Os sectores industrial e tecnolóxico de Galicia presentan un importante potencial de crecemento a través do desenvolvemento de solucións con carácter dual, é dicir, produtos e sistemas tecnolóxicos que poidan ter aplicación tanto no ámbito civil como no ámbito da seguridade e da defensa. Este tipo de desenvolvementos permítenlles ás empresas innovar, diversificar as súas liñas de negocio, acceder a novos mercados e xerar emprego cualificado, ao tempo que contribúen á soberanía industrial e tecnolóxica, aliñándose coas prioridades marcadas a nivel europeo.
Nos últimos anos, intensificouse o interese por parte das administracións públicas, organismos internacionais e empresas por incorporar ás súas cadeas de valor solucións tecnolóxicas en campos como a robótica, sensórica avanzada, intelixencia artificial, comunicacións seguras, materiais innovadores ou sistemas de protección, entre outros. Neste contexto, o desenvolvemento de tecnoloxías duais preséntase como unha oportunidade estratéxica para reforzar a competitividade do tecido produtivo galego.
Co fin de impulsar o desenvolvemento de novas capacidades tecnolóxicas no ámbito dual e favorecer a industrialización de produtos e sistemas tecnolóxicos con potencial de aplicación tanto civil como en materia de seguridade e defensa, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial lanza Industria Dual, a súa primeira convocatoria no eido das tecnoloxías duais para empresas galegas ou coa súa actividade económica en Galicia. Será un programa en réxime de concorrencia competitiva, dirixido a apoiar a cadea industrial galega no proceso de produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespazo.
Este programa pretende impulsar o desenvolvemento de novas capacidades produtivas dos sectores estratéxicos galegos no ámbito dual e favorecer a industrialización de produtos, servizos e sistemas tecnolóxicos con potencial de aplicación tanto civil como en materia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo, no marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030.
A convocatoria enmárcase no programa Galicia Feder 2021-2027 e conta con cofinanciamento da Unión Europea.
O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).
En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, dirixidas a empresas con centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a cadea industrial galega no proceso de produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespazo para o ano 2026.
2. O código de procedemento administrativo desta orde de axudas é IN519H.
Segundo
As axudas concedidas no marco desta resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión.
A convocatoria de axudas ten unha dotación de 6.000.000 € e atópanse cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 70 % do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das entidades beneficiarias polo 30 % restante. En particular, a convocatoria enmárcase nos seguintes obxectivos e prioridades:
• Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
• Prioridade 1D: defensa e tecnoloxía dual.
• Obxectivo específico 1.7: mellora das capacidades industriais para fomentar as capacidades de defensa, priorizando as capacidades de dobre uso.
• Tipo de acción (CPSO) 1.7.01: programa de industria dual.
• Subtipo de acción (CPSO) 1.7.01.2: axudas ao desenvolvemento da industria dual.
• Tipo de intervención:
– 194. Investimento produtivo en grandes empresas vinculadas á tecnoloxía de defensa e de dobre uso.
– 195. Investimento produtivo en pemes vinculadas á tecnoloxía de defensa e de dobre uso.
• Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicadores de realización:
• RCO01-Empresas apoiadas.
• RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.
• RCO128-Empresas subvencionadas vinculadas principalmente ao fomento de capacidades de dobre uso e de defensa.
– Indicador de resultado:
• RCR02-Investimentos privados que acompañan o apoio público.
Terceiro. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
O prazo finalizará as 14.00 horas do día en que se cumpran os tres meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes.
Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
3. As persoas interesadas só poderán presentar unha única solicitude de axuda nesta convocatoria. De presentarse máis dunha, arquivaranse automaticamente as inscritas despois da primeira, agás desistencia expresa das outras por parte da persoa solicitante.
Cuarto. Crédito orzamentario
1. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.561A.770.0, proxecto contable 2026-00112, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:
|
Aplicación |
Denominación |
2026 |
2027 |
2028 |
Total |
|
09.03.561A.770.0 |
Axudas para o desenvolvemento tecnolóxico e industrial de produtos e sistemas tecnolóxicos duais. |
1.500.000,00 € |
2.250.000,00 € |
2.250.000,00 € |
6.000.000,00 € |
2. A persoa titular da Consellería de Economía e Industria poderá ampliar o crédito inicial logo da declaración de dispoñibilidade de crédito a consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (en diante, Decreto 11/2009), o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes tras a aplicación dos criterios de valoración. Nestes casos, publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
3. A distribución dos fondos entre as anualidades é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda. Con este fin, poderá traspasarse crédito entre as distintas anualidades, sen que supoña un incremento do orzamento total.
Quinto. Prazo de duración do procedemento de concesión, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento
1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo. En todo caso, a resolución de concesión terá lugar dentro da anualidade de 2026.
2. O prazo de execución dos proxectos finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de xullo de 2028.
3. O prazo para presentar a xustificación e solicitude de cobramento da axuda será dun mes a partir da data de fin de execución do proxecto fixada na resolución de concesión. Para estes efectos:
– Imputaranse á anualidade 2026 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento finalice ata o 31 de outubro de 2026. Os gastos executados a partir do 1 de novembro de 2026 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2027.
– Imputaranse á anualidade 2027 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento finalice ata o 30 de setembro de 2027. Os gastos executados a partir do 1 de outubro de 2027 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2028.
– Imputaranse á anualidade 2028 os gastos dos proxectos cuxo prazo de execución, de xustificación ou de solicitude de cobramento finalice ata o 31 de xullo de 2028.
4. As persoas solicitantes poderán pedir pagamentos anticipados, para o que deberán facelo constar no recadro habilitado para tal efecto no formulario de solicitude da axuda.
En ningún caso o importe da totalidade dos anticipos concedidos poderá superar o 80 % da subvención total concedida.
No caso de solicitar anticipos en anualidades distintas á da xustificación final, será necesario xustificar os mesmos ata o 15 de decembro do exercicio correspondente, salvo en 2028, que coincidirá coa data da xustificación final, é dicir, ata o 31 de xullo de 2028.
En caso de que a xustificación dunha anualidade sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe da seguinte anualidade.
A concesión destes anticipos realizarase mediante resolución motivada, de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009.
Sexto. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.
Sétimo
Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007 indícanse nas bases anexas desta resolución.
Oitavo. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, a través dos seguintes medios:
a. Páxina web oficial da consellería (https://economia.xunta.gal).
b. No teléfono 981 546 836, de servizos centrais.
c. Presencialmente.
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).
3. Guía de procedemento e servizos da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos), onde se recolle a información sobre este procedemento (código de procedemento: IN519H).
Disposición derradeira primeira. Habilitación
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial para que dite as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
ANEXO I
Bases reguladoras das axudas de Industria Dual destinadas a apoiar a cadea industrial galega no proceso de produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespazo.
Artigo 1. Obxecto e tipoloxías de proxectos apoiados
1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto regular a concesión de subvencións a empresas con centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a cadea industrial galega no proceso de produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespazo.
2. Tipoloxías ou liñas de proxecto de actuación:
Serán subvencionables os proxectos de investimento produtivo para a produción industrial de bens e servizos tecnolóxicos duais.
No caso de pemes, poderán subvencionarse os seguintes tipos de investimento:
• A creación dun novo establecemento: inicio dunha nova actividade industrial.
• A ampliación da capacidade dun establecemento existente, sempre que supoña a modernización respecto á tecnoloxía previamente utilizada.
• A diversificación da produción cara a produtos non producidos previamente.
• Transformación fundamental do proceso global de produción do produto ou da prestación do servizo afectado polo investimento no establecemento.
No caso de empresas que non sexan pemes, serán subvencionables os seguintes tipos de investimento inicial que cree unha nova actividade económica:
• A creación dun novo establecemento: inicio dunha nova actividade industrial.
• A diversificación da actividade dun establecemento, sempre e cando a nova actividade non sexa unha actividade idéntica nin similar á realizada previamente no establecemento
Entenderase como a mesma ou similar actividade aquela que entra na mesma categoría (código numérico de catro díxitos) da nomenclatura estatística de actividades económicas (cnae), segundo o artigo 2, apartado 50) do Regulamento (UE) 651/2014.
3. Os proxectos deberán contar cun orzamento mínimo de 1.200.000 €.
4. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.06.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causarlle un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, do no significant harm).
En atención ao considerando 10 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), o principio de non causarlle un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, que fixan os obxectivos ambientais que se van protexer.
Do mesmo xeito, os proxectos financiados deberán garantir a protección fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16/09/2021) e a «Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia».
5. Os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o cumprimento dos principios horizontais recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), en especial os relativos a materia ambiental, de igualdade e de accesibilidade a persoas con discapacidade que poidan resultar de aplicación.
Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.
3. Estas axudas quedan sometidas ao artigo 14 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE (en diante, RXEC).
4. A convocatoria de axudas ten unha dotación de 6.000.000 €, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 70 % do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das entidades beneficiarias polo 30 % restante. En particular, esta convocatoria enmárcase nos seguintes obxectivos e prioridades:
• Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
• Prioridade 1D: defensa e tecnoloxía dual.
• Obxectivo específico 1.7: mellora das capacidades industriais para fomentar as capacidades de defensa, priorizando as capacidades de dobre uso.
• Tipo de acción (CPSO) 1.7.01: programa de industria dual.
• Subtipo de acción (CPSO) 1.7.01.2: axudas ao desenvolvemento da industria dual.
• Tipo de intervención:
– 194. Investimento produtivo en grandes empresas vinculadas á tecnoloxía de defensa e de dobre uso.
– 195. Investimento produtivo en pemes vinculadas á tecnoloxía de defensa e de dobre uso.
• Os indicadores do programa Galicia Feder 2021-2027 correspondentes a estas axudas son os seguintes:
– Indicadores de realización:
• RCO01-Empresas apoiadas.
• RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.
• RCO128-Empresas subvencionadas vinculadas principalmente ao fomento de capacidades de dobre uso e de defensa.
– Indicador de resultado:
• RCR02-Investimentos privados que acompañan o apoio público.
Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos investimentos subvencionados.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto deberá comunicarse á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.
3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Serán entidades beneficiarias destas axudas as empresas, con independencia do seu tamaño, que proxecten levar a cabo un investimento, nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nestas bases.
2. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias:
a) As empresas que propoñan un proxecto para unha actividade pertencente a un sector excluído segundo o disposto nos apartados 7, 8 e 9 do artigo 5 destas bases.
b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.
d) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003 e no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.
e) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais (en diante, Lei 3/2004), para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
3. A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no apartado 18 do artigo 2, do Regulamento (UE) 651/2014, así como a comprobación do tamaño das empresas (pequena, mediana ou grande empresa), para garantir que se aplica a intensidade de axuda pertinente en cada caso.
4. Tampouco poderán obter a condición de entidade beneficiaria as empresas que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003. En particular, non poderán obter a condición de entidades beneficiarias as empresas que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003.
Artigo 5. Proxectos subvencionables
1. Serán subvencionables os proxectos de investimento produtivo de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da Seguridade, Defensa e Aeroespazo.
Para os efectos destas bases:
• As tecnoloxías duais son as que teñen aplicación tanto no ámbito civil como no militar. É dicir, unha mesma tecnoloxía pode utilizarse con fins comerciais ou pacíficos, incluíndo a seguridade física ou cibernética, así como con fins defensivos ou bélicos.
• A defensa enténdese como o conxunto de actividades para garantir a seguridade fronte a agresións externas, mentres que a seguridade é o estado de protección fronte a ameazas ou riscos que poidan afectar á vida, á saúde, á liberdade ou ao patrimonio das persoas ou organizacións.
• A defensa ocúpase da prevención e da resposta aos conflitos armados, mentres que a seguridade abrangue un ámbito máis amplo que inclúe aspectos como a ciberseguridade, a seguridade alimentaria, a seguridade ambiental ou a seguridade humana.
2. Priorizaranse os proxectos presentados por empresas de sectores estratéxicos con potencial de diversificación:
• Automoción.
• Metalmecánico.
• Naval.
• Loxístico.
• Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
• Téxtil.
• Aeroespacial.
• Construción.
Isto aplícase, por exemplo, a proxectos nas seguintes aplicacións e tecnoloxías duais (lista non exhaustiva):
• Sistemas autónomos terrestres, aéreos e marítimos, como drons, vehículos autónomos, embarcacións autónomas ou submarinos non tripulados.
• Sistemas de control e apoio: vehículos, recoñecemento, vixilancia ou estruturas interconectadas de mando e control, tamén mediante o uso de intelixencia artificial.
• Aplicacións hipersónicas e tecnoloxías espaciais, como satélites, sistemas de control terrestre, instalacións de lanzamento ou tecnoloxías de radar e telescopio.
• Sistemas láser e electromagnéticos, así como outros sistemas e aplicacións.
• Sistemas duais contra drons e outras ameazas aéreas.
• Sensórica e electrónica avanzada.
• Sistemas interconectados de recoñecemento e información.
• Elementos de sistemas de adestramento e simulación.
• Ciberseguridade e resiliencia de sistemas informáticos interconectados, fronte a ameazas híbridas e reforzamento das capacidades cibernéticas duais.
• Novos procesos e métodos de fabricación, como a impresión 3D, co obxectivo da súa aplicación na produción dual.
• Seguridade de infraestruturas críticas de subministración e as súas correspondentes redes.
• Seguridade doutras infraestruturas críticas.
• Tecnoloxías e aplicacións para a protección civil; por exemplo, para construcións de protección, sistemas de alerta, protección de infraestruturas xerais e bens culturais, ou para o apoio civil ás forzas armadas en situacións de crise ou de defensa.
• Uniformidade técnica avanzada, equipos de protección individual (EPI), sistemas téxtiles para contornos extremos, solucións de camuflaxe avanzada e redución de sinatura térmica ou visual.
• Desenvolvemento de pezas de roupa multifunción con propiedades ignífugas, antibacterianas, impermeables e transpirables.
• Desenvolvemento de téxtiles técnicos e solucións avanzadas, materiais de alto rendemento orientados a aplicacións militares e de seguridade: tecidos ignífugos, balísticos, antiestáticos, impermeables, intelixentes e con integración tecnolóxica.
• Protección balística e antifragmentación, solucións con fibras de alto rendemento.
• Téxtiles intelixentes e conectados, integración de sensores biométricos e sistemas de comunicación en pezas de roupa.
• Solucións de loxística e mantemento téxtiles para embalaxe técnica, almacenaxe especializada e sistemas modulares.
3. As axudas obxecto desta convocatoria teñen un efecto incentivador, polo que a solicitude debe presentarse antes do comezo do proxecto.
De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría ou que, sen as axudas, realizaría dun xeito limitado ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos cales a empresa incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.
Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, os traballos preparatorios como a obtención de permisos ou os estudos de viabilidade previos, realizados pola entidade beneficiaria, non se terán en conta para a determinación da data de inicio da actividade.
A data de inicio do proxecto presentado non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data de comezo das actividades do proxecto.
Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que hai compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.
No caso de detectarse que calquera actividade do proxecto se iniciou antes da dita data, a totalidade do proxecto será inadmisible.
4. De acordo coa norma que dá cobertura a estas bases, o Regulamento (UE) 651/2014, artigos 1.3.a) e b) e 13.a), exclúense as seguintes actividades:
– A produción agrícola primaria.
– A extracción, produción, transformación e comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura.
– A produción e distribución de enerxía e infraestruturas enerxéticas.
5. Tampouco poderán concederse axudas ao abeiro destas bases para financiar os seguintes tipos de investimento, segundo o disposto no artigo 7 do Regulamento (UE) 2021/1058:
– A produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.
– Investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas das actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE
6. Así mesmo, non poderán ter a condición de entidades beneficiarias as empresas dedicadas aos sectores recollidos no artigo 13 do Regulamento (UE) 651/2014 nos termos alí reflectidos.
7. Todos os elementos do investimento proxectados deberán estar vinculados e responder á tipoloxía de proxecto para a que se solicita a axuda. Non serán subvencionables os elementos non relacionados ou que non contribúan á dita tipoloxía.
8. Os proxectos deberán estar vinculados ás actividades subvencionables establecidas nestas bases reguladoras. Se algún dos investimentos propostos estivese vinculado, total ou parcialmente, a actividades non subvencionables, será detraído na súa totalidade.
9. Os proxectos deberán estar vinculados a unha única persoa titular. Non serán subvencionables os investimentos que vaian ser utilizados por persoas distintas á persoa solicitante.
10. En aplicación do artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), non serán subvencionables os gastos de apoio á relocalización.
Artigo 6. Custos subvencionables
1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, considéranse custos subvencionables os que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.
2. As categorías de custos cubertos polos custos directos correspóndense cos seguintes custos subvencionables, de conformidade co artigo 14 do Regulamento (UE) 651/2014:
1. Compra de maquinaria ou bens de equipo.
2. Obras de reforma e rehabilitación de naves ou espazos produtivos.
3. Programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).
4. Outros investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais.
3. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata a fin do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras, é dicir, calquera gasto pagado fóra deste período non será subvencionable.
4. Os gastos subvencionables axústanse ás seguintes limitacións:
a) Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser adquiridos en propiedade pola entidade beneficiaria.
No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena da entidade beneficiaria antes da fin do prazo de execución do proxecto, debendo constar nese momento o vencemento e o pagamento das cantidades aprazadas.
b) Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador e en ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Os activos deberán ser novos excepto para as pemes.
c) Cando o importe dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante, Lei 9/2017) (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo ou da adquisición do ben ou á contratación da execución da obra, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os presten ou subministren ou que as realicen. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia asinado por un experto independente.
As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.
b) Non vinculación: as persoas provedoras das tres ofertas non poderán ser vinculadas entre si nin coa persoa solicitante. Para estes efectos, enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e no artigo 43.2 do Decreto 11/2009; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
c) Identificación da persoa ofertante e da persoa destinataria: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos da persoa emisora ou da persoa destinataria cando, a criterio dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, se considere que están clara e inequivocamente identificadas a persoa ofertante e a persoa destinataria.
d) Data: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por persoas provedoras que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo da sucinta motivación de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.
d) Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE), así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional. Tampouco serán subvencionables os xuros, os gastos financeiros nin as taxas.
e) No artigo 14.7 do Regulamento (UE) 651/2014 establécese que, no caso das axudas concedidas a grandes empresas para unha diversificación dun establecemento existente, os custos subvencionables deberán superar como mínimo o 200 % do valor contable dos activos reutilizados rexistrado no exercicio fiscal anterior ao inicio dos traballos.
f) Os activos inmateriais serán válidos para o cálculo dos custos do investimento sempre que cumpran coas seguintes condicións, establecidas no artigo 14.8 do Regulamento (UE) 651/2014:
a) utilizarse exclusivamente no establecemento do beneficiario da axuda,
b) ser amortizables,
c) adquirirse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador,
d) formar parte dos activos da empresa beneficiaria e estar vinculados ao proxecto para o que se concede a axuda durante polo menos 5 anos, ou 3 no caso de pemes.
No caso das grandes empresas, os custos dos activos inmateriais unicamente serán subvencionables ata un 50 % do total dos custos de investimento subvencionables do proxecto para o investimento inicial. No caso das pemes, será subvencionable o 100 % dos custos dos activos inmateriais.
g) Todo o investimento inicial relacionado coa mesma actividade ou unha actividade similar emprendida pola mesma entidade beneficiaria (a nivel de grupo) nun período de tres anos contados a partir da data de inicio dos traballos noutro investimento que recibe axuda na mesma rexión considerarase parte dun proxecto de investimento único, de conformidade co artigo 14.13 do Regulamento (UE) 651/2014.
h) A entidade beneficiaria deberá confirmar que non se trasladou ao establecemento onde se realizará o investimento inicial para o que se solicita a axuda nos dous anos anteriores á solicitude da axuda e comprometerse a non facelo durante un período de dous anos a partir da finalización do investimento inicial para o que se solicita a axuda, segundo o establecido no artigo 14.16 do Regulamento (UE 651/2014).
i) Cando a entidade beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que tivese incorrido nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, no seu defecto, nos establecidos na Lei 3/2004.
Artigo 7. Subcontratación
1. Considéranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiras persoas que supoñan a execución dunha parte da actividade que constitúe o obxecto de subvención. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007 e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009.
2. As entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución poderán subcontratar ata o 100 % do importe da actividade subvencionada.
3. Cando a subcontratación exceda o 20 % do importe da axuda e o dito importe sexa superior a 60.000 €, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Que o contrato se realice por escrito.
b) Que a súa realización sexa autorizada previamente polo órgano competente.
4. En ningún caso a entidade beneficiaria poderá subcontratar con:
a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.
b) Persoas que tivesen percibido outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.
c) Persoas intermediarias ou asesoras nas cales os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d) Persoas solicitantes da axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.
e) Persoas en que concorra algunha das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.
5. A entidade beneficiaria da axuda deberá prever mecanismos para asegurar que os subcontratistas cumpran co principio DNSH, «non causarlle un prexuízo significativo ao medio ambiente», no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852.
Neste sentido, a entidade beneficiaria da axuda esixiralles aos subcontratistas unha declaración responsable de cumprir co principio de non ocasionarlle un prexuízo significativo ao medio ambiente.
6. Tamén deberá esixirlles un compromiso por escrito para conceder os dereitos e o acceso necesarios para que a Comisión, a Fiscalía Europea, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (en diante, OLAF), o Tribunal de Contas e, cando proceda, as autoridades nacionais e autonómicas competentes exerzan plenamente as súas respectivas competencias.
Artigo 8. Contía máxima e intensidade da axuda
1. A axuda total máxima será de 1.000.000 € por empresa e por proxecto.
2. En virtude do artigo 14 do Regulamento (UE) 651/2014, en aplicación do disposto para as zonas c) non predeterminadas no Mapa de axudas rexionais para España, aprobado pola Comisión Europea o 17 de marzo de 2022, as intensidades máximas serán as que seguen:
|
Grande empresa |
Mediana empresa |
Pequena empresa |
|
15 % |
25 % |
35 % |
3. As entidades beneficiarias das axudas achegarán unha contribución financeira de polo menos o 25 % dos custos subvencionables, cos seus propios recursos ou mediante financiamento externo sen ningún tipo de axuda pública.
Artigo 9. Formalización e presentación das solicitudes
1. Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións, deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado (anexo II) desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.
2. Cada persoa solicitante só poderá presentar unha única solicitude de axuda á convocatoria. Deste xeito, só se admitirá un proxecto por entidade beneficiaria, sen que sexa posible a presentación de varias solicitudes por unha mesma entidade.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. Os datos de contacto das solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións.
5. No formulario de solicitude, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións responsables relativas á persoa solicitante:
a) Que os datos contidos na solicitude e na documentación complementaria son certos, e que acepta as condicións e as obrigas recollidas nesta resolución.
b) De todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ou proxecto ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.
c) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003.
d) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na dita declaración no momento en que se produza.
e) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007 e o artigo 9 do Decreto 11/2009, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
f) Que non pode ser considerada como empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014. Non obstante, a Dirección Xeral utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle á persoa solicitante, se fose necesario, os documentos oportunos.
g) Que non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
h) En caso de peme, que cumpre os criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial realizará as comprobacións documentais necesarias para comprobar a condición de peme ou gran empresa.
i) Que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o que se solicita a axuda.
j) Que a solicitude de axuda é anterior ao inicio do proxecto para o que se solicita (efecto incentivador), é dicir, que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.
k) Que as persoas provedoras non están asociadas nin vinculadas coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 e no artigo 43.2 do Decreto 11/2009; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.
l) Que, en caso de dispoñer dun plan de igualdade implantado no centro, deberá mantelo durante o período de execución do proxecto.
m) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda e para garantir a súa sostibilidade financeira. Esta declaración acompañarase dunha memoria descritiva dos recursos e mecanismos financeiros dos que dispón a empresa para cubrir os custos de funcionamento e mantemento da operación para garantir a súa sostibilidade financeira.
n) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.
o) Que se compromete por escrito a que permitirá someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro que poidan realizar as unidades con competencias en materia de fondos europeos a nivel rexional, nacional ou comunitario, en particular a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Autoridade de Xestión, a DG REGIO, a OLAF, a Fiscalía Europea ou o Tribunal de Contas Europeo, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas nos artigos 74 e 77 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
p) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante o prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento de axuda á entidade beneficiaria, de acordo co disposto no artigo 82.1 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
q) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude, a través do Servizo Nacional de Coordinación antifraude (SNCA).
r) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións, a normativa en materia de igualdade e a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade; así como a normativa ambiental esixible, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013 de avaliación ambiental e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulten de aplicación polas características ou a localización do proxecto. Esta declaración cubrirase no anexo V destas bases reguladoras.
s) Que cumpre co principio de «non causarlle un prexuízo significativo ao medio ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852.
t) Que se compromete a garantir a protección fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021) e a «Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia».
u) Que non se resituou, nos termos do artigo 2, punto 61) bis, do Regulamento (UE) 651/2014, no establecemento onde terá lugar o investimento inicial para o que se solicita a axuda nos dous anos anteriores á solicitude de axuda, e que se compromete a non facelo durante un período de dous anos desde que se completase o investimento inicial para o que se solicita a axuda.
v) Que realizará unha contribución financeira aos investimentos, exenta de calquera tipo de axuda pública, de, polo menos, un 25 % dos custos, ben sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.
w) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá os equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante o período de 5 ou 3 anos, segundo o establecido no artigo 23.1.a) das bases reguladoras.
x) Que cumpre os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
y) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil, que cumpriron coa obriga de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio con obriga de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto á solicitude, a seguinte documentación:
a) Documentación xurídico-administrativa:
I. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.
II. Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as entidades beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a persoas provedoras, o que se acreditará polos seguintes medios de proba:
1º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004. Poderán tamén acreditar esa circunstancia por algún dos medios de proba previstos no punto 2º e con suxeición á súa regulación.
2º. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
a. Certificación emitida por persoa auditora rexistrada no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, determinado neste apartado, baseándose na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
b. En caso de que non sexa posible emitir a certificación de persoa auditora á que se refire o número anterior, «Informe de Procedementos Acordados» elaborado por unha persoa auditora rexistrada no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, baseándose na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a persoas provedoras da sociedade a unha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, ou, en caso de que se detectasen, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no apartado segundo da letra d) da disposición derradeira sexta da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
b) Documentación técnica:
As persoas solicitantes deberán presentar unha memoria descritiva do proxecto, cunha extensión máxima de corenta páxinas, que permita valorar a natureza, o alcance e a viabilidade da actuación proposta. En concreto, deberán presentar:
1º. Memoria técnica do proxecto, segundo o contido que se indica a continuación.
2º. Memoria económica.
O límite conxunto de ambas as dúas memorias é de corenta páxinas numeradas de tamaño DIN A4, tipo de letra Arial, Times New Roman ou similar, tamaño de letra non inferior a 11, interliñado non inferior a 1,2 e marxes tipo permitidas. O anterior enténdese sen prexuízo dos gráficos e táboas, que poderán presentarse en formato DIN A3. Non se valorarán as páxinas que excedan o anterior límite.
A memoria técnica deberá incluír:
• Obxectivos do proxecto e xustificación da súa necesidade.
• Descrición detallada das actuacións que se van realizar (adquisición de maquinaria, equipamentos, procesos de automatización, dixitalización, modernización industrial, etc.).
• Carácter dual da tecnoloxía (aplicacións tanto civís como de defensa ou seguridade).
• Innovacións tecnolóxicas ou melloras de procesos derivadas do proxecto.
• Impactos previstos do proxecto e aliñamento cos principios de igualdade de xénero e non discriminación.
• Equipo e organización dos traballos incluíndo o CV de cada membro.
• Plan de execución e cronograma, incluíndo:
– Fases do proxecto e principais fitos.
– Plan de aprovisionamento, montaxe, validación e posta en marcha.
A memoria económica incluirá:
• Desagregación detallada dos custos por partida (equipos, obras, enxeñaría, licenzas, etc.).
• Orzamento total e subvencionable.
• Impacto económico, industrial e estratéxico esperado polo incremento da capacidade produtiva, mellora da competitividade e creación/mantemento de emprego e a contribución ao fortalecemento da base tecnolóxica e industrial na rexión.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario presentar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados paro iso, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
4. Se algunha das persoas solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
5. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas polo solicitante, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
7. En caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa solicitante dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o solicitante se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Imposto de Actividades Económicas (IAE).
e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria (AEAT).
g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
j) Certificado do Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR).
2. En caso de que as persoas solicitantes se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e presentar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos datos citados, poderáselles solicitar a presentación dos documentos correspondentes aos solicitantes.
Artigo 13. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento aos deberes de transparencia contidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (en diante, Lei 1/2016), e no artigo 15 da Lei 9/2007.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela dos deberes previstos no título I da citada lei.
Artigo 14. Órgano competente
A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, correspondéndolle á persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.
Artigo 15. Instrución dos procedementos
1. A Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial comprobará os requisitos establecidos na orde para a admisión da solicitude, tanto o relativo á persoa solicitante como á actuación e gastos subvencionables, así como a documentación complementaria achegada xunto con esta, e, se é o caso, requirirá a persoa interesada para que emende a falta ou deficiencia na información facilitada ou achegue os documentos preceptivos no prazo de 10 días desde a recepción da notificación, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, producindo os mesmos efectos que a notificación individualizada.
2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
3. A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa solicitante, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.
4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.
5. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.
Artigo 16. Comisión de valoración
A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios fixados no artigo seguinte.
1. A composición da comisión de valoración será a seguinte:
a. Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, ou persoa en que delegue.
b. Vogalía: as persoas responsables da Subdirección Xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial e da Subdirección Xeral de Administración e Seguridade Industrial da Consellería de Economía e Industria, ou persoas funcionarias por elas designadas.
c. Secretaría: unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
d. Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.
2. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.
Artigo 17. Criterios de valoración
1. Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables; ademais, o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, establecéndose os seguintes criterios de valoración de solicitudes:
|
Criterios |
Descrición |
Puntos |
|
Aliñación estratéxica e contribución á dualización e diversificación. |
Valorarase a aliñación do proxecto cos obxectivos da convocatoria e a súa contribución ao desenvolvemento de tecnoloxías duais. Terase en conta a contribución do proxecto á diversificación sectorial da empresa solicitante e, en concreto, valorarase a relación do proxecto con sectores estratéxicos da economía galega (enunciados no artigo 5.2 destas bases), a súa potencial integración en cadeas de valor relevantes en Galicia e a súa aliñación cos ámbitos estratéxicos definidos no marco da IESDA 2025-2030. |
30 |
|
Calidade técnica e madureza do proxecto. |
Valorarase a calidade técnica da proposta, a adaptación tecnolóxica formulada e a coherencia entre os obxectivos técnicos, as actividades previstas e os resultados esperados. Así mesmo, terase en conta a capacidade industrial da persoa solicitante en relación co proxecto. |
25 |
|
Viabilidade económica e financeira. |
Valorarase a coherencia dos seus plans de investimento, necesidades financeiras, estrutura de financiamento e adecuación do proxecto á capacidade da entidade. Igualmente, terase en conta o plan de proxecto e comercialización coherente con información fiable sobre escenarios de aplicación, potencial económico e continuidade máis alá do período de financiamento. |
20 |
|
Capacidade de xestión do equipo e adecuación dos recursos. |
Valorarase a capacidade de xestión e organización da persoa solicitante para a correcta execución do proxecto, a adecuación do equipo humano designado e a dispoñibilidade de medios técnicos e materiais suficientes. |
15 |
|
Dimensión do investimento produtivo. |
En caso de grandes empresas, outorgarase 1 punto por cada 400.000 € de investimento produtivo adicionais ao orzamento mínimo do proxecto. En caso de pemes, outorgarase 1 punto por cada 200.000 € de investimento produtivo adicionais ao orzamento mínimo do proxecto. |
5 |
|
Principios transversais e impacto socioeconómico do proxecto. |
Valorarase a contribución do proxecto aos principios transversais de igualdade de xénero e non discriminación, así como o seu impacto ambiental. |
5 |
Cada un dos criterios de valoración anteriores avaliarase conforme os seguintes subcriterios:
|
Criterios de valoración |
Puntos |
|
1º. Aliñación estratéxica e contribución á dualización e diversificación |
30 |
|
i. Aliñación cos obxectivos da convocatoria e cos ámbitos estratéxicos da IESDA 2025-2030 |
10 |
|
a. Identificación clara do ámbito estratéxico ao que contribúe o proxecto. |
4 |
|
b. Coherencia entre as actividades previstas e as prioridades tecnolóxicas identificadas no citado ámbito. |
3 |
|
c. Contribución ao desenvolvemento ou adaptación de tecnoloxías de uso dual. |
3 |
|
ii. Contribución á diversificación sectorial da empresa |
10 |
|
a. Entrada en novos mercados ou segmentos de actividade relacionados con tecnoloxías duais. |
4 |
|
b. Desenvolvemento de novas capacidades industriais ou adaptación de procesos produtivos existentes para os ditos ámbitos. |
4 |
|
c. Incorporación de novos produtos, servizos ou liñas tecnolóxicas vinculadas aos ditos sectores. |
2 |
|
ii. Integración en cadeas de valor estratéxicas en Galicia |
10 |
|
a. Participación ou integración en cadeas de subministración existentes en Galicia. |
4 |
|
b. Colaboración con empresas, centros tecnolóxicos ou outras entidades do ecosistema rexional. |
3 |
|
c. Potencial tractor do proxecto sobre provedores, clientes ou socios tecnolóxicos no territorio. |
3 |
|
2º. Calidade técnica do proxecto |
25 |
|
i. Definición técnica do proxecto |
15 |
|
a. Claridade na descrición dos obxectivos técnicos e das necesidades que se pretenden abordar. |
4 |
|
b. Nivel de detalle na definición das actuacións, entregables e resultados previstos. |
4b. |
|
c. Claridade do plan de execución e cronograma. |
3 |
|
d. Identificación de riscos técnicos e medidas de mitigación. |
2 |
|
e. Coherencia entre os obxectivos propostos e as actividades previstas. |
2 |
|
ii. Adecuación tecnolóxica e capacidade industrial da entidade |
10 |
|
a. Adecuación da tecnoloxía dual para o obxectivo do proxecto e capacidade industrial da entidade. |
5 |
|
b. Xustificación da tecnoloxía seleccionada e da súa aplicación industrial. |
5 |
|
3º. Viabilidade económica e financeira |
20 |
|
i. Coherencia do plan de investimento |
8 |
|
a. Identificación clara das partidas de investimento e desagregación orzamentaria. |
3 |
|
b. Adecuación dos custos previstos ás actuacións descritas. |
3 |
|
c. Xustificación económica dos investimentos propostos. |
2 |
|
ii. Estrutura de financiamento do proxecto |
6 |
|
a. Definición das fontes de financiamento previstas (recursos propios, financiamento externo ou outras). |
3 |
|
b. Adecuación da estrutura financeira á dimensión do proxecto. |
3 |
|
iii. Plan de explotación e continuidade do proxecto |
6 |
|
a. Existencia dun plan de comercialización ou explotación dos resultados. |
3 |
|
b. Identificación de mercados potenciais ou aplicacións industriais. |
2 |
|
c. Perspectivas de continuidade ou ampliación do proxecto máis alá do período subvencionable. |
1 |
|
4º. Capacidade de xestión do equipo e adecuación dos recursos |
15 |
|
i. Adecuación do equipo humano |
10 |
|
a. Composición do equipo do proxecto e asignación de responsabilidades. |
3 |
|
b. Cualificación técnica e experiencia do persoal involucrado no proxecto. |
4 |
|
c. Experiencia do equipo en proxectos relacionados con tecnoloxías duais, Seguridade, Defensa e Aeroespazo. |
3 |
|
ii. Dispoñibilidade e adecuación de medios e recursos |
5 |
|
a. Dispoñibilidade e adecuación de medios e recursos suficientes para a execución do proxecto. |
5 |
|
5º. Dimensión do investimento produtivo |
5 |
|
a. En caso de grandes empresas, outorgarase 1 punto por cada 400.000 € de investimento produtivo adicionais ao orzamento mínimo do proxecto. b. En caso de pemes, outorgarase 1 punto por cada 200.000 € de investimento produtivo adicionais ao orzamento mínimo do proxecto. |
5 |
|
6º. Principios transversais e impacto ambiental do proxecto |
5 |
|
i. Igualdade de xénero e non discriminación |
2 |
|
a. Integración de medidas de igualdade na execución do proxecto. |
1 |
|
b. Participación equilibrada de mulleres e homes no equipo do proxecto ou en postos técnicos. |
1 |
|
ii. Impacto ambiental |
3 |
|
a. Introdución de medidas de eficiencia enerxética ou redución do impacto ambiental. |
1,5 |
|
b. Contribución a procesos produtivos máis sostibles ou á economía circular. |
1,5 |
3. En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio «Aliñación estratéxica e contribución á dualización e diversificación». Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios «Calidade técnica do proxecto», «Viabilidade económica e financeira», «Capacidade de xestión do equipo e adecuación dos recursos», «Dimensión do investimento produtivo» e «Principios transversais e impacto ambiental do proxecto», por esa orde. En caso de persistir o empate, determinarase a precedencia polo número de expediente máis baixo.
Artigo 18. Audiencia
1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñeráselle de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.
2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.
3. Transcorrido o prazo de alegacións e unha vez examinadas estas, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial formulará a correspondente proposta de resolución definitiva.
Artigo 19. Resolución e notificación
1. Á vista da relación valorada das solicitudes e da relación de expedientes, e unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución, que lle enviará á persoa titular da Consellería de Economía e Industria.
2. Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, propoñeranse para a súa incorporación nunha listaxe de espera para ser atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.
3. Unha vez formulada a proposta de resolución definitiva, a persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditará a correspondente resolución do procedemento, que deberá estar debidamente motivada e expresará, como mínimo e de xeito individualizado, a persoa solicitante ou a relación de persoas solicitantes ás cales se lles concede a axuda, a actuación que se subvenciona e o importe do investimento subvencionable, así como a contía da axuda concedida e, se é o caso, a causa de denegación ou inadmisión.
4. Deberáselle notificar a cada entidade beneficiaria unha resolución de concesión da axuda, que comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención, indicación das obrigas que lle corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).
Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no apartado 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
5. A aceptación da resolución de concesión da axuda (DECA) deberá facerse de xeito expreso a través da sinatura do documento que para tal fin a Consellería de Economía e Industria poñerá á disposición da entidade beneficiaria na sala de sinaturas da Xunta (https://saladesinaturas.xunta.gal). O citado documento deberá ser asinado pola persoa representante legal nun prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da posta á disposición para a súa sinatura. A falta desa aceptación expresa terá como consecuencia a perda do dereito á obtención da axuda.
Esta obriga da aceptación expresa da resolución de concesión da axuda (DECA) farase extensiva a calquera modificación que lle sexa comunicada á entidade beneficiaria.
6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015. Porén, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase complementar a notificación individual pola publicación no DOG e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no Diario Oficial de Galicia poderá remitirse a entidades beneficiarias a que consulten información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.
As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as persoas non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución no taboleiro da Consellería de Economía e Industria.
7. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
8. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (en diante, Lei 4/2019), as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas solicitantes os avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
9. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, as persoas solicitantes deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o enderezo indicado, para os efectos de asegurar o cumprimento polos solicitantes do seu deber de relacionarse por medios electrónicos.
10. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
11. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 20. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Calquera modificación na actuación subvencionada debe obter autorización previa da Consellería de Economía e Industria.
3. Non obstante, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, estas poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda polo órgano que concede.
4. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009:
a) Que a modificación sexa autorizada polo órgano que concede.
b) Que a modificación non afecte aos obxectivos perseguidos coa axuda, aos seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, á determinación do centro, nin dane dereitos de terceiros.
c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da axuda, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a esta. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.
5. Na solicitude de modificación expresaranse os motivos das modificacións que se propoñen, xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.
6. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á entidade beneficiaria. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle á entidade beneficiaria.
7. Cando a modificación da resolución proposta afecte a un cambio de tipoloxía no proxecto, considerarase que se alteran as condicións tidas en conta para a concesión da axuda. Neste caso a modificación non será autorizada.
Artigo 21. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 22. Renuncia
A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e que se publicará na web da Consellería de Economía e Industria, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. A persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015.
Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias quedan obrigadas a:
1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter a actividade e os investimentos subvencionados, no centro de traballo en Galicia, durante o período de 3 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto, salvo que se trate de bens inscritibles nun rexistro público, que deberán manterse durante 5 anos, como no caso de grandes empresas para todo tipo de investimento; todo iso nos termos previstos no artigo 31.4.a da Lei 38/2003 e no artigo 29.4.a da Lei 9/2007. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da entidade beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Ademais, deberase facer constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro público correspondente. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.
2. Xustificar ante a Consellería de Economía e Industria, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos investimentos subvencionables, e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e o desfrute da subvención. O cumprimento deste deber de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007.
3. En caso de reforma en inmobles arrendados ou sobre os que exista un dereito de uso, deberá manterse o arrendamento ou o uso ata transcorrido o período de cinco (5) anos desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de mora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, de acordo co previsto no artigo 27 destas bases.
4. Someterse ás actuacións de comprobación e de control financeiro que poidan realizar as unidades con competencias en materia de fondos europeos a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular a Consellería de Economía e Industria, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Autoridade de Xestión, a DG REGIO, a OLAF, a Fiscalía Europea ou o Tribunal de Contas Europeo, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como as verificacións previstas nos artigos 74 e 77 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC). Para tal fin, a entidade beneficiaria deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos que integran o expediente da operación conforme a normativa aplicable, así como a documentación xustificativa da realización e pagamento dos gastos subvencionables, durante, polo menos, un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se lle efectúe o último pagamento, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
5. Comprometerse a aplicar o principio de «non causarlle un prexuízo significativo ao medio ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852.
No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, durante a execución do proxecto deberanse cumprir as seguintes condicións específicas:
1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532 EC) xerados na execución da obra prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.
2º. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.
Estas condicións acreditaranse de conformidade co previsto no artigo 24.5.h) destas bases reguladoras.
6. No caso de proxectos que requiran a realización de obra civil para a rehabilitación ou reforma de inmobles (naves ou espazos produtivos), acreditar a realización da análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060 e tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16 de setembro de 2021) e a «Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia».
7. Facilitar os datos do titular real dos perceptores do financiamento da Unión, en caso de que, requirida a dita información ás autoridades competentes, non poida dispoñerse dela.
8. Comunicarlle á Consellería de Economía e Industria a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención.
9. Subministrarlle á Consellería de Economía e Industria, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da Lei 1/2016. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da dita lei.
10. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto pola Consellería de Economía e Industria, a Xunta de Galicia e a Unión Europea, segundo o establecido no anexo IV destas bases reguladoras, durante o período de execución e o período de mantemento do investimento.
11. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.
12. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.
13. En caso de non poder realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.
14. Solicitarlle á Consellería de Economía e Industria autorización previa para realizar modificacións no desenvolvemento dos proxectos aprobados. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a inadmisión das cantidades desviadas.
15. Informar do nivel do logro de indicadores asociados á actuación que lles sexan de aplicación, ao mesmo tempo que presentan a xustificación de gastos.
16. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030 no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros instrumentos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia.
17. Aceptar de xeito expreso a resolución de concesión da axuda (DECA), segundo o indicado no artigo 19.4 destas bases reguladoras. Esta obriga farase extensiva a calquera modificación da resolución de concesión da axuda (DECA) que lle sexa comunicada.
18. Co fin de garantir o dereito á tramitación efectiva de reclamacións relativas á operación regulado no artigo 69.7 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), a entidade beneficiaria deberá comunicar calquera reclamación ou litixio que afecte á operación, promovido por iniciativa propia, ou por calquera cidadán ou parte interesada, sen prexuízo da posibilidade de utilizar as canles de denuncia e os procedementos de presentación de reclamacións e queixas implantados no ámbito da Xunta de Galicia e da Administración xeral do Estado e da posibilidade de presentar a reclamación directamente ante a Comisión Europea.
19. En toda a documentación xerada en relación cos investimentos subvencionados e nos seus materiais de difusión, utilizarase unha linguaxe inclusiva e non sexista, e velarase pola transmisión dunha imaxe igualitaria, non asociada a roles de xénero e ofrecendo unha imaxe diversa tanto das mulleres como dos homes. En todos os actos de difusión que se realicen, procurarase unha composición equilibrada entre mulleres e homes.
20. Calquera outra obriga imposta de xeito expreso ás entidades beneficiarias na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda (DECA).
21. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.
Artigo 24. Xustificación da subvención
1. A entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación e solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo VI), que se obterá accedendo á Carpeta cidadá do solicitante, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, a entidade beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.
3. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de execución.
4. Xunto coa solicitude de cobramento, a entidade beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.
b) Documentación xustificativa do pagamento: conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:
1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria onde conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a persoa emisora do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo da persoa provedora, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.
2º. Informe da persoa auditora de contas, inscrita como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que leve a cabo a revisión da conta xustificativa como esixe o artigo 50.1.b) do Decreto 11/2009. Este informe expresará o criterio da persoa auditora e fará mención explícita ás comprobacións realizadas, co alcance mínimo seguinte:
1º A correcta realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados segundo os termos destas bases e da resolución de concesión, incluíndo (pero sen limitarse a) o seguinte:
– Aplicación dos gastos realizados a conceptos subvencionables do artigo 5, cumprindo os límites máximos e outras esixencias deste.
– Execución no período subvencionable.
– Trazabilidade entre os gastos para os que se concedeu a resolución e a súa facturación e pagamento.
– Existencia de xustificante de transferencia, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria onde conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a súa veracidade. Nestes documentos deberán quedar identificadas a persoa receptora e a persoa emisora do pagamento e o importe da factura.
– Documento bancario auténtico que acredite a identificación da persoa receptora e da persoa emisora do pagamento.
– Xustificación do cambio empregado no caso de presentar facturas en moeda estranxeira.
2º A existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.
3º No caso de rehabilitación ou mellora de inmobles en propiedade, a existencia de escritura pública en que conste que o ben se destinará ao fin concreto para o que se concedeu a subvención e o importe da subvención concedida, debendo estes extremos ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007. Deberase comprobar a anotación no rexistro da afección do activo ao bo fin do obxecto da subvención.
4º No caso de reforma de inmobles arrendados, existencia dun contrato de arrendamento cunha duración mínima de cinco anos, contados desde a data de posta en marcha da infraestrutura.
5º No caso de obra civil, a suficiencia da habilitación municipal correspondente para a súa execución.
6º A existencia de habilitación para a execución da actividade, xunto coas correspondentes licenzas administrativas para a posta en marcha e funcionamento da infraestrutura.
7º O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 23 destas bases en canto á execución do proxecto, subscrición de pólizas e garantías, existencia de rexistros contables axeitados, contabilidade separada e requisitos de comunicación.
8º O cumprimento e mantemento dos requisitos para ser entidade beneficiaria establecidos no artigo 4 en canto á achega privada mínima, ao mantemento da estrutura societaria esixida para o proxecto e á localización da sede social.
9º No caso de investimentos en activos inmateriais, cumprimento das condicións establecidas no artigo 6.4.f) destas bases.
10º A existencia das tres ofertas que deba ter solicitado a entidade beneficiaria para determinados gastos, de acordo co establecido no artigo 6.4.c) das bases reguladoras.
11º Cumprimento dos requisitos do artigo 1 destas bases.
12º A declaración responsable da persoa auditora sobre a contía da axuda correctamente xustificada de acordo coas bases.
O informe da persoa auditora deberá anexar toda a documentación probatoria (facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009, que deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado; xustificantes de pagamento, evidencias das comprobacións realizadas, etc.) que acredite a correcta realización deste segundo as normas de actuación e supervisión aplicables.
En todo o non especificado nestas bases e na normativa aplicable, deberá terse en conta a Orde EH/1434/2007, do 17 de maio, substituíndo, de ser o caso, as referencias á Lei 38/2003 polas correspondentes da Lei 9/2007.
No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase facer unha relación delas no formulario de solicitude de cobramento.
No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou xustificante de recepción asinado pola persoa provedora, co fin de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.
As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo onde conste o cambio empregado.
c) Anexo III: Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.
d) Memoria técnica xustificativa do proxecto obxecto de axuda: terá por finalidade acreditar a correcta execución das actuacións subvencionadas e o cumprimento dos obxectivos previstos na solicitude. Conterá, como mínimo, unha descrición detallada das actividades realizadas, o grao de execución alcanzado e as desviacións, se é o caso, respecto á planificación inicialmente aprobada. Deberá describirse con detalle o desenvolvemento técnico das actuacións realizadas, os medios materiais e humanos empregados, as tecnoloxías implantadas e os resultados obtidos en comparación cos obxectivos técnicos definidos na solicitude.
e) Documentación técnica que avale a execución do proxecto, tales como planos, fotografías, informes de instalación, certificados de recepción, documentación de ensaios ou validacións técnicas, manuais de uso e mantemento, ou calquera outra evidencia que acredite a posta en funcionamento dos equipos ou infraestruturas subvencionadas.
f) Acreditación, mediante fotografía, copia documental ou calquera outro medio físico ou dixital do cumprimento das obrigas de publicidade do financiamento público previsto no artigo 23.10 destas bases reguladoras.
g) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado a entidade beneficiaria, de acordo co establecido no artigo 6.4.c) das bases reguladoras, no caso de non telas achegado xunto coa solicitude da axuda.
h) Acreditación do cumprimento do principio de «non causarlle un prexuízo significativo ao medio ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), isto é, que as actuacións promovidas non causen prexuízos significativos nalgún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, segundo o anexo V destas bases.
i) No caso de proxectos que requiran de obra civil para a rehabilitación ou reforma de inmobles (naves ou espazos produtivos), deberán presentar:
• Licenza municipal de obra ou comunicación previa, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (en diante, Lei 9/2013), no caso de obras acollidas a este sistema de comunicación previa.
Nos casos en que sexa preceptivo, certificado de final de obra expedido polas persoas facultativas responsables da dirección da obra e da súa execución.
• En inmobles en propiedade: escritura pública onde conste o importe da subvención concedida e que o ben se destinará ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención ata finalizado o prazo de obrigado mantemento deses bens, e estes requisitos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente, de acordo co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007. Este documento poderá presentarse ata 6 meses despois de rematado o prazo de xustificación do proxecto.
• En inmobles arrendados ou sobre os que exista un dereito de uso: contrato de arrendamento do inmoble, ou documento que acredite o dereito de uso da instalación, cunha duración mínima de 5 anos, contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto.
• Cando se produza o alleamento das instalacións que se abandonan con anterioridade á liquidación da axuda e sempre que non se achegase con anterioridade á resolución: contrato de compravenda.
• Xustificación acreditativa do cumprimento da normativa ambiental comunitaria, estatal e autonómica vixente, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013 de avaliación ambiental e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulten de aplicación polas características ou localización do proxecto:
– Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Lista Europea de Residuos (LER) e a porcentaxe de valorización alcanzada.
– Certificado expedido pola empresa contratista conforme o cal, para a execución da obra, non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.
– Documentación que evidencie a realización da análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC), tendo en conta as Orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16/09/2021) e a «Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia», no caso de non o ter entregado na solicitude. A dita análise pode integrarse na avaliación de impacto ambiental, nos proxectos en que resulte preceptivo.
5. Nos casos de creación dun novo establecemento ou de inicio dunha nova actividade: acreditación de que a entidade beneficiaria dispón de todos os permisos e autorizacións necesarias para poder desenvolver a actividade, así como a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento, segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, e certificado de situación censual da AEAT que acredite a alta na actividade subvencionable, durante o prazo de execución do proxecto, do novo establecemento obxecto de subvención.
6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen presentar esta ante o órgano administrativo competente ou se a xustificación fose incorrecta, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da citada Lei 9/2007.
7. En todos os casos, as entidades beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. En caso de que a entidade beneficiaria se opoña á consulta destas circunstancias ou non preste o seu consentimento expreso, deberá achegar as certificacións de situación xunto co resto da documentación xustificativa.
8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de resolución de perda do dereito ao cobramento da axuda, que, se é caso, poderá supoñer a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.
9. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. En caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.
Artigo 25. Pagamento e anticipos
1. Recibida a documentación xustificativa da axuda, os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
2. Poderán realizarse pagamentos anticipados das axudas reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007 e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009 e que se solicitarán no Anexo II da solicitude.
Os pagamentos anticipados supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados pola entidade beneficiaria, se é o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:
a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
b) As entidades que soliciten un anticipo deberán constituír garantía con carácter xeral, salvo que o Consello da Xunta, de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, acorde a exención desta obriga.
c) A entidade beneficiaria deberá presentar coa solicitude de anticipo:
• A declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).
Artigo 26. Comprobación de subvencións
1. A Consellería de Economía e Industria comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se lle efectúe o último pagamento á entidade beneficiaria, de acordo co disposto no artigo 82.1 do Regulamento (UE 2021/1060 (RDC).
3. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto pola persoa representante da Administración como pola entidade beneficiaria, segundo o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.
4. Para todo o non previsto nos apartados anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e no artigo 57 e seguintes do Decreto 11/2009.
Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas
1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, dos deberes contidos nestas bases reguladoras, dos deberes contidos no artigo 33 da Lei 9/2007 ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento ou liquidación da subvención e para facer efectivo o reintegro ao que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.
3. Procederá a perda total do dereito do cobramento da axuda concedida e do reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar as unidades con competencias en materia de fondos europeos a nivel autonómico, nacional ou comunitario, en particular a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Autoridade de Xestión, a DG REGIO, a OLAF, a Fiscalía Europea ou o Tribunal de Contas Europeo, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como as verificacións previstas nos artigos 74 e 77 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC). Para tal fin, a entidade beneficiaria deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos que integran o expediente da operación conforme a normativa aplicable, así como a documentación xustificativa da realización e pagamento dos gastos subvencionables, durante, polo menos, un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se lle efectúe o último pagamento, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non comunicarlle á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
f) Incumprir a obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
g) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable quede por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou supere os criterios para a determinación de perda parcial establecidos no artigo 27.4.
h) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa totalidade da subvención prevista nestas bases, supoñerá a perda ou, se é o caso, o reintegro, do 100 % da subvención concedida.
i) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no anexo IV destas bases.
4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá propoñer a resolución sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo o deber de reintegro cos seguintes criterios:
a) En caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se, como consecuencia da xustificación da execución material do proxecto subvencionable, o incumprimento superase o 50 % deste, nos termos en que se propuxo para recibir a axuda, entenderase que non se conseguiron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, o dito incumprimento será considerado como total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de mora.
b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder, supoñerá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.
c) O incumprimento das condicións específicas definidas no artigo 23 destas bases, no caso de proxectos que requiran a realización de obra civil, supoñerá a perda ou, se é o caso, o reintegro, dun 5 % da subvención concedida.
5. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indican a continuación:
a) Non manter os investimentos ou arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido supoñerá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito. Exceptúase a substitución regulada no artigo 23.1.
b) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 23 destas bases, ou o plan de igualdade, durante o período de mantemento posterior á execución supoñerá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.
6. Devolución voluntaria da subvención.
De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES83 2080 0388 2731 1000 0584 en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 28. Réxime sancionador
Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.
Artigo 29. Fiscalización e control
1. A Consellería de Economía e Industria poderá realizar as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen a Lei 9/2007 e o Decreto 11/2009.
3. Así mesmo, as subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e de control financeiro que poidan realizar as unidades con competencias en materia de fondos europeos a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular a Consellería de Economía e Industria, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Autoridade de Xestión, a DG REGIO, a OLAF, a Fiscalía Europea ou o Tribunal de Contas Europeo, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como as verificacións previstas nos artigos 74 e 77 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
Para tal fin, a entidade beneficiaria deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos que integran o expediente da operación conforme a normativa aplicable, así como a documentación xustificativa da realización e pagamento dos gastos subvencionables, durante, polo menos, un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se lle efectúe o último pagamento, de acordo co artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).
4. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer eses feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para iso.
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx
Artigo 30. Normativa aplicable
As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:
a) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).
b) Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).
c) Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).
d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.
e) Orde HFP/1414/2023 do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.
f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
i) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
j) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
k) Calquera outra normativa que resulte de aplicación.
