DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 20 de maio de 2026 Páx. 29176

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2026 pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito da Orde do 8 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases A2 e B á mocidade galega, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS321A).

Primeiro. A Orde do 8 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases A2 e B á mocidade galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS321A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 157, do 19 de agosto, establece no seu artigo 2, número 1, que o procedemento de concesión se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 5. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

O número 2 do mesmo artigo 2 establece que no momento en que se esgote o crédito orzamentario, a consellería concedente publicarao no Diario Oficial de Galicia e na páxina web: xuventude.xunta.gal

Segundo. A dita Orde do 8 de agosto de 2025 destina no seu artigo 4 un orzamento de 800.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.480.10, de acordo coa Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, crédito que non foi obxecto de ampliación segundo o previsto na disposición adicional primeira da citada orde.

Terceiro. De conformidade co exposto, unha vez resoltas parte das solicitudes presentadas ao abeiro da referida Orde do 8 de agosto de 2025, aplicando como criterio de prioridade a data de presentación, constátase que se esgotou o orzamento dispoñible para a concesión das axudas, agás 150 euros, importe que non resulta suficiente para poder resolver favorablemente ningún outro expediente.

A derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente BS321A-2025-00003824-00, presentada na sede electrónica, nos termos recollidos no artigo 8 da convocatoria, o día 4 de setembro de 2025 ás 19.32 horas.

En virtude do anterior, unha vez esgotados os recursos económicos destinados ás axudas previstas na Orde do 8 de agosto de 2025, a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, de acordo co establecido na disposición derradeira primeira da citada orde,

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito dispoñible con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.480.10 para as axudas convocadas ao abeiro da Orde do 8 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases A2 e B á mocidade galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS321A).

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 8.8.2025; DOG núm. 157, do 19 de agosto)
Lara del Carmen Meneses Álvarez
Directora xeral de Xuventude