Estas contías non poderán superar, en ningún caso, a cantidade total aboada pola persoa beneficiaria para a realización do/dos curso/s ou para obter o/os permiso/s de condución correspondentes.
No suposto de solicitar varias liñas, o importe máximo subvencionable será de 3.900 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20.00 horas do día 30 de setembro de 2026.
Sexto. Outros datos
1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF310G) realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Cada persoa solicitante só poderá presentar unha única solicitude, na cal poderá solicitar unha ou as dúas liñas de axuda.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
