O 15 de xaneiro de 2026 foi asinado pola Xerencia e a Xunta de Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos da Universidade de Vigo o acordo polo que se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos mediante comisión de servizos de carácter voluntario por persoal funcionario de carreira.
Cómpre, polo tanto, proceder á publicación do citado documento, para xeral coñecemento das persoas eventualmente afectadas, e establecer a súa vixencia.
Considerando o exposto, este reitorado, en uso das competencias que lle confire a Lei orgánica 6/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario e os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro),
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo, que se achega como anexo a esta publicación, asinado entre a Xerencia e os órganos de representación do persoal, polo que se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos mediante comisión de servizos de carácter voluntario por persoal funcionario de carreira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Vigo, 20 de abril de 2026
Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
ANEXO
Acordo polo que se regula o procedemento para a cobertura temporal de postos mediante comisión de servizos de carácter voluntario por persoal funcionario de carreira
A cobertura temporal dos postos do persoal funcionario de carreira técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), dotados orzamentariamente, está regulada na normativa de función pública directamente aplicable, nomeadamente na Lei 2/2015, do 29 de abril (DOG núm. 82, do 4 de maio), do emprego público de Galicia; no Decreto 92/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de situacións administrativas, e no Decreto 93/1991, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.
En idéntico senso, os estatutos da Universidade de Vigo recollen o dereito ao fomento da promoción interna, de acordo cos méritos e a experiencia dos/das candidatos/as, e ao desenvolvemento dunha carreira profesional, e o dereito a acceder á promoción profesional.
Malia isto, ningunha das normas estatutarias fai referencia de xeito específico á promoción profesional de carácter temporal como estadio inicial da carreira de méritos que conseguir para a participación nos procesos selectivos que consoliden definitivamente a dita promoción, xogando como única posibilidade de valoración os acadados en categorías distintas ás que se accede, sen que poidan entrar en xogo a experiencia profesional adquirida mediante desempeño de funcións do mesmo grupo e/ou categoría con carácter provisional, o que entraña en si mesmo unha contradición á efectividade de aquel dereito.
Desde esta perspectiva, a anomía relativa ao caso que nos ocupa deriva nun baleiro normativo que non outorga solución nin á Administración, que sería a beneficiada por contar con aspirantes coa dita experiencia e formación na quenda de promoción interna, nin a persoa interesada na súa promoción como unha faceta da súa carreira profesional, dado que tal baleiro implica a ausencia de garantías relativas á reserva do seu posto de traballo e á súa condición funcionarial de orixe respecto da escala e subescala de procedencia, o que se traduce na inhibición concernente ao inicio do itinerario profesional. Neste senso cómpre lembrar que algún sector do emprego público xa o ten resolto.
Malia isto, existe un antecedente na Universidade de Vigo no Acordo do 3 de outubro de 2018 polo que se regulou o sistema de provisión de postos vacantes mediante nomeamento provisional do PAS funcionario nun grupo ou subgrupo de titulación superior, polo que se establecía que o persoal nomeado provisionalmente cando ocupe, como persoal funcionario interino, un posto de traballo da Universidade de Vigo que estea adscrito a un corpo ou escala superior ao de pertenza, será declarado na situación de excedencia voluntaria por nomeamento provisional nun grupo ou subgrupo superior, tendo dereito á reserva do posto de traballo de orixe do cal sexa titular.
Cómpre, así mesmo, traer a colación a facultade recollida no artigo 14. Funcións de categoría superior do Convenio colectivo para persoal laboral da Universidade de Vigo, inscrito e publicado mediante a Resolución do 11 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Relacións Laborais. O reitor, se estimase a concorrencia de razóns técnicas ou organizativas que así o xustifiquen, poderá autorizar a realización de funcións de categoría superior e as normas de xestión de listas de agarda fixarán os criterios para a provisión temporal de postos de categoría distinta ou superior.
Pola súa banda, o acordo sobre a selección temporal, acceso interno e adscrición provisional do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo, publicado pola Resolución do 31 de marzo de 2009, no cal se recollen as características xerais das convocatorias de selección temporal, os baremos de selección e criterios xerais de xestión das listas de agarda, establece como criterio prioritario de chamamento o persoal que figure nas listas de acceso interno fronte ás de acceso libre.
Logo do proceso de funcionarización do persoal laboral suxeito ao Convenio colectivo de persoal laboral da Universidade de Vigo, inscrito e publicado mediante a Resolución do 11 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, determinadas condicións de traballo mudaron por mor da suxeición plena ao réxime funcionarial contido no Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Xa que logo, de conformidade co establecido no acordo de funcionarización: «Desde a toma de posesión como persoal funcionario de carreira, seralle de aplicación, para todos os efectos, a normativa sobre o persoal funcionario aplicable na Universidade de Vigo».
Na actualidade perviven as listas de acceso interno en determinadas categorías obxecto do acordo de funcionarización que están integradas por persoal fixo doutras categorías, entre outras, técnico especialista en biblioteca, técnico especialista en tecnoloxías da información, técnico especialista de servizos xerais (conserxaría e deportes), auxiliar administrativo, etc., que permitían a cobertura de necesidades de persoal temporal con profesionais da Universidade de Vigo, achegando experiencia, formación e coñecemento do medio.
O contexto das relacións laborais tras a funcionarización, aínda pendente de remate o segundo proceso de oferta de integración, é, xa que logo, tributario dun acordo marco no cal, entre outras, se aborde a materia da promoción profesional, cos órganos lexitimados de representación do persoal. Malia isto, durante este período transitorio, cómpre, no marco da normativa estatutaria e dos seus principios básicos, resolver a situación dos profesionais que se produce por mor da funcionarización, de tal xeito que esta situación non obste as posibilidades de promoción e desenvolvemento profesional recollidas nela. Cómpre harmonizar a situación producida tras o acordo de funcionarización de cara á orde de proceder á cobertura temporal axeitada dos postos de traballo e facer efectivos os dereitos do persoal á súa promoción profesional, establecendo as axeitadas garantías en relación cos postos dos que son titulares polo vínculo de orixe, para que aquel dereito poida exercerse de forma real e efectiva, tendo en conta o marco normativo do réxime funcionarial, ben que limitado no tempo por mor dos principios inspiradores das limitacións ao réxime de interinidade recollidos no artigo 10 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto básico do empregado público, e no artigo 23.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Pola súa parte, a Xunta de Persoal do PAS funcionario tiña reiterado o seu interese en negociar e acordar coa Xerencia as normas que regulasen nesta administración a cobertura temporal de postos de traballo mediante a concesión de comisións de servizos.
En consecuencia, logo das negociacións entre a Xerencia e a Xunta de Persoal, subscriben o presente acordo nos seguintes termos:
Primeiro. Obxecto
O presente procedemento ten por obxecto establecer, no ámbito da Universidade de Vigo, criterios obxectivos para a cobertura daqueles postos de traballo que se atopen nalgunha das modalidades que se recollen no punto seguinte, e a asignación de funcións que excedan as propias dos postos de traballo previstos na relación de postos de traballo ou para a realización de tarefas que, por causa do seu maior volume ou outras razóns conxunturais, non poidan ser atendidas con suficiencia polos funcionarios que desempeñan con carácter permanente os postos de traballo que teñan asignadas as ditas prazas.
Queda excluída do ámbito de aplicación deste acordo a cobertura en comisión de servizos dos postos de libre designación. A cobertura en comisión de servizos deste tipo de postos queda ás expensas da decisión do órgano competente.
Segundo. Modalidades
O presente procedemento ten por obxecto establecer, no ámbito da Universidade de Vigo, criterios obxectivos para a cobertura daqueles postos de traballo que se atopen na seguinte situación:
1. Comisións de servizos ordinarias, cun funcionario que reúna os requisitos establecidos para o seu desempeño na relación de postos de traballo:
a) Postos sen titular: vacantes existentes na RPT sen titular.
b) Postos con titular ausente por razóns de excedencia con reserva: licenzas, permisos, adscrición provisoria a outro posto,...
2. Atribución temporal de funcións. Constitúe obxecto deste punto establecer o réxime transitorio de provisións de postos mediante comisións de servizos para o nomeamento provisional do PAS funcionario da Universidade de Vigo nun grupo, subgrupo ou nunha escala distinta á da súa pertenza como funcionario de carreira.
3. En casos excepcionais, logo da negociación coa Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, a Xerencia poderá atribuírlles aos funcionarios o desempeño temporal en comisións de servizos en funcións especiais que non estean asignadas especificamente aos postos incluídos na relación de postos de traballo, ou para a realización de tarefas que, por causa de maior volume temporal ou outras razóns, non poidan ser atendidas con suficiencia polos funcionarios que desempeñen con carácter permanente os postos de traballo que teñan asignadas as ditas tarefas.
Modalidades:
a) Desempeño de postos de traballo dun grupo ou subgrupo inmediatamente superior.
b) Desempeño de postos de traballo do mesmo grupo ou subgrupo de clasificación.
Casos excepcionais:
a) Naquelas situacións derivadas de ausencias prolongadas dos responsables das unidades en que se faga necesario o desempeño das funcións correspondentes ao posto do funcionario ausente, e que non poida ser cuberta mediante o punto primeiro deste acordo, a Xerencia procederá a nomear un responsable de unidade cunha atribución temporal de funcións; no caso de que o funcionario non reúna o requisito de pertenza ao grupo de adscrición do posto de traballo do ausente, a Xerencia procederá á súa habilitación para o citado desempeño. O funcionario percibirá as diferenzas retributivas entre o seu posto de traballo e o efectivamente desempeñado.
b) Conxunto de funcións que configuran un posto de traballo distinto e novo na organización universitaria e que non poida ser cuberto mediante o punto primeiro deste acordo. A súa retribución inicial será a dun posto na categoría de referencia ou equivalente. O posto créase como programa, xa que non existe posto creado na RPT.
Terceiro. Requisitos
1. Ao persoal funcionario de carreira de administración e servizos, nas circunstancias e para os casos establecidos na normativa de función pública, poderáselle autorizar unha comisión de servizos con carácter voluntario para cubrir un posto de nivel de complemento de destino (CD) ou de complemento específico (CE) superior ao que estivese ocupando con carácter definitivo, mesmo cando nese momento xa estivese a desempeñar un posto en comisión de servizos, sempre que este tivese un nivel de CD ou de CE inferior ao do novo posto.
2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e atendendo á existencia de tres campus en localidades distintas, ao persoal que tiver solicitado un traslado de campus, poderá autorizárselle unha comisión de servizos para postos do mesmo, inferior ou superior nivel ao do destino definitivo, mesmo cando nesa data tiver autorizada unha comisión de servizos. O anterior será tamén aplicable a:
– Quen solicite un cambio de quenda.
– Quen, estando na mesma quenda de traballo que o posto que se oferta, teña o seu destino definitivo nunha praza que inclúa na RPT obrigas horarias fóra da súa quenda (as aperturas nocturnas na biblioteca ou aqueloutras que se poidan incluír en futuras RPT). Esta situación terá prioridade sobre o cambio de quenda.
Na concesión seguirase a orde de preferencia establecida no artigo sétimo.
3. O persoal con destino definitivo nun posto de libre designación ao cal se lle autorice unha comisión de servizos ou sexa nomeado nunha dirección de área terá que presentar a súa renuncia á libre designación.
A) Comisións de servizos ordinarias.
O persoal deberá reunir os requisitos de desempeño establecidos na relación de postos de traballo (RPT) e estar ocupando un posto con carácter definitivo na Universidade de Vigo de nivel inferior ao que se oferta, con excepción das disposicións aplicables aos casos de cambio de campus ou quenda.
B) Atribución temporal de funcións.
Só se convocaría esta modalidade de provisión de postos de traballo de quedar deserta a convocatoria de comisións de servizos ordinaria.
Fase 1ª.
Reservarase exclusivamente ao persoal funcionario de carreira que estea incluído nas listas de agarda da subescala do posto obxecto de cobertura mediante o sistema de comisión de servizos.
Fase 2ª.
Cando, conforme o punto anterior, non sexa posible a cobertura ou ninguén acepte a comisión de servizos, a Xerencia realizaralle a oferta ao resto do persoal funcionario de carreira da Universidade de Vigo que pertenza á mesma subescala e ordenado segundo a orde de preferencia aprobada neste acordo.
Requisitos xerais:
1. Posuír a titulación e os demais requisitos exixidos para o acceso á escala e subescala e ao grupo a que pertenza o posto de traballo que se vai ocupar provisionalmente.
2. En relación coa fase 2ª, ter prestado servizos efectivos na condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo durante polo menos dous anos na escala e subescala desde a que se accede sempre que pertenza ao grupo ou subgrupo inmediatamente inferior. Ao persoal laboral fixo que se tivese funcionarizado en virtude dos procesos realizados ao abeiro do acordo de funcionarización aplicaráselle o establecido no artigo 13, polo que se tomarán como referencia para o cumprimento da antigüidade mínima na respectiva subescala os servizos prestados con tal carácter na categoría laboral de integración.
3. Non superar a idade de xubilación forzosa.
Cuarto. Inicio da provisión
O procedemento pode inicialo a Xerencia ou a pedimento razoado da persoa responsable do servizo, unidade ou ámbito en que se produza a vacante, correspondéndolle exclusivamente á primeira a apreciación da urxencia, a inaprazable necesidade e a oportunidade de autorizar a comisión de servizos.
Quinto. Renuncias
Ao persoal que renuncie a unha comisión de servizos non se lle ofertará outra ata que transcorran seis meses desde a data de efectividade da renuncia, agás que estea motivada por razóns sobrevidas de violencia de xénero, de saúde ou rehabilitación, ou de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Sexto. Postos excluídos
O previsto neste acordo non resultará aplicable ás comisións de servizos autorizadas ao abeiro do acordo de mobilidade do PAS funcionario coas outras universidades públicas de Galicia.
Sétimo. Criterios para a cobertura de postos de nivel de CD 26 ou inferior
1. O responsable do servizo, da unidade ou do ámbito onde se produza a vacante ofrecerá a súa cobertura en comisión de servizos seguindo esta orde de prioridade:
1.1. Persoal destinado no mesmo servizo, unidade ou ámbito, na mesma área funcional e no mesmo centro.
1.2. Persoal destinado no mesmo servizo, unidade ou ámbito e na mesma área funcional, aínda que en distinto centro.
1.3. Persoal destinado no mesmo servizo, unidade ou ámbito, con independencia da área funcional ou do centro.
2. Unha vez feita esta oferta, achegará a proposta á Xerencia. En todo caso, a Xerencia poderá asumir directamente a iniciativa por razóns de eficacia e pertinencia.
3. No caso de que non exista dispoñibilidade conforme o criterio anterior, poderá procederse a acordar a comisión de servizos para a persoa da mesma escala e/ou subescala, para a consecución da eficacia na prestación dos servizos e a eficiencia dos recursos humanos dispoñibles sempre que posúa a titulación requirida para o acceso á escala correspondente ao posto de traballo e pertenza ao mesmo grupo ou subgrupo de clasificación. En todo caso, outorgarase prioridade ao persoal funcionario de carreira que pertenza á mesma escala do posto que sexa obxecto de cobertura.
4. No caso de que dúas ou máis persoas funcionarias de carreira cumpran os requisitos para optar a un posto, para designar a quen lle corresponde terase en conta a seguinte orde de preferencia:
Modalidade A): comisión de servizos ordinaria.
|
Orde de preferencia |
|
|
1º |
Campus da vacante |
|
2º |
Área funcional da vacante |
|
3º |
Subgrupo superior |
|
4º |
Nivel superior do complemento de destino |
|
5º |
Maior antigüidade na Universidade de Vigo |
|
6º |
Maior antigüidade na Administración |
Modalidade B): atribución temporal de funcións.
Comisións de servizos para o nomeamento provisional do PAS funcionario da Universidade de Vigo nun grupo, subgrupo ou escala distinta á da súa pertenza.
Fase 1ª.
|
Orde de preferencia |
|
|
1º |
Lista de agarda |
Fase 2ª.
|
Orde de preferencia |
|
|
1º |
Campus da vacante |
|
2º |
Área funcional da vacante |
|
3º |
Subgrupo superior |
|
4º |
Nivel superior do complemento de destino |
|
5º |
Maior antigüidade na Universidade de Vigo |
|
6º |
Maior antigüidade na Administración |
Pola súa parte, consideraranse as seguintes áreas funcionais:
A) Administración.
|
Áreas funcionais |
|
|
Agrupacións |
Unidades |
|
0. Sen adscrición a área |
Administradores/as de centros |
|
1. Alumnado e administración de centros |
Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos Servizo de Xestión da Extensión Universitaria Servizo de Xestión de Estudos de Grao Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao Xefaturas de área académica Xefaturas de negociado da área académica |
|
2. Económica |
Servizo de Contabilidade, Orzamentos e Tesouraría Servizo de Control Interno Servizo de Xestión Económica e Contratación Xefaturas da Área Económica Responsables de Asuntos Económicos Xefaturas de Negociado da Área Económica |
|
3. Persoal |
Servizo de Persoal Docente e Investigador Servizo de Persoal de Administración e Servizos Servizo de Retribucións e Seguros Sociais Servizo de Recursos Humanos de Investigación |
|
4. Atención a órganos de goberno e outros órganos universitarios (C. Social, Valedor/a ..) |
Persoal de libre designación adscritos na RPT |
|
5. Servizos á comunidade universitaria e atención aos órganos de goberno |
Persoal restante |
1. Cando, conforme as epígrafes anteriores, non sexa posible a cobertura ou ninguén acepte a comisión de servizos, a Xerencia realizaralle a oferta ao persoal que figurará ordenado nunha listaxe que se elaborará conforme a orde de preferencia reflectida no punto anterior.
2. Cando pola falta de persoal que posúa a condición de pertenza a un grupo ou subgrupo de titulación, conforme o previsto no artigo 42 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia, non se poida cubrir conforme as epígrafes anteriores, aplicarase o acordo para o nomeamento provisional do PAS-funcionario nun grupo ou subgrupo superior.
B) Subescala de biblioteca.
No ámbito da biblioteca, a Dirección de biblioteca ofreceralle a cobertura en comisión de servizos ao persoal destinado na mesma sección e/ou área, por esta orde, e achegaralle esta proposta á Xerencia.
I. Orde de preferencia, en relación co posto que se vai cubrir:
|
Orde de preferencia |
|
|
1º |
Campus da vacante |
|
2º |
Subgrupo superior |
|
3º |
Agrupación |
|
4º |
Nivel superior do complemento de destino |
|
5º |
Maior antigüidade na Universidade de Vigo |
|
6º |
Maior antigüidade na Administración |
II. Agrupacións:
Ao persoal de apoio ao campus de Vigo ofertaránselle postos de calquera agrupación:
|
Áreas funcionais |
|
|
Agrupacións |
Unidades |
|
0. Sen adscrición a área |
Subdirección da Biblioteca Universitaria |
|
1. Biblioteca Central |
Xefe/a da Sección de Acceso ao Documento Xefe/a da Sección de Adquisicións Xefe/a da Sección de Arquivo Xefe/a da Sección de Automatización e Proceso Técnico Xefe/a da Sección de Circulación Xefe/a da Sección de Publicacións Periódicas Xefe/a da Sección de Soporte á Aprendizaxe e á Investigación Xefe/a da Área de Proceso Técnico Xefe/a da Área de Repositorio Xefe/a da Área de Servizos Bibliométricos Axudante de arquivos, bibliotecas e museos Técnico/a de bibliotecas |
|
2. Torrecedeira |
Dirección da Biblioteca de Torrecedeira Técnico/a de bibliotecas |
|
3. Campus de Ourense |
Dirección do Campus Ourense Subdirección do campus Xefe/a de área do campus Axudante de arquivos, bibliotecas e museos Técnico/a de bibliotecas |
|
4. Campus de Pontevedra |
Dirección do Campus Pontevedra Subdirección do campus Xefe/a de área do campus Axudante de arquivos, bibliotecas e museos Técnico/a de bibliotecas |
C) Área de Benestar Físico, Saúde e Deporte.
No ámbito da Área de Benestar Físico, Saúde e Deporte, a Dirección técnica ofreceralle a cobertura en comisión de servizos ao persoal destinado na mesma sección e/ou área, por esta orde, e achegaralle esta proposta á Xerencia.
|
Áreas funcionais |
|
|
Áreas |
Unidades |
|
0. Sen adscrición a área |
Dirección técnica |
|
1. Campus de Vigo |
Técnico/a superior de actividades deportivas Técnico/a de actividades deportivas Auxiliar de instalacións deportivas |
|
2. Campus de Ourense |
Técnico/a de actividades deportivas Auxiliar de instalacións deportivas |
|
3. Campus de Pontevedra |
Técnico/a de actividades deportivas Auxiliar de instalacións deportivas |
D) Subescala de conserxaría.
No ámbito da Área de Conserxaría, o/a administrador/a ou o/a responsable da unidade ofreceralle a cobertura en comisión de servizos ao persoal destinado na mesma sección e/ou área, por esta orde, e achegaralle esta proposta á Xerencia.
I. Orde de preferencia, en relación co posto que se vai cubrir:
a) Campus.
b) Subgrupo superior.
c) Agrupación.
d) Nivel superior do complemento de destino.
e) Maior antigüidade na Universidade de Vigo.
f) Maior antigüidade na Administración.
II. Agrupacións:
Dentro de cada campus ofertaránselle postos de calquera agrupación ao persoal de apoio ao Campus de Ourense, ao persoal de apoio ao Campus de Pontevedra e ao persoal da Casa das Campás. Dentro do Campus de Vigo, ao persoal da Unidade de Servizos Xerais de Apoio ofertaránselle os postos da agrupación 0. Área de Servizos Xerais (edificios Ernestina Otero, Exeria, Filomena Dato, Miralles e Redeiras).
III. Para a autorización de comisións de servizos teranse en conta as seguintes áreas funcionais:
|
Nº |
Agrupacións |
|
0 |
Área de Servizos Xerais-edificios Ernestina Otero, Exeria, Filomena Dato, Miralles, Redeiras (O Berbés) |
|
1 |
Cacti, Cinbio e Ecimat |
|
2 |
Biblioteca Universitaria |
|
3 |
Ámbito de Ciencias Experimentais |
|
4 |
Escola de Enxeñaría Industrial Edificio Fundición e Cintecx |
|
5 |
Enxeñaría de Telecomunicación Escola de Enxeñaría de Minas Enerxía |
|
6 |
Campus de Torrecedeira: Escola de Enxeñaría Industrial e Facultade de Comercio |
|
7 |
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo |
|
8 |
Facultade de Filoloxía e Tradución |
|
9 |
Edificio Campus da Auga |
|
10 |
Facultade de Educación e Traballo Social Facultade de Historia Pavillóns |
|
11 |
Escola Superior de Enxeñaría Informática Facultade de Ciencias Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo |
|
12 |
Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Facultade de Dereito Biblioteca Central |
|
13 |
Escola de Enxeñaría Forestal Facultade de Fisioterapia |
|
14 |
Facultade de Belas Artes |
|
15 |
Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte |
|
16 |
Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación |
E) Área de TIC.
No ámbito da Área de TIC, a Dirección ofreceralle a cobertura en comisión de servizos ao persoal destinado na mesma área, por esta orde, e achegaralle esta proposta á Xerencia.
|
Orde de preferencia |
|
|
1º |
Campus da vacante |
|
2º |
Subgrupo superior |
|
3º |
Nivel superior do complemento de destino |
|
4º |
Maior antigüidade na Universidade de Vigo |
|
5º |
Maior antigüidade na Administración |
F) Área de Apoio á Docencia e á Investigación.
No ámbito da Área de Apoio á Docencia e á Investigación, a Xerencia ofreceralle a cobertura en comisión de servizos ao persoal da subescala a que pertence o posto ofertado mediante comisión de servizos.
G) Persoal restante
Orde de preferencia, en relación co posto que se vai cubrir:
a) Campus.
b) Subgrupo superior.
c) Nivel superior do complemento de destino.
d) Maior antigüidade na Universidade de Vigo.
e) Maior antigüidade na Administración.
Oitavo. Criterios para a cobertura de postos de nivel de CD 28 ou superior
A incoación do procedemento para a cobertura destes postos corresponde exclusivamente á Xerencia que, con carácter xeral, aplicará os criterios establecidos no punto sétimo anterior para a cobertura de postos de nivel 26 ou inferior.
Non obstante, en función das circunstancias concorrentes e coa debida motivación, a Xerencia poderá acordar o inicio dun procedemento específico, que consistirá na publicación na lista de correos oficial da universidade da oferta de cobertura do posto en comisión de servizos. Neste procedemento, as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles para presentar, exclusivamente a través da sede electrónica da Universidade de Vigo, a súa solicitude de participación. Neste mesmo prazo, as persoas interesadas deberán presentar en calquera das oficinas de rexistro da universidade un proxecto para o desenvolvemento do posto a que se opta, nun sobre pechado dirixido á Xerencia onde se incluirá unha copia da solicitude de participación presentada na sede electrónica.
O proceso de adxudicación desenvolverase de acordo co seguinte procedemento:
a) Requisitos de participación:
• Pertencer ao/aos subgrupo/s de titulación e/ou escala exixido/s na RPT.
• Presentar no prazo a solicitude de participación e o proxecto.
• Proxecto: debe conter os obxectivos de desempeño do posto para o período de comisión previsto e un resumo da experiencia e dos coñecementos relacionados con aqueles que contribúan ao desempeño do posto; terá unha extensión máxima de catro páxinas de tamaño A4, cunha entreliña de 1,5 e un tamaño de letra de 12, preferentemente en grafía New Barkerville ou Arial. Presentarase nun sobre branco pechado.
b) Comisión de Valoración: estará presidida pola Xerencia e integrada por tres membros, un deles en representación da Xunta do PAS funcionario. Todos os seus membros deberán pertencer ao mesmo ou superior subgrupo de titulación ca o da praza de que se trate.
c) Criterios de valoración:
l. Carreira administrativa (25 puntos):
• Subgrupo (10 puntos).
• Antigüidade na unidade de traballo (7 puntos).
• Grao consolidado (4 puntos).
• Antigüidade na Administración (4 puntos).
2. Coñecementos específicos directamente relacionados coas funcións propias do posto que se vai cubrir (45 puntos):
• Experiencia profesional en áreas funcionais do mesmo ámbito que o posto vacante e en niveis de responsabilidade iguais ou próximos, nos 10 anos anteriores (20 puntos).
• Formación directamente relacionada coas funcións do posto, recibida nos 10 anos anteriores (15 puntos).
• Titulacións académicas que teñan unha relación directa coas funcións do posto (10 puntos).
3. Proxecto (30 puntos).
Noveno. Disposición adicional
A creación dunha comisión de seguimento e interpretación do presente acordo
Esta comisión estará integrada por un membro de cada organización dos representantes na Xunta do PTXAS e da Xerencia. As funcións que desenvolverá serán as seguintes:
i. Interpretación do acordo.
ii. Coñecemento das reclamacións presentadas.
iii. Facer propostas de modificación á Xunta do PTXAS.
iv. Seguimento da aplicación do acordo.
Décimo. Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas as disposicións ou os acordos anteriores sobre provisión de postos para a cobertura de postos de traballo e asignacións de funcións que se regulen no presente acordo.
Décimo primeiro. Disposición derradeira
O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo: https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml
E, en proba de conformidade, asínase o presente acordo en Vigo na data da sinatura dixital.
|
Yolanda T. Lesmes Romero Xerente da Universidade de Vigo |
Carlos Mollinedo Lois Presidente da Xunta do Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos |
