DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 29 de maio de 2026 Páx. 31515

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se fai pública a resolución pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Soterramento da LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, nos termos municipais de Salvaterra de Miño e As Neves (Pontevedra), e que promoven o Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo (expediente IN407A 2021/317-4).

O 3 de xuño de 2023, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais ditou a resolución pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, nos termos municipais de Salvaterra de Miño e As Neves (Pontevedra), e que promoven o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo (expediente IN407A 2021/317-4).

De acordo co disposto no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro,

RESOLVO:

Publicar, como anexo, a citada resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra a resolución ditada, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO

Resolución do 2 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, nos termos municipais de Salvaterra de Miño e As Neves (Pontevedra), e que promoven o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo
(expediente IN407A 2021/317-4)

Feitos:

1. O 15.12.2021, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo (en diante, os promotores) presentaron, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, a xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, nos termos municipais de Salvaterra de Miño e As Neves (Pontevedra), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2021/317-4.

Posteriormente, como contestación a varios requirimentos da xefatura territorial, os promotores completaron a documentación técnica achegada coa solicitude inicial, que quedou conformada por:

– Proxecto de execución denominado Soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, asinado polo enxeñeiro industrial Fernando Fuentes Calderón (colexiado núm. 1.947 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), con data 27.1.2023, e polo enxeñeiro técnico industrial Luis A. Tizón Cabaleiro (colexiado núm. 2.449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña), con data 30.1.2023, e no cal figura un orzamento de execución material de 1.981.682,09 euros.

– Declaración responsable asinada polos técnicos proxectistas con data 15.03.2023, en cumprimento do exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 19 do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

– Separatas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Concello de Salvaterra de Miño, Concello das Neves e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto o tendido dunha liña eléctrica de 132 kV por un tramo de canalización subterránea xa executado, con orixe e final nos novos apoios de transición aero-subterráneos no recuamento do circuíto existente 132 kV Salvaterra-Frieira (denominado LAT1 e pertencente a UFD Distribución Electricidad, S.A. –en diante, UFD–), que discorre no ámbito da Plisan. Os apoios de transición aero-subterráneos e a baixada do cable sobre eles serán executados por UFD, a quen se cederán as obras de soterramento unha vez executadas. As obras proxectadas presentan as seguintes características principais:

– Tendido baixo o tubo existente dunha liña de alta tensión subterránea (LATS) ata os apoios finais, cunha lonxitude aproximada de 1.482 m, tipo RHZ1-2OL(S) Cu+H165, tensión 76/132 kV, sección 1×1.600/165 mm², realizada con condutores unipolares de cobre compactos de sección circular de varios arames cableados, con pantalla de arame de cobre en hélice e illamento de polietileno reticulado (XLPE). Irá instalada baixo un tubo de polipropileno de cor vermella, de diámetro Ø250 mm, tendido nunha gabia de terra de dimensións tipo 0,80x1,50 m, segundo se reflicte nos planos.

– Empalmes premoldeados tensión 76/132 kV 1×1.600 Cu+H165.

– Posta á terra das pantallas da LATS nos empalmes mediante crossbonding nunha caixa metálica estanca tripolar para o cruzamento de pantallas con descargador de tensións, para a instalación subterránea, e cablaxe concéntrica R0Z1(S) de tensión 0,6/1 kV e sección 2×185 mm² Cu de interconexión entre os empalmes e a caixa de posta á terra.

– Arqueta de posta á terra prefabricada de formigón, para a caixa PAT crossbonding, para tensións 132 kV e dimensións 1750×1250×1150 mm.

– Cablaxe para a posta á terra unipolar illado RZ1(S) 0,6/1 KV 1×185 mm² Cu e cable nu de Cu 185 mm² de sección.

– Picas de posta á terra de 2 m e 300 micras.

– Cámara de empalme prefabricada de 132 kV.

– Mandrilado de tubos da canalización existente.

– Fibra óptica monomodo de 64 fibras (32 pares), tipo TVT con cubertas interior e exterior termoplásticas retardantes da chama e libre de halóxenos, para o tendido na canalización existente.

– Previamente, e unha vez que se atope fóra de servizo a liña aérea, realizarase a desmontaxe e demolición dos seguintes elementos: desmontaxe de cables de liña LA-280, desmontaxe de cable de terra de aceiro galvanizado AC-50, retirada de cablaxe de F.O., e desmontaxe de 4 apoios metálicos, crucetas e accesorios, o que comprende a demolición na súa totalidade do formigón en masa ou armado das cimentacións, a carga dos cascallos xerados, o seu transporte, descarga nun vertedoiro autorizado e posterior recheo con terra da propia escavación e/ou con achega ata a cota de terreo.

2. O 14.11.2022, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica ás seguintes entidades: Concello de Salvaterra de Miño, Concello das Neves e Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas indicadas, os correspondentes condicionados técnicos: Concello das Neves, o 17.1.2023. Os promotores presentaron a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Respecto do resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

3. O 14.3.2023, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución. A xefatura territorial incorporou ao expediente o informe emitido o 13.03.2023 polos seus servizos técnicos, no cal se conclúe que non se presentan obxeccións técnicas para continuar coa tramitación do referido proxecto.

Consideracións legais e técnicas:

1. Esta dirección xeral é a competente para resolver este expediente, de conformidade coa distribución competencial derivada dos decretos de estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das súas consellerías, e do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

– Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada Soterramento da LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, nos termos municipais de Salvaterra de Miño e As Neves (Pontevedra), e que promoven o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca de Vigo.

– Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Soterramento de LAT 132 kV na plataforma loxística Plisan, asinado polo enxeñeiro industrial Fernando Fuentes Calderón (colexiado núm. 1.947 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), con data 27.1.2023, e polo enxeñeiro técnico industrial Luis A. Tizón Cabaleiro (colexiado núm. 2.449 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña), con data 30.1.2023, e no que figura un orzamento de execución material de 1.981.682,09 euros.

2. Os promotores asegurarán o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023. Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.