A Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (2000/C 364/01) inclúe, dentro do dereito á educación (artigo 14), o dereito de toda persoa á educación e ao acceso á formación profesional e permanente, en consonancia cos principios contidos na Proclamación interinstitucional sobre o piar europeo de dereitos sociais (2017/C 428/09). Concretamente, o primeiro principio establece que toda persoa ten dereito a unha educación, formación e aprendizaxe permanente, inclusiva e de calidade, co fin de manter e adquirir capacidades que lle permitan participar plenamente na sociedade e xestionar con éxito as transicións no mercado laboral. O cuarto principio establece que toda persoa ten dereito a recibir asistencia personalizada e oportuna, co fin de mellorar as súas perspectivas de emprego ou de traballar por conta propia, e isto inclúe o dereito para recibir axuda para a formación e a reciclaxe.
A Unión Europea está a impulsar o modelo de experiencias curtas de aprendizaxe a través das microcredenciais. Considera que poden ser un instrumento clave para facer realidade ese dereito á formación e á aprendizaxe permanente, tal e como xa se recolle na Axenda Europea de Capacidades para a competitividade sostible, a equidade social e a resiliencia (COM 2020 274), contribuíndo a un triplo obxectivo: a inclusión social, a adaptación ás novas exixencias dun mercado laboral en continuo cambio e a mellora da competitividade da economía na Unión Europea.
Nesa liña, o Consello da Unión Europea, na súa Recomendación do 16 de xuño de 2022, relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade (2022/C 243/02), recoméndalles aos Estados membros adoptaren medidas ao nivel adecuado para permitir que as persoas adquiran, actualicen e melloren os coñecementos, capacidades e competencias que necesitan para prosperar nun mercado de traballo e sociedade cambiantes, para beneficiarse plenamente dunha recuperación socialmente xusta e dunhas transicións xustas cara á economía ecolóxica e dixital, e para estar mellor preparadas para facer fronte aos retos presentes e futuros.
Tal e como recolle esta recomendación, cada vez son máis as persoas que necesitan actualizar e mellorar os seus coñecementos, capacidades e competencias para reducir a fenda entre a súa educación e formación e as necesidades dunha sociedade e un mercado de traballo en rápida evolución; un dos principais retos que afrontan as empresas e os empregadores e empregadoras é a oferta insuficiente de capacidades pertinentes no mercado de traballo e, ao mesmo tempo, as persoas traballadoras estanse enfrontado a cambios sen precedentes na organización do traballo. Ademais, os perfís das tarefas e as capacidades requiridas están a cambiar de forma radical debido ás transicións dixital e ecolóxica. O perfeccionamento e a reciclaxe continuos son esenciais para que as traballadoras e traballadores respondan ás necesidades do seu emprego actual ou para a transición a novos empregos e sectores en expansión.
En liña co anterior, e logo de transcorrer máis de tres (3) anos desde a publicación da Recomendación do Consello de Europa do 16 de xuño de 2022, a Comunidade Autónoma de Galicia considerou necesario dispor dun marco regulador a nivel autonómico, por entender moi relevante o desafío que temos nas sociedades actuais de actualizar e mellorar os coñecementos, capacidades e competencias da poboación e reducir a fenda entre a súa educación e formación formal e as necesidades dunha sociedade e un mercado de traballo en rápida evolución. Deste xeito, no Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 27 de xaneiro de 2026, publicouse o Decreto 1/2026, do 12 de xaneiro, polo que se regula o Marco galego de microcredenciais para o traballo.
Tal e como se recolle na exposición de motivos do dito decreto, as microcredenciais responden a formacións breves e focalizadas, e proporcionan unha solución áxil e flexible que permite unha adaptación rápida ás novas exixencias do mercado laboral, ofrecéndolles ás persoas traballadoras a posibilidade de manterse competitivas e preparadas para manter o seu emprego e mellorar a súa empregabilidade.
O desenvolvemento normativo do Decreto 1/2026, do 12 de xaneiro, polo que se regula o Marco galego de microcrendenciais para o traballo, vaise producir ao longo dos próximos meses e servirá para establecer, entre outros aspectos, os instrumentos de calidade, tanto interna como externa, a que se deberán axustar as microcredenciais reguladas polo dito decreto. En todo caso, esta cuarta edición dos Bonos Talento empresa segue a responder a un modelo de accións formativas de curta duración que se inspira, desde a primeira edición, nas orientacións establecidas pola Recomendación do Consello do 16 de xuño de 2022, en canto que ata o de agora non había ningún marco regulador, ben que en vindeiras edicións desta liña de axudas xa se terán que axustar aos requisitos que se establezan no desenvolvemento regulamentario do Decreto 1/2026, do 12 de xaneiro.
Co coñecemento adquirido, xustifícase a pertinencia desta convocatoria de axudas co obxectivo de asegurar que as persoas teñan as capacidades adecuadas, mobilizando e incentivando as empresas a adoptaren accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas en idade de traballar e, dese xeito, resolver as necesidades de perfís capacitados por parte das empresas.
Nese sentido, tamén cómpre facer referencia ao aliñamento desta convocatoria coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, a cal aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galegas; para darlles resposta a eses retos, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver, integrados nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos ou ser horizontais en relación cos retos e prioridades. No que se refire en concreto ao obxectivo estratéxico 4, este aposta polas persoas como activo principal, pois a súa finalidade é desenvolver o talento das persoas capacitándoas nos ámbitos de prioridade de futuro. En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 e responde aos tres retos e ás tres prioridades, e ao obxectivo estratéxico 4, integrándose, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Trátase de deseñar medidas que axuden as empresas a xestionar o talento persoal e organizativo e a xerar vantaxes competitivas. Un aspecto básico do talento refírese aos coñecementos do persoal das empresas, e de aí a importancia da formación para garantir a preparación adecuada e a transmisión interna do coñecemento, optimizar o desempeño individual e global, mellorar a competitividade da empresa e garantir o desenvolvemento profesional dos empregados e empregadas.
Con este obxectivo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon ao dispor das empresas os Bonos Talento empresa como un instrumento para mellorar a xestión do talento financiando accións de capacitación que atendan as necesidades do seu negocio e acompañen o desenvolvemento profesional dos seus empregados e empregadas.
Así mesmo, o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013, recolle entre as súas consideracións que o FSE+ debe promover oportunidades flexibles para que todos poidan mellorar as súas capacidades e adquirir capacidades novas e diferentes e que, en consonancia coa Axenda de Capacidades para Europa e a Recomendación do Consello relativa aos itinerarios de mellora das capacidades, o FSE+ debe apoiar itinerarios flexibles, entre eles a formación modular, específica, de curta duración e accesible que dea lugar a certificados, co fin de proporcionarlles ás persoas as capacidades que se axustan ás necesidades do mercado de traballo e dos ecosistemas industriais, as transicións ecolóxica e dixital, a innovación e o cambio social e económico, a facilitación da reciclaxe, a mellora das capacidades e a empregabilidade, as transicións profesionais e a mobilidade xeográfica e sectorial, e apoiar, en particular, as persoas pouco capacitadas, as persoas con discapacidade ou as persoas adultas pouco cualificadas. O FSE+ tamén debe facilitar a prestación de axuda ás persoas en materia de capacidades integradas, incluídas as persoas traballadoras por conta allea, traballadoras por conta propia e desempregadas, a través de instrumentos como as contas individuais de aprendizaxe.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dispón no seu artigo 1.a), relativo ao seu ámbito competencial, que lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e a Constitución, entre outras, o exercicio das competencias e funcións de proposta, deseño, coordinación e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral e do emprego, que engloba, entre outras, as competencias en materia de políticas activas de emprego, formación para o emprego, orientación, colocación e intermediación laboral.
As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; obxectivo específico ESO4.4: «Promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde», e medida 1.D.01: «Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras».
Nesta convocatoria incorpórase o uso de opcións de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
Desde o punto de vista de axudas de Estado, tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias e das persoas destinatarias finais do programa, así como as características das actuacións que se van realizar, as subvencións previstas ampáranse no artigo 31 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito. A convocatoria financia accións formativas referidas a un ámbito relevante para as empresas e non cuberto polos instrumentos actuais. O proceso participativo de diálogo coas empresas para coñecer as súas necesidades e o estudo a que se alude nesta exposición de motivos identificaron os ámbitos que as accións formativas deben abordar para responder ás necesidades de formación demandada polas empresas. Estas necesidades son comúns a todas elas, pois non existe ningún aspecto vinculado a tamaño da empresa, ao sector a que pertence ou a calquera outra característica que permita establecer unha prelación e sobre a base dela fixar criterios de concorrencia. Neste escenario, que a Administración estableza un criterio sería arbitrario e contrario ao obxectivo, que non é outro que dar resposta a necesidades de formación específica, comúns a todas as entidades beneficiarias a que se dirixe a convocatoria.
Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Tamén é de aplicación a normativa específica do FSE+: Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados; Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013; Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á definición de custos unitarios e importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculados aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión; Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
En consecuencia, consultada a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, obtidos os informes preceptivos na tramitación e autorizado por acordo do Consello da Xunta o carácter plurianual, así como a exención de garantías, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2026-2027, en réxime de concorrencia non competitiva. As axudas concedidas no marco desta orde axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
Artigo 2. Principios de xestión
Os principios que rexen a xestión desta convocatoria de axudas son:
a) Publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
c) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Artigo 3. Definicións
1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, entenderase por empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.
2. Microempresa, pequena empresa e mediana empresa (peme): segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, consideraranse:
• Medianas empresas: aquelas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
• Pequena empresa: aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.
• Microempresa: aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
Para o cálculo deses efectivos, deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
3. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUEC núm. 249, do 31 de xullo), ou documento que o substitúa.
4. Empresa vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:
• Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto das persoas accionistas ou socias da outra empresa.
• Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros dos órganos de administración, dirección ou control da outra empresa.
• Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre a outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.
• Unha empresa, accionista ou asociada á outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outras persoas accionistas ou socias da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto das súas persoas accionistas ou socias.
Presumirase que non existe influencia dominante cando as persoas investidoras enunciadas no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.
As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou coas persoas investidoras enumeradas no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.
Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou dun grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.
5. Empresa asociada: son empresas que manteñen lazos significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra.
Son asociadas as empresas que nin son autónomas nin están vinculadas entre si.
A empresa solicitante é asociada doutra empresa no caso de que:
• Posúa unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da dita empresa, ou se a dita empresa posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da empresa solicitante.
• E as empresas non son empresas vinculadas, o que significa, entre outras cousas, que os dereitos de voto dunha delas na outra non supera o 50 %.
• E a empresa solicitante non elabora contas consolidadas que inclúan a dita empresa por consolidación, nin está incluída por consolidación nas contas da dita empresa nin nas de ningunha empresa vinculada a ela.
6. Persoas traballadoras autónomas: con base no artigo 1 do título I da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, terán esta consideración as persoas físicas que realicen de forma habitual, persoal, directa, por conta propia e fóra do ámbito de dirección e organización doutra persoa, unha actividade económica ou profesional a título lucrativo e que, para os efectos das axudas previstas nesta orde, dean ocupación a persoas traballadoras por conta allea.
7. Persoa traballadora ocupada por conta allea: persoa que presta servizos nunha empresa no marco dunha relación laboral con esta, que figura inscrita no réxime xeral da Seguridade Social e percibe remuneración a cambio do seu traballo, con independencia do tipo de relación laboral establecida coa empresa (persoal fixo, temporal, a xornada completa ou parcial). Esta condición virá determinada pola situación laboral en que se encontre ao comezo da acción formativa financiada polo Bono Talento.
8. Competencias transversais: aquelas habilidades relacionadas co desenvolvemento persoal que non dependen dun ámbito temático ou disciplinario específico, senón que aparecen en todos os dominios da actuación profesional.
9. Acción formativa de carácter non formal de curta duración: proceso de formación estruturado que non conduce a unha titulación, acreditación ou certificación oficial e cuxa duración mínima será de 16 horas e máxima de 100 horas.
10. Proxecto formativo: aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas de carácter non formal de curta duración.
Artigo 4. Réxime xurídico
1. Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
2. Así mesmo, tamén serán de aplicación:
a) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
b) Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados.
c) Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013
d) Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á definición de custos unitarios e importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculados aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión.
e) Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
f) Normativa sobre protección de datos persoais: Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.
g) Calquera outra norma da Unión Europea, ou normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.
Artigo 5. Financiamento
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns douscentos mil euros (2.200.000 €) distribuído en dúas anualidades, con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.323B.470.0, código de proxecto 2023 00105.
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade 2026 |
Anualidade 2027 |
Total |
|
14.03.323B.470.0 |
200.000 € |
2.000.000 € |
2.200.000 € |
As accións formativas subvencionables que se inicien e rematen entre a data de inicio do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria e ata o 31 de outubro de 2026 incluído serán financiables con cargo ao orzamento da anualidade 2026; as accións formativas que se inicien e rematen entre o 1 de novembro de 2026 e o 30 de setembro de 2027 incluído serán financiables con cargo ao orzamento da anualidade 2027.
2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, despois de aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo do informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos). Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.
3. As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 1: «Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social»; obxectivo específico ESO4.4: «Promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde», e medida 1.D.01: «Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras».
Artigo 6. Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres (3) anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentación da solicitude de axuda.
Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración realizará as comprobacións necesarias para verificar se as entidades beneficiarias teñen a condición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa e, de ser o caso, que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres (3) anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.
Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.
Artigo 7. Requisitos das entidades beneficiarias
Para obter a condición de beneficiaria destas subvencións requirirase:
a) Asumir a totalidade de dereitos e obrigas inherentes a tal condición, derivada da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
b) Cumprir co estipulado nestas bases reguladoras.
c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
d) Non ter débedas por reintegro de axudas ou préstamos coa Administración, ou estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Artigo 8. Actuacións subvencionables
1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.
2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:
a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.
b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.
c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.
d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posvenda, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.
e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.
f) As competencias nas tecnoloxías limpas e eficientes no uso dos recursos (tecnoloxías avanzadas de materiais, fabricación e reciclaxe; tecnoloxías de baterías e almacenamento de enerxía; tecnoloxías de hidróxeno; tecnoloxías de eficiencia enerxética...).
Dentro das accións formativas orientadas á adquisición de competencias nalgún dos seis (6) ámbitos de capacitación prioritarios, co fin de integrar a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, recoméndase incluír contidos como os seguintes: tratamento da dixitalización da economía con perspectiva de xénero dentro das competencias dixitais, preparación da máquina en atención á persoa usuaria, feminización dos sectores industriais máis masculinizados dentro das competencias en procesos industriais, xestión en igualdade de xénero dentro das competencias en xestión empresarial, autocoidado do/da coidador/a, prevención do burnout dentro da/das competencia/s no ámbito asistencial, etc.
3. As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo estará dispoñible nas seguintes ligazóns:
• https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento
• https://sede.sepe.gob.es/FOET_CATALOGO_EEFF_SEDE
4. Ao abeiro desta convocatoria, a entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a 40horas, cun límite máximo diario de 8 horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro desta orde non terá custo ningún para a persoa participante.
5. Estas accións formativas deberán ser executadas en modalidade presencial e poderanse impartir na súa totalidade ou parcialmente mediante aula virtual. Para estes efectos, considérase aula virtual o contorno de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e as alumnas e alumnos interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.
A impartición da formación mediante aula virtual deberase estruturar e organizar de forma que se garanta en todo momento que existe conectividade sincronizada entre as persoas formadoras e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.
Cando a formación se desenvolva mediante aula virtual, esta deberá contar cun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifique, para cada acción formativa desenvolvida a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e tempos de conexión, e contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de realización da aula por parte dos órganos de control, para efectos das actuacións de seguimento e control que procedan.
Para a impartición en aula virtual deberá empregarse o Campus Virtual de Formación para o Emprego que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon ao dispor. En todo caso, as persoas participantes deberán dispor dos medios técnicos necesarios e adecuados para poderen asistir con aproveitamento á actividade e, para estes efectos, deberán dispor de micrófono e cámara web, que terá que estar acesa e en uso durante todo o tempo da acción formativa.
Non se poderán impartir en aula virtual aqueles contidos que requiran a utilización de espazos, instalacións e/ou equipamento para a adquisición de destrezas prácticas.
6. O control de asistencia realizarase do seguinte xeito: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora da entrada e da saída da acción formativa, así como pola persoa representante da entidade conforme o modelo de acta de asistencia que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. No caso de facer uso da aula virtual, a Consellería comprobará, ademais, o rexistro de conexións do alumnado na plataforma do Campus Virtual de Formación para o Emprego correspondentes aos días da acción formativa.
As actas de asistencia de todas as accións formativas remitiranse xunto coa xustificación final para a liquidación da subvención, tal e como se establece no artigo 28.3.d) desta orde.
7. As actividades formativas poderán conter módulos de aprendizaxe baseados na experiencia a través de xornadas de intercambio de boas prácticas, estadías temporais, visitas, formación in company e sesións de mentoring con empresas ou profesionais que sexan referentes ou constitúan un caso de éxito na aplicación dos coñecementos e/ou técnicas a que se refire a actividade formativa. Do mesmo xeito, poderase incluír como módulo práctico, cuxa duración máxima subvencionable non superará as catro horas, a asistencia a feiras, congresos e exposicións vinculadas coa temática obxecto da formación; para os efectos do control de asistencia nestes supostos, será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante xunto cunha declaración responsable da persoa participante conforme participou nesa actividade, achegando, se é o caso, os datos de inscrición na actividade.
8. A formación realizada deberá incluír probas de coñecemento sobre os contidos. Deberá realizarse, como mínimo, unha proba por cada 8 horas, cando a duración da acción formativa sexa inferior a 24 horas, e cada 16 horas cando a duración da acción formativa sexa igual ou superior a 24 horas.
9. As persoas participantes nas accións formativas terán dereito a recibir a acreditación correspondente de ter participado sempre que cumpran o requisito de asistir, como mínimo, ao 80 % do total de horas da acción formativa e ter realizado as probas de coñecemento correspondentes.
Esa acreditación terá o seguinte contido:
a) Identificación da persoa participante.
b) Título da formación recibida.
c) Contidos impartidos.
d) Volume de horas de teoría asociadas á formación recibida.
e) Volume de horas de traballo práctico asociadas á formación recibida.
f) Resultados de aprendizaxe.
g) Empresa beneficiaria da subvención que promoveu a acción formativa.
h) Lugar de expedición.
i) Data de expedición.
Esta acreditación, posto que se trata de formación non formal, só terá efectos a nivel laboral, en ningún caso académicos, ou que dean lugar a formar parte dun rexistro de formacións específicas propias doutros organismos ou administracións públicas.
10. Non estarán incluídas dentro do obxecto desta orde as accións de formación, acreditacións ou certificacións que resulten de obrigado cumprimento para as empresas ou persoas traballadoras autónomas por contrato ou convenio colectivo.
11. A participación nas accións formativas será completamente gratuíta para as persoas destinatarias e en ningún caso as entidades beneficiarias lles poderán cobrar por calquera concepto.
Artigo 9. Proxecto formativo
1. De acordo co establecido no artigo 3.10 desta orde, enténdese por proxecto formativo aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas. Por cada acción formativa, as entidades beneficiarias deberán facer constar a seguinte información:
1.1. No anexo I:
a) Ámbito de competencias da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.
b) Modalidade de impartición: presencial ou uso da aula virtual a través do Campus Virtual da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) O calendario, duración en horas de formación e horas da xornada laboral investidas na formación, de ser o caso, e número de persoas alumnas.
1.2. No anexo II:
a) Denominación da acción formativa e lugar de impartición da formación. No caso de que se descoñeza o lugar de impartición no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá comunicárselle a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego cunha antelación mínima de sete (7) días naturais ao de inicio da impartición.
b) Obxectivos, contidos e probas de coñecemento previstas: número de probas e tipoloxía.
c) Perfís profesionais das persoas traballadoras que participarán nas accións formativas.
d) Persoa ou entidade responsable da impartición da formación: no caso de que se descoñeza a entidade que impartirá a formación no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá indicarse o seu perfil xeral e, posteriormente, comunicaráselle a entidade seleccionada á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego.
Artigo 10. Persoas destinatarias das accións formativas
Poderán participar nas accións formativas obxecto de financiamento:
a) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que estean contratadas baixo a modalidade de fixos descontinuos poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.
A consideración como persoas traballadoras ocupadas por conta allea virá determinada pola situación laboral en que se encontren na data de comezo da acción formativa.
Artigo 11. Criterios para a determinación da contía da subvención
1. A metodoloxía para calcular a contía da subvención, para os efectos da súa concesión, xustificación e liquidación, así como para a determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, axustarase ao método de custos simplificados establecido segundo o previsto nos artigos 51.c) e 94.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, conforme o cal se tomarán os importes dos custos unitarios establecidos para esta tipoloxía de accións formativas no número 3 do anexo do Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023.
2. En particular, o gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase con base nos seguintes custos unitarios:
a) Custo unitario 1-Tarifa horaria de formación ofrecida ás persoas asalariadas: 18,09 € por hora de formación e persoa participante.
b) Custo unitario 2-Tarifa horaria do salario aboado ás persoas asalariadas que sigan un curso de formación: 20,42 € por hora de formación e persoa participante.
Para os efectos do custo unitario 2, e conforme o disposto no dito regulamento delegado, o tempo dedicado aos cursos de formación refírese ao tempo de traballo remunerado (en horas) dedicado a cursos de formación, e cobre tan só o tempo real de formación e unicamente o dedicado durante o tempo de traballo remunerado. Polo tanto, no caso de que o salario da persoa traballadora durante o curso de formación se considere un custo subvencionable por ser impartido durante as horas de traballo, reembolsarase o importe combinado dos custos unitarios 1 e 2. En caso contrario, unicamente se reembolsará o custo unitario 1.
En todo caso, para ambas as tarifas de custos unitarios, o número de horas deberá demostrarse mediante un sistema de xestión do tempo verificable en consonancia coas prácticas nacionais habituais aceptadas, tal e como se especifica no artigo 28.3.d) e e).
3. En todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada, en aplicación do establecido no artigo 31.4.b) e 31.5 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, está limitada a:
• 50 % dos custos subvencionables para as grandes empresas,
• 60 % dos custos subvencionables para as medianas empresas,
• 70 % dos custos subvencionables para as pequenas empresas e microempresas.
• 100 % para empresas do sector do transporte marítimo, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
a) Que as persoas beneficiarias da formación non sexan membros activos da tripulación, senón persoal supernumerario a bordo.
b) Que a formación se imparta a bordo de buques inscritos nos rexistros da Unión.
4. A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 €.
5. O gasto máximo subvencionable da solicitude será o resultante de sumar os gastos máximos subvencionables das accións formativas que o comprenden.
6. De acordo co establecido nos artigos 3.9 e 8.4 desta orde, cada acción formativa terá unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100 horas, e a entidade poderá solicitar un proxecto formativo composto por un máximo de tres accións formativas.
7. Unha vez executadas as actuacións subvencionadas, para efectos do cálculo da contía da subvención no momento da súa xustificación e liquidación, así como da determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, ademais de aplicar o disposto nos puntos anteriores deste artigo, teranse en conta as regras establecidas nos artigos 28 e 30 desta orde.
Artigo 12. Período de realización das accións formativas
O período de realización das accións formativas subvencionables, tendo en conta o establecido no artigo 5.1, comprenderá:
• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2026: desde a data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata o 31 de outubro de 2026, ambos incluídos.
• Para aquelas accións formativas que se desenvolvan entre 2026 e 2027 ou exclusivamente no ano 2027: desde o 1 de novembro de 2026 ata o 30 de setembro de 2027, ambos incluídos.
Non obstante, non serán subvencionables as accións formativas que se inicien antes da presentación da solicitude de axuda.
Artigo 13. Subcontratación das accións formativas
1. A entidade beneficiaria poderá subcontratar, total ou parcialmente, a impartición das accións formativas obxecto da subvención e a subcontratación axustarase ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Non se poderá realizar a subcontratación con persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias consignadas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as establecidas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.
3. No contrato ou convenio subscrito para acordar a subcontratación, deberá acreditarse que se recollen as garantías precisas para o tratamento de datos de carácter persoal e deberá incluír as cláusulas necesarias para o seu cumprimento, conforme o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
4. En ningún caso se poderá concertar, total ou parcialmente, a prestación ou adquisición de servizos ou subministracións necesarios para a execución da actividade subvencionada cunha persoa ou entidade vinculada coa entidade beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
A carga de proba de que a contratación se realiza en condicións normais de mercado corresponderalle á entidade beneficiaria. A Administración actuante determinará a suficiencia ou insuficiencia da xustificación presentada.
Artigo 14. Réxime de concesión
O procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.
De acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a instrución e a resolución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia e ata o límite da dotación orzamentaria da correspondente anualidade, de ser o caso, salvo que aquelas tivesen que ser obxecto de corrección por non reuniren os requisitos ou non iren acompañadas da documentación requirida, para o cal se considerará, na orde de prelación que se siga para a súa resolución, a data en que as solicitudes reúnan os requisitos e/ou documentación requirida, unha vez emendada a ausencia ou insuficiencia que, de ser o caso, apreciase o órgano convocante.
As axudas outorgaranse conforme os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. A súa xestión realizarase con criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
Artigo 15. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios soamente terán validez se están debidamente asinados pola persoa que exerce a representación legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicional destas bases reguladoras.
4. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. As entidades beneficiarias realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:
i. Relación de outras axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto ou conceptos obxecto de solicitude.
ii. A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.
iii. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
iv. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
v. Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
vi. Que a entidade solicitante posúe un centro de traballo en Galicia e desenvolverá en Galicia as actividades para as cales se solicita a axuda.
vii. Que a entidade solicitante coñece que as persoas ou empresas provedoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) 651/2014 sobre empresas vinculadas.
viii. Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.
ix. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con toda as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.
x. Coñecer que as axudas solicitadas ao abeiro desta convocatoria están cofinanciadas polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 nun 60 %.
xi. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.
xii. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.
xiii. Non encontrarse en ningunha situación que a configure como empresa en crise e, polo tanto, a exclúa de ser beneficiaria, conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
xiv. Non estar incursa nun procedemento de concurso de acredores.
xv. Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
xvi. Cumprir cos criterios de definición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).
xvii. Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.
xviii. Estar validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres (3) anos antes da data de publicación desta convocatoria. No caso das persoas traballadoras autónomas, estar de alta ininterrompidamente cunha antigüidade mínima de tres anos no réxime da Seguridade Social correspondente.
xix. A actividade que se vai subvencionar non se encontra incluída na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
xx. A entidade solicitante non é unha entidade de formación e, polo tanto, non incorre en incumprimento do artigo 6.3.
xxi. A entidade solicitante non formalizou ningún tipo de acordo contractual nin compromiso xurídico firme antes da presentación desta solicitude.
Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación das solicitudes será de dous (2) meses, que comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil posterior ao día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20.00 horas do último día.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. O esgotamento de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, producirá a imposibilidade de continuar outorgando subvencións ao abeiro desta e constituirá motivación suficiente para a denegación do resto de subvencións non concedidas.
Artigo 17. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude da axuda (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II (memoria proxecto formativo).
b) Anexo III (ficha de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).
c) Anexo IV, declaración da condición de peme: mediana, pequena empresa ou microempresa, para efectos de calcular a porcentaxe de intensidade máxima (50, 60 ou 70 %) do gasto subvencionable, en función do tamaño da empresa, segundo o indicado no artigo 11.2. Deberán cubrir este anexo IV todas as entidades solicitantes, independentemente de se son empresas ou autónomos/as. Non é necesario que o cubran as grandes empresas, ás cales se lles aplicará a intensidade do 50 %.
d) Unicamente no caso de ser pemes vinculadas ou asociadas ou participadas, segundo as definicións recollidas nos artigos 3.4 e 3.5 desta orde, de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar, ademais do anexo IV:
• Os anexos IV-A: declaración da condición de peme-empresa asociada e IV-A.1: declaración da condición de peme-ficha de asociación, no caso de empresas asociadas, e/ou
• Os anexos IV-B: declaración da condición de peme-empresa vinculada e IV-B.1: declaración da condición de peme-ficha de vinculación, no caso de empresas vinculadas.
• Tamén se deberá achegar, en ambos os casos, como documentación complementaria, para cada unha das empresas vinculadas e/ou asociadas, a documentación da alínea g) deste artigo.
e) Cando se actúe mediante representación, documento público acreditativo do poder con que actúa a persoa representante da entidade solicitante (escrituras, poder coa suficiencia verificada, entre outros).
f) No caso das entidades que estean obrigadas á inscrición no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizadas, na cal se especifiquen a data de constitución o obxecto social, sede social, clasificación CNAE e administrador/es da sociedade (nome e apelidos ou razón social). No suposto de que sexan empresas que non están obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público ou que non teñan o domicilio social en Galicia, deberán presentar documentación acreditativa da constitución, na cal se especifique a data en que se produciu esta. No caso de persoas traballadoras autónomas, informe de vida laboral actualizado.
g) Declaración completa do último exercicio fiscal pechado do imposto de sociedades (modelo 200), do imposto da renda das persoas físicas (modelo 100) ou da declaración informativa (modelo 184), segundo corresponda pola forma xurídica da entidade solicitante.
h) Informe de traballadores/as en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data de solicitude da axuda.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poderá requirirlle á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
Artigo 18. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente, con carácter previo á concesión, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que á persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
i) Comprobación de subvencións e as axudas públicas concedidas.
j) Imposto de actividades económicas (IAE).
k) DNI ou NIE da persoa participante na acción formativa.
l) Consulta da vida laboral da persoa participante na acción formativa.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás empresas ou ás persoas traballadoras autónomas que presenten os documentos correspondentes.
4. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dean como resultado que a persoa beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha das administracións, será requirida para que, no prazo de dez (10) días, regularice a situación e presente o correspondente certificado.
Artigo 19. Representación
1. As persoas físicas que realicen a sinatura ou a presentación electrónica de documentos en representación das entidades solicitantes ou beneficiarias deberán exercer a representación necesaria para cada actuación, nos termos establecidos no artigo 5 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro.
2. A persoa asinante da solicitude deberá acreditar que, no momento da súa presentación, posúe poder bastante en dereito para actuar en nome e representación da persoa xurídica solicitante. O incumprimento desta obriga, de non se emendar, dará lugar a que se considere desistida da solicitude, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo de correo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 22. Instrución e emenda
1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
2. A sede electrónica remitiralle as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.
3. No caso de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.
4. En aplicación dos principios de eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinado polo establecido no número 1 do artigo 14 desta orde.
Artigo 23. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 24. Resolución e recursos
1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
2. O prazo máximo para resolver e notificar será de dous (2) meses, que se computará desde a presentación da solicitude pola persoa interesada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. No caso de existiren solicitudes que non logren o dereito á subvención, ao esgotarse o crédito dispoñible, pasarán a formar unha lista de espera coas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos bonos inicialmente concedidos, ben por incremento do orzamento inicialmente destinado aos Bonos Talento, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
5. En todo caso, deberáselle notificar a cada entidade beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deben entregar ou prestar, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).
Cando proceda, tamén se informará a entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 25. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.
Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias
Son obrigas mínimas das entidades beneficiarias as seguintes:
1. As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os compromisos e as obrigas establecidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable.
2. Son tamén obrigas mínimas das entidades beneficiarias as seguintes:
a) Executar a actuación que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido segundo o disposto nestas bases.
b) Comunicarlle ao órgano instrutor, a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, con polo menos sete (7) días naturais de antelación ao do inicio de cada acción formativa, o calendario completo do curso, que inclúa todas as sesións formativas, a través da sede electrónica, como «Achega de documentación separada da solicitude», empregando o modelo que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actuación definida no artigo 1 e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
d) Comunicarlle ao órgano convocante a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención no momento en que se coñeza a dita modificación, así como comunicar a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento destas obrigas considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
e) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do dito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación, nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispor delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.
f) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración-Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego) e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás persoas participantes.
g) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.
Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior á do inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que remate a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.
Para estes efectos, facilitaránselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.
Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na dita aplicación informática.
Tamén deberá facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i; entre outros, as enquisas do INE.
h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
i) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
j) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
k) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
l) Subministrar toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da dita lei. Facilitar calquera outra información relacionada coa medición dos indicadores dos instrumentos de planificación que sexan de aplicación.
m) Garantir, no desenvolvemento e na difusión das accións de formación, a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, e do uso dunha linguaxe non sexista, consonte o establecido na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
n) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
o) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
p) A entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
Artigo 27. Pagamento
1. Ditada e notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar un anticipo de ata o 60 % da subvención concedida, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria.
A porcentaxe restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.
A contía do importe do referido anticipo calcularase sobre a base do importe concedido para o total do proxecto formativo, entendido este como o conxunto das accións formativas que o integren obxecto da subvención.
2. Nos termos do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os anticipos non poderán superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e, polo tanto, o pagamento poderá ser dividido en dúas anualidades para respectar ese límite, para o cal se adoptarán as correspondentes medidas de xestión orzamentaria que permitan a percepción do importe total do anticipo ou suma de anticipos a que se teña dereito.
3. Os gastos realizados con cargo aos anticipos deberán referirse á anualidade orzamentaria para a cal foron concedidos e deberán xustificarse dentro dos prazos establecidos no artigo 28 desta orde.
4. Os anticipos deberán ser solicitados polas entidades beneficiarias mediante o modelo que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
5. A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte da entidade beneficiaria, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. O órgano concedente poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación da execución da actuación subvencionada que considere convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade beneficiaria os presentase, o órgano convocante iniciará o correspondente procedemento de decaemento no dereito de cobramento.
7. En aplicación do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan exentas da obriga de constituír garantías para a realización e o cobramento dos anticipos.
Artigo 28. Xustificación final da subvención e liquidación
1. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados, segundo o previsto nos artigos 51.c) e 94.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, conforme o cal se tomarán os importes dos custos unitarios establecidos para esta tipoloxía de accións formativas no número 3 do anexo do Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión, do 7 de xullo de 2023.
2. As entidades beneficiarias presentarán, ante a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas e dos gastos realizados, no prazo máximo dun mes desde o remate da/das acción/s formativa/s e, en todo caso, de acordo cos seguintes límites:
a) Accións formativas iniciadas e rematadas entre a data da presentación da solicitude e o 31 de outubro de 2026 incluído: a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de novembro de 2026.
b) Accións formativas que se desenvolvan entre o 1 de novembro de 2026 e o 30 de setembro de 2027: a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de outubro de 2027.
3. A xustificación presentarase por vía telemática, de acordo co artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A entidade beneficiaria, para xustificar a realización da actividade subvencionada, presentará a seguinte documentación:
a) Solicitude de pagamento debidamente cuberta e asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria, que incluirá unha declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, de ser o caso, declaración de que non foron solicitadas outras axudas ou subvencións.
b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos e dos programas da formación impartida con detalle da planificación temporal.
c) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes datos:
1º. Certificación ou declaración, pola entidade beneficiaria, da relación de persoas que participaron en cada acción formativa, indicando para cada persoa o período de permanencia e as horas totais reais de asistencia a cada acción formativa –distinguindo entre as horas de formación realizadas dentro e fora do horario laboral– así como a relación das probas de coñecemento realizadas por cada persoa.
2º. Contía global da subvención xustificada, calculada sobre a base das actividades cuantificadas no punto anterior, e conforme os módulos de custo unitario establecidos.
Para o cálculo da dita contía seguiranse as seguintes regras:
• O número de horas de formación acreditadas para todas as persoas participantes nas accións formativas (con base nas actas de asistencia) multiplicarase polo módulo de custo unitario 1 establecido no artigo 11.2.a).
• Ao importe calculado segundo o anterior sumaráselle a contía resultante de multiplicar o número de horas de asistencia á formación durante o tempo de traballo remunerado (acreditadas mediante os rexistros de tempo de traballo das empresas) polo módulo de custo unitario 2 establecido no artigo 11.2.b).
• En todo caso, teranse en conta os límites establecidos no artigo 11.3 e 11.4.
• A liquidación resultante non poderá superar a contía global da subvención concedida.
d) As actas de asistencia de todas as sesións formativas, que deberán estar asinadas polo alumnado á entrada e á saída da acción formativa e pola persoa representante da entidade, mediante as cales quedará constancia do control diario da asistencia. No caso de facer uso da aula virtual, comprobarase, ademais, o rexistro de conexións do alumnado na plataforma do Campus Virtual de Formación para o Emprego, correspondentes aos días da acción formativa.
O modelo de acta de asistencia que se vai empregar, así como de solicitude de pagamento, memoria de actuacións e memoria xustificativa, serán os que estean dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
e) Documentación xustificativa dun sistema de xestión do tempo verificable para o custo unitario 2, segundo as estipulacións do Regulamento delegado (UE) 2023/1676, é dicir, os rexistros de tempo de traballo que a empresa utiliza de forma habitual: partes de traballo, rexistros de traballo (dixitalizados ou non) ou similares, co obxecto de verificar que as persoas traballadoras participantes se encontraban en horario laboral durante as horas correspondentes á súa participación na acción formativa.
f) Informe de vida laboral do código ou códigos de cotización correspondente á entidade beneficiaria, que inclúa todas as persoas traballadoras participantes nas accións formativas obxecto de subvención, desde polo menos o día anterior ao do inicio da primeira das accións formativas que realizasen ao abeiro desta convocatoria e ata a data de xustificación, co obxecto de xustificar a situación laboral de alta como traballadores ocupados por conta allea na empresa beneficiaria durante o todo o período de tempo da formación.
g) No caso de oporse á consulta por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou no suposto de non prestar o consentimento a que se refire o artigo 18 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e que están ao día no pagamento das obrigas por reintegro, de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
h) Documentación xustificativa das probas realizadas: preferentemente unha acta de avaliación, asinada polo representante legal da entidade solicitante e o responsable da acción formativa, xunto cun exemplar de cada tipo de proba, ou se non deberán presentarse todas as probas realizadas polo alumnado. En cada proba deberán quedar perfectamente indicados o tipo/número de proba, nome e apelidos do/da alumno/a, data e hora de realización e sinatura do/da alumno/a.
i) Documentación xustificativa das acreditacións entregadas ao alumnado por ter participado nas accións formativas: preferentemente unha acta de entrega e recollida das acreditacións, asinada polo representante legal da entidade solicitante e cada un/unha dos/das alumnos/as, xunto cun exemplar das acreditacións, ou se non deberán presentarse todas as acreditacións entregadas ao alumnado. En cada acreditación deberán incluírse todos os datos recollidos no artigo 8.9. As entidades solicitantes poderán empregar o modelo de acreditación de participación nas accións formativas que teñen dispoñible na páxina web dos Bonos Talento empresa.
j) Calquera outra documentación xustificativa ou informes que, de acordo coa normativa autonómica, nacional ou europea, resulten exixibles.
4. Ao abeiro do disposto no artigo 55 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentar libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil, ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga da entidade beneficiaria de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo o disposto no artigo 14.1. g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obriga derivada da normativa autonómica, estatal ou da Unión Europea que así o exixa.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.
A Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, logo de solicitude da entidade beneficiaria, poderá autorizar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non poderá exceder a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nesta orde dentro do exercicio orzamentario.
6. O persoal técnico da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego realizará a correspondente comprobación técnico-económica. No caso de que a documentación presentada sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non o facer, logo de resolución, se revogará a subvención concedida e, se é o caso, deberá reintegrar as contías percibidas en concepto de anticipo e os xuros de demora.
Así mesmo, se da dita comprobación resulta o incumprimento, total ou parcial, dos fins para os cales foi concedida a subvención, das obrigas previstas ou dos requisitos establecidos para a xustificación, comunicaráselle tal circunstancia á entidade beneficiaria xunto cos resultados da comprobación técnica e económica, e iniciarase, se é o caso, o procedemento de reintegro total ou parcial da subvención.
Artigo 29. Réxime de incompatibilidades
As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para o mesmo proxecto formativo, procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais.
Artigo 30. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas
1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións esenciais da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora, e sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.
f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tiña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
a) No caso de condicións referentes á contía da subvención, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao número de horas de formación e, de ser o caso, ao número de horas de salario correspondente ás horas de formación impartidas en horario laboral que non fosen xustificadas documentalmente, e, no caso de ter recibido un anticipo, deberanse reintegrar as cantidades percibidas que superen a contía da subvención efectivamente xustificada. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 25 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.
b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para o mesmo proxecto formativo.
c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente.
d) Procederá o reintegro dun 2 % do importe da axuda concedida no caso do incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 26 destas bases reguladoras.
Artigo 31. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 32. Control da fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá pór estes feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraudes da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/CA-UACI/SNCA/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx
Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os ditos feitos poderán poderanse pór en coñecemento a través da seguinte:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
Artigo 33. Fiscalización e control
As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control, incluída a consulta aos sistemas de información, que realice o órgano convocante, con anterioridade ou posterioridade á concesión da subvención, para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e dos compromisos da entidade beneficiaria fixados no artigo 28, e ás de comprobación material e control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea.
Así mesmo, as entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e control e facilitarán toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 34. Seguimento
Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento das accións obxecto desta convocatoria.
Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normativa vixente que resulten de aplicación.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
1. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
2. A Base de datos nacional de subvencións cederá información ao Sistema de fondos europeos, segundo as previsións normativas contidas na normativa europea e nacional que resulte de aplicación.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
