A experiencia dos últimos anos na xestión das listas de contratación e a necesidade de facer fronte aos novos desafíos que se veñen producindo fan preciso acometer determinadas modificacións no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
Dado que parte das modificacións van ligadas á xestión das listas de contratación do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), e ante o próximo inicio da campaña de alto risco, cómpre acometer estas modificacións con carácter urxente.
O artigo 32 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, impón á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia erradicar o uso sexista da linguaxe, polo que, en aplicación deste mandato legal, procede modificar a denominación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.
O artigo 10.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece que, de conformidade co artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, regulamentariamente poderá establecerse a obrigación de relacionarse a través de medios electrónicos co sector público autonómico para determinados procedementos e certos colectivos de persoas físicas respecto dos cales, en razón á súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.
No caso que nos ocupa, a obrigación de uso de medios electrónicos xa se foi incorporando por normas anteriores modificativas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo. Así, o Decreto 124/2016, do 8 de setembro, exixiu o uso de medios electrónicos para os cambios de ámbito ou a modificación de datos privados, así como para a solicitude da reincorporación ás listas tras unha penalización, o que se xustificou na exposición de motivos da norma no número de integrantes das listas, a mellora dos recursos informáticos ao dispor da Administración e a xeneralización do acceso dos cidadáns ás novas tecnoloxías de comunicación.
Pola súa banda, o Decreto 60/2019, do 23 de maio, modificou o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, entre outras cuestións, para a incorporación dos medios electrónicos ao sistema de xestión de listas, o que orixinou un cambio no sistema de chamamentos e lles impuxo ás persoas integrantes das listas a obrigación de dispor de teléfono móbil para seren seleccionadas. A reforma xustificouse en que estes cambios ían permitir simplificar os trámites, ampliar os ámbitos, reducir os tempos para as coberturas, evitar desprazamentos innecesarios para as persoas aspirantes e aforrar custos tanto para a Administración como para as persoas seleccionadas, dotando o sistema de maior transparencia ao ofrecer unha información puntual, áxil e actualizada. Deste xeito, motivouse que a característica esencial do novo sistema pasou a ser a súa sinxeleza, axilidade e transparencia, pois permite acceder directamente ao contido da citación sen necesidade de ter ningún coñecemento técnico, saber previamente a oferta de postos, a data de resolución da elección e o resultado final, sen prexuízo da prestación de asistencia técnica aos integrantes das listas que así o requiran.
A modificación que se efectúa por este decreto afonda no uso dos medios electrónicos, ao modificar o artigo 5.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para establecer que as solicitudes de inclusión nas listas de contratación temporal se presentarán exclusivamente por vía electrónica. Neste sentido, a experiencia de anos de utilización de medios electrónicos na xestión das listas acredita que as persoas físicas que solicitan a súa inclusión nelas dispoñen da capacidade técnica e dos medios electrónicos adecuados para comunicarse coa Administración para os efectos dos distintos trámites regulados no decreto, como teléfonos móbiles con conexión á internet, sen que se susciten incidencias en canto a esta cuestión. En particular, a inmensa maioría das solicitudes de inclusión xa se efectuaban na práctica utilizando a canle electrónica, e a presentación física era meramente residual. Así mesmo, debe terse en conta que, no caso que nos ocupa, o propio sistema de chamamentos previsto no decreto, debido á necesidade de cobertura coa máxima celeridade dos postos, así como a xestión eficiente das listas, xa determina a necesidade de uso dos medios electrónicos como método de relación coa Administración, polo que resulta proporcionada e adecuada a súa exixencia no momento tamén de presentar a solicitude de inclusión. Deste xeito, a simplificación da presentación e xestión das solicitudes nun sistema electrónico único axilizará a tramitación, aumentará as garantías e facilitará a accesibilidade das persoas interesadas, que poderán realizar as súas xestións desde calquera lugar e a calquera hora, de acordo cos requisitos previstos no decreto.
Ademais, lévase a cabo unha importante modificación nos chamamentos das persoas aspirantes ás listas de contratación temporal, de xeito que se configuran dous tipos de chamamentos, ordinario e extraordinario, sempre tendo presente que todas as contratacións temporais se xustifican en razóns de necesidade ou urxencia, consonte o recollido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que se refire ao nomeamento do persoal interino por razóns de extraordinaria necesidade, e nas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, que insisten en que os chamamentos son para a cobertura de necesidades urxentes e inaprazables.
O chamamento ordinario, regulado no artigo 14, empregarase con carácter xeral para a cobertura de postos.
O chamamento extraordinario empregarase no caso de que concorra unha situación xustificada de urxencia e necesidade inaprazable na cobertura de determinados postos para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público. Para este segundo tipo de chamamento, o decreto prevé a posibilidade de realizar chamamentos telefónicos ou mediante un SMS urxente.
A existencia destes distintos medios de chamamento determina a necesidade de establecer unha orde de prelación en caso de concorrencia, ofrecéndose así a debida seguridade xurídica para as persoas aspirantes das listas.
Outra importante novidade que se leva a cabo con esta modificación é a que se realiza no artigo 15, coa eliminación das excepcións ás suspensións dos chamamentos para o persoal aspirante das listas de contratación temporal, tendo en conta que a experiencia nos últimos anos sobre a xestión das listas de contratación temporal puxo de manifesto que esa mellora de emprego provocou distorsións no funcionamento dos servizos públicos.
Modifícase o título do artigo 16 para dotalo de maior coherencia co seu contido e, ademais, lévase a cabo a adaptación das credenciais de chamamento ao SMS urxente.
Modifícase o artigo 18, relativo ás penalizacións, en relación co prazo previsto no número un do artigo, que pasa dun ano a seis meses, e elimínase a letra b) do mesmo número un para adaptalo á nova redacción do artigo 15.
Así mesmo, engádese unha nova disposición adicional coa finalidade de establecer medidas extraordinarias de xestión das listas de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF). A súa incorporación responde á necesidade de garantir unha cobertura áxil e eficaz dos postos durante o período de alto risco de incendios forestais, así como durante os períodos necesarios para a preparación da campaña estival de incendio, e de dotar a consellería competente en materia de prevención de incendios forestais dos instrumentos organizativos necesarios para tal fin. Neste contexto, debe terse en conta que a dita consellería ten encomendados determinados actos de xestión das listas para o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral, vinculados ás tarefas de prevención e defensa contra incendios forestais, coa finalidade de axilizar a cobertura destes postos, polo que resulta necesario adaptar o marco normativo para posibilitar o exercicio efectivo destas funcións.
Ademais, a previsión relativa á suspensión automática de chamamentos en todas as listas tras a aceptación dun posto, que se incorpora na nova redacción do artigo 15, contribúe a evitar disfuncións na xestión das listas do SPIF, ao reducir a rotación de efectivos e garantir unha estabilidade mínima dos equipos durante o período de maior actividade operativa. Deste xeito, favorécese unha planificación máis eficiente dos recursos humanos e asegúrase unha resposta máis eficaz ante situacións de emerxencia.
O decreto incorpora unha disposición derradeira, relativa á entrada en vigor destas modificacións, tendo presente que as modificacións teñen carácter de urxencia para poder aplicarse na vindeira campaña de alto risco de incendios.
Porén, establécese que o disposto no artigo 5.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na nova redacción dada por este decreto, entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2027, e que ata entón se manterá a vixencia do referido artigo na súa redacción anterior.
Así mesmo, dado que a modificación do número 2 do artigo 15 precisa dun desenvolvemento das aplicacións informáticas que xestionan as listas de contratación, establécese que a modificación entrará en vigor unha vez que se constate, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de emprego público publicada no Diario Oficial de Galicia, que queda garantida a viabilidade técnica e o correcto funcionamento das aplicacións informáticas que xestionan as listas de contratación temporal, e que ata entón se manterá a vixencia do referido artigo na súa redacción anterior.
O contido deste decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establecen o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e o artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Así, en cumprimento dos principios de necesidade, de eficacia e de proporcionalidade, este regulamento está xustificado pola necesidade de realizar unha serie de modificacións no decreto en cumprimento doutras disposicións legais ou pola necesidade de introducir cambios ligados á urxencia dos nomeamentos do persoal funcionario e das contratacións temporais, e a regulación proposta é a adecuada e imprescindible para iso. Cúmprese, así mesmo, o principio de seguridade xurídica, pois a nova regulación encádrase no marco normativo do ámbito das competencias autonómicas. Así mesmo, na tramitación deste decreto observouse o principio de transparencia, ao posibilitar que as potenciais persoas destinatarias teñan unha participación activa na elaboración da norma. Por último, respéctase o principio de eficiencia, pois non se impoñen cargas innecesarias ou accesorias e permítese unha xestión racionalizada dos recursos públicos.
Na elaboración desta disposición tivéronse en conta os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia
Un. Modifícase a denominación do decreto, que será a seguinte:
«Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas ao persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia».
Dous. Modifícase o número un do artigo 5, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. As solicitudes de inclusión nas listas de contratación temporal elaboradas ao abeiro deste decreto presentaranse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento AP522T ou o que o substitúa) ou na páxina web da Xunta de Galicia, a través da aplicación Fides https://fides.xunta.gal
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda».
Tres. Modifícase o título do artigo 14, que queda redactado como segue:
«Artigo 14. Chamamento ordinario ás persoas aspirantes».
Catro. Suprímese o número 2 do artigo 14, que queda sen contido.
Cinco. Engádese o artigo 14 bis, que terá a seguinte redacción:
«Artigo 14 bis. Chamamento extraordinario ás persoas aspirantes
1. No caso de que concorra unha situación xustificada de urxencia e necesidade inaprazable na cobertura de determinados postos para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, debidamente acreditadas, que non permita a utilización do procedemento ordinario previsto no artigo 14.1, a Administración poderá optar por comunicar o chamamento por vía telefónica ou vía SMS urxente con aviso de recepción e xestionado no sistema de citacións electrónicas aloxado no portal web da Xunta de Galicia.
2. Os chamamentos extraordinarios realizaranse por algún dos seguintes medios:
a) Os chamamentos telefónicos realizaraos o persoal funcionario, que fará constar mediante dilixencia a súa realización, se tiveron ou non resposta e o seu resultado.
Unha persoa representante da parte social na Comisión prevista no artigo 4 terá dereito a estar presente en todos os chamamentos telefónicos. Para tal fin, a persoa encargada facilitaralle a información que precise.
No caso de que a persoa integrante das listas non sexa localizada a través do teléfono, entenderase que non está dispoñible e a súa falta de actuación non terá efectos no seu estado na lista.
No caso de que a persoa integrante das listas responda ao chamamento telefónico pero non acepte os postos ofertados, suporá que os rexeita, coas consecuencias establecidas neste decreto.
b) Os chamamentos por SMS urxente serán comunicados a través dun SMS con aviso de recepción. O aviso de recepción proporcionará información da recepción polo teléfono da persoa chamada.
Na comunicación vía SMS urxente incluiranse o código individual do chamamento e unha ligazón que lles permitirá ás persoas acceder directamente ao contido íntegro da comunicación enviada, a través do sistema de citacións electrónicas aloxado no portal web da Xunta de Galicia.
As persoas que reciban o SMS urxente, que serán remitidos en todo caso antes das 13.00 horas, disporán desde a súa recepción ata as 23.59 horas do mesmo día para accederen ao sistema de citacións electrónicas, estableceren a orde de prelación de todos os postos ofertados e validaren a súa elección.
A validación da súa elección suporá a aceptación do chamamento pola persoa aspirante nos termos citados.
No caso de que a persoa aspirante ao chamamento non acceda ao sistema de citacións electrónicas, entenderase que non está dispoñible e a súa falta de actuación non terá efectos no seu estado na lista.
No caso de que a persoa aspirante ao chamamento acceda ao sistema de citación electrónica pero non valide a súa elección de postos no prazo indicado, ou non acepte os postos ofertados, suporá que os rexeita, coas consecuencias, en cada caso, establecidas neste decreto.
A acreditación da comunicación efectuada por SMS urxente, o acceso ao sistema de citacións electrónicas, o acceso ao contido da comunicación e se é o caso, o rexeitamento incorporaranse ao expediente».
Seis. Engádese o artigo 14 ter, que terá a seguinte redacción:
«Artigo 14 ter. Concorrencia de chamamentos
No caso de que a persoa integrante das listas reciba varios chamamentos, a prioridade para atender os chamamentos será a seguinte:
1º. Chamamentos telefónicos.
2º. Chamamentos por SMS urxentes.
3º. Chamamentos ordinarios. En caso de concorrencia de chamamentos por este sistema, observarase o disposto no artigo 14 deste decreto.
Esta mesma orde manterase no proceso diario de adxudicación no caso de que concorran adxudicacións de distintos tipos de chamamentos no mesmo día».
Sete. Modifícase o artigo 15, que terá a seguinte redacción:
«Artigo 15. Suspensión dos chamamentos
1. De oficio.
A aceptación dun chamamento polas listas elaboradas en aplicación deste decreto para unha categoría, corpo, escala ou especialidade suporá a suspensión dos chamamentos tanto para outros ámbitos da mesma lista como para as listas correspondentes a outras categorías, corpos, escalas ou especialidades.
2. Por solicitude da persoa interesada.
As persoas integrantes das listas elaboradas en aplicación deste decreto poderán solicitar a suspensión das citacións. O modelo de solicitude estará ao dispor das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica e deberá efectuarse electronicamente.
A solicitude de suspensión terá efectos o día seguinte ao da súa presentación no caso de non ter unha credencial de selección vixente. En caso contrario, a solicitude de suspensión terá efectos o día seguinte ao do cesamento no posto que viña ocupando a persoa seleccionada a través das listas elaboradas en aplicación deste decreto.
A suspensión manterase mentres a persoa interesada non presente solicitude de reincorporación. A solicitude de reincorporación efectuarase electronicamente no modelo que estará ao dispor das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica e producirá efectos desde o día seguinte ao da súa presentación».
Oito. Modifícase o título do artigo 16, que queda redactado como segue:
«Artigo 16. Emisión de credenciais e toma de posesión».
Nove. Modifícase o artigo 16, que terá a seguinte redacción:
«Artigo 16. Emisión de credenciais e toma de posesión
1. Nas notificacións remitidas, a través do sistema electrónico de notificacións da Xunta de Galicia, comunicaráselles a todas as persoas aspirantes incluídas en cada citación a data de resolución do chamamento, así como o enderezo web a que poden acceder para comprobaren se foron seleccionadas para algún dos postos ofertados.
Nesta data poderán acceder ao sistema para coñeceren o resultado do chamamento e, no caso de seren seleccionadas pola dirección xeral competente en materia de emprego público, poderán descargar a credencial de adxudicación do posto e calquera outra información adicional relativa á dita adxudicación.
En todo caso, á persoa que resulte adxudicataria do posto nalgunha das citacións enviaráselle un acceso directo á descarga da credencial mediante SMS e, se é o caso, por correo electrónico.
O acceso á credencial pola persoa seleccionada farase nun prazo non superior a un día hábil, para a súa presentación no posto de traballo no prazo que nela figure, ao cal deberá acudir coa documentación que en cada caso se lle exixa.
2. Nas comunicacións remitidas a través do sistema SMS urxente, comunicaráselles a dita urxencia a todas as persoas incluídas en cada citación, así como a data final do prazo para a elección e o enderezo web a que poden acceder para realizar a elección de postos.
O día seguinte poderán acceder ao sistema para coñeceren o resultado do chamamento e, no caso de seren seleccionadas pola dirección xeral competente en materia de emprego público, poderán descargar a credencial de adxudicación do posto e calquera outra información adicional relativa á dita adxudicación.
O acceso á credencial pola persoa seleccionada farase nun prazo non superior a un día hábil, para a súa presentación no posto de traballo no prazo que nela figure, ao cal deberá acudir coa documentación que en cada caso se lle exixa».
Dez. Modifícase o artigo 18, que terá a seguinte redacción:
«Artigo 18. Penalización
1. As persoas integrantes dunha lista que non aceptasen ou rexeitasen os postos ofertados a que están obrigadas, non se presentasen no posto de traballo previsto na credencial no prazo indicado ou renunciasen a un posto para o que foron seleccionadas quedarán excluídas dos chamamentos durante un prazo de seis meses que se contará desde a data do feito causante da exclusión.
Exceptúase do disposto no parágrafo anterior:
a) A falta de aceptación ou rexeitamento do posto, a non presentación ou a renuncia ao posto cando derive de forza maior.
b) A renuncia a un posto reservado con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria ou a un posto de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez transcorridos dous meses desde a data do inicio de prestación de servizos. Neste caso, a persoa traballadora terá a obriga de realizar un aviso previo con quince días hábiles de antelación ao da data de efectos da renuncia ao servizo de persoal correspondente.
O persoal que renuncie a un posto con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria ou a un posto descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses nos termos previstos no parágrafo anterior terá dereito á non aceptación dos postos que se lle oferten desta natureza durante o período dun ano desde a renuncia.
c) A renuncia a un posto derivada de ter recoñecida unha discapacidade que comporte unha imposibilidade ou unha limitación substancial para desempeñar as funcións do posto, unha vez apreciada esta circunstancia pola Comisión Permanente, cos informes que, de ser o caso, considere pertinentes.
d) Calquera outra causa de entidade suficiente, debidamente acreditada pola persoa interesada, que considere procedente a Comisión Permanente logo de acordo motivado adoptado ao respecto.
2. As persoas integrantes das listas que estean penalizadas e queiran volver formar parte delas poderán solicitar a reincorporación. A solicitude de reincorporación presentada durante o período de penalización producirá efectos transcorrido o prazo de seis meses, que se contarán desde a data do feito causante da exclusión. A solicitude presentada con posterioridade ao remate do período de penalización producirá efectos o día seguinte ao da súa presentación.
A solicitude de reincorporación deberase realizar e presentar electronicamente na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica».
Once. Engádese a disposición adicional sétima coa seguinte redacción:
«Disposición adicional sétima. Medidas extraordinarias para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios
1. Período de aplicación das medidas extraordinarias:
a) As previsións incluídas nesta disposición resultarán de aplicación durante os períodos que se declaren de alto risco de incendios forestais, de acordo coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. En todo caso, tendo en conta a necesidade da preparación da campaña estival de incendios e a análise das épocas cun incremento notable da actividade incendiaria en Galicia, as medidas serán aplicables para o período comprendido entre o 1 de marzo e o 31 de outubro de cada ano natural.
b) Durante o período comprendido na letra anterior, atendendo ás necesidades operativas de despregamento de medios de extinción e alerta para a defensa das persoas, dos bens e dos montes, considérase que a cobertura de postos do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) terá carácter urxente e prioritario.
2. Réxime extraordinario de chamamentos:
a) Os chamamentos para a cobertura de postos do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) durante o período previsto no número anterior realizaranse mediante unha mensaxe curta de texto (SMS urxente) con confirmación de recepción remitida ao número de teléfono móbil previamente comunicado pola persoa integrante da lista. No caso de que non sexa posible polas circunstancias concorrentes o envío das mensaxes de texto, poderá utilizarse o sistema de chamamento telefónico previsto no artigo 14 bis.
b) Os chamamentos que se efectúen por SMS urxente realizaranse conforme o procedemento previsto na letra b) do número 2 do artigo 14 bis.
c) O prazo máximo para acceder ao sistema e validar electronicamente a elección non poderá exceder as 23.59 horas do mesmo día do envío do SMS urxente.
d) A falta validación no prazo indicado terá a consideración de rexeitamento do chamamento, cos efectos previstos neste decreto.
e) A adxudicación do posto efectuarase o día seguinte ao da realización do chamamento. Nesa data poderán acceder ao sistema para coñecer o resultado e, no caso de seren seleccionadas, poderán descargar a credencial da adxudicación do posto para a súa presentación no posto de traballo no prazo que nela figura, que en todo caso non poderá exceder un día hábil desde á súa adxudicación.
f) A acreditación do envío do SMS, do acceso ao sistema, da validación da elección ou, de ser o caso, do rexeitamento por falta de actuación incorporarase ao expediente mediante o correspondente rexistro automatizado do sistema.
3. Efectos da falta de incorporación ou da renuncia:
A non incorporación da persoa seleccionada no prazo establecido na letra e) do número 2, así como a renuncia ao posto unha vez iniciada a prestación de servizos, a non aceptación ou o rexeitamento dos postos ofertados serán penalizados conforme o disposto no artigo 18.
4. Autorización marco para acumulación de tarefas:
a) Poderá tramitarse unha autorización conxunta da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio e da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico para o nomeamento de persoal funcionario interino ou a contratación de persoal laboral temporal por exceso ou acumulación de tarefas no ámbito do SPIF.
b) A autorización terá carácter marco e fixará as categorías, corpos ou escalas susceptibles de cobertura, a duración máxima dos nomeamentos ou contratos e o límite máximo de crédito disponible.
c) A efectividade da autorización quedará condicionada á concorrencia real das circunstancias extraordinarias, ocasionais e imprevisibles que xustifiquen o reforzo, que deberán estar motivadas mediante unha memoria complementaria individualizada que asinará a persoa titular da dirección xeral competente en materia de prevención de incendios forestais, na cal se xustificarán a necesidade do reforzo, a imposibilidade de atender as necesidades co persoal dispoñible, o servizo competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais do departamento territorial correspondente a que se adscribirá o persoal de reforzo e o seu ámbito de actuación.
d) As contratacións ou nomeamentos efectuados ao abeiro da autorización marco deberán axustarse estritamente aos límites establecidos nela e darase conta aos órganos autorizantes nos termos previstos na normativa orzamentaria e nas instrucións que estes diten para o efecto.
5. Listas complementarias para o período de alto risco de incendio forestal:
1. A consellería competente en materia de prevención de incendios forestais poderá, mediante resolución, elaborar listas complementarias para a cobertura temporal de postos do SPIF durante o período recollido no número 1, que se rexerán polas seguintes normas:
a) As listas complementarias terán carácter estritamente subsidiario e só se poderán utilizar en ausencia de persoas dispoñibles nas listas ordinarias elaboradas ao abeiro deste decreto, e exclusivamente mentres non existan persoas dispoñibles nelas.
b) Estas listas poderán elaborarse con carácter previo ao esgotamento das listas do decreto para prever con antelación suficiente as necesidades de cobertura a que se refire esta disposición.
c) Correspóndenlle á consellería competente en materia de prevención de incendios forestais a súa elaboración, publicación e xestión, así como a resolución das reclamacións.
d) As listas complementarias constituiranse conforme os seguintes criterios de prioridade:
1º. As persoas penalizadas por aplicación do artigo 18 deste decreto.
2º. No suposto de existiren baremos provisionais correspondentes a listas das categorías, corpos ou escalas do SPIF elaboradas pola dirección xeral competente en materia de emprego público, poderán confeccionarse as listas complementarias coas persoas incluídas nas ditas relacións provisionais respectando a orde de prelación establecida nelas.
3º. No suposto de existiren procesos selectivos convocados para o acceso ás correspondentes categorías, corpos ou escalas do SPIF, as listas confeccionaranse coas persoas aspirantes presentadas aos ditos procesos, ordenadas segundo as puntuacións obtidas nos exercicios realizados da fase de oposición. Neste caso, será necesario que nos correspondentes procesos selectivos se indicase a posibilidade de confección destas listas complementarias para o nomeamento de persoal interino ou a contratación temporal de persoal laboral e do uso dos datos persoais das persoas aspirantes para esta finalidade. No caso de non se ter indicado esta posibilidade nos ditos procesos selectivos, a consellería competente na elaboración destas listas complementarias deberá recadar a autorización das persoas aspirantes para poder incluílas nas listas.
4º. Na falta dos supostos anteriores ou cando resulten insuficientes para garantir a cobertura das necesidades, as listas conformaranse mediante convocatoria pública específica polo procedemento de urxencia, garantindo, en todo caso, os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade. Neste suposto, valorarase preferentemente a experiencia profesional na mesma categoría, ademais da formación directamente relacionada coas funcións dos postos e do coñecemento acreditado da lingua galega en nivel superior ao exixido, nos termos e coa ponderación que se establezan na correspondente convocatoria.
2. A falta de persoas previstas no ordinal 1º da letra d) do número 1 ou de baremos provisionais de listas ou de persoas aspirantes a procesos selectivos previstos nos ordinais 2º e 3º da letra c) do número 1 non obstará para a confección das listas complementarias, sen prexuízo de ampliar as ditas listas no caso de dispor desa información.
6. Ámbito subxectivo de aplicación:
As previsións contidas nesta disposición adicional resultarán de aplicación para as seguintes escalas e categorías que presten servizos no SPIF:
|
Grupo Subgrupo |
Categoría Corpo/Escala |
Denominación |
|
B |
209U |
Corpo de técnicos/as de carácter facultativo, escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade bombeiro/a forestal xefe/a de brigada |
|
C2 |
207S |
Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de emisorista/vixilante/a fixo/a |
|
C2 |
207T |
Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade bombeiro/a forestal-condutor/a de motobomba |
|
C2 |
207U |
Corpo de auxiliares de carácter técnico, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade bombeiro/a forestal |
|
I |
038 |
Técnico/a superior de defensa contra incendios forestais |
|
II |
039 |
Técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais |
|
III |
100 |
Bombeiro/a forestal xefe/a de brigada |
|
IV |
032 |
Operador/a codificador/a de datos de defensa contra incendios forestais |
|
IV |
033 |
Bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba |
|
IV |
037 |
Oficial/a de segunda mecánico/a de máquinas de defensa contra incendios forestais |
|
V |
10A |
Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais |
|
V |
10B |
Vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais |
|
V |
10C |
Emisorista de defensa contra incendios forestais. Escoita incendios |
|
V |
014 |
Bombeiro/a forestal |
|
V |
14A |
Bombeiro/a forestal condutor/a» |
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
1. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás o establecido nos puntos seguintes desta disposición.
2. O disposto no artigo 5.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na nova redacción dada por este decreto, entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2027, e ata entón manterase a vixencia do referido artigo na súa redacción anterior.
3. O disposto no artigo 15.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na nova redacción dada por este decreto, entrará en vigor tan pronto como se constate, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de emprego público publicada no Diario Oficial de Galicia, que quedan garantidos a viabilidade técnica e o correcto funcionamento das aplicacións informáticas que xestionan as listas de contratación temporal, e ata entón manterase a vixencia do referido artigo na súa redacción anterior.
Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
