DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 19 de maio de 2026 Páx. 28900

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 41/2026, do 4 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Silleda, da estrada EP-6517, denominada Rúa de Silleda, de titularidade da Deputación Provincial de Pontevedra.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 13 de marzo de 2023, o Concello de Silleda e a Deputación de Pontevedra formalizaron un convenio de colaboración para a execución do proxecto denominado Mellora da mobilidade peonil na EP-7201 Cachafeiro-Silleda, desde o p.q. 21+070 ao p.q. 22+444.

Este convenio ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia, a favor do Concello, da estrada provincial EP-6517, denominada Rúa de Silleda.

Posteriormente, na sesión ordinaria levada a cabo o día 25 de outubro de 2025, o Pleno da Corporación Provincial aprobou o cambio de titularidade recollido no citado convenio a favor do Concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que a estrada EP-6517 cumpre co establecido no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial.

Segundo o citado artigo, «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

En consecuencia, formúlase a proposta favorable á transferencia de titularidade definida no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de maio de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Silleda, da estrada EP-6517 denominada Rúa de Silleda, actualmente de titularidade da Deputación Provincial de Pontevedra:

Clave

Denominación do treito

p.q.i

p.q.f

Lonxitude (m)

EP-6517

Rúa de Silleda

0+000

0+228

228

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Silleda, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da estrada transferida, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de maio de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas