DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 19 de maio de 2026 Páx. 28903

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 42/2026, do 4 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, do treito final da estrada EP-0203 Caritel-Anceu, de titularidade da Deputación Provincial de Pontevedra.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ponte Caldelas, con data do 22 de outubro de 2025, solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade do treito da estrada provincial EP-0203 Caritel-Anceu comprendido entre os puntos quilométricos 2+460 e 3+541.

Na sesión ordinaria levada a cabo o día 28 de novembro de 2025, a Deputación Provincial de Pontevedra acordou aceptar a transferencia de titularidade proposta.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que o treito final da estrada EP-0203 cumpre co establecido no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial.

Segundo o citado artigo, «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

En consecuencia, formúlase a proposta favorable á transferencia de titularidade definida no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de maio de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, do treito final da estrada provincial EP-0203 Caritel-Anceu da rede de estradas da Deputación Provincial de Pontevedra:

Clave

Denominación do treito

p.q.

Marxe

Lonxitude (m)

EP-0203

Caritel-Anceu

2+460

3+541

1.081

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Ponte Caldelas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de maio de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas