DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 28 de maio de 2026 Páx. 31069

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2026 pola que se acorda a ampliación do prazo de presentación de solicitudes das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e das axudas vinculadas á obtención da axuda para adecuación e reparación previsto na Resolución do 24 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (códigos de procedemento VI426F e VI426H), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para o alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa para o ano 2026, con financiamento plurianual.

1. O 27 de febreiro de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), do 24 de febreiro de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (códigos de procedemento VI426F e VI426H), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para o alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa para o ano 2026, con financiamento plurianual.

De conformidade co ordinal cuarto da Resolución do 24 de febreiro de 2026, o programa Fogar Vivo establece as seguintes axudas:

a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar.

b) Unha axuda para a adecuación e a reparación da vivenda.

c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para a adecuación e a reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a persoas menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.

O ordinal décimo cuarto da dita resolución establece o seguinte: «A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado non artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O punto primeiro do ordinal décimo quinto da Resolución do 24 de febreiro de 2026 dispón: As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica mediante a presentación dos formularios que se incorporan a esta resolución, debidamente cubertos, en función das axudas que se soliciten e que deberán dirixirse ao IGVS:

– Anexo I (código de procedemento VI426F), para solicitar as axudas para a adecuación e a reparación da vivenda.

– Anexo II (código de procedemento VI426H), para solicitar as axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e para as axudas vinculadas.

3. No relativo á convocatoria para o ano 2026, o punto primeiro do ordinal trixésimo cuarto da dita resolución, baixo a rúbrica Prazo de presentación de solicitudes, dispón o seguinte:

O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde a publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

O prazo rematará o 3 de xuño de 2026 e, en todo caso, no momento en que se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.

No parágrafo segundo do punto primeiro engade que O prazo rematará o 3 de xuño de 2026 e, en todo caso, no momento en que se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.

O punto segundo engade que Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Pola súa banda, o punto primeiro do artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece: A Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder, de oficio ou por solicitude dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

4. A piques de rematar o prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria, o número de solicitudes presentadas na data desta resolución para as axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e para as axudas vinculadas non esgotan o crédito orzamentario previsto na Resolución do 24 de febreiro de 2026 para esas axudas. No caso das axudas para a adecuación e reparación da vivenda non concorre esta circunstancia, polo que non resulta necesaria a dita ampliación.

Polo anterior, e coa finalidade de que se poida presentar o maior número posible de solicitudes de axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e para as axudas vinculadas, resulta necesario ampliar o prazo de presentación de solicitudes destas axudas.

5. De conformidade co punto dous do ordinal trixésimo cuarto da Resolución do 24 de febreiro de 2026, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar o prazo de presentación de solicitudes das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e para as axudas vinculadas (código de procedemento VI426H), previsto no ordinal trixésimo cuarto da Resolución do 24 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (códigos de procedemento VI426F e VI426H), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para o alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa para o ano 2026, con financiamento plurianual, ata as 14.00 horas do 15 de xullo de 2026.

De conformidade co disposto no punto terceiro do artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, esta resolución non é susceptible de recurso.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo