Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que se describe a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida San Luis, 77. 28033 Madrid.
Denominación: Modificado I do proxecto para LMT, CT e RBT estrada Albar.
Situación: lugar da Barxa, concello do Barco de Valdeorras.
Orzamento: 155.430,12 €.
Características principais do proxecto, que foi asinado o 11.11.2025 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor.
- Desmontaxe dun tramo da LMT aérea BDV704, entre o apoio núm. D44 e o transformador CT Retorno C. Regantes-32CY53, e desmontaxe doutro tramo na mesma liña, entre o apoio núm. D44-A-1 e o apoio núm. D44-A-1-1.
- Substitución do apoio núm. D44-A-2 por un novo apoio de celosía metálica, do tipo C-14/2000, no cal se instala un seccionador XS. Instalación dun interruptor telecontrolado no apoio núm. D44-A-1.
- LMTS, a 15 kV, de 32 m, en condutor LA-56, con orixe no apoio existente núm. D44 e final no novo apoio núm. D44-A-2.
- LMTS, a 15 kV, de 17 m, en condutor LA-56, con orixe no novo apoio núm. D44-A-2 e final no apoio existente núm. D44-A-1-1.
- LMTS, a 15 kV, de 634 m, en condutor RHZ1-2OL 12/20kV 3×(1×150) mm² Al, con orixe no PAS que se instala no apoio núm. D44-A-1 e final no novo CT proxectado.
- Novo CT prefabricado compacto de manobra exterior, con envolvente de formigón, de tipo rural, cun transformador de 160 kVA de potencia aparente e r/t 15.000/400 V.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo deste departamento territorial do 15.12.2025, que foi inserido no DOG do 8.1.2026 e no xornal La Región de Ourense do 5.1.2026. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso presentou alegacións a persoa que UFD identificou como titular do predio núm. 1 da RBDA. Nas ditas alegacións indica que o predio referido non é da súa propiedade e solicita que se corrixan os datos de titularidade. Na súa contestación, UFD indicou que tomaba nota do alegado e procedía a desafectar a persoa titular indicada e pasar o predio a titularidade descoñecida.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), este departamento territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifiquen de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado, logo de actualizar os datos de titularidade indicados anteriormente.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 13 de maio de 2026
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
