DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 26 de maio de 2026 Páx. 30287

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 44/2026, do 18 de maio, polo que se modifica o Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

No Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 27 de maio de 2024, publicouse o Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública. E no Diario Oficial de Galicia núm. 41, do 28 de febreiro de 2025, publicouse o Decreto 202/2024, do 4 de novembro, polo que se modifica o citado Decreto 141/2024, do 20 de maio.

Neste momento considérase necesario abordar a modificación da estrutura orgánica da consellería. A experiencia de xestión e a necesidade de afondar na especialización das súas unidades centrais aconsellan unha modificación puntual da súa estrutura para optimizar a distribución de funcións e reforzar a asistencia técnica. Esta modificación fundaméntase na redefinición das dúas unidades de apoio directo á persoa titular da consellería, en concreto, da Subdirección Xeral de Análise e Coordinación e da Subdirección Xeral de Estudos.

Por unha parte, a Subdirección Xeral de Análise e Coordinación reordénase como Subdirección Xeral de Análise Económica e Orzamentaria, unificando a prospección estatística coa avaliación transversal da eficacia das políticas de gasto a medio e longo prazo.

Por outra parte, suprímese a Subdirección Xeral de Estudos e créase a Subdirección Xeral de Política Tributaria e Dereitos do Contribuínte, co obxectivo estratéxico de situar a seguridade xurídica e a asistencia á persoa obrigada tributaria no eixe da política de ingresos públicos. No exercicio das súas funcións, esta subdirección asume competencias clave na elaboración da normativa tributaria, a resposta a consultas tributarias escritas e a tramitación de queixas e suxestións no ámbito tributario, permitindo unha actuación administrativa preventiva que achegue certeza á cidadanía e mingue as controversias xurídicas.

Para dotar de operatividade a esta nova orientación, intégranse na estrutura da Subdirección Xeral de Política Tributaria e Dereitos do Contribuínte dous órganos con nivel orgánico de servizo:

1. A Oficina de Dereitos do Contribuínte: esta unidade, de nova creación, nace coa misión de velar pola efectividade dos dereitos e garantías da cidadanía nas súas relacións coa Administración Tributaria de Galicia. A súa posta en marcha permitirá centralizar e dar unha resposta áxil ás queixas e ás suxestións dos cidadáns, impulsando unha relación de confianza lexítima que favoreza o cumprimento voluntario das obrigas fiscais.

2. A Oficina de Apoio á Xunta Superior de Facenda: esta unidade, resultado do cambio de denominación e dependencia do anterior Servizo de Xestión de Reclamacións Económico-Administrativas, asume un papel integral no soporte á subdirección xeral, co obxectivo de garantir unha resposta técnica máis áxil e eficiente ás reclamacións interpostas polas persoas contribuíntes. As súas funcións abranguen desde a tramitación de reclamacións e recursos ata a asistencia técnica na elaboración de propostas de resolución e a xestión administrativa dos procedementos, incluíndo a necesaria remisión de expedientes aos órganos xudiciais e a comunicación das súas resolucións.

Estes cambios supoñen tamén a modificación da Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico, xa que o actual Servizo de Xestión de Reclamacións Económico-Administrativas pasa a depender da Subdirección Xeral de Política Tributaria e Dereitos do Contribuínte como Oficina de Apoio á Xunta Superior de Facenda.

Por outra banda, recóllese neste decreto a competencia da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio relativa á realización efectiva da avaliación do desempeño do persoal incluído no ámbito de aplicación da normativa reguladora da avaliación do desempeño do persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia, co obxecto de incluír as funcións relativas á avaliación do desempeño do persoal que vai asumir este centro directivo.

En consecuencia, as modificacións introducidas responden aos principios de eficacia e boa administración, garantindo que a estrutura da consellería sexa o instrumento idóneo para unha xestión financeira moderna, transparente e plenamente orientada ao servizo da cidadanía.

A estrutura orgánica que aproba este decreto está amparada pola competencia exclusiva que os artigos 148.1.1ª da Constitución española e 27.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen á Comunidade Autónoma galega para organizar as súas institucións de autogoberno e atende aos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, que, de conformidade co disposto no artigo 103.1 da Constitución española, deben presidir a actuación administrativa.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos preceptivos informes favorables, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública

O Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 5.2.3, que queda coa seguinte redacción:

«2.3. A Subdirección Xeral de Análise Económica e Orzamentaria, con dependencia funcional da persoa titular da consellería, que realizará as seguintes funcións:

a) A elaboración de informes, análises e estudos socioeconómicos e de conxuntura económica.

b) Os estudos e traballos relativos á elaboración e ao seguimento da planificación económica.

c) A elaboración de informes sobre proxectos normativos que poidan afectar as políticas de gasto da comunidade autónoma, sen prexuízo dos que poidan corresponder a outros órganos da Administración no ámbito das súas respectivas competencias.

d) A análise e o seguimento da aplicación das políticas de gasto da comunidade autónoma, co fin de avaliar a súa eficacia e as súas repercusións financeiras e orzamentarias a medio e longo prazo.

e) A elaboración de análises, estudos e estatísticas que resulten necesarios para a dirección das políticas de gasto da comunidade autónoma.

f) O estudo, o seguimento e a coordinación das competencias das distintas áreas da consellería, propondo medidas encamiñadas á mellora do seu funcionamento.

g) O apoio técnico á persoa titular da consellería no ámbito da súa competencia.

h) Calquera outra que se lle encomende, dentro das súas competencias, pola persoa titular dos órganos de que depende orgánica ou funcionalmente».

Dous. Modifícase o artigo 5.2.4, que queda coa seguinte redacción:

«2.4. A Subdirección Xeral de Política Tributaria e Dereitos do Contribuínte, con dependencia funcional da persoa titular da consellería, que realizará as seguintes funcións:

a) A análise e o deseño da política xeral de ingresos públicos, no relativo ao sistema tributario autonómico, prezos e demais ingresos de dereito público.

b) A emisión de informes sobre proxectos normativos en materia tributaria cando poidan afectar competencias ou ingresos do sistema tributario de Galicia.

c) A emisión de informes preceptivos sobre os instrumentos financeiros da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, nos supostos e co alcance establecido na dita lei, así como a emisión de informes non preceptivos e consultas en relación con eles, sen prexuízo dos informes sobre a sustentabilidade económico-financeira que corresponda á dirección xeral competente en materia de orzamentos.

d) A emisión de informes preceptivos en relación coas prestacións patrimoniais de carácter público non tributarias que se establezan pola prestación de servizos en réxime de dereito público de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, para efectos de determinar a súa delimitación coas taxas e prezos regulados na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Dar asistencia en materia tributaria aos órganos da Xunta de Galicia.

f) O estudo, a análise, a elaboración de estatísticas e seguimento dos efectos económicos e recadatorios da política fiscal da comunidade autónoma, así como o seu impacto.

g) Realizar as estimacións dos ingresos públicos e dos seus beneficios fiscais. As ditas estimacións realizaranse en colaboración coa Axencia Tributaria de Galicia respecto dos tributos xestionados por ela, así como co resto da Administración respecto dos ingresos públicos que xestione.

h) A proposta e a redacción de proxectos e anteproxectos normativos en materia tributaria e de ingresos de dereito público.

i) A elaboración de propostas das disposicións interpretativas ou aclaratorias das normas de rango legal ou regulamentario en materia tributaria, cuxa proposta ou aprobación corresponda á persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

j) A contestación ás consultas tributarias escritas reguladas nos artigos 88 e 89 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, así como a tramitación e remisión ao órgano competente do ministerio competente en materia de facenda, no ámbito das súas competencias.

k) Manter actualizada a normativa tributaria que figura na páxina web da consellería.

l) Velar pola efectiva aplicación dos dereitos dos cidadáns nas súas relacións coa Administración Tributaria Galega, nos termos sinalados no punto 2.4.1.1.

m) A elaboración dos informes para a contestación das queixas e suxestións presentadas polos cidadáns no ámbito tributario.

n) O apoio ás actuacións da Xunta Superior de Facenda.

o) Calquera outra que se lle encomende, dentro das súas competencias, pola persoa titular dos órganos de que depende orgánica ou funcionalmente.

2.4.1. Contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.4.1.1. A Oficina de Dereitos do Contribuínte, que terá como función velar pola efectividade dos dereitos e garantías dos cidadáns nas súas relacións coa Administración Tributaria de Galicia, que exercerá a través das seguintes funcións:

a) A proposta e redacción de proxectos e anteproxectos normativos en materia tributaria e de ingresos de dereito público.

b) A elaboración de propostas das disposicións interpretativas ou aclaratorias das normas de rango legal ou regulamentario en materia tributaria, cuxa proposta ou aprobación corresponda á persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

c) A contestación ás consultas tributarias escritas reguladas nos artigos 88 e 89 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, así como a tramitación e remisión ao órgano competente do ministerio competente en materia de facenda, no ámbito das súas competencias.

d) Manter actualizada a normativa tributaria que figura na páxina web da consellería.

e) A elaboración dos informes para a contestación das queixas e suxestións presentadas polos cidadáns no ámbito tributario.

2.4.1.2. A Oficina de Apoio á Xunta Superior de Facenda, que exercerá as seguintes funcións:

a) A tramitación das reclamacións económico-administrativas e demais recursos interpostos ante a Xunta Superior de Facenda.

b) A asistencia aos vogais da Xunta Superior de Facenda na preparación das propostas de resolución.

c) O apoio ao funcionamento administrativo en relación coa iniciación, tramitación e terminación dos procedementos das reclamacións económico-administrativas e en materia de rexistro, coordinación de reunións, elaboración de actas e información aos interesados, así como as notificacións dos actos da Xunta Superior de Facenda.

d) A remisión de expedientes aos órganos xudiciais competentes e comunicación dos seus autos e sentenzas aos órganos xestores».

Tres. Modifícase o artigo 7, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 7. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico exercerá as seguintes funcións:

a) O apoio administrativo e técnico-xurídico e a xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón desta competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro.

b) O estudo e tramitación dos recursos e reclamacións presentados contra os actos ditados pola consellería cando a súa resolución non estea atribuída a outros órganos dela, así como de todos os proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos.

2. Contará co seguinte órgano de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.1. O Servizo Técnico-Xurídico, que exercerá as seguintes funcións:

a) O informe e a tramitación das compilacións, refundicións de normas e publicacións e, en xeral, de todos aqueles asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

b) A preparación e o informe dos asuntos que se teñan que elevar ao Consello da Xunta de Galicia ou ás súas comisións delegadas, e o traslado dos seus acordos.

c) A coordinación da remisión para a publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e as súas entidades adscritas, que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia, así como a coordinación da remisión para a publicación das notificacións por anuncios que sexan publicados no Boletín Oficial del Estado.

d) A tramitación das propostas de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

e) As funcións en materia de fundacións de interese galego que lle correspondan á Consellería de Facenda e Administración Pública, en relación coas fundacións sobre as cales exerza o protectorado.

f) A tramitación das solicitudes de acceso á información pública correspondentes a materias de competencia da Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro; a xestión das obrigas de publicidade activa correspondentes a materias de competencia da consellería e coordinación e apoio ás direccións xerais e organismos e entidades dependentes da consellería no exercicio das súas competencias en cuestións de transparencia».

Catro. Modifícase a letra d) do artigo 14.2.A, que queda coa seguinte redacción:

«d) O deseño e a coordinación dos sistemas de avaliación do desempeño e de rexistro de actividade, así como o impulso da extensión destes sistemas, en coordinación coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. A realización efectiva da avaliación do desempeño do persoal incluído no ámbito de aplicación da normativa reguladora da avaliación do desempeño do persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública