Expediente: IN407A 2026/043-1.
Promotora: Sucesores de Manuel Leira, S.L.
Denominación do proxecto: Centro de transformación de caseta bombeo 160 kVA.
Concello: Cabanas.
Feitos:
1. O día 13.2.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de dar subministración ás bombas do tanque de tormentas da praia da Magdalena. Obra financiada parcialmente por terceiros.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Centro de transformación de caseta bombeo 160 kVA, Cabanas (A Coruña), que comprende os seguintes documentos:
– Proxecto de execución denominado Centro de transformación de caseta bombeo 160 kVA, Cabanas (A Coruña), asinado por Francisco Javier Bouza Cabarcos, Enxeñeiro Industrial, núm. colexiado 867 de Galicia, o 4.2.2026 con núm. de visado 20260285, do 9.2.2026.
– Aclaracións e corrección de erros da contestación ao requirimento asinado polo representante do promotor, José Manuel López Leira, o 10.4.2026.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, dunha separata do proxecto na parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo, que contiña as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.
Sucesores de Manuel Leira, S.L. presentou a declaración responsable do promotor que se recolle a continuación:
As obras obxecto do proxecto denominado Centro de transformación de caseta de bombeo 160 kVA Cabanas (A Coruña), que se presenta para a súa tramitación nos termos establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ante o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, está recollido dentro da obra Melloras do saneamento en Cabanas e Pontedeume. Fase II. Tanque de retención e impulsión. Cabanas (A Coruña). Clave: OH.315.1073, redactado por Augas de Galicia, para a execución do tanque de tormentas na praia da Magdalena de Cabanas.
Para os efectos de cumprir o trámite de separatas, a obra de referencia dispón da autorización de todos os organismos públicos titulares dos bens e dereitos afectados pola instalación, sen resultaren afectados predios particulares. Estas autorizacións inclúense no proxecto.
4. O día 14.4.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
–Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións obxecto deste expediente están situadas na praia da Magdalena, no concello de Cabanas, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Centro de transformación denominado Centro de transformación de caseta bombeo, con envolvente prefabricada, manobra interior, cun transformador de 160 kVA, relación de transformación 15/0,4 kV e 3 celas de alta tensión configuración 2L+1P.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 19 de abril de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
