Expediente: IN407A 2026/020-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: recuamento da LMT SOM802 entre os apoios núm. B7Q12YX4-2 e B7KNMRVD-5-Lugar de Marván (As Somozas).
Concello: As Somozas.
Feitos:
1. O día 28.1.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de efectuar o recuamento dunha liña por instancia de terceiros, polo incumprimento de distancias regulamentarias a un aeroxerador de nova instalación (S002), na repotenciación do parque eólico Somozas, en construción.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Recuamento da LMT SOM802 entre os apoios núm. B7Q12YX4-2 e B7KNMRVD-5-Lugar de Marván (As Somozas), asinado o día 2.12.2025 por Antonio Javier Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, núm. colexiado 2.233, mais unha emenda do 30.4.2026.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello das Somozas e Instituto de Estudos do Territorio. No día desta resolución, non constan no expediente respostas a estas solicitudes. Por outra banda, a empresa promotora presentou a conformidade co proxecto de Energías Ambientales de Somozas, S.A., titular do parque en construción.
4. O día 5.5.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
•Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na parroquia de Seixas (Santa María), lugar de Marván (As Somozas), e as súas características técnicas son as seguintes:
Recuamento dun tramo da LMTA SOM802 comprendido entre os apoios B7Q12YX4-2 existente e o núm. 4 proxectado, en condutor de tipo LA-56, instalando dous novos apoios de tipo C-14/1000-H35 e C-14/2000-H35. Neste último realizarase un paso aero-subterráneo coa LMTS proxectada. O total de liña de media tensión aérea proxectada é de 152 m.
Desmantelamento da liña de media tensión aérea existente comprendida entre os dous apoios existentes núm. B7Q12YX4-2 e núm. B7KNMRVD-5 cun total de 340 m por desmontar.
Para lles poder dar continuidade ás liñas de propiedade particular que parten do apoio núm. B7KNMRVD-5 de tipo C-14-500-BA, cómpre substituír este apoio por un novo de tipo C-16/3000-H35, no cal se instalará un interruptor telecontrolado (ITC), retensando as dúas derivadas particulares existentes adxacentes ao dito apoio.
Novo tramo de liña de media tensión subterránea EUM708, cunha lonxitude de 244 m, en condutor RHZ1-2 OL 12/20 kV, 3 (1x240 Al), que terá o seu inicio no paso de aéreo a subterráneo que se instalará no apoio proxectado núm. 4 e finalizará noutro paso de aéreo a subterráneo que se instalará no apoio proxectado núm. B7KNMRVD-5.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia á persoa interesada, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 6 de maio de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
