BDNS (Identif.): 908214.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/908214
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres as asociacións de mulleres e as federacións, sen ánimo de lucro, que estean inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), e que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter domicilio social en Galicia.
– Ter presentado a memoria de actividades, relativa a actuacións de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia contra as mulleres, antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, relativa a, como mínimo, un dos últimos anos, desde o ano 2023 ao 2025, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).
– Que as mulleres socias representen, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas físicas asociadas, tanto no caso das asociacións como das federacións.
– Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fortalecer e consolidar o movemento asociativo e apoiar as actuacións de prevención, detección e atención a vítimas de violencia de xénero a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: prevención e atención da violencia de xénero no ámbito do tecido asociativo de mulleres, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 as actuacións de mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xeradas no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, ambos os dous incluídos.
Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 as actuacións relacionadas coa prevención e atención da violencia de xénero no ámbito do tecido asociativo de mulleres, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Serán subvencionables as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026, ambos os dous incluídos.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 11 de maio de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI437A).
Cuarto. Importe
1. Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de trescentos corenta e tres mil cento sesenta e seis euros con sesenta e un céntimos (343.166,61 €) con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, de acordo coa seguinte distribución:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixine o mantemento e o funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións: 180.000 €, con cargo á aplicación 08.07.313B.480.0, código de proxecto 2016 00020.
b) Liña 2: prevención e atención da violencia de xénero no ámbito do tecido asociativo de mulleres: 163.166,61 €, con cargo á aplicación 08.07.313D.480.2, código de proxecto 2025 00050.
2. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:
a) Na liña 1: 5.000 €.
b) Na liña 2: 6.000 €.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
