DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 19 de maio de 2026 Páx. 28905

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial PS-3A, da Área Científico-Tecnolóxica do Mar, nos terreos da Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) en Vigo, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de abril de 2026, así como as súas disposicións normativas.

En cumprimento do disposto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de abril de 2026, do proxecto sectorial PS-3A da Área Científico-Tecnolóxica 2 do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, nos terreos da ETEA en Vigo, cuxa parte dispositiva ten o seguinte teor literal:

«Aprobar definitivamente o proxecto sectorial PS-3A da Área Científico-Tecnolóxica 2 do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, nos terreos da Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) en Vigo».

De conformidade co previsto nos artigos 58, 60 e 61 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, mediante a Resolución da directora xeral de Urbanismo do 29 de abril de 2026 inscribiuse o referido proxecto sectorial no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, co número de rexistro ROTPG/OT/5/2026, da sección II, do libro I, tomo IV, folla rexistral núm. 74.

En virtude do previsto no artigo 60.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, fanse públicas, como anexo a esta resolución, as disposicións normativas do dito proxecto sectorial. O contido íntegro do documento pode consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/es/territorio-y-urbanismo/registro-de-ordenacion-del-territorio-y-urbanismo/buscador

Finalmente, indícase que, de conformidade co previsto no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, mediante o Anuncio do 20 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, publicado no DOG núm. 95, do 21 de maio, fíxose público o informe ambiental estratéxico do referido proxecto sectorial, que pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, na seguinte ligazón:

http://cmaot.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2026

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

4. Ordenanzas reguladoras.

4.1. Normas xerais.

4.1.1. Natureza e ámbito.

1. O proxecto sectorial PS-3A da Área Científico-Tecnolóxica 2 desenvolve as determinacións do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo sobre o ámbito delimitado polo dito plan como PS-3A.

2. Esta normativa aplícase á superficie total do ámbito do proxecto sectorial.

4.1.2. Modificación e vixencia.

1. A modificación do proxecto sectorial poderase realizar en calquera momento, seguindo o procedemento establecido na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, con exclusión do trámite previsto no seu punto 1.

2. O proxecto sectorial poderá caducar e extinguir os seus efectos no suposto de que se produza a declaración de caducidade por incumprimento dos prazos previstos para o seu inicio ou terminación por unha causa imputable ao titular das obras, ou que estas sexan interrompidas por un tempo superior ao autorizado sen causa xustificada, excepto que se obteña previamente a correspondente prórroga, que poderá outorgar a consellería que tramitou o proxecto.

3. A declaración de caducidade corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente por razón da materia que tramitou o proxecto sectorial e despois do informe da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e da audiencia dos interesados.

4. A declaración de caducidade indicará, se é o caso, as determinacións do planeamento urbanístico municipal que deban ser modificadas, as condicións a que quedan sometidas as construcións e instalacións xa realizadas e aquelas outras que resulten adecuadas para corrixir ou eliminar os impactos que se puidesen producir no medio físico.

4.1.3. Alcance normativo dos documentos.

O alcance normativo do proxecto deriva do contido normativo dos documentos urbanísticos que o integran e, en particular, das ordenanzas reguladoras, planos de ordenación, estudo económico-financeiro e memoria xustificativa da ordenación.

4.1.4. Desenvolvemento obrigatorio.

Para o desenvolvemento urbanístico dos usos e actividades redactaranse os proxectos de edificación e instalacións.

4.1.5. Prazo de inicio e fin das obras.

Unha vez que estea aprobado o proxecto sectorial, convocarase a licitación para a execución das obras de xeito inmediato.

Darase de prazo un ano desde a aprobación definitiva para o inicio das obras e catro anos desde entón para rematar a execución da urbanización.

4.1.6. Cumprimento da lexislación vixente.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes ou que poidan ser ditadas, sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non previstos nestas ordenanzas observarase o disposto no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo e na normativa urbanística municipal vixente.

4.1.7. Definicións.

Para os efectos destas ordenanzas, observarase o establecido no anexo I do Regulamento da Lei do solo de Galicia, en canto a definicións relativas a edificabilidade e aproveitamento urbanístico, parcela ou predio, posición da edificación, volume e forma da edificación.

4.1.8. Condicións xerais de uso.

1. Son as condicións que regulan as diferentes utilizacións dos terreos e das edificacións segundo a actividade que se produza.

2. Os usos divídense en permitidos, tolerados e prohibidos con base na súa adecuación a cada ámbito de solo e aos fins da ordenación e á compatibilidade dos usos entre si.

3. A regulación dos usos en todas as parcelas establécese na ordenanza que resulte de aplicación.

4. De acordo coas prescricións de cada ordenanza poderán ser definidos como usos permitidos, tolerados ou prohibidos todos ou algúns dos seguintes:

A. Uso dotacional: é o que serve para prover os cidadáns do equipamento que facilite e posibilite a súa educación, enriquecemento cultural, a súa saúde e benestar, e para proporcionar os servizos propios da vida urbana tanto de carácter administrativo como de abastecemento ou infraestruturais. Distínguense os seguintes tipos de usos dotacionais:

– Uso docente e investigador. Comprende o uso dotacional correspondente ás actividades formativas e de ensino e as de investigación relacionadas coa creación, aplicación e difusión do coñecemento.

– Uso cultural. Comprende as actividades culturais asociativas e da relación social que precisen locais permanentes.

– Uso de organismos oficiais. Comprende as dotacións terciarias destinadas ao exercicio da Administración pública, ao desenvolvemento das funcións públicas institucionais e á prestación de servizos públicos.

B. Uso oficinas: é o que ten por finalidade a prestación de servizos ao público, ás empresas ou organismos, tales como os servizos de aloxamento temporal, comercio ou venda polo miúdo, servizos persoais, información, administración, xestión pública ou privada, actividades e servizos financeiros e profesionais.

4.2. Normas comúns da edificación.

4.2.1. Condicións xerais.

1. Esta ordenanza será aplicable en todo o ámbito do proxecto sectorial PS-3A.

2. No ámbito do proxecto sectorial autorízanse os usos definidos no artigo 4.1.8 e defínense para cada parcela, nas condicións particulares da edificación, os usos característicos, que se entenden compatibles con calquera outros dos autorizados.

3. As condicións de edificación permitidas particularizaranse para cada unha das parcelas.

4. A totalidade da superficie sobrante non ocupada pola edificación terá o tratamento de zona verde ou espazo público, coas condicións establecidas nesta normativa. Para tales efectos, o proxecto de construción deberá incluír o acondicionamento dos ditos espazos.

5. Para os edificios de interese arquitectónico, aplicarase o disposto na normativa de protección deste proxecto sectorial.

4.2.2. Parámetros e determinacións reguladoras.

A edificación no ámbito do proxecto sectorial adecuarase ao definido nas ordenanzas particulares, planos de ordenación e parámetros establecidos, que serán os que seguen para cada unha das parcelas incluídas:

– Liña de edificación exterior.

– Altura máxima e número de plantas.

– Edificabilidade máxima.

4.2.3. Superficie edificable.

Para os efectos do seu cálculo observarase o establecido no artigo 41.4 da Lei do solo de Galicia:

4.2.4. Sotos e semisotos.

– Permítense os semisotos. Poderanse dedicar a locais de traballo cando a superficie de ventilación e iluminación non sexa inferior a 1/8 da superficie do local.

– Permítense sotos en número máximo dunha planta sempre e cando se xustifique debidamente a súa necesidade. Queda prohibido o uso dos sotos como locais de traballo.

4.3. Normas particulares da edificación.

A1. Edificio Siemens.

Prevese a modificación do volume edificado actualmente existente coa posibilidade de eliminación dos elementos non catalogados e a nova edificación. Esta nova edificación configúrase como un elemento estrutural e funcionalmente independente da edificación afectada pola servidume de protección de costas, de acordo co regulado na disposición transitoria décimo cuarta do RXC.

En todo caso, a ordenación dos volumes edificados deberá garantir unha dimensión mínima de paso libre de 4,00 m no espazo público circundante.

De acordo co artigo 4.2.1.4, a superficie sobrante non ocupada pola edificación destinarase a zona verde ou espazo público, e o proxecto que desenvolva a edificación deberá comprender o tratamento e adecuación deste espazo garantindo o seu uso e recomposición, así como a continuidade do tratamento superficial da urbanización do espazo público circundante.

A remodelación da edificación garantirá o mantemento de todos os elementos clave do edificio orixinario obxecto de catalogación e protección.

Uso característico: dotacional e oficinas.

Usos permitidos: docente e investigador, cultural, organismos oficiais e oficinas.

A altura máxima permitida será de baixo e unha planta no que respecta á edificación obxecto de protección, e baixo e dúas plantas na nova edificación, equivalente a unha altura máxima de coroación de 11,50 m.

A superficie construída máxima será de 2.650 m2.

A2. Edificio Faraday.

O proxecto sectorial prevé a posibilidade da rehabilitación do edificio existente respectando a volumetría actual da edificación, tal e como se reflicte nos planos de ordenación.

A remodelación da edificación garantirá o mantemento da forma de todos os elementos clave do edificio orixinario obxecto de catalogación e protección.

Uso característico: dotacional.

Usos permitidos: docente e investigador, cultural e organismos oficiais.

A liña de edificación será a resultante da reordenación volumétrica e respectará o trazado existente da envolvente da edificación protexida.

A altura máxima permitida será de baixo e dúas plantas, baixo e tres plantas e baixo e cinco plantas, tal e como está reflectido nos planos de ordenación, e en ningún caso superará as liñas de cornixa existentes.

A superficie construída máxima será de 3.100 m2.

4.4. Normas de uso (Desenvolvemento do planeamento municipal vixente).

Os usos definidos no artigo 4.1.8 desta norma enténdense asimilados á clasificación de usos do artigo 43 da normativa do Plan xeral vixente, nas epígrafes b. Terciario: 6. Oficinas e d. Dotacional: 11. Educativo, 12. Cultural, 15. Administración-Institucional e estarán vencellados ás condicións que se explicitan nela nos seus artigos 48 e 54.

4.5. Normas de urbanización.

4.5.1. Execución do proxecto sectorial.

Para a execución do proxecto sectorial redáctase o proxecto de obras e acondicionamento da urbanización que desenvolve as súas determinacións, de acordo coas presentes normas.

4.5.2. Obxecto, alcance e características xerais dos proxectos de obras e acondicionamento da urbanización.

1. O proxecto de obras e acondicionamento da urbanización ten por obxecto a definición técnica precisa para a realización da totalidade das obras de acondicionamento urbanístico do ámbito.

2. O proxecto de obras e acondicionamento da urbanización non poderá modificar as previsións do planeamento que executa –sen prexuízo das posibles adaptacións froito da execución material das obras– nin, en ningún caso, conter determinacións sobre ordenación e réxime do solo e da edificación, e sempre respectará as condicións de accesibilidade da lexislación vixente ao respecto.

3. O proxecto de obras e acondicionamento da urbanización deberá resolver o enlace dos servizos urbanísticos do ámbito cos proxectados nos proxectos sectoriais PS-1 e PS-5, segundo a previsión do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA.

4.5.3. Contido dos proxectos de urbanización.

1. O proxecto de obras e acondicionamento da urbanización estará constituído polos documentos necesarios para a completa definición executiva das obras comprendidas, co detalle e complementos que requira.

2. O proxecto redactarase de xeito que permita a persoas alleas aos autores a dirección e boa execución das obras, que deberán formar parte dun conxunto terminado tal que o seu funcionamento sexa completo.

4.6. Condicións da urbanización.

Condicións do espazo público e zonas libres.

1. O proxecto de obras e acondicionamento da urbanización correspondente ao espazo público e zonas libres xustificará o sistema de rega elixido, a rede de iluminación que incorpore e os elementos do mobiliario urbano e, en calquera caso, observará o disposto na Orde TMA/851/2021, do 23 de xullo, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados.

2. As escavas terán unha dimensión proporcional ao porte do arboredo e, en todo caso, superior a oitenta (80) centímetros de diámetro.

3. Preservarase o nivel de solo das áreas que estean arborizadas.

4. O tronco dos plantóns das árbores de porte grande terán unha circunferencia de vinte e dous a vinte e catro (22-24) centímetros medida a un (1) metro de altura desde o arranque das raíces; as árbores de porte mediano terán de vinte a vinte e dous (20-22) centímetros e as de porte pequeno terán de dezaoito a vinte (18-20) centímetros.

5. Todos os plantóns deberán conservar a guía principal e ter o tronco recto, e plantaranse con titores, proteccións mecánicas, proteccións contra cans e ventos para asegurar o seu enraizamento e protexer o seu crecemento nos primeiros anos.

6. A plantación de arboredo efectuarase na primeira etapa de urbanización de cada fase. A distancia mínima entre árbores e fachadas será de dous metros e medio (2,5 m).

7. Os materiais de pavimentación serán elixidos de acordo cun código funcional que distinga a categoría do espazo (circulación, peonil, estancial, etc., …).

8. Os percorridos peonís deberanse resolver con materiais que non dificulten a circulación de persoas e vehículos de man.

9. As tapas de arquetas, rexistros, etc., … deberán ser orientadas tendo en conta as xuntas dos elementos do pavimento e estarán ao nivel co seu plano, de xeito que non formen resaltos.

10. A pendente mínima será do 0,8 %; admitiranse de xeito excepcional pendentes menores sempre e cando o proxecto dea unha solución adecuada á drenaxe da plataforma mediante levadas ou ampliación da frecuencia de sumidoiros, etc., …

11. Os sistemas de rega por circulación superficial deberán ser deseñados de xeito que as augas non invadan as superficies pavimentadas. As escavas e regueiros deberán contar con proteccións no caso de seren profundos ou entrañaren riscos para os peóns.

12. Os espazos libres deberán ser ordenados na súa totalidade, evitando espazos residuais sen tratamento.

13. Queda prohibida a plantación de arboredo sobre a vertical de calquera infraestrutura.

Condicións do abastecemento de auga.

Abastecemento de auga potable

1. De cara ao dimensionamento da rede preverase un consumo de trescentos (300) litros habitante-equivalente e día. Esta dotación enténdese de xeito global, isto é, incluíndo perdas na rede, rega de vías e zonas verdes.

2. En todo caso se deberán respectar as condicións técnicas prescritas polos provedores do servizo.

3. A rede interna proxectada deberá ser mallada, coa excepción dos seus ramais de menor xerarquía. Neste último caso, os testeiros dos ramais contarán con dispositivos de desaugamento á rede de saneamento. Calquera outra solución que non respecte este criterio será admisible soamente tras unha xustificación en detalle, en termos económicos e funcionais.

4. Os proxectos de abastecemento deberán incluír unha xustificación hidráulica da solución adoptada.

5. A velocidade da auga nas canalizacións principais deberá estar comprendida, salvo xustificación razoada en contra, entre 0,5 e 1,8 m/s.

6. As conducións deberán situarse a un nivel superior ao dos sumidoiros circundantes.

7. Os tubos, válvulas e pezas especiais dispoñeranse coa timbraxe suficiente para garantir a estanquidade e durabilidade da rede. A presión normalizada da proba en fábrica non será inferior, en ningún caso, a 10 atmosferas. Os materiais cumprirán as condicións requiridas no prego de condicións técnicas xerais para canalizacións de abastecemento de auga.

8. Todas as acometidas dispoñerán dunha chave de paso rexistrable na vía pública.

9. O diámetro mínimo das conducións na rede será de 100 mm, de modo que poidan instalarse sobre elas hidrantes de diámetro 80 mm. Se os hidrantes proxectados son de diámetro 100 mm, o tubo do cal derivan terá un diámetro mínimo de 150 mm.

Condicións do saneamento.

Rede de saneamento.

1. O saneamento realizarase polo sistema separativo, diferenciando augas negras, grises e pluviais; admítese incorporar ás augas residuais unha proporción limitada das augas de choiva, de maneira que o resto vertan tras uno tratamento axeitado ou poidan ser utilizadas para a rega das zonas axardinadas ou limpeza. Para tal efecto, os proxectos incorporarán solucións que permitan a separación das augas de chuvia limpa das restantes augas residuais, prevendo a súa incorporación ás zonas axardinadas facilitando a súa infiltración ou aproveitamento.

2. As seccións mínimas da rede de sumidoiros, tanto para a rede coma para acometidas e desaugadoiros de sumidoiros, serán de trinta (30) centímetros de diámetro e as velocidades máximas de tres (3) metros por segundo, cando os condutos sexan de cemento centrifugado ou vibrado. Poderán aumentarse a valores maiores adoptando tubos de plástico ou equivalentes pola dureza do seu revestimento, nos casos en que isto sexa preciso. En conducións de bombeo utilizaranse tubos de fundición.

3. As pendentes mínimas nos ramais iniciais serán do un por cento (1 %), e nos demais determinaranse de acordo cos caudais para que as velocidades mínimas non descendan de cero con cinco (0,5) metros por segundo. Se fosen inferiores instalaranse, na cabeceira dos ramais, cámaras de descarga automática de auga limpa cuxa capacidade será de cero con cinco (0,5) metros cúbicos para os sumidoiros de trinta (30) centímetros e dun (1) metro cúbico como mínimo para as restantes.

4. Para o cálculo da rede de sumidoiros adoptaranse como caudais de augas negras o medio e o máximo previstos para o abastecemento de auga, afectados ou non por un coeficiente redutor, o cal non poderá ser inferior ao 85 %. Para os caudais de augas de choiva calcularanse, a partir de datos pluviométricos oficiais, os caudais máximos procedentes de choivas; con probabilidade de repetición cada dous anos, se as pendentes do terreo son apreciables, e con probabilidade de repetición cada cinco anos, se as pendentes de terreo son moi pequenas, para colectores que saneen áreas inferiores a cincuenta (50) hectáreas.

5. Será preciso realizar os cálculos necesarios para estimar o atraso na acumulación de caudais na conca.

6. As conducións serán subterráneas, seguindo o trazado da rede viaria ou espazos libres públicos. Salvo imposibilidade técnica ou recubrimento mínimo do tubo, medido desde a súa xeratriz superior, será de 1,00 m, preferiblemente 1,50 m e deberase situar, en todo caso, a un nivel inferior ás conducións de abastecemento circundantes.

7. Dispoñeranse pozos de rexistro cada 50 m, así como en todos os cambios de aliñación e rasante e nas cabeceiras.

8. Poderase utilizar calquera dos materiais prescritos no prego de prescricións técnicas xerais para canalizacións de saneamento de poboacións, coas condicións alí sinaladas.

9. As xuntas deberán ser estancas. Utilizarase preferentemente a solución elástica mediante xunta de goma. Prohíbese a utilización de unións ríxidas de corchete, salvo que se xustifique mediante un tratamento adecuado a súa impermeabilidade. Os pozos, as arquetas e os sumidoiros deberán ser estancos e deberanse tratar adecuadamente as superficies que estean en contacto coa auga.

Condicións da subministración de enerxía eléctrica.

Redes de distribución.

1. Serán subterráneas e terán as seguintes características:

Baixa tensión: 380/220 V.

Alta tensión: máximo 30 kV, dentro das normalizadas pola Administración competente.

Calquera subministración a unha tensión superior ás indicadas deberá ser sometida a aprobación previa, acompañada do correspondente estudo técnico-económico da compañía subministradora en que se xustifique o uso da dita tensión.

2. A rede de servizo da iluminación pública será independente da rede xeral e alimentarase directamente das casetas de transformación mediante un circuíto subterráneo.

3. O cálculo das demandas de potencia en baixa tensión efectuarase de acordo cos graos de electrificación establecidos no Regulamento electrotécnico de baixa tensión ou disposición que o substitúa; se non, por previsións debidamente xustificadas en función do tipo de usuario a que se destina.

4. Cando a carga total correspondente a unha instalación sexa superior a 50 kVA, facilitaráselle á compañía subministradora de enerxía un local capaz para instalar o centro de transformación, nas condicións que se indican no Regulamento de acometidas eléctricas. En todo caso, o centro de transformación deberá reunir as debidas condicións técnicas.

5. Procurarase a integración dos centros de transformación na edificación e admitirase a súa disposición subterránea sempre que resolvan o seu acceso desde a vía pública, e a súa drenaxe directa á rede de sumidoiros.

6. En todo caso calquera centro de transformación subterráneo deberá situarse deixando unha distancia libre maior de 1 m de calquera condución ríxida existente (saneamento, abastecemento, telefonía, etc.).

7. Todas as instalacións satisfarán o determinado nos regulamentos electrotécnicos e normas vixentes, así como a normativa da compañía subministradora, sempre que esta non se opoña ao aquí establecido.

8. Con carácter previo á aprobación dos proxectos de desenvolvemento das actuacións deberá acreditarse a suficiencia das infraestruturas de enerxía eléctrica existentes ou proxectadas achegando para o efecto o informe da empresa subministradora.

Iluminación pública.

1. Na redacción dos proxectos de iluminación deberá cumprirse a regulamentación vixente, así como as normas e criterios que fixe o Concello.

Reflectiranse cantos cálculos e razoamentos se precisen para xustificar a instalación de iluminación adoptada e xustificarase a súa economía de funcionamento e conservación.

2. As tapas de conexións e mecanismos dos soportes atoparanse fóra do alcance dos nenos e terán un mecanismo de peche controlable. Os puntos de luz estarán protexidos por materiais irrompibles e os postes serán de materiais inoxidables.

3. Nas zonas arborizadas os puntos de luz alternarán coas árbores.

Condicións das redes de telecomunicacións.

1. As redes do servizo de telecomunicacións deberán ser subterráneas, así como os distintos tipos de arquetas, e tenderán a concentrar nunha única canalización os diferentes operadores do servizo. Os armarios de control que resulten necesarios quedarán integrados na edificación ou nos cerramentos de parcela, evitando a súa interferencia ambiental.

2. As conexións, o deseño da rede e o seu cálculo realizaranse conforme os criterios das compañías concesionarias e de acordo co disposto no Real decreto 346/2011, do 4 de marzo, que regula este tipo de infraestruturas.

Condicións das redes de subministración de gas.

1. O deseño da rede e das instalacións complementarias, así como o cálculo, condicións dos materiais, probas, ensaios, condicións de control e mantemento deberán realizarse de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos (O.M. 18.11.1974, O.M. 26.10.1983 e O.M. 6.7.1984) e das súas instrucións complementarias. A rede que se execute terá as características esixibles para a subministración, a través dela, de gas natural.

2. As conducións serán soterradas, así como as instalacións complementarias. Os foxos terán unha base firme, continua e exenta de materiais que poidan danar a condución. A súa profundidade será como mínimo de 0,60 m medidos desde a rasante do terreo.

3. As unións serán estancas e manterán o nivel de calidade do resto da canalización, cumprindo, en todo caso, as especificacións das normas UNE que correspondan ao material utilizado.

4. A separación da condución con outras instalacións será, como mínimo, de 0,20 m en cruces e 0,40 m en paralelo para a media presión A e de 0,10 m en cruces e 0,20 m en paralelo para a media presión B e baixa presión.

4.7. Normas de protección do patrimonio cultural e natural.

4.7.1. Patrimonio cultural e natural. Definición e catalogación.

Os bens suxeitos a protección de acordo coas determinacións do presente proxecto sectorial son os incluídos no Catálogo de elementos suxeitos a protección.

4.7.2. Normas de protección patrimonial e condicións estéticas.

No que respecta ao nivel de protección e ás actuacións autorizadas nas edificacións incluídas no ámbito do proxecto sectorial, observarase o establecido nos artigos 41 e 42 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, en concreto no referido ao nivel de protección estrutural nos edificios Faraday e Siemens, neste último caso referido á parte catalogada e non á súa totalidade, tal e como figura no Catálogo de elementos suxeitos a protección no anexo do presente proxecto sectorial; as obras autorizadas observarán o regulado no artigo 42.2. da dita lei, que recolle, entre outras, as de consolidación, rehabilitación e reestruturación parcial, todo isto de acordo co establecido igualmente na Lei 1/2019, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana.

O contorno de protección queda definido polo ámbito do Plan sectorial de que deriva este proxecto sectorial.