Na sesión que tivo lugar o 21 de maio de 2026, o tribunal nomeado pola Resolución do 28 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 23, do 4 de febreiro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, mediante o sistema de oposición, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de pesca marítima, convocado pola Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 18 de xullo de 2025 (DOG núm. 162, do 26 de agosto), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, que a segunda parte do segundo exercicio do proceso selectivo terá lugar o día 3 de xuño de 2026 en chamamento único que se iniciará ás 15.30 horas, na sala D do Edificio Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela.
As persoas aspirantes deberán ir provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno acreditativo que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.
De conformidade coa base II.1.1.2, a segunda parte deste exercicio consistirá na preparación dunha unidade didáctica relacionada coa programación presentada pola persoa aspirante elixida por ela mesma de entre tres extraídas ao chou, e na posterior defensa oral da programación, exposición da unidade didáctica e posterior debate ante o tribunal.
Para a preparación da unidade didáctica poderán utilizar o material que consideren oportuno, sen posibilidade de conexión co exterior, polo que o material que vaian utilizar non poderá ser susceptible da dita conexión (ordenadores portátiles, teléfonos móbiles, etc.), sen prexuízo da posibilidade de utilización alternativa do material que a ese respecto lles facilitará o tribunal. Para a exposición, o persoal aspirante poderá utilizar o material auxiliar que considere oportuno e que deberá achegar el mesmo, sempre que sexa aprobado polo tribunal, así como un guión que non excederá unha páxina e que se lle entregará ao tribunal ao final da exposición.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
Alberto José Otero Peña
Presidente do tribunal
