Expediente: IN407A 2025/335-1.
Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Proxecto: proxecto para LMT, CT, RBT O Cruceiro-Oroso.
Concello: Oroso.
Feitos:
1. O día 4.12.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da subministración eléctrica por mor de reclamacións por subtensións presentadas polos clientes do lugar do Cruceiro, parroquia de Oroso (San Martiño) no termo municipal de Oroso.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan o proxecto de execución denominado proxecto para LMT, CT, RBT O Cruceiro-Oroso, asinado por Javier Fernandez Pazos, Enxeñeiro Técnico Industrial Eléctrico, número de colexiado 502 de Ourense, o 9.10.2025.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:
– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
– DOG: 5.1.2026.
– BOP: 9.1.2026.
– Xornal La Voz de Galicia: 5.1.2026.
Con data 5.1.2026 solicitouse ao Concello de Oroso a exposición pública do proxecto e a correspondente acreditación de realización dese trámite, sen que conste no expediente a emisión da dita certificación.
3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Oroso, Enagás, Ministerio de Transporte e Conselleria de Cultura, Lingua e Xuventude. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.
5. O día 22.4.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).
3. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar O Cruceiro, no concello de Oroso, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Centro de transformación compacto manobra exterior, cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación 20000/400 V.
– O entroncamento coa rede existente realizarase na instalación LMT SIG802 (expediente531/07), con condutor LA-56. Este entroncamento realizarase no apoio existente do tipo HVH-2500-15 con matrícula AE49V8OT//12-17-1. No dito apoio desmontarase o punto de manobra existente con matrícula 15HVX4 e instalarase un reconectador e un paso aero-subterráneo para enlazar coa LMTS.
– Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 20 kV, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm² Al, con orixe no PAS que se instalará no apoio existente do tipo HVH-2500-15 con matrícula AE49V8OT//12-17-1 e final no centro de transformación proxectado, cunha lonxitude de 0,715 km. Esta liña soterrada atravesa a AP-9 e cruza cunha canalización de Enagás.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
Consonte todo o sinalado,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.
A Coruña, 24 de abril de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados. Termo municipal de Oroso
|
Nº parcela |
Lugar e referencia catastral |
Cultivo |
Propietario/a |
Afección de solo en pleno dominio |
Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica |
||||
|
Apoio nº |
m² |
ml aér. |
ml sot. |
m² aér. |
m² sot. |
||||
|
1 |
Avelleiros 15 15061A501025140001QU |
Urbana |
– Marisol Miras Mouro – Visitación Mouro Negreira |
CT+acceso |
33.5 |
||||
Abreviacións:
ml aér.: lonxitude da servidume aérea en metros lineais.
ml sot.: lonxitude da servidume soterrada en metros lineais.
m² aér.: superficie de servidume aérea en m².
m² sot.: superficie de servidume soterrada.
