DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 26 de maio de 2026 Páx. 30295

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 11 de maio de 2026 pola que se pola que se dispón a publicación dos estatutos da mancomunidade de municipios Barbanza Arousa.

O artigo 135 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, recoñece aos municipios galegos o dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación en común de obras, servizos e actividades da súa competencia. Este dereito aparece igualmente consagrado no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 abril, reguladora das bases de réxime local.

En exercicio deste dereito, mediante o Decreto 2936/1974, do 3 de outubro, do Ministerio da Gobernación, aprobouse a constitución da mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte, integrada polos municipios da Pobra do Caramiñal, Rianxo, Boiro e Ribeira. Esta entidade local supramunicipal réxese polos estatutos publicados pola Resolución do 25 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Administración Local, posteriormente modificados mediante a Orde do 3 de novembro de 2014, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades regúlase no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto neste precepto, o presidente da mancomunidade remitiu á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a documentación relativa á modificación estatutaria.

Unha vez examinada a documentación, conclúese que a tramitación se axustou ao procedemento legalmente establecido.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– A Comisión Xestora da mancomunidade aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 20 de novembro de 2025.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes mediante a súa publicación no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 234, do 5 de decembro de 2025, sen que se presentasen alegacións.

– Con data do 2 de xaneiro de 2026 a Dirección Xeral de Administración Local emitiu o correspondente informe.

– O 2 decembro de 2025 a mancomunidade solicitou informe á Deputación Provincial da Coruña, que non foi emitido no prazo establecido no artigo 143.1.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, polo que se entende favorable.

– Os plenos das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local certificación dos acordos adoptados.

Esta modificación afecta a totalidade dos artigos dos estatutos, así como á denominación e contido dos cinco capítulos en que se estruturan, suprimíndose ademais as dúas disposicións adicionais existentes. Ten como finalidade a adopción dunha nova denominación, a clarificación da nomenclatura dos órganos, a apertura da xestión mancomunada a máis servizos; así como as modificacións necesarias e consecuentes do réxime financeiro da entidade.

O contido dos estatutos cumpre cos requisitos sinalados no artigo 142 da Lei 5/1997, do 22 de xullo.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 141 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. A publicación dos estatutos da mancomunidade de municipios de Barbanza Arousa no Diario Oficial de Galicia, que se achegan como anexo desta.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Exposición de motivos

Mediante Decreto 2936/1974, do 3 de outubro (BOE núm. 254, do 23 de outubro), apróbase a constitución da mancomunidade dos concellos da Pobra do Caramiñal, Rianxo, Boiro e Ribeira, da provincia da Coruña, chamada Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte. Neste decreto recóllense os seguintes fins da entidade constituída: urbanismo; recollida de lixo; servizo de ambulancia, desratización e campañas sanitarias; luz e sumidoiros; turismo; extinción de incendios; ensino e calquera outro de carácter complementario aos anteriores.

Tras varios altibaixos, aquela primeira mancomunidade celebrou a última reunión en 1990, reactivando a súa actividade no ano 2002, mais desde entón as súa actividade enmárcase no ámbito do turismo.

Mediante a Orde do 3 de novembro de 2014 publícanse os estatutos da mancomunidade co fin de acadar a súa adaptación á Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e substentabilidade da Administración local.

Nesta etapa de reiteradas crises económicas, a agrupación de concellos xorde como unha fórmula de acadar economías de escala e unha maior eficiencia na xestión dos servizos, así coma solicitar liñas de subvención ás que os concellos de xeito individualizados non poden acceder.

Tomando estes aspectos en consideración mediante esta proposta perséguense cambios formais como a formalización dunha denominación que xa na práctica é a utilizada; ou a determinación dunha nomenclatura dos órganos menos confusa.

Mais o aspecto máis relevante desta modificación é o de abrir a posibilidade da xestión mancomunada de máis servizos que os relativos ao turismo e á extinción de incendios; así como as modificacións necesarias e consecuentes do réxime de financiamento da entidade.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e nos artigos 135 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigos 31 e seguintes do Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, o concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, con continuidade territorial, constitúense en mancomunidade de municipios que se rexerá polos presentes estatutos.

Artigo 2

A expresada entidade denominarase Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa.

O ámbito territorial da mancomunidade abarcará o territorio municipal dos municipios integrantes.

Artigo 3

A sede administrativa situaranse no Concello de Boiro (praza de Galicia, s/n, Boiro).

Non obstante, mediante acordo da pleno da mancomunidade, adoptado co quórum de maioría absoluta, poderá establecerse a sede da mancomunidade en calquera outro concello integrante dela.

CAPÍTULO II

Dos Órganos de Goberno e Administración. Funcionamento e Réxime Xurídico

Artigo 4

Os órganos de goberno da mancomunidade serán: o presidente, o vicepresidente, o pleno da mancomunidade, e a comisión especial de contas.

Presidente: será presidente nato o alcalde do municipio de cada concello por prazo dun ano, entendido este dese a toma de posesión no pleno de xaneiro ata o seguinte pleno de xaneiro un ano despois, de acordo coa seguinte orde: Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Ribeira.

O presidente da mancomunidade posúe a súa representación e correspóndelle a convocatoria e presidencia das sesións do pleno da mancomunidade, a superior dirección, inspección e impulso dos servizos, obras e xestións que se leven a cabo, e exercerá as facultades de carácter económico, sancionador e todas aquelas que a lexislación de réxime local lle asigna ao alcalde e, de ser preciso, lle delegue expresamente o pleno.

O presidente pode delegar as súas atribucións, salvo as mencionadas no artigo 21.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, nos termos, alcance e contido que para o alcalde se establece na lexislación de réxime local.

Vicepresidente: será vicepresidente o alcalde ao que lle corresponda a Presidencia ao ano seguinte.

O vicepresidente substituirá o presidente, na totalidade das súas funcións, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite este para o exercicio das súas atribucións.

Pleno da mancomunidade: estará formada por catro membros, que serán os catro alcaldes dos concellos mancomunados, sendo un deles o presidente, que dirixirá as sesións.

Correspóndelle ao pleno da mancomunidade as atribucións reguladas expresamente nos presentes estatutos e aqueloutras que a lexislación de réxime local lle atribúe ao pleno municipal.

O pleno da mancomunidade pode delegar o exercicio das súas atribucións no presidente, agás as que teñan carácter indelegable, nos termos regulados na lexislación de réxime local para o pleno dos concellos.

A Comisión Especial de Contas será de existencia preceptiva segundo o marcado polo artigo 116 da Lei 7/1985, do 2 de abril, correspondéndolle o exame, o estudo e o ditame das contas orzamentarias e extraorzamentarias que deberá aprobar o pleno e, en especial, da Conta Xeral, que debe render a mancomunidade. Esta comisión estará formada polos mesmos membros que forman o pleno.

Así mesmo, o pleno poderá crear as comisións informativas que se requiran en función do número de servizos que a mancomunidade preste.

O pleno actuará como comisión especial de contas no que á tramitación da conta xeral da entidade local se refire, ditaminando a conta con carácter previo á súa exposición pública e aprobación polo pleno.

Vogais: serán vogais todos os demais membros do pleno, isto é, os alcaldes dos municipios membro que non actúen como presidente.

Artigo 5

As funcións de secretaría, intervención e tesouraría serán exercidas de conformidade co establecido na normativa aplicable vixente aos funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Artigo 6

Para a xestión dos servizos comúns dos municipios mancomunados, a mancomunidade contará con persoal propio segundo se especifique no cadro de persoal que aprobe anualmente a través do orzamento, con suxeición ao establecido na lexislación de réxime local.

Artigo 7

O pleno da mancomunidade constituirase en sesión extraordinaria convocada con catro días hábiles de antelación polo presidente en funcións, dentro do mes seguinte ao da constitución das corporacións locais que integran a mancomunidade. No suposto de que o presidente da mancomunidade, presidente en funcións ata a constitución da pleno da mancomunidade que resulte da constitución das corporacións locais que a integran, non resultase electo como membro destas, a presidencia en funcións da mancomunidade será asumida polo alcalde electo no concello cuxo alcalde viña exercendo a presidencia.

As sesións do pleno da mancomunidade poderán ser:

1. Ordinarias.

2. Extraordinarias.

3. Extraordinarias de carácter urxente.

A periodicidade das sesións ordinarias será establecida polo pleno da mancomunidade na sesión constitutiva desta.

Terá lugar sesión extraordinaria cando así o decida o presidente o ou solicite a metade dos membros que compoñen o pleno da mancomunidade.

Artigo 8

A convocatoria das sesións ordinarias ou extraordinarias faranse, polo menos, con dous días hábiles de antelación, salvo as que teñen carácter urxente.

O pleno constitúese validamente coa asistencia dun terzo do número dos seus vogais. En calquera caso, requírese da asistencia do presidente e do secretario, ou dos seus legais substitutos.

O pleno, en casos de forza maior, poderá realizar sesións específicas en calquera das casas do concello dos municipios que compoñen a mancomunidade, sempre que se xustifique debidamente esta excepción.

Artigo 9

A adopción de acordos producirase mediante votación ordinaria, salvo que o propio pleno da mancomunidade acordo, para un caso concreto, a votación nominal ou secreta, se fosen procedentes.

Os acordos, con carácter xeral, adoptaranse por maioría simple dos membros presentes, salvo que se trate de materias que sexan competencia da mancomunidade que requiran unha maioría especial; nese caso será necesario o quórum que se exixe no artigo 47.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. En caso de votación con resultado de empate, efectuarase unha nova votación e, de persistir o dito empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 10

O/a secretario/a da mancomunidade levantará a acta de todas e cada unha das sesión que realice o pleno da mancomunidade.

Artigo 11

Os acordos do pleno e as resolucións do presidente esgotarán a vía administrativa, e todos os recursos ou reclamacións que poidan formularse contra eles deberán suxeitarse ao réxime xurídico aplicable ás entidades de réxime local.

CAPÍTULO III

Fins da mancomunidade, competencias e formas de xestión.

Artigo 12

1. A mancomunidade terá por obxectivo sumar esforzos e posibilidades económicas para a execución de obras e prestar os servizos de interese común, relacionados coas competencias que seguen:

• Realización de xestións e execución de proxectos para a potenciación do turismo dos concellos da comarca.

• Creación e sostemento dun parque de maquinaria e prestación do servizo de mantemento e limpeza de vías, rutas de sendeirismo, espazos públicos, puntos de interese turístico e elementos do patrimonio cultural.

• Fomento de actividades e execución de proxectos culturais e deportivos que afecten máis dun concello da mancomunidade.

2. Estes fins poderán estenderse aos que se relacionan a continuación:

• Estudo, informe, execución das obras de infraestrutura e equipamentos relativos, cando afecten máis dun concello, e teñan lugar dentro dos municipios abranguidos pola mancomunidade. En particular, infraestruturas vinculadas á mobilidade a través da comarca e proxectos de eficiencia enerxética e dirixidos a combater o cambio climático nos municipios da mancomunidade.

• Realización de xestións e actividades conducentes á creación, prestación ou adxudicación dos servizos de recollida, tratamento, transferencia e eliminación de residuos sólidos urbanos, de xeito mancomunado, a través dos medios que en cada caso sexan máis axeitados.

• Xestión dun servizo mancomunado de recollida e protección de animais abandonados.

A adscrición aos servizos enumerados no punto 2 precisarán da oportuna revisión das cotas e da aprobación previa por maioría absoluta dos membros en pleno, sendo esta incorporación voluntaria para cada concello e, en consecuencia, os municipios que non se acollan non terán que contribuír aos gastos que estes ocasionen.

Artigo 13

A execución das obras ou prestación dos servizos poderá levalos a cabo a mancomunidade, por contratación, administración, arrendamento, concesión, ou calquera outra das formas de xestión admitidas pola lexislación vixente.

CAPÍTULO IV

Do recursos económicos e do seu réxime

Artigo 14

Para a realización das súas finalidades, a mancomunidade poderá contar cos seguintes recursos:

As cantidades que deba achegar cada un dos concellos, segundo acorde o pleno da mancomunidade.

Os ingresos que poidan obterse do patrimonio da mancomunidade, se fose o caso.

Subvencións e outros ingresos de dereito público.

Taxas ou prezos pola prestación de servizos ou realización de actividades da súa competencia, conforme as ordenanzas que se aproben, se fosen procedentes.

Contribucións especiais para a execución de obras e ampliación ou mellora de servizos, nos concellos que estivesen atinxidos.

Os recursos procedentes de operacións de crédito.

Todos aqueloutros recursos permitidos pola vixente lexislación.

Artigo 15

O réxime das achegas municipais a que se refire a letra a) do artigo anterior será o seguinte:

Achegas anuais dos concellos que permitirán o financiamento dos gastos xerais e os necesarios para o exercicio das funcións recollidas no punto 1 do artigo 12 destes estatutos. Estas achegas serán pagadas por todos os membros e polo importe que determine o pleno.

As achegas que se acorden para o financiamento específico do exercicio das funcións recollidas no punto 2 do artigo 12 destes estatutos. Estas achegas serán pagadas unicamente polos concellos membros que adopten o acordo de mancomunar as funcións concretas recollidas no artigo 12.2 dos estatutos e igualmente se concretarán no correspondente acordo plenario.

Os concellos veñen obrigados a aceptar e facerse cargo dos gastos e demais obrigas que deriven dos acordos adoptados.

Artigo 16

O patrimonio da mancomunidade estará constituído por toda clase de bens, dereitos e accións que lexitimamente se adquiran ou se acheguen, ben no momento da súa constitución ou con posterioridade a ela.

Para o debido control das súas existencias, formarase un inventario de bens, de acordo co establecido no Regulamento de bens das entidades locais.

A participación de cada concello no dito inventario virá determinada polas cotas da súa participación na consecución do seu patrimonio.

Artigo 17

O pleno da mancomunidade formará e aprobará anualmente un orzamento único, coas mesmas formalidade e de conformidade co establecido polas disposicións aplicables nesta materia ás demais corporacións locais. Así mesmo, rexeranse polas ditas disposicións ou desenvolvemento, fiscalización económico, así como o rendemento das contas anuais correspondentes.

Artigo 18

O presidente da mancomunidade exercerá, pola condición que desempeña, as funcións de ordenador de pagamentos e todas as demais que, no aspecto económico, lle correspondan aos alcaldes respecto aos seus concellos.

Artigo 19

A responsabilidade sobre a contabilidade recaerá sobre o funcionario/a que ocupe o posto de habilitación nacional correspondente segundo a normativa de réxime local establecida para os concellos en xeral.

Artigo 20

Para o coñecemento, o a exame e fiscalización da xestión económica, o presidente renderá, ao rematar cada exercicio, a conta xeral do orzamento, á cal engadirá a liquidación e demais documentación establecida pola lexislación vixente. A tramitación e aprobación destas adaptarase ás disposicións aplicables ás demais entidades de réxime local.

CAPÍTULO V

Duración, modificación, adhesión, separación e disolución da mancomunidade

Artigo 21

Dado o carácter permanente dalgúns dos fins que a motivan, a mancomunidade constitúese con duración indefinida.

Artigo 22

O pleno da mancomunidade poderá acordar, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen, a iniciación da modificación dos estatutos. Para calquera modificación dos estatutos seguirase o procedemento previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, ou equivalente.

Artigo 23

Constituída a mancomunidade, poderán adherirse a ela, mediante a modificación dos estatutos, os municipios que así o soliciten, asumindo, unha vez incorporados, as obrigas que lle correspondan segundo o dispoñan os termos da adhesións.

Requirirase a aprobación por maioría absoluta da pleno da mancomunidade para efectuar unha adhesión.

Artigo 24

Polos trámites da modificación da estatutos, poderá separarse da mancomunidade calquera dos concello que a integran, logo do correspondente aviso, que deberá realizarse cun ano de antelación, segundo establece o artigo 143.3 da Lei de administración local de Galicia, e sen deixar de cumprir durante o dito prazo cos compromisos contraídos.

Recibido o aviso previo a que se fai referencia, procederase a iniciar a tramitación e efectuarase a liquidación que tanto do pasivo como do activo lle puidese corresponder.

Artigo 25

A mancomunidade poderá disolverse:

a) Por desaparición das finalidades que motivaron a súa constitución ou por ser asumida a súa prestación polo Estado, comunidade autónoma, deputación ou organismo específico.

b) Por integrarse noutra mancomunidade que poida constituírse nun futuro co mesmo obxecto.

c) Por acordo do pleno da mancomunidade, que deberá ser ratificado por acordos dos concellos que a integran, nos termos do artigo 143 da Lei de administración local de Galicia.

d) Por calquera outra causa establecida por disposición de obrigado cumprimento.

Artigo 26

1. A disolución da mancomunidade producirá a súa liquidación e extinción.

2. O pleno da mancomunidade, ao adoptar o acordo de disolución, nomeará un liquidador.

3. O liquidador calculará a cota de liquidación que corresponda a cada membro da mancomunidade de acordo coa participación que lle corresponda.

4. Emitido o informe do liquidador, o pleno da mancomunidade acordará a forma e as condicións en que terá lugar o pagamento da cota de liquidación no suposto en que esta resulte positiva.

5. Igualmente, no acordo plenario correspondente determinarase a integración do persoal nalgún ou nalgúns dos municipios membros, en función das necesidades concretas existentes en cada un deles.

Igualmente, no caso de crearse unha diferente entidade supramunicipal, caberá acordar a integración do persoal nesta.